Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Mércores, 05 de maio de 1999 Páx. 5.322

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

DECRETO 111/1999, do 23 de abril, polo que se derroga o Decreto 248/1983, do 15 de decembro, polo que se crea a denominación Productos Galegos de Calidade.

Co fin de crear un marco xurídico que permitira a regulamentación de denominacións de calidade para productos alimentarios tradicionais de Galicia, non incluídos no réxime da protección á calidade da Lei 25/1970, do 2 de decembro, do Estatuto da viña, do viño e dos alcohois, dictouse en decembro do ano 1983 o Decreto 248/1983 polo cal se creou a denominación Productos Galegos de Calidade. Ó abeiro desta norma, aprobáronse sete productos gale

gos de calidade: Mexillón de Galicia, Mel de Galicia, Pataca de Galicia, Tenreira Galega e mailos Queixos de Arzúa, O Cebreiro e San Simón.

De conformidade co dereito comunitario e a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza das Comunidades, e concretamente, trala entrada en vigor do Regulamento (CEE) nº 2081/1992 do Consello, do 14 de xullo de 1992, dentro da Unión Europea non cabe aprobar denominacións de calidade que teñan como base a orixe ou procedencia xeográfica dos productos o produccións por elas amparados, se non é mediante os procedementos regulados polo devandito regulamento comunitario, relativo ás indicacións xeográficas protexidas (IXP) e as denominacións de orixe (DO) dos productos agrícolas e alimenticios, o cal lles outorga unha protección nun ámbito territorial moito máis amplo que abrangue a tódolos estados membros.

Tódolos productos da Comunidade Autónoma cualificados como productos galegos de calidade, coa salvidade do queixo de San Simón, foron evolucionando cara a algunha desas dúas figuras regulamentadas polo Regulamento nº 2081/1992 arriba citado, de modo que están todos eles recoñecidos, ben como DO ou ben como IXP, e algúns atópanse xa incluídos nos rexistros comunitarios europeos creados para o efecto.

Por todo o cal, e para rematar de acomodar neste punto a nosa lexislación ós principios do dereito comunitario, procede dictar un decreto que derrogue o que se aprobou para crea-la denominación Productos Galegos de Calidade.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Queda derrogado o Decreto 248/1983, do 15 de decembro, que creou a denominación de Productos Galegos de Calidade, así como cantas disposicións normativas de igual ou inferior rango se dictaran ó abeiro del.

Disposición derradeira

Única.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria