Con data do 23 de abril de 1999 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 8 de abril de 1999 pola que se clasifica como mixta a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Muros, adscribíndoa á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.
A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Muros, o día 3 de febreiro de 1999, ante o notario Constantino Castellanos Collado, co número cento trinta e sete do seu protocolo, por Dositeo Rodríguez Rodríguez, que intervén en representación da Xunta de Galicia.
Esta fundación, ó abeiro do establecido no artigo 5 dos seus estatutos ten por obxecto e finalidade pór en marcha as accións xenéricas enunciadas no Plan de Desenvolvemento Comarcal, deseñando programas, solicitando a súa implementación ós organismos correspondentes e animando e incentivando a participación dos sectores e axentes económicos e sociais ós que vai dirixido.
Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba
o réxime de organización e funcionamento do Protectorado das fundacións de interese galego,
DISPOÑO:
Artigo único.
1. Declarar de interese galego a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Muros ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.
2. Ordena-la inscrición da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Muros no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.
Disposición derradeira
A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 26 de abril de 1999.
Jaime Pita Varela
Conselleiro da Presidencia e Administración
Pública