Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 19 de abril de 1999 Páx. 4.514

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 23 de marzo de 1999 pola que se crea a Unidade de Referencia dos CMBD Sociosanitarios.

Os Conxuntos Mínimos Básicos de Datos (CMBD) son unha agrupación de datos de fácil obtención, orientados a producto e deseñados para tratamento

informático, con aplicacións a nivel asistencial, de xestión dos propios centros, de planificación, epidemiolóxico e de investigación.

Entre outras cuestións poden abordarse con CMBD SS a avaliación funcional dos residentes, tipos de coidados que necesiten, planificación e control de calidade, elaboración de plans de coidados, medición dos productos dos centros, etc.

Para que todas estas posibilidades sexan unha realidade, os Conxuntos Mínimos Básicos de Datos deben reunir unha serie de características, como son a exhaustividade, ser elaborados con criterios uniformes de normalización da codificación e persoal con formación homoxénea.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase a Unidade de Referencia dos CMBD Sociosanitarios dependente da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, co obxecto de mante-la normalización dos devanditos sistemas de información e unificación dos criterios de codificación.

Artigo 2º

1. A Unidade de Referencia estará integrada polos seguintes membros:

Presidente: a subdirectora xeral do Programa de Atención Sociosanitaria.

Vocais: un técnico da Subdirección Xeral do Programa de Atención Sociosanitaria. Un técnico da Subdirección Xeral de Información Sanitaria. Un técnico das unidades de media estadía de hospitais. Un técnico de Atención Primaria da Saúde. Catro técnicos de residencias da terceira idade ou centros de minusválidos.

Secretario: o xefe de Servicio de Planificación e Coordinación da Dirección Xeral de Servicios Sociais.

2. Ás reunións da unidade poderán acudir convocadas polo presidente aquelas persoas que por razón da súa actividade e dos seus recoñecementos teñan relación cos temas que se van tratar.

Artigo 3º

Á Unidade de Referencia dos CMBD Sociosanitarios de Galicia correspóndelle a execución das seguintes funcións:

1. A coordinación entre os distintos centros e responsables establecidos en cada un deles, en relación cos problemas de codificación que xurdan nos centros de Galicia.

2. A elaboración de informes técnicos relacionados cos sistemas de información sociosanitarios.

3. Proposta dos contidos dos programas de formación en sistemas de información sociosanitaria que se levan a cabo (cursos, talleres, etc.), en función dos principais problemas detectados.

4. Análise da calidade de información e propostas de sistemas de avaliación dos sistemas de información sociosanitarios.

5. Estudio de todas aquelas propostas cursadas periodicamente por parte dos centros en relación cos sistemas de información sociosanitarios (soporte informático, indicadores de calidade, protocolos, etc.).

6. A publicación, coa periocidade que se considere, das normas de codificación establecidas e dos problemas de codificación resoltos.

Artigo 4º

As dúbidas poranse por escrito en coñecemento da Unidade de Referencia, que se reunirá cunha periocidade mensual, se é necesario, para resolve-las dúbidas suscitadas.

A resolución que se adopte en cada caso seralle notificada ó centro correspondente, así como a tódolos demais da Comunidade Autónoma, co fin de mante-la unificación de criterios.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación e execución do disposto na presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 1999.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais