Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 26 de abril de 1999 Páx. 4.949

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 1999, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector das panaderías.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector das panaderías (código 2700425), da provincia de Lugo, asinado o día 22 de febreiro de 1999, pola

representación da Asociación de Empresarios de Panaderías da Provincia de Lugo e das centrais sindicais UXT (37,5%), USO (37,5%), CC.OO. (12,5%) e CIG (12,5%), e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mencionado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 8 de marzo de 1999.

(Decreto 227/1998, do 10 de xullo)

Rafael Días Iglesias

Secretario provincial de Lugo

Convenio colectivo de traballo para a actividade

de industrias do pan (panaderías) da provincia

de Lugo

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio é de aplicación abrigatoria en toda a provincia de Lugo, de conformidade co preceptuado no título III, capítulo I, sección 1, artigo 82 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

Este convenio obriga a tódalas empresas que se rexían pola Regulamentación nacional de traballo da industria panadeira (Orde do 12 de xullo de 1946, Boletín Oficial del Estado, do 19 de xullo) e é de orbigado cumprimento.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Inclúe a totalidade do persoal ocupado polas empresas indicadas nos ámbitos territorial e funcional.

Artigo 4º.-Vixencia.

A vixencia do presente convenio iníciase o 1 de xaneiro de 1998 e finaliza o 31 de decembro de 1999, con independencia da súa data de publicación no BOP ou no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Denuncia.

O presente convenio enténdese automaticamente denunciado o día da súa sinatura. Ámbalas partes quedan comprometidas, logo de convocatoria de calquera delas, a iniciaren a negociación do ano 2000. En todo caso, este convenio prorrogarase por períodos anuais sen necesidade de denuncia expresa.

Artigo 6º

As condicións pactadas forman un todo orgánico e indivisible e para efectos da súa aplicación práctica serán consideradas globalmente.

Artigo 7º.-Compensación.

As condicións pactadas son compensables na súa totalidade coas que anteriormente rexesen por imperativo legal ou por calquera outra causa.

Artigo 8º

Na orde económica, para a aplicación do convenio observarase o pactado segundo a táboa anexa e, en xeral, en todo o non previsto no presente convenio aplicarase o disposto na ordenanza laboral da industria de panadería citada en canto non sexa substituída por un acordo marco estatal ou autonómico.

Artigo 9º.-Absorción.

As condicións que se establecen neste convenio son compensables e absorbibles en cómputo anual, conforme a lexislación vixente.

Artigo 10º.-Situación máis beneficiosa.

As situacións persoais que con carácter global excedan do pacto respectaranse, e manteranse as que resulten máis beneficiosas ou favorables para o traballador.

A interpretación do disposto na presente articulación é da competencia da comisión paritaria do convenio.

Artigo 11º.-Vinculación á totalidade.

Establecido o principio de unidade e indivisibilidade das condicións pactadas, no suposto de non ser aprobado algún dos pactos esenciais do convenio que o desvirtuase fundamentalmente, este quedará sen eficacia e deberase reconsidera-lo seu contido.

Artigo 12º.-Comisión paritaria do convenio.

Créase unha comisión paritaria do convenio, de acordo co disposto no artigo 85 do Estatuto dos traballadores, como órgano de arbitraxe, conciliación e vixilancia do seu cumprimento.

As funcións específicas desta comisión, que en ningún caso obstruirán o libre exercicio da xurisdicción competente laboral, á que lle corresponderá a última decisión verbo da aplicación ou interpretación do contido do convenio, serán as seguintes:

1. Arbitraxe nos problemas e conflictos que lle sexan sometidos polas partes ou nos supostos presvistos concretamente no presente texto.

2. Conciliación facultativa nos problemas e conflictos colectivos, con independencia das respectivas conciliacións interesadas.

3. Vixilancia do cumprimento do pactado.

4. Entender de cantas outras xestións tendan á maior eficacia do convenio.

Tendo en conta tales funcións, ámbalas partes conveñen en pór en coñecemento da comisión paritaria do convenio cantas dúbidas, discrepancias e conflictos se puidesen producir como consecuencia da interpretación e aplicación do convenio, para que a comisión emita dictame ou actúe na forma regulamentariamente prevista, previa ou simultaneamente á presentación de tales casos ante a xurisdicción.

A comisión paritaria do convenio, que se reunirá por petición de calquera das partes, comporase dun presidente, un secretario, elixidos polas partes, e oito vocais, catro pola Asociación Provincial de Panadería e catro pola parte social. En todo caso, a comisión paritaria do convenio poderá utiliza-los servicios permanentes ou ocasionais de asesores en tódalas materias que sexan da súa competencia.

Artigo 13º

Tódalas empresas quedan obrigadas a respecta-las normas que sobre seguridade e hixiene están recollidas na lexislación vixente e regulamentación de panadería, establecéndose unha revisión médica obrigatoria unha vez ó ano. É obrigatorio facilitarlle ó traballador roupa de traballo, que consistirá en:

-Tres uniformes brancos ó ano para traballos de obradoiro.

-Tres mandilóns ó ano para o persoal de despacho e repartidores.

Artigo 14º

Os salarios mínimos e de cotización serán os que resulten da aplicación do presente convenio, salvo que nalgún momento sexan inferiores ó salario mínimo interprofesional.

Artigo 15º

Os salarios establecidos para a distintas categorías para o período que vai desde o 1 de xaneiro de 1998 ó 31 de decembro de 1998 serán os recollidos na táboa salarial adxunta, que supoñen un incremento salarial con respecto ó último ano dun 2,5%.

Para o período que vai desde o 1 de xaneiro de 1999 ó 31 de decembro de 1999 a táboa salarial adxunta de 1998 sufrirá un incremento equivalente ó IPC previsto polo Goberno para o ano 1999 máis o 0,5%.

Establécese para o ano 1998 unha cláusula de revisión no suposto de que o IPC real estatal o 31 de decembro de 1998 supere o 2,5%, no exceso da indicada cifra e con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 1998, e servirá de base para aplica-lo incremento que se pacte no ano 1999.

Así mesmo establécese para o ano 1999 unha cláusula de revisión no suposto de que o IPC real estatal o 31 de decembro de 1999 supere o IPC previsto polo Goberno para o ano 1999 máis o 0,5%, no exceso da indicada cifra, con efctos retroactivos des

de o 1 de xaneiro de 1999 e servindo de base para aplica-lo incremento que se pacte no ano 2000.

Artigo 16º.-Gratificacións extraordinarias.

Todo o presoal afectado polo presente convenio precibirá:

-Gratificación extraordinaria 31 de xullo, trinta días (30), pagadoira coa nómina de xullo.

-Gratificación extraordinaria Nadal, trinta días (30), pagadoira antes do día 24 de decembro.

-Gratificación extraordinaria S. Honorato, trinta días (30), pagadoira coa nómina de maio.

O aboamento das gratificacións fixadas anteriormente estará constituído polos conceptos retributivos seguintes:

-Soldo base.

-Antigüidade.

-Xornada especial.

Artigo 17º

A xornada de traballo será a regulada no Estatuto dos traballadores e lexislación de xeral aplicación.

Así pois, para o presente convenio fíxase a seguinte xornada de traballo:

Corenta (40) horas semanais de traballo efectivo, equivalentes a 1.826 horas, segundo dispón a Lei 4/1983, do 29 de xuño, alínea b), artigo 6, máis a xornada especial de dúas horas, as cales serán aplicadas nas xornadas denominadas dobres, dos sábados ou vésperas de festivos en que haxa necesidade de realizar tal xornada coñecida por dobre. Cada ano natural os traballadores disporán de dous días aboables e non recuperables, comunicándollo antes á empresa.

*Horarios.

-Persoal de obradoiro (excepto amasadores).

De luns a venres: de dúas horas e trinta minutos a nove horas.

Sábado: dunha hora e trinta minutos a nove horas.

-Persoal de obradoiro: amasadores.

De luns a venres: dunha hora e trinta minutos a oito horas.

Sábado: de cero treinta horas a catro horas.

-Persoal de reparto (transportadores).

De luns a venres: de sete horas a trece horas e trinta minutos.

Sábado: de sete horas a catorce horas e trinta minutos.

-Persoal de vendas despachos.

De luns a venres: mañá: de nove horas a catorce horas. Tarde: de dezasete horas a dezanove horas.

Sábado: de nove horas a catorce horas.

Artigo 18º

Cando coincidan dous días festivos consecutivos, como é o caso da festividade de San Honorato, procederase á fabricación e venda no primeiro deles, respectando en todo caso a festividade do domingo, motivo polo cal se inverterá o día de fabricación para o caso de que o primeiro festivo coincida en domingo, todo sen prexuízo do que dispoñan as autoridades competentes e, dun xeito especial, a Lei de comercio interior da nosa Comunidade Autónoma.

Os traballos que se realizarán nos ditos días festivos serán aboados como segue: salario base e antigüidade multiplicado por dous, incrementarase o 35% do día festivo. É dicir, aplicaras a fórmula:

2 (salario base + antigüidade)+35x(salario base+antigüidade)

100

Artigo 18º bis.

Queda establecida neste convenio, e salvo os supostos que se exceptúan no parágrafo seguinte, a prohibición de venda, fabricación e distribución de pan, pans especiais e bolos, quedando os establecementos obrigados a pecha-los domingos e días sinalados.

Exceptúase do disposto no parágrafo anterior para o ano 1998 ós días 5 de xullo, 11 de outubro e 7, 13 e 20 de decembro e para o ano 1999 os días 2 de maio, 4 de xullo e 5, 12 e 19 de decembro, máis un festivo local, días estes nos que se poderá vender, fabricar e distribuír pan, pans especiais e bolería.

Aqueles traballadores que presenten os seus servicios nas datas sinaladas no parágrafo anterior serán compensado o traballo en tales datas mediante un día e medio de descanso por cada domingo ou festivo traballado, que se desfrutarán dentro dos catro meses seguintes segundo acordo entre empresario e traballador ou ben mediante a retribución consistente no salario ordinario incrementado cunha recarga por domingo ou festivo traballado de 3.157 ptas. para o ano 1998 e de 3.230 ptas. para o ano 1999.

En todo caso recoñécese o dereito do empresario a decidir cada domingo e día festivo traballado ou número e categoría dos traballadores que precisa para unha correcta organización do traballo.

Artigo 19º

Por circunstancias de carácter estrictamente estructurais, derivadas da natureza da actividade de que se trata, e co fin de atender suficientemente a subministración de pan a poboación nas vésperas de domingos e festivos, nos cales non se procederá á fabricación e venda de pan, establécese unha xornada especial nos ditos días vésperas de domingo e festivos, consistente na prolongación da xornada normal, en dúas horas máis, para o cal se fixa na táboa salarial adxunta a correspondente cantidade diaria que percibirán os traballadores en cada categoría profesional.

Artigo 20º

A remuneración do persoal afectado por este convenio estará formada exclusivamente por: salario base-antigüidade-xornada especial-pan, todo tendo en conta a circunstancia que concorre nos traballadores de obradoiro, de realizaren traballos nocturnos.

Artigo 21º

De conformidade co establecido no artigo 25 do Estatuto dos traballadores, establécense os seguintes incrementos por antigüidade:

-Ós cinco anos, dez por cento (10%).

-Ós quince anos, vintecinco por cento (25%).

-Ós vinte anos, corenta por cento (40%).

-Ós vintencinco anos, sesenta por cento (60%).

Os incrementos calcularanse sobre o salario base.

Artigo 22º

Páctase que as empresas vincualadas polo presente convenio aboaranlles ós traballadores o 100% do salario real, servindo de módulo o do mes anterior á baixa en casos de accidente laboral mentres dure a baixa polo dito accidente. Así mesmo, as empresas aboaranlles ós traballadores o 100% do salario real nos casos de enfermidade profesional ou con hospitalización durante os primeiros corenta días.

En todo caso, e por aplicación do disposto no artigo 133 quater do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, nos supostos de baixa por maternidade os traballadores terán dereito a un subsidio, a cargo da Seguridade Social, na seguinte contía: 100% da base reguladora a partir do mesmo día en que se inicia o descanso por maternidade.

Artigo 23º

O período de vacacións será de trinta días naturais (30) que serán desfrutados tendo en conta as necesidades do servicio e logo de acordo cao empresa, preferentemente entre os meses de xuño a setembro. Na falta de acordo, aplicarase o disposto no artigo 38 do Estatuto dos traballadores. O traballador en período de vacacións recibirá o mesmo salario que no seu traballo habitual, con dereito, ademais, ó quilogramo de pan que ten recoñecido.

Artigo 24º

Avisando coa máxima anticipación posible, o persoal afectado por este convenio poderá faltar ó traballo con dereito a percibi-lo salario, por algún dos motivos e durante os períodos de tempo seguintes, todo sen prexuízo das licencias retribuídas polos motivos e tempos previstos no Estatuto dos traballadores.

a) Durante quince días hábiles, en caso de matrimonio.

b) Tres xornadas de traballo nos casos de enterramento de pais, fillos, cónxuxes ou irmáns, tanto na liña de consanguinidade como de afinidade, así como

no caso de nacemento de fillos, ampliándose a cinco días cando o feito se produza fóra da localidade onde está o centro de traballo.

c) Durante dous días por traslado do seu domicilio habitual.

Artigo 25º

De conformidade co establecido no artigo 46 do Estatuto dos traballadores e en canto subsista tal regulación, o traballador con polo menos unha antigüidade na empresa dun ano ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor de dous anos e non maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

Do mesmo xeito, os traballadores terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza como por adopción, contando desde a data de nacemento deste.

Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que se viñese desfrutando. Cando o pai ou a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Así mesmo, poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior en canto dure o exercicio do seu cargo representativo.

Artigo 26º

As festas serán as aprobadas polo calendario oficial laboral e o día dezaseis de maio, festividade de San Honorato.

Artigo 27º

Establécese o criterio de reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias, chegando a suprimilas.

Poderanse realizar, non obstante, dentro dos límites e condicións do artigo 35 do Estatuto dos traballadores, as horas extraordinarias necesarias por períodos punta de producción, ausencias imprevistas ou outras circunstancias de carácter estructural derivado da natureza da actividade.

Non se computarán como horas extraordinarias nin se terán en conta para efectos da duración máxima da xornada ordinaria laboral, sen prexuízo do seu aboamento como se se tratase de horas extraordinarias, o exceso das traballadas para previr ou reparar sinistros e outros danos extraordinarios. As horas extraordinarias terán unha recarga do setenta e cinco por cento (75%) e xirarán baixo a seguinte fórmula:

Salario base convenio x 30 x1,75 valor hora extra

172

Artigo 28º

O traballador que se incorpore ó servicio militar ou prestación social substitutoria, con descendencia, e que leve como mínimo un ano ó servicio da empresa, terá dereito a percibi-las gratificacións de xullo, Nadal e San Honorato durante tal servicio militar ou prestación substitutoria.

Artigo 29º

Os traballadores terán dereito a percibir un quilogramo de pan diario, incluídos os períodos de vacacións, baixa por enfermidade e accidente. Figurará en nómina segundo o prezo establecido na táboa anexa.

Artigo 30º

En tódalas empresas do ámbito do convenio e en tódolos centros de traballo serán debidamente exposto un exemplar deste convenio para ser consultado libremente polo persoal.

Artigo 31º

Se durante a vixencia do presente convenio mediase negociación e acordo doutro ámbito superior ó presente, as partes adheriranse a el, sempre e cando non exista violación expresa da lexislación vixente e sexa en cómputo anual superior para os traballadores.

Artigo 32º

Os atrasos, por diferencia de salarios, producidos como consecuencia da publicación do presente convenio, faranse efectivos nos dous primeiros días seguintes a partir da publicación do convenio no BOP ou no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 33º

As empresas veranse obrigadas a concertar, con primas íntegras ó seu cargo, no prazo de dous meses desde a sinatura do presente convenio, unha póliza de accidentes que cubra os riscos de falecemento ou invalidez permanente nos graos de total, aobsoluta e gran invalidez a consecuencia de accidente de traballo.

-Falecemento: 2.500.000 ptas.

-Invalidez permanente: 3.000.000 ptas.

Artigo 34º.-Premios de xubilación.

Os traballadores que se xubilen con máis de 10 anos de antigüidade na empresa percibirán, caso de que tanto a empresa como o traballador estivesen interesados na extinción do contrato de traballo por xubilación anticipada deste, unha gratificación equivalente ás seguintes contías en función da idade á que se xubilasen:

-64 anos: unha mensualidade e media.

-63 anos: 210.400 pesetas.

-62 anos: 315.500 pesetas.

-61 anos: 368.100 pesetas.

-60 anos: 420.700 pesetas.

Artigo 35º.-Formación profesional.

As partes signatarias acordan constituír unha comisión paritaria provincial sectorial de formación profesional, integrada por un representante de cada unha das centrais sindicais asinantes do convenio e un número de representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Panaderías de Lugo igual ó total das centrais sindicais.

Serán funcións desta comisión:

-Requirir das administracións autonómicas competentes o recoñecemento desta comisión como interlocutor social sectorial, que reciba a información existente sobre programas e cursos de formación profesional con financiamento oficial que afecten o sector de panaderías, co fin de colaborar tanto nos que estean en marcha como nos que se poidan programar en diante.

-Elaborar estudios sobre necesidades e requirimentos de formación profesional no sector para chegar a defini-la organización e programación dela, tanto ocupacional como regrada (observatorio ocupacional).

-Elaborar plans formativos necesarios para consegui-la homologación das cualificacións profesionais de traballadores técnicos, administrativos e manuais, cos seus equivalentes na Comunidade Económica Europea, con vistas á entrada en vigor do Mercado Único.

-Cantas outras funcións a comisión se atribúa, orientadas ó desenvolvemento e mellora da formación profesional no sector da provincia de Lugo.

Artigo 36º.-Comisión de seguridade e hixiene no traballo.

As partes signatarias acordan constituír unha comisión provincial sectorial de seguridade e hixiene no traballo, integrada por un representante de cada unha das centrais sindicais que asinan o convenio e o número de representantes da Asociación de Empresarios de Panaderías de Lugo igual ó total das centrais sindicais.

Ámbalas representacións comprométense a manter reunións periódicas, logo de convocatoria de calquera das partes con 15 días de anticipación.

As funcións básicas da comisión de seguridade e hixiene terán como obxectivos prioritarios:

1. Promove-la observancia das disposicións legais vixentes para a prevención dos riscos profesionais no ámbito do sector.

2. Prestar asesoramento óa empresarios e traballadores para evitar e/ou reducir-los riscos que atenten contra a integridade física e saúde dos traballadores.

3. Dar a coñece-las normas e procedementos que en materia de seguridade e hixiene dicten os organismos especializados nesta materia.

4. Solicitar informes sobre os resultados estatísticos dos coñecementos médicos que se lles realicen ós traballadores neste sector.

Cnatas outras funcións a comisión se atribúa, orientadas ó desenvolvemento e mellora da seguridade e hixiene no traballo no sector, na provincia de Lugo.

Artigo 37º.-Modalidades de contratación.

a) O contrato de duración determinada regulado no artigo 15.1º b) do Real decreto lexislativo 1/1995, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores poderá ter unha duración máxima de doce meses dentro dun período de dezaoito meses.

A posibilidade de concertar contratos eventuais dos previstos no artigo 15.1º b) do Real decreto lexislativo 1/1995, coa duración máxima prevista no presente artigo, non se poderá empregar para o caso dos contratos concertados por tempo inferior a 12 horas á semana ou 48 horas ó mes.

b) Os traballadores contratados baixo a modalidade de contrato de traballo para a formación precibirán unha retribución, a partir da data de publicación do presente convenio no BOP de Lugo ou Diario Oficial de Galicia, consistente no 80% e o 85% dos salarios de convenio correspondentes á categoría profesional para a que se forma o traballador durante, respectivamente, o primeiro e o segundo ano de vixencia do contrato.

c) Os traballadores contratados baixo a modalidade de contrato de traballo de aprendizaxe precibirán unha retribución, a partir da data de publicación deste convenio no BOP de Lugo ou Diario Oficial de Galicia, consistente no 80% e o 85% dos salarios de convenio correspondentes á categoría profesional para a que se forma o traballador durante, respectivamente, o segundo e o terceiro ano de vixencia do contrato.

d) Contrato indefinido de fomento de emprego. O ámbito de aplicación do presente convenio poderase concertar esta modalidade contractual con traballadores empregados na empresa mediante un contrato de duración determinada ou temporal, incluídos os contratos formativos, subscrito unha vez transcorrido un ano desde a entrada en vigor do Real decreto lei 8/1997.

Artigo 38º

As partes asinantes deste convenio consideran o acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA) como a canle idónea para a solución dos conflictos colectivos laborais.

Táboa salarial convenio provincial

de panaderías de Lugo

Vixencia 1-1-1998 ó 31-12-1998

Categoría profesional

Salario baseXornada especial

Pan

Total

Total

anual

Mestre encargado2.4253682002.9931.342.943
Oficial de pa2.4253682002.9931.342.943
Oficial de masa2.4253682002.9931.342.943
Oficial de mesa2.4253682002.9931.342.943
Oficial administrativo2.4253682002.9931.342.943
Axudante2.4143292002.9431.320.911
Auxiliar administrativo2.4143292002.9431.320.911
Peón2.4143292002.9431.320.911
Transporte pan despacho2.4143542002.9681.331.644
Repartidor2.4143542002.9681.331.644
Vendedor despacho2.4142532002.8671.285.324
Muller da limpeza2.4142532002.8671.285.324

Antigüidade: a que corresponda en cada caso para as categorías.

Táboa salarial convenio provincial

de panaderías de Lugo

Vixencia 1-1-1999 ó 31-12-1999

Categoría profesional

Salario baseXornada especial

Pan

Total

Total

anual

Mestre encargado2.4813762053.0621.373.831
Oficial de pa2.4813762053.0621.373.831
Oficial de masa2.4813762053.0621.373.831
Oficial de mesa2.4813762053.0621.373.831
Oficial administrativo2.4813762053.0621.373.831
Axudante2.4703372053.0121.351.292
Auxiliar administrativo2.4703372053.0121.351.292
Peón2.4703372053.0121.351.292
Transporte pan despacho2.4703622053.0371.362.272
Repartidor2.4703622053.0371.362.272
Vendedor despacho2.4702592052.9341.314.886
Muller da limpeza2.4702592052.9341.314.886

Antigüidade: a que corresponda en cada caso para as categorías.