Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 22 de abril de 1999 Páx. 4.736

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 14 de abril de 1999 pola que se establecen bolsas de prácticas para titulados en especialidades agrarias.

Coa finalidade de que os recentemente titulados en especialidades agrarias adquiran maiores coñecementos prácticos nas materias propias dos seus estudios, que lles permitan unha mellor preparación para o seu futuro profesional, esta consellería considera interesante establecer unha liña de axudas en forma de bolsas para prácticas.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983,

do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Establécense axudas económicas, que no sucesivo denominaremos bolsas, para realizar prácticas en temas agrarios, conforme as bases contidas na presente orde.

Artigo 2º.-Finalidade.

As bolsas concederanse para o desenvolvemento de estudios e prácticas formativas en materia agraria. As prácticas realizaranse en empresas e entidades relacionadas co sector agrario, en industrias agroalimentarias e en unidades desta consellería (pre

ferentemente nas axencias de extensión agraria e nos servicios de sanidade e producción animal).

Artigo 3º.-Carácter das bolsas.

As bolsas terán carácter formativo e non implican relación laboral nin administrativa entre os beneficiarios e as empresas e/ou a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, aínda que si a necesaria dependencia administrativa en relación co horario, normas de réxime interno e disciplinas da empresa ou unidade administrativa onde se realicen as prácticas.

As bolsas tampouco darán lugar á súa inclusión na Seguridade Social. Nembargantes, subscribiráselles a tódolos bolseiros unha póliza colectiva de seguro de accidentes durante o tempo de duración das prácticas.

Artigo 4º.-Empresas interesadas.

1. As empresas e entidades relacionadas co sector agrario e as industrias agroalimentarias interesadas en acoller algún bolseiro en período de prácticas, das titulacións que se relacionan no artigo seguinte, durante un período de 2 meses e sen custo ningún para elas, solicitarano ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, antes do 20 de maio do presente ano, tal e como se detalla nos artigos 8º e 9º desta orde.

2. As solicitudes presentaranse segundo o modelo adxunto, debidamente cuberto e asinado polo presidente ou representante legal da empresa ou entidade peticionaria, acompañadas da seguinte documentación:

-Breve memoria, na que xustifique a petición e especifique o tipo de prácticas que se van realizar e a titulación do bolseiro que demandan, que se trataría de satisfacer na medida en que sexa posible.

-Fotocopia do CIF da empresa.

-Fotocopia dos TC do último mes, para acredita-lo seu cadro de persoal.

Artigo 5º.-Destinatarios e número de bolsas.

Establécense un total de 30 bolsas, destinadas ós titulados recentemente como enxeñeiros agrónomos, enxeñeiros técnicos agrícolas ou veterinarios.

Artigo 6º.-Duración e contía económica.

As bolsas terán unha duración de 2 meses, iniciándose o 1 de xullo e rematando o 31 de agosto do presente ano. Neste período o seu importe económico total será de 200.000 pesetas, a razón de 100.000 ptas./mes.

Artigo 7º.-Requisitos.

1. Poderán solicitar estas bolsas aquelas persoas que:

-Teñan a condición de galegos, ou que alomenos acrediten tres anos de residencia en Galicia.

-Obtivesen o título de enxeñeiro agrónomo, enxeñeiro técnico agrícola ou veterinario, con posterioridade ó 30 de xuño de 1997.

2. Ningunha persoa, como titulada, poderá beneficiarse desta bolsa máis dunha vez.

3. En calquera caso, estas bolsas son incompatibles co traballo remunerado de carácter fixo ou temporal durante o seu período de duración.

Artigo 8º.-Presentación de solicitudes e prazo.

As solicitudes irán dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería, nas súas delegacións provinciais, ou do xeito previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes destas bolsas de prácticas remata o 20 de maio do presente ano.

Artigo 9º.-Documentación.

As solicitudes presentaranse segundo o modelo adxunto, debidamente cuberto e asinado polo interesado, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI.

-Declaración do interesado na que faga constar que cumpre os requisitos sinalados no artigo 7º desta convocatoria e de que non incorre na incompatibilidade que se detalla nel.

-Copia compulsada do título ou xustificante de similar valía, expedido polo centro onde cursou os seus estudios.

-Copia compulsada da certificación sobre a cualificación media global que obtivo na súa carreira, a poder ser, expresada numericamente.

-Acreditación, en orixinal ou copia compulsada, do coñecemento da lingua galega.

Artigo 10º.-Selección das empresas.

Terán preferencia aquelas empresas que:

-Teñan previsto amplia-lo seu cadro de persoal nos 6 meses seguintes á petición do bolseiro, sempre que o xustifiquen na memoria de solicitude.

-Ofrezan para o bolseiro un posto en prácticas adecuado á súa titulación.

Artigo 11º.-Tramitación.

Unha vez terminado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Industrias e Alimentación procederá á súa revisión e tramitación. Se as solicitudes non estivesen debidamente cubertas ou non se xuntase a documentación esixida, requiriranse os interesados para que no prazo máximo de dez días emenden os erros ou presenten os documentos preceptivos, con indicación de que, de

non facelo, se entenderá por desistida a súa petición e se arquivará a solicitude, de conformidade co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Selección dos beneficiarios.

1. A selección dos bolseiros faraa unha comisión de valoración presidida polo director xeral de Industrias e Alimentación da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e da que tamén forman parte: como secretario un funcionario do Servicio de Fomento Asociativo, e como vocais o subdirector xeral de Industrias Agroalimentarias e o xefe de Servicio de Fomento Asociativo.

2. A selección realizarase tendo en conta:

-A cualificación media global da carreira, expresada numericamente. Se a nota da carreira non se detallase en número, para efectos de efectua-la selección dos bolseiros, tomaranse como referencia os seguintes valores: aprobado-5, notable-7, sobresaínte-9 e matrícula de honra-10.

-Os coñecementos de galego. Valoraranse a razón de 0,5 puntos polo nivel de iniciación e de 1 punto polo nivel de perfeccionamento, sen que sexan acumulables ámbalas dúas puntuacións.

-No caso de que varios solicitantes teñan a mesma puntuación, usaranse como criterios de desempate, en orde de maior a menor, en primeiro lugar a data de obtención do título e, en segundo lugar, a idade dos solicitantes.

3. Seleccionaranse tantos candidatos a bolseiros como número de bolsas se convocan mediante a presente orde. Existirá unha lista de suplentes confeccionada por orde de puntuación, coa finalidade de cubrir posibles baixas ou renuncias dos seleccionados.

4. A relación de seleccionados e suplentes estará á disposición dos interesados no Servicio de Fomento Asociativo da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e exporase no taboleiro de anuncios da devandita consellería, nos servicios centrais, en Santiago de Compostela.

Artigo 13º.-Resolución e pagamento.

1. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, unha vez revisadas e examinadas as solicitudes presentadas, por proposta da comisión de valoración, resolverá a concesión destas bolsas de prácticas.

2. O prazo para resolver será de tres meses, contados a partir da data de rexistro de entrada das solicitudes. Estas entenderanse desestimadas cando transcorra o devandito prazo sen que recaese resolución expresa.

3. O pagamento será único e farase ó remata-lo período de prácticas, unha vez recibido o informe do xefe da unidade correspondente, ou do xerente da empresa, sobre o correcto desenvolvemento das prácticas. O devandito informe deberá ser remitido coa maior celeridade posible ó Servicio de Fomento Asociativo, en San Caetano, Santiago de Compostela.

4. Se o bolseiro causa baixa durante o período de prácticas, despois de transcorrer alomenos un mes, poderáselle paga-lo importe correspondente a ese mes. En ningún caso se lle pagarán fraccións mensuais.

5. O importe destas bolsas de prácticas sufragarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.611A.481.1 «Axudas a estudios e traballos sobre temas agrarios», dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, por un importe máximo de seis millóns de pesetas (6.000.000 de ptas.).

Artigo 14º.-Perda da condición de bolseiro.

1. O bolseiro perderá a condición como tal, cando:

-Deixe de asistir á unidade, ou á empresa, onde realiza as prácticas.

-O xefe da unidade, ou o xerente da empresa, onde realiza as prácticas, emita informe negativo sobre a actitude do bolseiro no desempeño do labor encomendado.

2. Ó perde-la condición de bolseiro tamén deixará de percibi-lo importe correspondente, aplicándose esta condición con carácter retroactivo desde o primeiro día do mes en curso.

3. Os bolseiros que causen baixa serán substituídos, se é posible, por outros candidatos seleccionados na lista de suplentes.

Artigo 15º.-Seguro.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria contratará unha póliza colectiva de seguro de accidentes para os 30 bolseiros durante o período de prácticas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación desta consellería para dicta-las normas necesarias para o correcto desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria