Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Xoves, 06 de maio de 1999 Páx. 5.375

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 117/1999, do 23 de abril, polo que se modifica o Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Coa aprobación do Decreto 347/1997, do 9 de decembro, estableceuse a actual estructura orgánica da Xunta de Galicia, co Decreto 351/1997, do 10 de decembro, a estructura orgánica dos seus departamentos, e no seu artigo 11 a estructura orgánica básica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, estructura que se desenvolve polo Decreto 488/1997, do 26 de decembro.

Segundo o disposto no artigo 1 do antedito Decreto 488/1997, esta consellería é o órgano da Administración autonómica ó que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de familia, infancia e menores e políticas activas de emprego, formación e colocación, entre outras, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e nos termos sinalados pola Constitución española.

En materia de familia, infancia e menores, coa aprobación inminente da lei orgánica reguladora da responsabilidade penal dos menores, introdúcense, entre outras, as seguintes novidades: elévase o límite de idade de esixencia de responsabilidade penal dos menores, diferenciándose os tramos de idade para a graduación de responsabilidades, entre os 16 e 17 anos, e engadindo certos supostos referidos a infractores en idades comprendidas entre os 18 e 21 anos. Así mesmo, establécese un amplo catálogo de medidas xudiciais de natureza sancionadora-educativa nas que prima o interese dos nenos e a finalidade de reinserción, correspondéndolle a súa execución ás entidades públicas baixo o control dos xuíces de menores.

A aplicación desta nova lei supón un aumento considerable da poboación que hai que atender, sendo previsible un incremento das condenas de internamento.

O exposto, determina a necesidade de crear unha nova unidade administrativa coa categoría de subdirección xeral na Dirección Xeral de Familia, que aborde o volume de traballo nesta área que a nova reforma leva consigo.

Por outra banda, en materia de formación dentro das políticas activas de emprego, a consolidación dun sistema integrado de cualificación e de formación profesional, tal como se describe no II Programa Nacional de Formación Profesional, require a constitución dun instrumento específico que posúa a capacidade e o rigor técnico e independencia de criterios para recoller, analizar e proporcionar información sobre estructuras ocupacionais e a súa evolución co fin de adap

ta-las cualificacións profesionais ó mercado de traballo.

Así, nos acordos sobre medidas para o crecemento do emprego en Galicia, a Xunta de Galicia e os axentes sociais comprometéronse a garanti-la implantación efectiva do Sistema Nacional de Cualificacións na nosa Comunidade Autónoma en aplicación do II Programa Nacional de Formación Profesional, a través da creación do Instituto Galego de Cualificacións como instrumento específico de carácter técnico.

Tendo en conta o exposto, coa creación do Instituto Galego de Cualificacións, como unidade adscrita á Dirección Xeral de Formación e Colocación que xestionará a efectividade do sistema, xorde a necesidade de modificación da súa actual estructura.

Por conseguinte, co incremento do volume de traballo nas áreas de familia e emprego, consecuencia das novidades apuntadas, é preciso a reforma do Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, tralo informe das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O punto dous do artigo 5 quedará redactado como segue:

«Dous. Para o desenvolvemento das anteditas funcións, esta dirección xeral estructúrase como segue:

1. Subdirección Xeral de Familia.

Levará a cabo funcións de xestión, coordinación, asistencia técnica, seguimento, avaliación e control dos programas, servicios e centros dedicados á prestación de servicios sociais relativos á familia, infancia, minorías étnicas e inmigrantes, ben de titularidade propia ou dependentes da iniciativa social ou privada.

Para o desenvolvemento das súas funcións estructúrase nas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

1.1. Servicio de Familia, Infancia e Programas Especiais.

A este servicio corresponderanlle as funcións relativas ó estudio, elaboración, implantación, seguimento e avaliación dos programas destinados á familia, infancia, minorías étnicas e inmigrantes, en especial os contidos no Plan integral de apoio á familia; a elaboración de propostas para o desenvolvemento normativo da Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega de familia,

infancia e da adolescencia, e na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, nesta materia, así como a coordinación e seguimento das institucións.

2. Subdirección Xeral de Menores.

Levará a cabo funcións de xestión, coordinación, asistencia técnica, seguimento, avaliación e control dos programas, servicios e centros dedicados á prestación de servicios sociais dedicados ós menores, ben de titularidade propia ou dependentes da iniciativa social ou privada.

Para o desenvolvemento das súas funcións estructúrase nas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

2.1. Servicio de Defensa do Menor.

A este servicio corresponderalle a implantación, desenvolvemento, seguimento e avaliación dos programas contidos no Plan integral de apoio á familia, tanto no que atinxe á promoción e defensa dos dereitos da infancia, como nas actuacións de prevención ante situacións de risco ou de desprotección social que poidan afecta-los menores; a coordinación dos equipos provinciais do menor e as propostas de desenvolvemento normativo nas materias da súa competencia, así como cantas outras lle correspondan no seu exercicio.

2.2. Servicio de Atención a Menores en Situación de Conflicto Social.

A este servicio corresponderanlle cantas actuacións procedan para a execución das medidas previstas na normativa vixente e acordadas polos xulgados de menores de Galicia ante a comisión de infraccións tipificadas como faltas ou delictos pola poboación menor de idade penal; a implantación, execución, seguimento e avaliación dos programas dirixidos a menores en conflicto social, tanto en medio aberto como en internamento, así como cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

Artigo 2º

Engádese ó apartado dous do artigo 6, o punto 3:

«3. Subdirección Xeral das Cualificacións.

Desenvolverá as funcións de coordinación entre departamentos e impulso dos traballos competencia do instituto, así como os aspectos legais para adapta-lo funcionamento do instituto á normativa vixente, as relacións cos axentes sociais e outros organismos de interese para o seu funcionamento e a supervisión da súa promoción.

Así mesmo, elaborará e presentará ó Consello Galego de Formación Profesional as propostas de plans de actividades e cometidos do instituto.

Tamén deberá presentar perante o referido consello os informes e estudios que lle sexan requiridos ou que interesen para o correcto funcionamento do instituto.

A Subdirección Xeral das Cualificacións estructúrase nas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

2.3. Servicio de Observatorio Ocupacional.

A este servicio corresponderanlle as seguintes funcións: a análise permanente das necesidades de cualificación dos distintos colectivos de xeito que sirva de marco de referencia para a elaboración e articulación das ofertas normativas dos tres subsistemas de formación profesional e para a súa actualización permanente. Realizará o seguimento da evolución das cualificacións a través do Observatorio Ocupacional, que ten encomendadas as funcións de recoller, analizar e proporcionar información sobre as estructuras ocupacionais e a súa evolución para adapta-las cualificacións profesionais ás necesidades do mercado de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.4. Servicio de Deseño e Acreditación das Cualificacións.

A este servicio corresponderalle a participación na confección do Repertorio Nacional das Cualificacións así como na súa actualización permanente elaborando propostas para o catálogo de cualificacións profesionais de acordo cos resultados dos estudios realizados no tecido empresarial galego e participará na determinación de criterios para defini-los requisitos e características que deben reuni-las cualificacións profesionais para seren incorporadas ó Sistema Nacional das Cualificacións Profesionais.

Regulará os métodos básicos que deben observarse na avaliación da competencia e o procedemento para a concesión de acreditacións polo organismo competente e determinará correspondencias e validacións dentro dos principios, bases e directrices fixados polo Instituto Nacional de Cualificacións.

Proporá métodos e instrumentos de acreditación da cualificación.

Realizará as tarefas necesarias para o establecemento dun marco de referencia da programación xeral de tódolos subsistemas de formación e apoiará a tarefa normativa e de regulamentación realizada polos organismos competentes da Comunidade Autónoma».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude