Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 26 de abril de 1999 Páx. 4.942

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 29 de marzo de 1999 pola que se convocan prazas de educadores bolseiros para o Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apóstolo da Coruña dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, así como unha bolsa de investigación no eido da atención primaria de servicios sociais.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.23º atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais da Comunidade Autónoma de Galicia, recolle a posibilidade de outorgar axudas individualizadas, logo da correspondente convocatoria pública e con suxeición a criterios obxectivos.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 347/1997, do 9 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 351/1997, do 10 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia; así como, no Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura dos servicios centrais da consellería, ten ó seu cargo competencias en materia de servicios sociais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

Na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, así como na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, establécense os requisitos xerais para as subvencións e axudas que conceda a Administración autonómica, ás que se adaptará a presente orde, que atende en todo caso ós principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Coa presente convocatoria preténdese:

A) Dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial o Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apóstolo, persoal que, como contrapartida, gozará de aloxamento e mantenza gratuíta nel durante o curso escolar 1999-2000, así como de axudas para sufraga-los gastos ocasionados polo pagamento de matrícula académica e material escolar.

B) A realización de traballos de investigación no eido da atención primaria de servicios sociais.

Entre outros fins, na Lei de orzamentos para 1999 citada, na aplicación orzamentaria 11.03.212D.485.0, existe crédito axeitado e suficiente para este gasto.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

Primeiro.-Obxecto da convocatoria.

Convoca-la cobertura de 12 prazas de educadores-bolseiros para o curso escolar 1999-2000, no Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apóstolo dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais (modalidade A), así como dunha bolsa de investigación no eido da atención primaria de servicios sociais (modalidade B).

Segundo.-Condicións dos solicitantes.

Son requisitos para participar na seguinte convocatoria:

a) Ser español/a.

b) Non ter perdido con anterioridade a condición de educador-bolseiro por causa imputable ó solicitante.

c) Non padecer defecto físico que impida o desenvolvemento normal da actividade.

Modalidade A: educadores-bolseiros no Centro Santiago Apóstolo.

a) Ter unha idade comprendida entre os dezaoito e os vintecinco anos, ámbolos dous incluídos, na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

b) Estar cursando estudios superiores nunha facultade ou nun colexio universitario e ter aprobados integramente dous cursos dos devanditos estudios ou ter rematados estes durante os cursos 1996-1997 ou 1997-1998.

Modalidade B: bolsas de investigación.

Ter finalizados os estudios nalgunha escola universitaria de diplomados en traballo social nos cursos 1995-1996 ou posteriores. Valoraranse os coñecementos en materia de planificación e xestión dos servicios sociais de atención primaria.

Terceiro.-Solicitudes.

Os interesados deberán dirixi-la solicitude anexa, segundo o caso, á Delegación Provincial de Sanidade e Servicios Sociais na Coruña, r/ Gregorio Hernández, 2-4 (modalidade A), ou á Dirección Xeral de Servicios Sociais, sita no edificio administrativo de San Caetano, nº 8, edificio Pirámide, de Santiago de Compostela (modalidade B), xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia DNI.

-Certificación académica, con detalle das cualificacións obtidas, e, se é o caso, título académico que capacite para participar ou xutificante de que se solicitou a súa expedición.

-Curriculum vitae do solicitante.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles contados a partir da data en que se publique esta orde no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto.-Dereitos dos adxudicatarios.

Modalidade A: educadores-bolseiros no Centro Santiago Apóstolo.

A) A concesión da bolsa comporta aloxamento e mantenza gratuítos no centro desde o 1 de setembro de 1999 ata o 30 de xuño do 2000. O aloxamento será de tal xeito que lle permita ó bolseiro a normal realización dos seus estudios.

B) O pagamento por parte do centro de ata 27.308 ptas. para gastos de matrícula, logo da xustificación do correspondente gasto.

C) O pagamento por parte do centro de ata 13.554 ptas. para adquisición de libros relacionados cos estudios cursados polos bolseiros nas condicións fixadas na letra b).

D) O pagamento por parte da Dirección Xeral de Servicios Sociais da contía de 9.554 ptas. mensuais, logo de certificación do servicio prestado pola dirección do centro.

E) Ó remata-la estadía no centro, seralles entregado un diploma acreditativo pola devandita dirección xeral, logo do informe favorable do director do centro das prácticas realizadas.

Modalidade B: bolsa de investigación.

A) Para o ano 1999, o importe total da bolsa será dun millón catrocentas cincuenta e cinco mil pesetas (1.455.000 ptas.), cunha asignación mensual de 145.000 ptas., coa retención fiscal que corresponda. Nesa cifra inclúense os gastos que se orixinen en concepto de visitas e desprazamentos durante o período no que dure a bolsa.

B) A percepción da asignación mensual será incompatible con calquera outra axuda ou actividade remunerada.

C) Ó remata-la bolsa seralle entregado un diploma acreditativo, pola Dirección Xeral de Servicios Sociais, logo do informe favorable da xefa de Servicio de Atención Primaria e Cooperación coas Corporacións Locais.

Subscribirase unha póliza de seguro con cobertura para accidentes para as dúas modalidades.

Quinto.-Duración da bolsa.

Modalidade A: a duración da bolsa será do 1 de setembro de 1999 ó 30 de xuño do 2000.

Modalidade B: o período de desfrute da bolsa será ata o 31 de decembro de 1999, e comezará a desfrutarse antes do remate dos 15 días seguintes á súa adxudicación.

Sempre que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias, por resolución da Dirección Xeral de Servicios Sociais, a bolsa poderase prorrogar anualmente ata un máximo de 3 anos incluíndo o ano da concesión, á vista do traballo realizado polo bolseiro. No suposto de prórroga a dotación económica poderá incrementarse de acordo co índice de prezos ó consumo que se estableza para cada ano.

Sexto.-Financiamento.

O gasto financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.212D.485.0.

Sétima.-Obrigas dos bolseiros.

Modalidade A:

A condición de educador-bolseiro obriga a este a realiza-las tarefas que a dirección do centro lle encomende en relación coa atención dos acollidos nel, en hora de actividade extraescolar. Estas deberanse realizar de tal xeito que resulten compatibles co aproveitamento académico do propio bolseiro.

Modalidade B:

1. O bolseiro queda obrigado á realización dun traballo de investigación no eido dos servicios e programas desenvolvidos polos servicios sociais de

atención primaria (plan concertado), relacionado con algún dos temas seguintes:

-Prestacións básicas: orientación, asesoramento e información sobre os recursos e posibilidades de superación das situacións carenciais de individuos, de grupos ou da comunidade; axuda no fogar; inserción social; animación, prevención e cooperación social; e convivencia alternativa.

-Formación de profesionais da atención primaria de servicios sociais.

-Ficha social (SIUSS).

-Calquera outro programa considerado de interese dentro da atención primaria de servicios sociais.

2. O bolseiro está obrigado a acudir á Dirección Xeral de Servicios Sociais en horario de 8.30 a 14.30 horas, a segui-las indicacións que lle dicte a Dirección Xeral de Servicios Sociais e a presentarlle os informes que resulten pertinentes á vista do programa de traballo desenvolvido. Así mesmo, cando sexa necesario, haberá de desprazarse ós concellos, servicios especializados, etc. co fin, entre outras accións, de solicita-los datos necesarios e informar dos temas que se van desenvolver que estean recollidos no citado programa de traballo.

3. O bolseiro deberá entregar 3 exemplares do traballo realizado, cada un deles acompañado dun resumo de extensión comprendida entre 5 e 10 páxinas (formato A4), a dobre espacio, no que de forma sucinta se recolla a metodoloxía de análise, os resultados xerais máis sobresaíntes, as conclusións principais, o contido e as ideas principais do traballo realizado. Así mesmo, os traballos deberanse presentar en soporte informático compatible co sistema Windows.

Oitava.-Procedemento de selección.

Para a adxudicación de prazas procederase da seguinte maneira:

Modalidade A: educadores-bolseiros no Centro Santiago Apóstolo.

Unha comisión, presidida polo delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Coruña ou persoa en quen delegue, sendo vocais o xefe da Área de Servicios Sociais da Coruña, dous funcionarios designados polo delegado provincial e o director do centro, examinará as solicitudes, valorando no seu conxunto os seguintes datos, por orde de preferencia:

-Expediente académico.

-Animación sociocultural e coñecementos específicos en actividades deportivas.

-Motivo da solicitude.

-Situación económica.

-Ter sido educador-bolseiro dalgún centro dependente desta consellería.

Terán prioridade os solicitantes con estudios en facultades de Psicoloxía, Pedagoxía e escolas universitarias de EXB, ademais de Enfermería.

Confeccionarase unha lista das solicitudes recibidas, elevando a correspondente proposta ó delegado provincial, antes de que pasen vinte días naturais, contados a partir do seguinte a aquel no que remate o prazo para presenta-las instancias.

A resolución corresponde ó delegado provincial competente logo de fiscalización da Intervención, e comunicarase tanto ó centro como a tódolos solicitantes. O prazo máximo para resolver será de tres meses, contados a partir do día seguinte á data de peche da respectiva convocatoria. Se no dito prazo non se dictase resolución expresa, entenderase que quedan desestimadas as solicitudes presentadas.

Os seleccionados terán de prazo ata o 1 de novembro para presenta-la documentación requirida para o efecto pola Delegación Provincial da Coruña. De non cumprirse tal esixencia non se procederá a ningún pagamento.

Modalidade B: bolsa de investigación.

Para a valoración dos méritos crearase un tribunal presidido polo director xeral de Servicios Sociais ou persoa en quen delegue, formando parte como vocais o subdirector xeral de Acción Social, a xefa de Servicio de Atención Primaria e Cooperación coas CC.LL. e un técnico do mesmo servicio, actuando como secretario un funcionario designado polo director xeral.

O tribunal non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias que non estean acreditados documentalmente, ben presentando os orixinais ou as correspondentes fotocopias debidamente cotexadas.

O tribunal deberá valorar no seu conxunto os seguintes datos por orde de preferencia:

-Coñecementos acreditados no eido dos servicios sociais de atención primaria: tramitación, presentación e avaliación do plan concertado, colaboración na organización de cursos, ficha social (SIUSS), etc.

-Coñecementos de informática a nivel usuario.

-Expediente académico.

-Curriculum vitae.

-Motivo da solicitude.

O tribunal valorará estes datos en dúas fases:

a) Primeira fase. O tribunal, de acordo cos méritos acreditados polos solicitantes, realizará unha primeira selección deles acordando cales pasan á segunda fase.

b) Segunda fase. O tribunal realizará unha entrevista sobre os coñecementos acreditados no eido dos servicios sociais de atención primaria, cos solicitantes seleccionados na primeira fase.

O tribunal, á vista dos méritos acreditados nas solicitudes e a entrevista, decidirá a adxudicación da bolsa ó candidato que considere por orde de méritos e capacidade.

O tribunal poderá declarar deserta a bolsa convocada.

No caso de que a persoa proposta renunciase á bolsa, a adxudicación recaería automaticamente na que a siga en puntuación, e así sucesivamente.

Tódalas comunicacións e resolucións do tribunal realizaranse ó través do taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Servicios Sociais, sito no edificio administrativo de San Caetano, nº 8, edificio Pirámide, de Santiago de Compostela.

Novena.-Natureza da relación bolseiros-Administración.

Os seleccionados adquirirán exclusivamente a condición de bolseiros, sen ningunha outra relación laboral ou administrativa.

Décima.-Revogación ou interrupción no desfrute das bolsas.

O director xeral de Servicios Sociais resolverá a perda da condición de bolseiro polo incumprimento das súas obrigas, ausencias inxustificadas ou, se é o caso, por non cumpri-la disciplina do centro, logo dos informes pertinentes.

O suposto de revogación obrigará ó adxudicatario a reintegrarlle ó Tesouro Público as cantidades percibidas ata o momento de acordarse aquela. No caso de interrupción do goce da bolsa o director xeral, apreciando as circunstancias concorrentes, resolverá se procede esixi-la devolución total ou parcial das cantidades aboadas, ou suspender ou anula-los pagamentos pendentes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Servicios Sociais para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 1999.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais