Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 26 de abril de 1999 Páx. 4.929

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 19 de abril de 1999 pola que se regula a concesión de axudas a entidades locais para formulación de planeamento urbanístico.

Como continuación do programa dirixido ás entidades locais para fomento da realización de traballos de redacción de planeamento municipal, procede a publicación dunha nova convocatoria de axudas que complete os fins inicialmente establecidos.

A experiencia proporcionada por aplicación da orde precedente, aconsella mante-los mesmos criterios básicos nela contidos, se ben, se incorporan a esta mecanismos dirixidos ó perfeccionamento do procedemento de xestión para mellora-la eficacia finalista das axudas.

Polo tanto, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para a finalidade para a que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e destinatarios.

1. Constitúe o obxecto da presente orde a concesión de axudas a entidades locais que o soliciten, para a realización de traballos de redacción de planeamento urbanístico, de acordo co disposto no seguinte punto:

2. Poderán ser obxecto de axuda:

a) A redacción de plans xerais de ordenación municipal ou proxectos de ordenación do medio rural, ben sexa como figura de nova formulación ou como revisión ou adaptación dos instrumentos de planeamento vixentes ou en tramitación.

b) A redacción de plans especiais de protección de conxuntos histórico-artísticos.

c) A execución de cartografía analítica para a redacción de planeamento urbanístico, sempre que non forme parte dos programas de contratación da consellería e resulte compatible cos sistemas de execución empregados nestes programas.

d) Poderán acollerse ás axudas previstas aqueles concellos que no momento da entrada en vigor da presente orde tiveran xa contratados traballos dos establecidos anteriormente, sempre que os procedementos seguidos se adapten ós que se establecen nesta orde.

Artigo 2º.-Financiamento.

As axudas outorgadas conforme o disposto na presente orde serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria: 06.02.332 A.760.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

As axudas poderán ser de carácter plurianual cos límites e porcentaxes establecidos no punto 3 do artigo 58 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 3º.-Orde de prelación.

Para establecer prioridades na selección de solicitudes que presenten os concellos, establécese a seguinte orde de prevalencia:

1º) Redacción de Plan Xeral de Ordenación Municipal ou proxecto de ordenación do medio rural dos concellos que carecen de planeamento urbanístico, así como a cartografía que, se é o caso, resultase precisa.

2º) Revisión ou adaptación á Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, de planeamento municipal vixente ou en tramitación, así como a cartografía que, se é o caso, resultase precisa.

3º) Redacción de plans especiais de protección de conxuntos histórico-artísticos, así como a cartografía que, se é o caso, resultase precisa.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

1. As subvencións que se outorguen poderán alcanzar ata o 80% do orzamento de contratación previsto.

2. O orzamento ó que fai referencia este artigo será, en calquera caso, o calculado ou aceptado pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, unha vez emitido informe polos seus servicios correspondentes.

3. A suma das axudas e subvencións recibidas por unha entidade local para a redacción de instrumentos de planeamento urbanístico, que proveñan de entes públicos ou privados, e percibidas coa mesma finalidade, non poderán nunca supera-lo 100% do orzamento de contratación global.

Para tal fin, a entidade subvencionada deberá poñer en coñecemento da Dirección Xeral de Urbanismo, o importe doutras axudas para igual fin outorgadas por outros entes públicos ou privados.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes e documentación.

1. No prazo dun mes a partir da entrada en vigor desta orde, as entidades locais interesadas deberán presentar no rexistro da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no da súas delegaciones provinciais, ou mediante calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, unha solicitude de acordo co modelo que figura como anexo I a esta orde, xunto coa seguinte documentación:

a) Memoria na que se xustifique a necesidade e oportunidade dos traballos para os que se solicita subvención. Esta memoria conterá unha valoración dos traballos, con expresión do orzamento previsto para eles.

b) Para o caso previsto no artigo 1º.3 da presente orde, certificación na que se faga consta-la existencia do contrato de elaboración dos traballos e o seu importe.

Artigo 6º.-Resolución.

1. As solicitudes serán resoltas pola Dirección Xeral de Urbanismo por proposta da Subdirección Xeral de Urbanismo.

2. Nas resolucións de concesión das subvencións indicarase o obxecto e contía da subvención, as fases en que se desenvolverán os traballos e o programa de pagamentos correspondente a estas.

3. En ningún caso poderá entenderse concedida a subvención por silencio administrativo.

Artigo 7º.-Aceptación da subvención.

1. A entidade local beneficiaria disporá do prazo dun (1) mes, contado a partir da recepción da notificación da resolución de concesión, para comunica-la aceptación da subvención. Para tal efecto deberá uni-la seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do órgano competente da entidade local polo que se acepte a subvención nos termos e prescricións desta orde e da resolución de concesión, e se manifeste o compromiso de efectua-lo libramento da totalidade dos fondos correspondentes á entidade local con anterioridade ás achegas da consellería.

b) Certificación na que se faga constar que non existen outras subvencións aplicables ós traballos obxecto da axuda ou, de existir, que tódalas subvencións aplicables ós citados traballos non superan a totalidade de seu orzamento.

c) Certificación de que existen os fondos necesarios para facer fronte ás achegas que deberá realiza-la entidade local.

2. Transcorrido o prazo indicado no punto anterior sen que se produza esta comunicación, e de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Dirección Xeral de Urbanismo dictará resolución, deixando sen efecto a subvención.

Artigo 8º.-Obriga de cumprimento de prazos.

1. A entidade local vén obrigada a xustificar ante a Dirección Xeral de Urbanismo, dentro da correspondente anualidade, a execución das fases que dean lugar a libramentos parciais.

2. O incumprimento dos prazos parciais fixados na resolución de concesión da axuda determinará a reducción da súa contía polo importe correspondente ó prazo incumprido, salvo circunstancias excepcionais, debidamente acreditadas pola entidade local beneficiaria da subvención con anterioridade ó vencemento do prazo, que xustifiquen suficientemente, a xuízo da Dirección Xeral de Urbanismo, este incumprimento. De non concorrer tal xustificación expresa neste prazo, isto determinará automaticamente e sen máis trámites a reducción da subvención no importe correspondente

ó prazo incumprido. Disto deixarase constancia no expediente con notificación á entidade local interesada.

Artigo 9º.-Pregos de prescricións técnicas.

As entidades beneficiarias das subvencións empregarán preferiblemente no proceso de contratación dos traballos os pregos de prescricións técnicas facilitados para o efecto pola Dirección Xeral de Urbanismo. No caso de que os pregos sexan elaborados directamente polos concellos, deberán contar co informe favorable dos servicios técnicos da consellería.

Artigo 10º.-Representantes da consellería.

Nas mesas de contratación que se constitúan para a adxudicación dos traballos obxecto de subvención deberá incluírse, como vocal, un representante da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, que será designado pola Dirección Xeral de Urbanismo.

Artigo 11º.-Garantías e xustificación do investimento e pagamentos.

Para garanti-lo investimento e rendemento das axudas concedidas ó amparo desta orde, establécense as seguintes regras:

a) A entidade local deberá achegar integramente a diferencia entre o importe do contrato e a axuda concedida, e acreditar esta achega ante a Dirección Xeral de Urbanismo como requisito previo para o pagamento da axuda. Así mesmo, deberá acreditar xustificación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa administración da Comunidade Autónoma e solicitar, se é o caso, os libramentos parciais.

b) O pagamento da axuda efectuarase conforme o programa de achegas parciais establecido na resolución de concesión. Para proceder a cada unha das achegas parciais, a entidade beneficiaria deberá xustificar ante a Dirección Xeral de Urbanismo a realización da correspondente fase dos traballos, conforme os requisitos establecidos nesta orde, na resolución de concesión e nos pregos de prescricións. Para tal efecto, deberá presentarse certificación detallada, expedida polo órgano municipal competente, relativa ó cumprimento das cláusulas e prescricións do contrato subscrito.

Os libramentos correspondentes realizaranse, se é o caso, de acordo coas prescricións establecidas no artigo 35 B) da Lei 6/1998, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

c) A Dirección Xeral de Urbanismo poderá supervisa-la execución dos traballos, co obxecto de comproba-lo cumprimento dos requisitos establecidos, e para tal fin as unidades administrativas dependentes dela poderán ter acceso á información necesaria durante o desenvolvemento das distintas fases.

Disposicións adicionais

Primeira.

1. As entidades locais beneficiarias de axudas concedidas ó amparo de ordes precedentes que quedaran

sen efecto de acordo co establecido nelas, poderán solicitar, ó amparo desta orde, unha nova axuda polo importe correspondente ás fases non xustificadas das ditas axudas, así como, se é o caso, o custo da adaptación do instrumento de planeamento en tramitación á nova Lei 1/1997, do solo de Galicia e Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións.

2. Neste caso, quedará incorporada ó novo expediente a documentación achegada polo concello ó expediente orixinado pola subvención que quedou sen efecto.

3. As axudas concedidas ó amparo desta disposición rexeranse polo disposto na presente orde.

Segunda.-Autorízase a Dirección Xeral de Urbanismo para realizar, durante o prazo de vixencia da orde, os reaxustes das anualidades orzamentarias, que razoadamente considere oportunas, en función do cumprimento dos prazos inicialmente establecidos na resolución de adxudicación. Este reaxuste non poderá modifica-lo importe total da subvención, nin no seu conxunto, as porcentaxes que, sobre investimento plurianual, establece a Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financieiro e orzamentario de Galicia.

Destes actos darase traslado, unha vez que adquiran a condición de firmeza, ás entidades locais afectadas.

Terceira.-Autorízase a Dirección Xeral de Urbanismo para dicta-las resolucións necesarias para realizar novas convocatorias de axudas en función das dispoñibilidades orzamentarias existentes, así como para o desenvolvemento desta orde.

Cuarta.-As entidades beneficiarias das axudas reguladas por esta orde deberán someterse, ademais de ás actuacións de comprobación que acorde a entidade concedente, ó disposto nos artigos 78.4º, 78.5º e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financieiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 13 de abril de 1998, pola que se regula a concesión de axudas a entidades locais para a formulación de planeamento urbanístico.

Disposición transitoria

Os expedientes resoltos ó amparo da orde derrogada axustaranse ás súas prescricións e manterá a súa vixencia para estes únicos efectos.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 1999.

P.D. (Orde 13-12-1993)

José Antonio Fernández Vázquez

Secretario xeral da Consellería de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda