Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Xoves, 06 de maio de 1999 Páx. 5.377

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 118/1999, do 23 de abril, de cooperación coas entidades locais para 1999.

Os desequilibrios interrexionais de Galicia, tanto en infraestructuras físicas, económicas e sociais, como en dotación de servicios, condicionan o desenvolvemento harmónico da rexión e dificultan o aproveitamento das súas potencialidades.

Co obxectivo de compensa-los desequilibrios existentes, ademais da importante e clara finalidade de mellora-la actividade económica da Comunidade Autónoma, a Xunta de Galicia vén desenvolvendo ininterrompidamente unha política de cooperación coas entidades locais á que se engade a posta en marcha da acción de potenciación do desenvolvemento local incluída no Programa Operativo do Feder de Galicia 1994-1999. Estas actuacións están dirixidas a dota-los entes locais de abastecementos de auga, saneamentos, vías ou accesos públicos a núcleos de poboación, iluminación pública e servicios de recollida de tratamento de residuos sólidos urbanos.

O investimento previsto para os fins anteditos está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), dentro da acción 2.2.1. Potenciación do desenvolvemento local, e Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, inclúe a cantidade de 4.250.000.000 de ptas. con destino ó Fondo de Cooperación da Xunta de Galicia coas Entidades Locais.

Con data 5 de agosto de 1997 tivo lugar a publicación no Diario Oficial de Galicia nº 149, a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que regula no seu capítulo II do título V, a Comisión Galega de Cooperación Local; esta, de acordo co disposto no artigo 190 elaborará o seu Regulamento de organización e funcionamento, e remitirallo á consellería competente en materia de réxime local, que o elevará ó Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación, publicándose no DOG nº 203, do 20 de outubro de 1998, o Decreto 280/1998, do 24 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento da Comisión Galega de Cooperación Local.

O artigo 8 do citado decreto establece que a comisión funciona en pleno e en subcomisións, e prevé expresamente a Subcomisión Permanente de Réxime Económico e Financeiro con funcións específicas, entre elas, o estudio e informe de criterios para a distribución do Fondo de Cooperación Local. A composición desta subcomisión foi acordada na reunión do pleno, celebrada o 18-1-1999, data na que tamén se constituíu.

A subcomisión na data do 18-3-1999, elevou ó pleno a proposta de distribución territorial do Fondo de Cooperación Local para 1999, que emitiu informe favorable na súa reunión do 15-4-1999.

Por outra banda, para lograr unha maior axilidade e eficacia resulta conveniente formular un procedemento eficiente de xestión e seguimento que, dentro do marco legal establecido para a xestión dos fondos públicos, permita facilita-lo control dos investimentos que se financien.

Para tal fin a Xunta de Galicia considera necesario establecer unha norma con rango de decreto que, por un lado, fixe os criterios de distribución do fondo tomando como base o acordo adoptado polo Parlamento de Galicia na súa Comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos, ademais dos aprobados pola Comisión Galega de Cooperación Local en exercicios precedentes e os da propia Subcomisión Permanente de Réxime Económico e Financeiro aplicados a pequenas infraestructuras e equipamentos locais e, que por outro, recolla as experiencias obtidas en anteriores fases de cooperación local, desenvolvendo un procedemento que estableza medidas de racionalidade, axilidade e eficacia, facilitando a cooperación entre administracións.

En virtude do exposto, oída a Comisión Galega de Cooperación Local na súa reunión do 15-4-1999 por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de abil de mil novecentos noventa e nove

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade.

O presente decreto ten como finalidade regular, para a anualidade de 1999, o Fondo de Cooperación coas Entidades Locais aplicado ó programa de pequenas infraestructuras e equipamentos locais, para a xestión e seguimento dos proxectos de cara ó fomento e potenciación do desenvolvemento local previsto no Programa Operativo do Feder de Galicia 1994-1999 na acción 2.2.1. Potenciación do desenvolvemento local.

Artigo 2º.-Obxectivos.

As actuacións previstas neste decreto teñen como obxectivo xeral compensa-los desequilibrios internos de Galicia en infraestructuras básicas de carácter local e, en particular, incrementar estas achegando os servicios públicos locais de Galicia á media do Estado, facilitando ó mesmo tempo o apoio á actividade económica nos núcleos e zonas menos desenvolvidas da Comunidade Autónoma.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Serán beneficiarios os municipios cunha poboación non superior ós 50.000 habitantes. Os concellos poderán agruparse para realizar proxectos que afecten conxuntamente ó seu territorio.

Neste caso terán prioridade na asignación dos créditos que se xeren, como créditos libres, con posterioridade á distribución a que fai referencia o punto 4 do artigo 9º deste decreto.

Artigo 4º.-Financiamento.

1. As iniciativas que se leven a cabo na cooperación coas entidades locais para 1999 tramitaranse

financeiramente a través do crédito de 4.250.000.000 de ptas. consignado na aplicación orzamentaria 05.06.811B.760.0 da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

2. Os proxectos que se consideren como iniciativas dentro do programa poderán acadar un financiamento da Xunta de Galicia de ata o 100% do investimento. O monto elixible poderá incluí-lo custo de honorarios de redacción ou dirección de obra do proxecto, se así se manifesta expresamente na solicitude.

3. Co obxecto de garanti-la eficacia do investimento e reduci-la xestión administrativa dos expedientes, o custo individual dos proxectos que se aproben será, como mínimo, de 3.000.000 de ptas.

4. O financiamento previsto pola Xunta de Galicia poderá utilizarse para o cofinanciamento de plans establecidos polas administracións locais. Neste suposto a porcentaxe máxima de cada proxecto subvencionable con cargo ó Feder ou outro fondo comunitario non poderá supera-lo 72,5% do conxunto do achegado por tódalas administracións públicas que participen no seu financiamento.

Artigo 5º.-Comisión Galega de Cooperación Social.

1. A Comisión Galega de Cooperación Local é o órgano permanente de colaboración para a coordinación entre a Administración autonómica e as entidades locais galegas, tendo as funcións consultora e deliberante previstas no artigo 191 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. A Comisión Galega de Cooperación Local estructúrase, entre outros, de acordo coa referida lei, e o Decreto 280/1998, do 24 de setembro, nos seguintes órganos colexiados:

a) Pleno.

b) Subcomisión Permanente de Réxime Económico e Financeiro

Artigo 6º.-Composición do Pleno.

A composición do Pleno é a establecida no artigo 189 da citada Lei 5/1997, está integrado paritariamente, por representantes da Comunidade Autónoma e por representates das entidades locais galegas.

Artigo 7º.-Composición da Subcomisión Permanente de Réxime Económico e Financeiro.

Conforme o acordo do Pleno da Comisión Galega de Cooperación Local adoptado na súa reunión do 18-1-1999, a Subcomisión Permanente de Réxime Económico e Financeiro está integrada por:

1. Presidente: o conselleiro de Economía e Facenda.

2. Vocais:

a) Pola Administración da Comunidade Autónoma:

-O conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

-O director xeral de Orzamentos.

-O director xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, que tamén exercerá as funcións de secretario.

b) Polas entidades locais:

-Alcalde-presidente do Concello de Quiroga e presidente da Fegamp.

-Tenente alcalde do Concello de Vigo.

-Alcalde-presidente do Concello de Betanzos.

-O presidente dunha das catro deputacións provinciais de Galicia que terán representación rotatoria.

3. Os membros da subcomisión poderán delega-la súa asistencia nos suplentes designados para os efectos.

Artigo 8º.-Competencias do Pleno e da Subcomisión.

Son competencias do Pleno da Comisión Galega de Cooperación Local as recollidas no artigo 191 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia.

Son competencias da Subcomisión Permanente de Réxime Económico e Financeiro as recollidas no punto 2 do artigo 8 do Decreto 280/1998, do 24 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento da Comisión Galega de Cooperación Local.

Artigo 9º.-Programa de pequenas infraestructuras e equipamentos locais.

1. As iniciativas amparadas polo Programa de Pequenas Infraestructuras e Equipamentos Locais teñen como obxectivo xeral o desenvolvemento local e o apoio á actividade económica a través da creación ou establecemento de servicios públicos de carácter infraestructural básico.

2. Poderanse acoller a este programa os municipios que, cumprindo o requisito establecido no artigo 3, se relacionan no anexo do presente decreto, onde se asignan as porcentaxes e importes correspondentes a cada provincia e municipio.

3. O orzamento previsto pola Xunta de Galicia para a cobertura das actuacións que se leven a cabo dentro do programa durante 1999 ten unha contía de 4.250.000.000 de ptas.

4. A distribución territorial do crédito realízase de acordo cos criterios xerais adoptados, no seu momento, polo Parlamento de Galicia na súa Comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos, así como os elaborados en distintos plenos da Comisión Galega de Cooperación Local e na Subcomisión Permanente de Réxime Económico e Financeiro de Galicia.

Artigo 10º.-Actuacións subvencionables.

Para efectos deste decreto considéranse actuacións subvencionables as dirixidas á creación ou establecemento dos servicios públicos seguintes:

-Abastecementos de auga.

-Saneamentos.

-Vías ou accesos públicos, a núcleos de poboación.

-Iluminación pública.

-Recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos.

Exclúense deste concepto as obras de reforma, reparación menor, conservación ou mantemento de servicios existentes. A natureza do proxecto definirá unha actuación única e referirase necesariamente á obra completa no sentido establecido pola Lei de contratos das administracións públicas e demais normativa de aplicación.

Artigo 11º.-Solicitude, prazos e resolucións.

1. As corporacións locais poderán presentar na Direccción Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios da Consellería de Economía e Facenda as súas solicitudes. O prazo de presentación terá como límite máximo dous meses, contados a partir da data de publicación deste decreto no DOG.

As solicitudes estarán integradas polos seguintes documentos:

a) Instancia cuberta no modelo normalizado que se xunta como modelo 1.

b) Proxecto técnico, con informe de viabilidade do técnico municipal competente ou, no seu defecto, dun colexiado, segundo modelo 2.

c) Certificado do acordo plenario ou do órgano municipal competente, segundo modelo 3.

As solicitudes confeccionaranse tendo en conta o importe asignado na cooperación financeira da Xunta de Galicia e recollido no anexo referido no artigo 9º.2.

2. A Consellería de Economía e Facenda a través da Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios dictará, a partir da publicación deste decreto, as resolucións pertinentes nun prazo de vinte días hábiles.

Artigo 12º.-Licitación e contratación das obras.

O proceso de licitación, contratación e execución dos proxectos contidos no programa será realizado pola entidade local beneficiaria de acordo coa súa propia normativa. Malia o anterior, deputacións e concellos poderán acordar mutuamente que aquelas asuman o dito proceso. Neste último caso, as entidades locais presentarán na Subcomisión Permanente de Réxime Económico e Financeiro a relación de obras das que se fan cargo directamente e os acordos adoptados neste sentido por ámbalas dúas administracións.

Artigo 13º.-Prazo de tramitación e xestión das obras do programa.

1. O período elixible de execución dos proxectos será considerado a partir do 1 de xaneiro de 1999.

2. De acordo coa finalidade e cos obxectivos previstos neste decreto, e para as obras que se fagan con cargo ó programa, o límite para a formalización do contrato establécese en tres meses, que contarán desde a data de notificación da resolución dictada pola Dirección Xeral de Planificación Económica

e Fondos Comunitarios e, en ningún caso, aínda intervindo circunstancias excepcionais poderá supera-la data do 31 de decembro de 1999 por imperativo do establecido pola Comisión Europea para os Fondos Estructurais do período 1994-1999.

O prazo de execución non será superior a un ano. Durante 1999 remitiranse á Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios certificacións de obra por importe non inferior ó 50% do total do investimento.

En función do anterior, nos documentos de licitación e contratos figurarán expresamente estas condicións.

3. No suposto de que os concellos non cumpran os prazos establecidos neste decreto, solicitarán antes do seu vencemento unha ampliación deles xustificando as causas dos incumprimentos. Conforme as razóns expostas, a Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios resolverá sobre a aprobación da prórroga.

Tal prórroga non se precisará, excepcionalmente, no suposto de participación de plans cofinanciados polas administracións, no que o prazo poderá prorrogarse no tempo necesario para a xustificación da anualidade 1999 do dito plan, sen que poida supera-lo ano 2000, podendo a Consellería de Economía e Facenda, a través da Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios establecer, excepcionalmente, un prazo superior, de acordo coa normativa comunitaria ó respecto.

Malia o anterior, non poderán ser obxecto de financiamento nin, se é o caso, prorrogarse os prazos ós proxectos que, por estaren suxeitos a situacións tales como expropiación de terreos, non poidan cumprir cos obxectivos previstos para a cooperación local.

Artigo 14º.-Procedemento de aboamentos.

1. Os aboamentos relacionados co programa efectuaranse de acordo coas previsións que ó respecto establece a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, demais normas de aplicación e do regulado no presente decreto. Os aboamentos derivados da execución dos proxectos realizaranse contra certificacións de obra executada ou xustificantes de subministración realizada e deberá xuntarse a xustificación acreditativa de que se atopan ó día das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. O máximo de solicitudes de aboamento será de seis:

1.1. O primeiro aboamento documentarase con:

a) Modelo 4: datos da adxudicación.

b) Modelo 5: datos da contratación e acta de replanteo.

c) Modelo 6: solicitude de aboamentos.

d) Modelo 7: certificación de obra.

e) Modelo 7 bis: relación valorada da obra executada.

f) Documento xustificativo do importe dos honorarios de redacción ou dirección do proxecto, ou ben acreditativo do aboamento deles por parte da entidade beneficiaria, se é o caso.

g) Xustificación acreditativa de que están ó día das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

1.2. Da segunda á quinta certificación, que non poderán superar, acumuladas á primeira, o 80% do total do custo financiado, a documentación será a seguinte:

a) Modelo 6: solicitude de aboamentos.

b) Modelo 7: certificación de obra.

c) Modelo 7 bis: relación valorada da obra executada.

d) Xustificación acreditativa de que están ó día das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

1.3. Para a derradeira ou única, se é o caso, certificación cubriranse os seguintes documentos:

a) Modelo 6: solicitude de aboamentos.

b) Modelo 7: certificación de obra.

c) Modelo 7 bis: relación valorada da obra executada.

d) Modelo 8: acta de recepción.

e) Xustificación acreditativa de que están ó día das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

No caso de subministración, a certificación de obra poderase substituír pola correspondente factura, aprobada polo órgano competente.

Ós documentos que integran o único aboamento ou liquidación da subvención incorporaráselles un informe sobre a execución da obra subvencionada, realizado polo técnico competente da empresa designada pola Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, e contratada pola Consellería de Economía e Facenda.

2. Os aboamentos libraránselle mediante transferencia bancaria á entidade financeira e á conta designada pola entidade local aberta, para tal efecto, coa denominación de cooperación local, da que só se disporá para o aboamento de certificacións de obra facturas de subministracións e, se é o caso, honorarios de redacción ou dirección de obra do proxecto.

Para estes efectos, a conta será a que figure na solicitude normalizada de aboamento (modelo 6)

3. Tódolos documentos e modelos que están previstos neste artigo e no 1º deberán ser remitidos en triplicado exemplar, orixinal ou copia debida

mente dilixenciada, á Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios da Consellería de Economía e Facenda.

Exceptúase deste requisito o proxecto técnico esixible no artigo 11º, que poderá ser presentado en duplicado exemplar.

Artigo 15º.-Seguimento e control.

1. A Consellería de Economía e Facenda, a través da Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, como órgano competente do programa, queda obrigada a dar conta do seguimento e control deste á Comisión Galega de Cooperación Local e ó Comité de Seguimento do Programa Operativo de Galicia 1994-1999.

2. Con independencia da obriga de xustifica-lo emprego do financiamento asignado, durante a execución do investimento e ó seu remate a Consellería de Economía e Facenda e a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderán exerce-los controis establecidos na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, para a xestión e seguimento dos fondos distribuídos.

Artigo 16º.-Información e publicidade nas obras.

O concello adoptará as medidas e disposicións necesarias para garantir unha adecuada información e publicidade dos proxectos incluídos no programa. Para tal efecto, nas obras colocaranse, con cargo á empresa adxudicataria, paneis que se axusten as características xerais establecidas no artigo 32 do Regulamento de coordinación nº 2082/93, publicado no Diario Oficial das Comunidades Europeas nº L 193/21, do 31/7/1993, por seren obras cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), así como a decisión da Comisión Europea (94/342/CE), do 31 de maio de 1994, sobre as actividades de información e publicidade que deben levar a cabo os estados membros en relación coas intervencións dos fondos estructurais e do instrumento financeiro de orientación da pesca (IFOP).

Artigo 17º.-Incumprimento.

O incumprimento de calquera dos requisitos esixidos no presente decreto poderá orixinar un expediente de incumprimento que motivará a perda da subvención ou, se é o caso, o reintegro total ou parcial das cantidades recibidas polo concello, xunto cos xuros correspondentes segundo o previsto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e disposicións regulamentarias que se dicten para o efecto.

Artigo 18º.-Remanentes de crédito.

Os remanentes de crédito que se produzan como consecuencia da contratación do programa, execución ou variación das obras incluídas nel, reintegraranse como remanente dispoñible, para a súa utilización polos mesmos concellos que así o soliciten antes do remate da obra principal, e o apliquen á dita obra.

Os créditos non utilizados polo programa por non presentarse solicitudes por parte das entidades ou non aprobarse os proxectos selecionados nelas, así

como as cantidades non comprometidas no presente exercicio, reintegraranse como remanente libre para a súa utilización en novas previsións do Fondo de Cooperación coas Entidades Locais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Queda facultado o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións pertinentes en desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-A entrada en vigor deste decreto será o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO

DISTRIBUCIÓN DO P.I.E.L. 1999 POR PROVINCIAS E CONCELLOS

PROVINCIA DA CORUÑA

PROVINCIA DE LUGO

PROVINCIA DE OURENSE

PROVINCIA DE PONTEVEDRA