Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Luns, 10 de maio de 1999 Páx. 5.556

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 29 de abril de 1999 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Juan Antonio Méndez Valencia.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Juan Antonio Méndez Valencia, con domicilio en Calvos de Randín (Ourense).

Supostos de feito.

1. Juan Antonio Méndez Valencia, na súa calidade de presidente da fundación, en escrito de vintedous de novembro de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense, o día 28 de outubro de 1998, ante o notario Luis Rajoy Brey, co número mil seiscentos oitenta e seis do seu protocolo por Juan Antonio Méndez Valencia que intervén no seu propio nome e dereito, facéndoo ademais en nome e representación de José Antonio Araujo Méndez e María Méndez Valencia; esta escritura foi emendada por outra posterior con data do vintecatro de febreiro de 1999, ante o mesmo notario e co número de protocolo douscentos noventa e dous.

3. Segundo consta no artigo cinco dos seus estatutos o obxecto da fundación é a difusión cultural por medio de libros e toda actividade relacionada coa difusión da cultura galega e a imprenta.

4. O padroado da fundación estará constituído por Juan Antonio Méndez Valencia como presidente, José Antonio Araujo Méndez como vicepresidente e María Méndez Valencia como secretaria.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Juan Antonio Méndez Valencia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 26 de abril de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Juan Antonio Méndez Valencia e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública