Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Mércores, 05 de maio de 1999 Páx. 5.321

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 110/1999, do 8 de abril, polo que se crea e regula o Consello Galego de Formación Profesional.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, no seu artigo 30.1º establece a obriga das administracións públicas de garanti-la coordinación da oferta de formación profesional, tanto específica como ocupacional e continua. Nesta liña creouse o Consello Xeral da Formación Profesional no ámbito estatal.

Por outra banda, e en atención ó problema do desemprego na Comunidade Europea, no Consello Extraordinario de Luxemburgo acordáronse unha serie de medidas e liñas de actuación.

Para concreta-las medidas do Consello de Luxemburgo ó territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia e os sindicatos Unión Xeral de Traballadores de Galicia e Comisións Obreiras de Galicia subscribiron os acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia.

Nestes acordos considérase a formación profesional como unha actuación imprescindible para mellora-la ocupabilidade dos desempregados e, neste sentido, resaltan a necesidade de avanzar cara á progresiva integración e complementariedade coordinando os tres subsistemas dela (específica, ocupacional e continua), tal e como sinala o II Programa Nacional de Formación Profesional. Tamén se cre necesario axustar progresivamente a oferta formativa ás necesidades das empresas.

Para levar a cabo estas actuacións resaltouse nos citados acordos a necesidade de crea-lo Consello Galego de Formación Profesional como órgano consultivo e de participación dos axentes sociais e económicos de ámbito galego co obxectivo de consensuar con eles a planificación das ensinanzas profesionais en Galicia e de asesoramento ó Consello da Xunta de Galicia en materia de formación profesional.

A creación deste consello levará consigo a desaparición do Consello Galego de Ensinanzas Técnico Profesionais que será substituído polo órgano que agora se crea, e polo tanto a derrogación do Decreto 223/1994, do 7 de xullo, polo que se regula o Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais (DOG número 37, do 18 de xullo) e da normativa dictada para o seu desenvolvemento.

Consecuentemente con todo o anterior, de conformidade coa competencia plena que en materia de educación ten atribuída a nosa Comunidade Autónoma en virtude do establecido no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia (Lei Orgánica 1/1981, do 6 de abril), por iniciativa do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en uso das atribucións

conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, consultado o Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais e mailo Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de abril de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación.

Créase o Consello Galego de Formación Profesional, adscrito á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, como órgano consultivo e de asesoramento do Consello da Xunta de Galicia en materia de formación profesional.

Artigo 2º.-Competencias.

As competencias do Consello Galego de Formación Profesional serán as seguintes:

a) Elaborar e propoñerlle ó conselleiro competente na materia a aprobación dos plans galegos de formación profesional.

b) Realizar informe das programacións de accións de formación profesional efectuadas pola Comunidade Autónoma e propoñe-las modificacións que se consideren necesarias de cara a futuras programacións.

c) Realizar informe da oferta de formación profesional, tentando a adecuación desta ás necesidades do mundo productivo e ás maiores posibilidades de emprego.

d) Emitir informe, dentro do ámbito competencial da Comunidade Autónoma, dos proxectos de plans de estudios dos títulos correspondentes ós diversos graos das familias profesionais de formación profesional, e as certificacións de profesionalidade en materia de formación profesional ocupacional e continua, así coma os relativos á formación adquirida a través da experiencia laboral e, se é o caso, a súa homologación académica ou profesional cos correspondentes graos de formación profesional regrada, sen prexuízo das competencias do Consello Escolar nesta materia.

e) Emitir propostas e recomendacións ós distintos organismos con competencia dentro da Comunidade Autónoma en materia de formación profesional.

f) Propoñer accións para mellora-la orientación profesional.

g) Avaliar e face-lo seguimento das accións que se desenvolvan dentro da Comunidade Autónoma en materia de formación profesional.

h) Elaborar cada ano unha memoria que inclúa a do Instituto Galego das Cualificacións.

i) Recibir con carácter anual unha memoria das actividades levadas a cabo por tódalas consellerías e organismos xestores en materia de formación profesional.

j) Emitir informe sobre os proxectos das disposicións normativas relacionadas coa formación profesional.

k) Emitir informe sobre calquera asunto que, sobre formación profesional, lle sexa sometido polas administracións públicas.

Artigo 3º.-Composición.

1. O Consello Galego de Formación Profesional estará composto por:

a) Un presidente. Ostentarán a Presidencia, alternativamente e por períodos anuais, os titulares das consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que se iniciará pola de Educación e Ordenación Universitaria.

b) Dous vicepresidentes, representantes da Administración da Comunidade Autónoma, que serán: o director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o director xeral de Formación e Colocación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

c) Seis vocais en representación das administracións públicas, nomeados polo presidente da Xunta de Galicia por proposta do presidente do Consello Galego de Formación Profesional.

d) Oito vocais por parte das organizacións empresariais máis representativas na Comunidade Autónoma.

e) Oito vocais por parte das organizacións sindicais máis representativas na Comunidade Autónoma.

2. O secretario xeral do consello, con voz pero sen voto, será o funcionario que designen conxuntamente as consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 4º.-Réxime xurídico.

1. O réxime xurídico do Consello Galego de Formación Profesional axustarase ás normas contidas no capítulo II, do título II, da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que se poidan establecer ou completa-las súas formas propias de funcionamento.

2. O consello adoptará os seus acordos por maioría, contando cun voto cada un dos seus vocais, e contando con voto de calidade do presidente, para desface-los empates que se poidan dar.

3. Os vocais do consello poderán ser substituídos, polos seus suplentes, nos casos de ausencia ou enfermidade, ou cando concorra calquera outra causa xustificada.

Artigo 5º.-Renovación e nomeamento.

1. A renovación do consello producirase cada catro anos, tendo en conta as modificacións producidas na representatividade das organizacións empresariais e sindicais.

2. Os membros do Consello Galego de Formación Profesional e os seus suplentes serán nomeados polo titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta de cada un dos grupos ou consellerías que representan. O seu cesamento levarase a cabo deste mesmo xeito.

Disposición adicional

O consello funcionará en pleno e en comisión permanente e elaborará a norma que regule o seu funcionamento, adaptado a este decreto, norma que será aprobada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O Consello Galego de Formación Profesional reunirase, con carácter preceptivo, alomenos unha vez ó ano e cando así o soliciten a metade dos seus membros.

O presidente do Consello Galego de Formación Profesional convocará a súa sesión constitutiva no prazo de tres meses desde a publicación deste decreto.

Disposición derrogatoria

Derrógase o Decreto 223/1994, do 7 de xullo, polo que se regula o Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais e toda a normativa dictada para o seu desenvolvemento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse os titulares das citadas consellerías para dicta-los actos e as normas necesarios para a aplicación e desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de abril de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública