Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Mércores, 05 de maio de 1999 Páx. 5.323

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 26 de abril de 1999 pola que se establece un réxime de axudas á apicultura.

O Regulamento (CE) 1221/1997, do consello, do 25 de xuño de 1997, polo que se establecen as normas xerais de aplicación das medidas destinadas a mellora-la producción e comercialización do mel e o Regulamento 2300/1997, da comisión, que establece disposicións de aplicación do anterior, consideran o cofinanciamento comunitario das accións previstas no programa nacional anual de medidas de axuda á apicultura.

O devandito programa nacional español para o año 1999, elaborado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e mailas comunidades autónomas en estreita colaboración coas organizacións representativas e as cooperativas do sector apícola, foi aprobado pola Comisión Europea na decisión do 3 de setembro de 1998.

No marco do dito programa nacional anual establécese un réxime de axudas destinadas a mellora-la producción e comercialización do mel, no que a participación financeira corresponde nun 50% ó financiamento comunitario, o 25% corresponde ó financiamento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o 25% restante á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Finalmente e como no artigo 3 do Regulamento (CE) número 1221/1997, do consello, se establece que os gastos dos estados membros deberán efectuarse como moi tarde o 15 de outubro, data na que deben terse presentados os xustificantes de gasto por parte de Estado membro da U.E., cómpre que os gastos correspondentes ás accións realizadas se xustifiquen perante a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria como moi tarde o 1 de setembro de 1999.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1993, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer un réxime de axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellora-la producción e comercialización do mel.

Artigo 2º.-Finalidade das axudas.

Poderán ser obxecto das axudas, consonte o disposto no anexo I da decisión da comisión, do 3 de setembro de 1998, aquelas actividades ou investimentos que estean inescusablemente ligadas a un programa sanitario, realizadas desde o 1 de xaneiro de 1999, encamiñadas a:

a) Prestar información e asistencia técnica.

b) Loita contra a varroase.

c) Racionaliza-la transhumancia.

d) Establecer medidas de apoio para a análise do mel.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán optar ás medidas da axuda prevista no artigo 2º aqueles apicultores que cumpran como mínimo os seguintes requisitos:

a) As persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas. Será requisito para a obtención das axudas levar realizando a actividade apícola con anterioridade ó primero de xaneiro do ano anterior ó da aplicación do programa nacional anual.

Os apicultores que realicen transhumancia integrados nunha asociación ou organización de apicultores presentarán solicitudes individuais, achegando unicamente a solicitude coa documentación correspondente ás actuacións que pretenda desenvolver.

b) As cooperativas apícolas e organizacións representativas con personalidade xurídica de seu, integradas na súa maioría por apicultores que cumpran o requisito establecido na alínea anterior.

2. Ademais, e para as medidas de axuda previstas na letra d) do artigo 2º, os beneficiarios poderán ser tamén os laboratorios debidamente recoñecidos que efectúen ou poidan efectuar análises das características físico-químicas do mel.

Artigo 4º.-Solicitudes.

Tódalas solicitudes, nas que se incluirán e definirán os diferentes puntos, se presentarán preferentemente na Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ou na forma prevista no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 20 días naturais desde a entrada en vigor desta orde. No caso de solicitudes individuais para transhumancia, o prazo amplíase ata o 20 de maio, segundo o modelo do anexo I, achegando obrigatoriamente a seguinte documentación:

-Acta de constitución da entidade, no caso b).

-Código de identificación fiscal e certificado da conta bancaria.

-Programa de actuación que se pretende desenvolver.

-Contrato dos veterinarios.

-Declaración xurada de exclusividade dos veterinarios.

-Xustificantes de formación e experiencia específicos en apicultura dos veterinarios responsables do programa sanitario.

Artigo 5º.-Xustificación.

1. O investimento previsto nos subprogramas aprobados realizarase antes do 1 de setembro de 1999, aínda que a execución técnica poderá adiarse ata o 31 de decembro de 1999.

2. O beneficiario comunicaralle á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria a realización do investimento previsto, achegando os xustificantes do gasto e, en todo caso, unha memoria explicativa sobre a súa realización antes do 1 de setembro de 1999.

3. A contía das axudas poderá ser satisfeita mediante pagamentos parciais, unha vez realizados os investimentos previstos en cada caso, trala súa comprobación por parte dos servicios correspondentes da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

4. O incumprimento das obrigas asumidas polo beneficiario suporá a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituí-las cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puidesen incorre-los beneficiarios.

Artigo 6º.-Anticipos.

Poderán realizarse, por pedimento dos interesados, os anticipos correspondentes á contratación dos técnicos responsables do seguimento dos distintos subprogramas, de conformidade co disposto no artigo 35.Dous.B. 3º da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999.

Artigo 7º.-Concorrencia con outras axudas.

A obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 8.-Inspección e control.

Os beneficiarios das axudas recollidas nesta orde están obrigados a facilitar tódolos labores de inspección ó persoal técnico das distintas administracións que cofinancian o programa, achegando tódolos datos que sobre o particular lles sexan solicitados.

Artigo 9.-Financiamento.

As axudas establecidas nesta orde teñen o carácter de cofinanciadas pola UE, o MAPA e a Comunidade Autónoma, en virtude do Regulamento (CE) 1221/1997, do consello, e do R.D. 521/1999, do 26 de marzo, polo que se regula o réxime de axudas á apicultura no marco dos programas nacionais animais.

A contía das axudas, por importe máximo de 74.500.000 ptas., farase con cargo ós créditos do Plan Apícola galego, co que se dote o concepto orzamentario 09.03.613-A..773.0.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día siguiente ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria