Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Xoves, 06 de maio de 1999 Páx. 5.369

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 116/1999, do 23 de abril, polo que se regulamenta a actuación das empresas relacionadas coa organización de actividades de turismo activo.

A práctica do turismo activo que ten como escenario a propia natureza comportou unha ampliación da oferta turística en determinadas comarcas de Galicia, un feito que ocasionou un aumento considerable de visitantes interesados neste tipo de actividades.

Ante o incremento crecente delas e o seu enorme interese como novo producto turístico, considérase necesario establecer unha serie de medidas a lles esixir ás empresas que as promovan, coa finalidade de eleva-lo nivel e as garantías de seguridade na súa práctica.

Por outra banda, este decreto incorpora outras medidas orientadas directamente a protexe-los dereitos e os intereses económicos dos usuarios que practiquen estas actividades.

Por todo isto, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, de conformidade co Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito.

Considéranse actividades propias das empresas de turismo activo aquelas relacionadas co turismo deportivo a que fai referencia o artigo 25.2º letra g) da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, e calquera outra actividad turístico-deportiva que se practique servíndose basicamente dos recursos que ofrece a propia natureza no medio no que se desenvolven e ás que é inherente o factor risco ou certo grao de destreza ou esforzo físico.

Artigo 2º.-Requisitos.

2.1. Para a organización das actividades de turismo activo será preciso obter previamente a autorización turística do centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo.

2.2. As empresas constituídas por persoas físicas ou xurídicas que se dediquen profesionalmente, e non de forma ocasional, á organización destas acti

vidades para a súa oferta en venda será preciso que acrediten ante a Administración turística a súa constitución como tales, e o cumprimento dos requisitos e condicións que a continuación se determinan, así como do resto dos establecidos neste decreto:

a) Dispoñer dun local aberto ó público.

b) Contar entre o seu persoal con técnicos ou monitores titulados conforme o sinalado no artigo 4 deste decreto.

c) Constituír e manter en permanente vixencia unha póliza de responsabilidade civil que garanta o normal funcionamento da súa actividade, que cubrirá nunha contía mínima de 75 millóns de pesetas, os riscos dos seus clientes na práctica das actividades de turismo activo, excluíndose calquera tipo de franquicia.

Esta cobertura terá que abranguer tódolos prexuízos que se poidan derivar de posibles danos, incluíndo os persoais, materiais e os económicos.

A permanente vixencia da póliza de responsabilidade civil acreditarase presentando coa periodicidade que corresponda no centro directivo da consellería competente en materia de turismo os recibos de pagamento.

d) Dispoñer de libro de inspección turística e follas de reclamacións.

Artigo 3º.-Solicitudes.

3.1. As solicitudes de autorización turística destas empresas tramitaranse a través das correspondentes delegacións provinciais da consellería competente en materia de turismo, que as trasladarán para a súa resolución ó centro directivo correspondente desa consellería no prazo de dez días. Xunto coas solicitudes remitirase o resto da documentación, así como un informe da delegación sobre a actividade que desenvolven esas empresas e o seu nivel de interese turístico.

3.2. As empresas xuntarán á solicitude de autorización, que se formulará segundo o modelo que figura no anexo I deste decreto, a seguinte documentación:

a) Se a empresa pertence a unha persoa física, fotocopias compulsadas do documento nacional de identidade do empresario e do documento acreditativo de ter solicitada a súa inscrición no correspondente Rexistro Mercantil.

Se a empresa pertence a unha sociedade, fotocopia compulsada da escritura de constitución na que

conste a inscrición no Rexistro Mercantil, e máis dos estatutos e do CIF.

b) Memoria, o máis ampla posible, das actividades e estructura da empresa.

c) Fotocopia compulsada da licencia municipal de apertura do local.

d) Relación do persoal con que conta a empresa, na que se especificará o posto ocupado por cada persoa, así como fotocopia compulsada da documentación que acredite a posesión por parte do persoal técnico das titulacións esixidas neste decreto.

e) Fotocopia compulsada do título ou contrato que probe a libre dispoñibilidade do local por parte do solicitante.

f) Póliza de seguro ou fotocopia compulsada dela, coa cobertura, contía e demais requisitos establecidos neste decreto.

g) Garantía mediante o depósito de metálico ou de valores, aval ou contrato de seguro de caución por un importe de 5 millóns de pesetas.

Artigo 4º.-Persoal técnico.

4.1. As empresas facilitarán un número suficiente de técnicos ou monitores co fin de asesorar e acompaña-los grupos organizados que queiran practica-las actividades definidas no artigo 1º.

Estes técnicos ou monitores contarán cos títulos de técnico deportivo ou técnico deportivo superior na modalidade deportiva de que se trate segundo establece o Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, polo que se configuran como ensinanzas de réxime especial as conducentes á obtención de titulacións de técnicos deportivos, se aproban as directrices xerais dos títulos e das correspondentes ensinanzas mínimas.

4.2. Os monitores, cando acompañen a grupos organizados, teñen que levar caixa de primeiros auxilios e un aparello de comunicación para manter contacto directo cos responsables da empresa coa finalidade de da-lo correspondente aviso en caso de accidente ou por calquera outra necesidade.

Artigo 5º.-Equipos e material.

Os equipos e o material que as empresas poñan á disposición dos que practiquen as actividades físico-deportivas de aventura teñen que estar homologados polos organismos competentes, segundo a actividade, e reuni-las condicións de seguridade e garantías necesarias para o uso a que estean destinados.

As empresas serán responsables de manter en condicións de uso adecuado os equipos e o material.

Artigo 6º.-Información escrita.

As empresas que organicen actividades de turismo activo deberán poñer á disposición dos seus clientes un programa ou folleto informativo que conteña por escrito unha clara e precisa información sobre as seguintes cuestións:

-Destinos, itinerarios ou traxecto que se vai percorrer.

-Medidas que se van adoptar para preserva-lo contorno.

-Coñecementos que se requiren, dificultades que implica a práctica das actividades e comportamentos que hai que seguir en caso de perigo.

-Medidas de seguridade previstas.

-Materiais que hai que utilizar.

-Prezos dos servicios ofertados, con especificación de se inclúen ou non os impostos aplicables. Neste último caso, deberán detalla-la porcentaxe aplicable.

-Existencia dunha póliza de responsabilidade civil, así como da posibilidade de entregarlle unha fotocopia dela ó cliente cando este o solicite da empresa.

-Existencia de follas de reclamación á disposición dos clientes.

Artigo 7º.-Obrigas das axencias de viaxes.

As axencias de viaxes que organicen ou vendan servicios turísticos referidos á práctica de actividades de turismo activo non precisarán a autorización mencionada no artigo 2º deste decreto.

Non obstante deberán cumpri-las obrigas que se establecen nos artigos 4º, 5º, 6º e 2º.2 c) desta disposición.

Artigo 8º.-Modificacións da titularidade, requisitos e demais características das empresas.

Para realizar calquera modificación nunha empresa relacionada coa organización de actividades de turismo activo que puidera afecta-la súa titularidade ou calquera dos requisitos ou características de acordo cos cales se lle outorgou autorización turística, será precisa a autorización previa do centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo, presentando a documentación acreditativa de cada modificación.

Artigo 9º.-Cesamento das actividades.

9.1. Os titulares das empresas relacionadas coa organización de actividades de turismo activo teñen a obriga de comunicarlle á delegación provincial correspondente da consellería competente en mate

ria de turismo o cesamento das súas actividades, no prazo de 10 días.

9.2. Establécese a baixa de oficio por parte da correspondente delegación provincial, logo de trámite de audiencia ó interesado, cando a Administración turística teña constancia do cesamento das actividades.

9.3. A delegación provincial, unha vez autorizada a baixa, dará traslado do expediente ó correspondente centro directivo da mencionada consellería para a cancelación da inscrición da empresa de que se trate no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º.-Revogación da autorización turística.

O incumprimento das obrigas establecidas neste decreto por parte das empresas poderá dar lugar á revogación da súa autorización turística por parte do centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo, sen prexuízo da correspondente responsabilidade administrativa en que puideran incorrer de conformidade co disposto na Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo do que establece esta normativa, cando algunha das actividades de turismo activo estea asumida por algunha federación deportiva galega, a súa práctica realizarase, ademais, de acordo coas normas e programas que teña establecidas a federación correspondente.

Segunda.-O turismo activo engloba, entre outras, as seguintes actividades:

1. Parapente: modalidade de voo libre que consiste en lanzarse desde a pendente dunha montaña, en dirección ó val, suspendido dun planeador ultralixeiro flexible de peso inferior ó do piloto, que permite elevarse e aterrar de pé.

2. Á delta: modalidade de voo libre, que consiste en lanzarse desde a pendente dunha montaña, en dirección ó val, suspendido dun planeador ultralixeiro flexible de estructura metálica en forma triangular.

3. Bicicleta todo terreo: especialidade de ciclismo de montaña que se practica en espacios naturais con bicicleta alta, de guiador plano, con tres pratos, seis ou sete piñóns e pneumáticos gravados.

4. Descenso de barrancos: práctica deportiva que consiste en segui-lo curso dun río a través do barranco e que combina a natación e as técnicas de escalada para salva-los obstáculos naturais da ruta.

5. Descenso en bote: práctica deportiva que consiste en descender por augas vivas nunha embarcación pneumática.

6. Hidrozorra: práctica deportiva que consiste en descender por augas vivas nun vehículo en forma de zorra que sostén o practicante sobre a auga de cintura para arriba, mentres as pernas quedan somerxidas na auga.

7. Marcha a cabalo: excursión organizada a cabalo seguindo un percorrido determinado previamente.

8. Piragüísmo: deporte náutico que consiste en navegar con piragua e canoa en augas tranquilas ou augas vivas.

9. Salto desde a ponte/pontismo: práctica deportiva que consiste en lanzarse desde unha ponte suxeito por unha corda elástica que deixa suspendido o saltador no aire.

10. Salto con elástico: práctica deportiva que consiste en lanzarse desde un lugar alto, suxeito por unha goma elástica que fai subir e baixa-lo saltador varias veces.

11. Sendeirismo: expedición excursionista de curtos ou longos percorridos a través de sendas, na que se pode pernoitar ou non.

12. Escalada: actividade que consiste en rubir ou gabear por paredes verticais naturais ou artificiais.

Disposición transitoria

Mentres non se desenvolvan as previsións deste decreto, serán válidos tódolos títulos, diplomas, certificados e outros títulos oficiais susceptibles de ser convalidados ou homologados segundo o disposto no devandito decreto. En todo caso, deberán te-lo título de socorrista ou de primeiros auxilios.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta disposición entrará en vigor ós dous meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o conselleiro competente en materia de turismo para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Santiago de Compostela, vintetrés de abril de mil novencentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo