Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 26 de abril de 1999 Páx. 4.948

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 23 de abril de 1999 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios prestados polos médicos internos residentes, durante a folga que se levará a efecto nas institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde desde as 8 horas do día 26 de abril ata as 8 horas do día 29 de abril de 1999.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1998, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non pode verse afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Analizados os servicios esenciais afectados, nalgún centro resulta imprescindible a colaboración dos médicos internos residentes no mantemento da asistencia sanitaria prestada fóra da xornada ordinaria. Nestes centros, tanto polo seu sistema de organización das urxencias como polo número de médicos residentes que prestan servicios neles, precisan desa colaboración necesaria, xa que doutro xeito non quedarían debidamente garantidos os servicios de indubidable transcendencia na sanidade como son as urxencias nos hospitais. Por iso, convocada a folga que afecta os médicos internos residentes, farmacéuticos internos residentes, químicos internos residentes e psicólogos internos residentes que se levará a efecto desde as 8 horas do día 26 de abril ata as 8 horas do día 29 de abril de 1999, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga convocada desde as 8 horas do día 26 de abril ata as 8 horas do día 29 de abril de 1999 que afecta os médicos internos residentes, farmacéuticos internos residentes, químicos internos residentes e psicólogos internos residentes enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen no anexo I desta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura dos servicios das institucións sanitarias que se relacionan no anexo I desta orde, que polo seu sistema de organización das urxencias hospitalarias requiren

tal prestación, en evitación de que se produzan graves prexuízos ós usuarios. O feito de que nalgúns centros non se determine a fixación dos servicios mínimos vén motivado, nunha parte deles, polas razóns organizativas expostas, e noutros polo escaso ou nulo número de médicos residentes vinculados a estes centros.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga, coa atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

E por iso, mantéñense os servicios mínimos necesarios para garanti-la asistencia imprescindible como é a atención urxente ós usuarios, que non pode aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde.

O criterio rector para a determinación dos servicios mínimos que se recollen no anexo I desta orde é a asistencia médica na cobertura da actividade urxente que se realiza fóra da xornada ordinaria de traballo polos médicos internos residentes nos servicios de urxencias hospitalarias, naqueles centros que o requiren. Xa que logo, exclusivamente cubrirase esta actividade de carácter urxente por tratarse de atención indefectible e que a súa omisión podería causar prexuízos irreparables ós usuarios. Ademais só se asignarán naqueles hospitais que se relacionan, nos que resulta absolutamente indispensable.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será determinada polo director-xerente do centro, procedéndose á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo.

Artigo 3º

Os prazos e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo I desta orde serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 1999.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO I

Criterios rectores e número de servicios mínimos por centro hospitalario

-C.H. Juan Canalejo:

Para atende-las urxencias desde as 15 horas ata as 8 horas están de garda tres facultativos de cadro de persoal do servicio de urxencias e nove residentes das diferentes especialidades. En urxencias do Hospital Teresa Herrera está de garda de pediatría un residente.

Calquera diminución no número de facultativos para atende-las urxencias tería graves repercusións na asistencia, dado que neste hospital se atenden unha media de 300 urxencias/día e no Hospital Teresa Herrera se atenden 65 urxencias/día de pediatría, non podendo asumir co cadro de persoal de garda a primeira atención sen ocasionar un colapso no servicio, o que xeraría importantes demoras na asistencia ós pacientes.

Nove residentes de diferentes especialidades nos días que se detallan: desde as 15 horas do día 26 ata as 8 horas do día seguinte; desde as 15 horas do día 27 ata as 8 horas do día seguinte; desde as 15 horas do día 28 ata as 8 horas do día seguinte.

Un médico residente na especialidade de pediatría no servicio de urxencias do Hospital Teresa Herrera desde as 15 horas do día 26 ata as 8 horas do día seguinte; desde as 15 horas do día 27 ata as 8 horas do día seguinte; desde as 15 horas do día 28 ata as 8 horas do día seguinte.

-C.H. Arquitecto Marcide-Prof. Novoa Santos:

Calquera diminución do número de efectivos para atende-las urxencias tería graves repercusións no complexo hospitalario. Diariamente aténdense ó redor de 150 urxencias, atención para a que o colectivo de residentes supón un número importante de médicos que colaboran na asistencia.

Un médico residente desde as 15 horas do día 26 ata as 8 horas do día seguinte; desde as 15 horas do día 27 ata as 8 horas do día seguinte; desde as 15 horas do día 28 ata as 8 horas do día seguinte.

Un médico residente de segundo ano ou superior desde as 15 horas do día 26 ata as 8 horas do día seguinte; desde as 15 horas do día 27 ata as 8 horas do día seguinte; desde as 15 horas do día 28 ata as 8 horas do día seguinte.

-C.H.U. de Santiago de Compostela:

Calquera diminución do número de efectivos para atende-las urxencias tería graves repercusións no complexo hospitalario. Diariamente aténdense ó redor de 346 urxencias, atención para a que o colectivo de residentes supón un número importante de médicos que colaboran na asistencia.

Trece residentes de distintas especialidades os días de 15 horas do día 26 ata as 8 horas do día 27; desde ás 15 horas do día 27 ata as 8 horas do día 28.

Catorce residentes de distintas especialidades desde as 15 horas do día 28 ata as 8 horas do día 29.

-C.H. Xeral Cíes:

Calquera diminución do número de efectivos para atende-las urxencias tería graves repercusións no complexo hospitalario. Diariamente aténdense ó redor de 300 urxencias, atención para a que o colectivo de residentes supón un número importante de médicos que colaboran na asistencia.

Dez residentes de diferentes especialidades desde as 15 horas do día 26 ata as 8 horas do día seguinte; desde as 15 horas do día 27 ata as 8 horas do día seguinte; desde as 15 horas do día 28 ata as 8 horas do seguinte.

-C.H. de Pontevedra:

Calquera diminución do número de efectivos para atende-las urxencias tería graves repercusións no complexo hospitalario. Diariamente aténdense ó redor de 240 urxencias, atención para a que o colectivo de residentes supón un número importante de médicos que colaboran na asistencia.

Un residente da especialidade de medicina familiar e comunitaria para o servicio de urxencias do Hospital Provincial de Pontevedra desde as 15 horas do día 26 ata as 8 horas do día seguinte; desde as 15 horas do día 27 ata as 8 horas do día seguinte; desde as 15 horas do día 28 ata as 8 horas do día seguinte.

Dous residentes da especialidade de medicina familiar e comunitaria para o servicio de urxencias do Hospital Montecelo desde as 15 horas do día 26 ata as 8 horas do día seguinte; desde as 15 horas do día 27 ata as 8 horas do día seguinte; desde as 15 horas do día 28 ata as 8 horas do día seguinte.

-Hospital Meixoeiro:

Calquera diminución do número de efectivos para atende-las urxencias tería graves repercusións no complexo hospitalario. Diariamente aténdense ó redor de 150 urxencias, atención para a que o colectivo de residentes supón un número importante de médicos que colaboran na asistencia.

Dous médicos residentes no servicio de urxencias desde as 15 horas do día 26 ata as 8 horas do día seguinte; desde as 15 horas do día 27 ata as 8 horas do día seguinte; desde as 15 horas do día 28 ata as 8 horas do día seguinte.