Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 26 de abril de 1999 Páx. 4.927

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 13 de abril de 1999 pola que se clasifica como de interese benéfico-asistencial a Fundación Autismo-Coruña.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Autismo-Coruña, con domicilio no Castro de Elviña (A Coruña).

Supostos de feito:

1. Francisco Javier Patiño Patón, na súa calidade de secretario da fundación, en escrito do 4 de marzo de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Autismo-Coruña foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día 4 de febreiro de 1999, ante o notario José Miguel Sánchez-Andrade Fernández, co número douscentos dezaoito do seu protocolo, por Coral Seoane Malde, Jesús Manuel Pérez Corgos, Xosé María Pedreira Martínez, Ricardo Touceda Couselo, Francisco Javier Patiño Patón, que interveñen no seu propio nome e dereito e o primeiro deles, ademais, en nome e representación da Asociación de Pais de Persoas Autistas e Psicóticas da Provincia da Coruña.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, é obxecto da fundación:

1º A asistencia, o acollemento e a atención terapéutica, cando fose precisa, dos beneficiarios definidos no artigo 17 destes estatutos ós que proporcionará, na medida en que os recursos da fundación o permitan, asistencia material (vivenda, aloxamento, vestido, alimentación e demais necesidades vitais), educación e potenciación das súas facultades intelectivas, promoción da adquisición e/ou recuperación das súas capacidades e a integración na sociedade.

2º Exerce-la tutela e representación dos beneficiarios, persoas que sofren as discapacidades citadas no punto anterior, que sexa atribuída á fundación polos medios previstos na lei. A fundación promoverá a integración familiar do tutelado, dentro das condicións que garantan a súa permanencia, custodia e atención de todo tipo.

3º O apoio ós pais e titores das persoas que reúnan a condición de beneficiarios da fundación, mediante o asesoramento, programas formativos, asistencia xurídica e demais medios que precisen no exercicio das súas funcións.

4º A creación de centros ocupacionais, residenciais e a prestación de actividades formativas e educacionais, así como as de ocio, tempo libre e lúdicas que melloren a calidade de vida dos beneficiarios.

4. O padroado da fundación estará constituído por Coral Seoane Malde como presidenta, Xosé Mª Pedreira Martínez como vicepresidente, Francisco Javier Patiño Patón como secretario, Ricardo Touceda Couselo como tesoureiro e Jesús Manuel Pérez Corgos como vocal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese benéfico-asistencial da Fundación Autismo-Coruña, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese benéfico-asistencial e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 12 de abril de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese benéfico-asistencial a Fundación Autismo-Coruña e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública