Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 22 de abril de 1999 Páx. 4.741

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 14 de abril de 1999 pola que se establecen axudas para viaxes colectivas de interese agrario.

A realización de viaxes de interese agrario contribúe á innovación empresarial e tecnolóxica e ó coñecemento de técnicas, equipos, instalacións, métodos de traballo e novas experiencias prácticas, que poden ser aplicables na Comunidade Autónoma de Galicia co fin de mellora-la rendibilidade das explotacións agropecuarias e das industrias agroalimentarias galegas. Polo tanto, esta consellería considera necesario apoia-la realización deste tipo de viaxes, por proposta do sector, e sempre que cumpran as expectativas descritas anteriormente.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.1 e 3, do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é establecer e regula-la concesión de axudas ás viaxes e visitas técnicas colectivas de interese agrario realizadas en 1999.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas:

-Organizacións profesionais, agrupacións de agricultores e asociacións relacionadas co sector agropecuario, sempre que estean legalmente constituídas.

-Asociacións empresariais e outras entidades de carácter representativo relacionadas co sector agroalimentario, sempre que estean legalmente constituídas.

Artigo 3º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Entre os gastos que ocasiona a viaxe, poderán subvencionarse os de desprazamento e os de aloxamento e manutención.

2. A subvención poderá chegar ata o 50% dos referidos gastos.

3. Esta consellería, se o considera oportuno e en función das características da viaxe, poderá establecer uns importes máximos auxiliables por persoa e día, para os capítulos de gastos citados anteriormente.

4. En calquera caso, a subvención total non poderá supera-las contías seguintes:

-8.000 ptas. por persoa e día de viaxe.

-50.000 ptas. por persoa que efectivamente realice a viaxe.

-1.000.000 de ptas. por viaxe subvencionada.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes, documentación e prazos.

1. As solicitudes presentaranse segundo o modelo adxunto, debidamente cuberto e asinado polo presidente ou representante legal da organización, agrupación ou asociación solicitante. Ademais, deberá xuntarse a seguinte documentación:

-Copia compulsada do CIF da entidade solicitante.

-Copia dos seus estatutos.

-Breve memoria, que conteña os obxectivos xerais da viaxe.

-Datas e programa da viaxe, incluíndo a relación de visitas e contactos técnicos que se vaian realizar, cunha breve descrición e xustificación do seu interese.

-Nomeamento do coordinador da viaxe, e copia do seu DNI.

-Relación de agricultores e/ou outras persoas relacionadas co sector agroalimentario que estea previsto que participen na viaxe.

-Orzamento da viaxe desagregado por capítulos, e o seu financiamento.

-Certificación bancaria do número de conta.

2. As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería, nas súas delegacións provinciais, ou do xeito previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación de solicitudes para estas viaxes colectivas de interese agrario termina o 20 de maio do presente ano.

4. Non se subvencionarán viaxes que se realicen con posterioridade ó 30 de setembro do presente ano, salvo que se sinale o contrario expresamente na resolución de concesión.

Artigo 5º.-Tramitación, criterios de valoración e concesión.

1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Industrias e Alimentación procederá á súa revisión e tramitación. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se xuntase a documentación esixida, requirirase o interesado para que nun prazo máximo de 10 días emende os erros ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, de non facelo, se terá por desistido da súa petición e se arquivará a solicitude, de conformidade co preceptuado no artigo 71º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Para a aprobación das solicitudes de axuda teranse en conta os seguintes criterios de preferencia:

-O interese das visitas e dos contactos técnicos programados.

-A relación existente entre o programa de visitas e a actividade desenvolvida pola entidade solicitante.

-O número de participantes na viaxe.

-O menor número de solicitudes de subvención para viaxes que se lle concederon a cada entidade solicitante nos últimos 5 anos.

3. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, unha vez revisadas e valoradas as solicitudes presentadas, resolverá e comunicaralles ós beneficiarios a concesión da axuda e o seu importe previsto, en función das peticións presentadas e da dotación orzamentaria existente para esta liña de axudas. De todas formas, o pagamento queda supeditado á súa correcta xustificación.

4. O prazo para resolver será de tres meses, contados a partir da data de rexistro de entrada da solicitude. Esta entenderase desestimada cando transcorra o devandito prazo sen que recaese resolución expresa.

Artigo 6º.-Financiamento.

As axudas establecidas na presente orde imputaranse á aplicación orzamentaria 09.04.611A.481.1 «Axudas a estudios e traballos sobre temas agrarios», dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, dotada cun importe inicial de catro millóns de pesetas (4.000.000 de ptas.), así como con outros remanentes que puideran existir na mesma aplicación.

Artigo 7º.-Xustificación e pagamento.

1. Previamente ó pagamento da axuda, os solicitantes deben presentar:

-Informe da viaxe efectuada, describindo aquelas incidencias e aspectos técnicos máis interesantes. Debe asinalo o coordinador da viaxe e o presidente da entidade solicitante.

-Relación definitiva de tódolos participantes na viaxe, cos seus correspondentes datos persoais.

-Relación de facturas e recibos orixinais, ou as súas copias compulsadas. Nas facturas e recibos deberán consta-las datas da viaxe, cantas persoas a realizaron, os lugares visitados e o medio de transporte utilizado.

-Calquera outra documentación que expresamente se sinale na resolución de concesión desta axuda.

2. A documentación e xustificantes, tal e como se requiren neste artigo, deben presentarse nun prazo

máximo de 15 días naturais a partir da data de finalización da viaxe. O non cumprimento deste prazo poderá implica-la perda da subvención aprobada.

3. O pagamento da axuda concedida queda condicionado á realización da viaxe de acordo co programa presentado pola entidade solicitante e aprobado pola consellería.

4. O importe definitivo da axuda determinarase en función da documentación citada no artigo anterior, fundamentalmente mediante as facturas e recibos orixinais, ou as súas copias compulsadas, e respectando en todo caso a dotación orzamentaria existente.

5. No caso de que os gastos totais xustificados sexan inferiores ós orzados, practicarase a reducción proporcional correspondente. Igualmente farase se o número de participantes é inferior en máis dun 10% ó previsto inicialmente.

6. A concesión e/ou percepción desta axuda polos beneficiarios é incompatible con calquera outra concedida pola Administración para a mesma finalidade.

Artigo 8º.-Seguimento e control.

1. Os beneficiarios deberán comunicar á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, con antelación suficiente, calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente ó destino ou á correcta aplicación da subvención concedida.

2. Así mesmo, deberán permitir que a devandita dirección xeral realice as comprobacións que considere oportunas para o seu seguimento e control. Tamén facilitarán a documentación complementaria que se puidese solicitar ó respecto.

3. O incumprimento dos requisitos e fins establecidos na presente orde de axudas implicará a obriga por parte das organizacións profesionais, agrupacións de agricultores ou asociacións empresariais beneficiarias de reintegrar ó Tesouro da Comunidade Autónoma de Galicia a subvención recibida, incrementado o seu importe no xuro legal que proceda. A Xunta de Galicia poderá interpoñe-las accións legais correspondentes para esixi-las responsabilidades a que houbera lugar en dereito.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para dicta-las normas necesarias para a correcta aplicación da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria