Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 19 de abril de 1999 Páx. 4.511

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 94/1999, do 25 de marzo, sobre réxime administrativo da sucesión intestada en favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os artigos 153 e 154 da Lei 4/1995, do 24 de maio, de dereito civil de Galicia, regulan a sucesión intestada deferida a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

O desenvolvemento básico dos ditos artigos e as singulares circunstancias que concorren nestes abintestatos que, por vontade expresa do lexislador, segundo consta na súa exposición de motivos, non están recollidos na Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma, fan necesario establecer un procedemento administrativo especialmente axeitado, con determinación dos órganos competentes e fixación dos trámites procedementais, que regule os expedientes administrativos que se teñan que tramitar coa finalidade de materializa-lo dereito da Comunidade Autónoma a sucede-los que morresen sen herdeiros lexítimos. Nembargantes, búscase tamén respecta-los principios inspiradores da Lei 3/1985, sobre o concepto de patrimonio único ou persoal da Comunidade Autónoma, como centro de unificación daquelas titularidades que, tendo un valor económico, lle están atribuídas, reflectindo, iso si, as peculiaridades da materia. A dita harmonización acádase, por un lado, atribuíndo as

competencias para a tramitación destes expedientes ós mesmos órganos que as teñen no resto das cuestións patrimoniais e, polo outro, excepcionando algúns trámites dos regulados na lexislación patrimonial que resultan innecesarios, dadas as concretas finalidades a que se teñen que dedica-los bens procedentes das herdanzas intestadas e o teor do presente decreto.

Na súa virtude, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de marzo de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Capítulo I

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a regulación do réxime administrativo da sucesión intestada deferida en favor da Comunidade Autónoma de Galicia conforme a Lei 4/1995, do 24 de maio, de dereito civil de Galicia.

Capítulo II

Actuacións administrativas previas á declaración xudicial da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira legal

Artigo 2º.-Inicio do expediente.

As actuacións para o recoñecemento da condición de herdeira legal que á Comunidade Autónoma de

Galicia lle atribúen os artigos 153 e 154 da Lei 4/1995, iniciaraas a Consellería de Economía e Facenda:

1º De oficio, por propia iniciativa.

2º Por comunicación das autoridades, funcionarios ou persoas a que se refiren os artigos 3º e 5º deste decreto.

3º Por denuncia dos particulares, nos termos establecidos no artigo 4º deste decreto.

Artigo 3º.-Obriga de comunicar.

As autoridades e funcionarios públicos que por calquera medio teñan coñecemento do falecemento dalgunha persoa da que a súa sucesión intestada se poida deferir en favor da Comunidade Autónoma de Galicia, están obrigados a dar conta do feito á Consellería de Economía e Facenda. A mesma obriga correspóndelles ós donos e arrendatarios da vivenda ou establecemento onde ocorrese o finamento, a calquera persoa que vivise co finado e ó seu administrador ou apoderado.

Artigo 4º.-Denuncia.

1. Calquera persoa non incluída no artigo anterior poderá denuncia-lo falecemento intestado de quen, presumiblemente, non teña herdeiros, á Consellería de Economía e Facenda, mediante escrito, ó que xuntará xustificación dos seguintes extremos:

a) Falecemento do causante.

b) Residencia do causante no momento de ocorre-lo finamento.

c) Procedencia da sucesión intestada, por concorre-las circunstancias que se recollen nos artigos 152 e seguintes da Lei 4/1995, de dereito civil de Galicia.

2. O denunciante manifestará no seu escrito de denuncia que non ten coñecemento da existencia de herdeiros lexítimos e achegará unha relación dos bens deixados polo causante, con indicación da súa localización e situación, así como os nomes e domicilio dos administradores, arrendatarios, depositarios ou outros posuidores en calquera concepto destes.

3. Ás persoas que, por cumpri-lo disposto neste artigo, teñan a condición de denunciantes recoñeceráselle-lo dereito a premio nos termos sinalados no artigo 20º.

Artigo 5º.-Comunicación.

Sen prexuízo do disposto nos artigos anteriores, calquera que teña noticia da morte dalgunha persoa da que a Comunidade Autónoma de Galicia puidera ser herdeira intestada, poderá poñelo en coñecemento de calquera autoridade ou funcionario público, xa sexa verbalmente ou por escrito, sen que isto implique ningunha obriga nin poida ser requirida, agás nos casos en que espontaneamente ofreza a súa colaboración, para probar ou amplia-lo manifestado ou concorrer ás dilixencias nas que se considere necesaria a súa intervención. Esta comunicación non dará dereito a percibir premio.

Artigo 6º.-Actuacións previas e órganos competentes.

1. A Secretaría Xeral e do Patrimonio, unha vez que teña coñecemento da existencia dunha herdanza das referidas neste decreto, practicadas as actuacións que xulgue necesarias e logo de informe da Asesoría Xurídica da Consellería de Economía e Facenda, se considera fundados os dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia, remitirá o expediente á Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia para que se promova a declaración xudicial de herdeiros a favor da Comunidade Autónoma.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, nos procedementos xudiciais de declaración de herdeiros legais haberá que citar, en caso de non haber persoas con dereito a suceder, a Comunidade Autónoma para que, como herdeira presunta, compareza en autos e formule as peticións que procedan. O administrador xudicial non poderá recoñecer débedas por conta da herdanza nin asentir ás demandas de calquera xénero, ou desistir das interpostas, sen poñe-los ditos actos previamente en coñecemento da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

Artigo 7º.-Aceptación da herdanza.

De acordo co disposto no artigo 154 da Lei 4/1995, de dereito civil de Galicia, se lle correspondese herdar á Comunidade Autónoma de Galicia, a herdanza entenderase aceptada a beneficio de inventario, logo da declaración legal de herdeiros.

Capítulo III

Administración e alleamento dos bens hereditarios

Artigo 8º.-Toma de posesión dos bens relictos.

1. Unha vez declarada herdeira a Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería de Economía e Facenda solicitará do xulgado a entrega dos bens.

A entrega efectuarase mediante acta, á que se xuntarán os seguintes documentos:

a) Inventario valorado dos bens, con indicación do lugar onde se atopen.

b) Relación dos títulos dos bens e dereitos, dos contratos de cesión de uso ou desfrute deles que poidan estar vixentes e, en xeral, de tódolos documentos relacionados coa herdanza dos que se fixese cargo o xulgado.

2. En caso de existir denunciante, a Secretaría Xeral e do Patrimonio deberá comunicarlle a resolución xudicial firme en virtude da que se declara herdeira á Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 9º.-Adicións e exclusións do inventario.

1. Cando se comprobe a existencia de bens ou dereitos pertencentes á herdanza que non figuren no inventario a que se refire o artigo anterior, o secretario xeral e do Patrimonio acordará que se elabore un inventario adicional.

2. Así mesmo, nos casos en que se acredite a inclusión, por simple erro material no citado inventario, de bens ou dereitos que non pertenzan á herdanza, o secretario xeral e do Patrimonio acordará a súa exclusión.

Artigo 10º.-Información pública.

De acordo co artigo 153.2º da Lei 4/1995, de dereito civil de Galicia, os bens herdados serán destinados a establecementos de asistencia social ou institucións de cultura, preferentemente radicados na última residencia habitual do causante e, en todo caso, en territorio galego. Para estes efectos, unha vez recibidos os bens, publicarase un anuncio no Diario Oficial de Galicia para que os posibles beneficiarios formulen perante a Consellería de Economía e Facenda, no prazo improrrogable dun mes, as alegacións que consideren pertinentes.

Artigo 11º.-Actos anteriores á liquidación e distribución dos bens relictos.

En relación cos bens da herdanza, o secretario xeral e do Patrimonio procederá a adopta-las medidas seguintes:

a) As que considere necesarias para a axeitada conservación e administración dos bens.

b) Valoración e inclusión no Inventario Xeral de Bens da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Depósito do metálico e dos títulos valores na Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia.

d) Inscrición dos inmobles no Rexistro da Propiedade.

e) O aproveitamento e explotación dos bens inmobles con criterios da máxima rendibilidade na práctica habitual.

f) Alleamento, se se considera oportuno, dos bens semoventes, así como dos mobles que sexan de fácil deterioración.

Artigo 12º.-Órgano competente.

As funcións de administración e liquidación do caudal hereditario serán exercidas pola Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio.

Artigo 13º.-Alleamento dos bens.

Os bens da herdanza non comprendidos no punto f) do artigo 11º deste decreto allearaos a Consellería de Economía e Facenda unha vez transcorrido o prazo de catro meses desde a data na que se dese cumprimento ó disposto no artigo 10º.

Exceptúanse de venda os bens a que se refire o artigo seguinte.

Artigo 14º.-Excepcións ó alleamento.

1. A Consellería de Economía e Facenda poderá acordar que, en principio, se exceptúen de venda os bens que directamente poidan servir para o cumprimento dos fins a que están vinculados legalmente, e así entregalos ós establecementos ou entidades, tanto públicos como privados, ou reservalos para aqueles organismos da Administración autonómica dedicados a fins culturais ou de asistencia social.

2. A Consellería de Economía e Facenda poderá considerar conveniente a afectación ó uso xeral ou ós servicios públicos ou a adscrición a organismos autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia, dalgún ou dalgúns dos bens integrantes da herdanza, por seren de interese público ou social, suspendendo, ata que se adopte a decisión que corresponda, calquera medida encamiñada ó seu alleamento. Nes

te caso, a Consellería de Economía e Facenda, logo das consultas oportunas cos departamentos ou organismos previsiblemente interesados, poderá propoñer ó Consello da Xunta de Galicia a súa afectación ou adscrición, procedendo ás pertinentes compensacións en metálico con cargo ás consignacións orzamentarias da consellería ou organismo ó que se adscriban os bens, unicamente naqueles casos nos que a afectación ou adscrición implique unha alteración do destino previsto no artigo 153.2º da Lei 4/1995.

Artigo 15º.-Procedemento de alleamento dos bens.

O alleamento dos bens, logo da súa valoración, levarase a cabo de acordo co procedemento establecido pola lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e as normas que a desenvolven, sen necesidade en ningún caso da previa declaración da súa alienabilidade.

Capítulo IV

Contas de liquidación e distribución do caudal

Artigo 16º.-Conta xeral de liquidación e gastos con cargo ó caudal hereditario.

1. Liquidado o caudal hereditario segundo o disposto no capítulo anterior, a Secretaría Xeral e do Patrimonio, logo do informe da Intervención Delegada da Consellería de Economía e Facenda, presentará a conta xeral de liquidación dos ingresos e gastos xerados, a proposta de distribución do caudal remanente e dos premios dos denunciantes, se os houbese.

2. A Secretaría Xeral e do Patrimonio será competente para imputar, con cargo ó caudal hereditario, os seguintes gastos:

a) Os que se producisen por conta da herdanza no proceso de declaración de herdeiros, incluídos, se é o caso, os honorarios do administrador xudicial, que con anterioridade deberá render contas á Secretaría Xeral e do Patrimonio.

b) Os que se producisen pola Administración, conservación, liquidación e adxudicación dos bens que integran o caudal da herdanza.

c) Os premios que corresponderan ós denunciantes do abintestato, se os houbese.

Artigo 17º.-Conta parcial.

Cando se demore a liquidación do caudal por incidencias xurdidas na tramitación do expediente, poderá acordarse que se formule conta parcial en relación cos bens e dereitos que fosen liquidados.

Artigo 18º.-Suposto especial de liquidación de gastos.

No suposto de que o ben ou bens que forman o caudal hereditario se adxudiquen a un ou máis establecementos ou institucións beneficiarios sen que existan bens líquidos ou efectivo suficientes no propio caudal para facer fronte ós gastos orixinados en toda a tramitación que recolle este decreto, os ditos establecementos ou institucións beneficiarios, previamente á formalización da adxudicación e á entrega dos bens, deberán liquidar tódolos gastos de conservación, administración e os demais que fosen devengados por razón dos bens que se lles adxudiquen e a parte proporcional que corresponda

a custos non especificamente imputables a un ben determinado.

Artigo 19º.-Aprobación da liquidación e distribución.

Estimada conforme polo conselleiro de Economía e Facenda a conta xeral, ou se é o caso, a parcial de liquidación, este acordará a adxudicación do caudal remanente, e se procedese, a concesión ou denegación dos premios ós denunciantes, que poderán impugna-la resolución. O acordo será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 20º.-Premio.

Sempre que se solicite, no prazo dun mes desde a comunicación do artigo 8º.2, os denunciantes ós que se refire o artigo 4º terán dereito a percibir, en concepto de premio, o 10% da parte que proporcionalmente corresponda ós bens relacionados na súa denuncia do caudal líquido que se obtivese, computando os bens que, se é o caso, se exceptúen de venda de conformidade co establecido no artigo 14º. Para tal efecto, entenderase por denunciante quen en primeiro lugar denunciase a morte do causante á Consellería de Economía e Facenda, con presentación de toda a documentación requirida.

Os denunciantes posteriores de bens descoñecidos pola Comunidade Autónoma terán dereito a premio, nos mesmos termos establecidos no punto anterior, respecto dos bens denunciados.

Disposición transitoria

As disposicións do presente decreto serán de aplicación ós expedientes en tramitación a súa entrada en vigor, sen que en ningún caso sexa obrigatorio o reaxuste a este decreto das actuacións xa realizadas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para que dicte tódalas disposicións que considere necesarias para a eficacia e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Pazo de Mariñán (Bergondo), vintecinco de marzo de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda