Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 19 de abril de 1999 Páx. 4.510

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 93/1999, do 8 de abril, polo que se crea e se regula o Instituto Galego das Cualificacións.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, no seu artigo 30.1º establece a obriga das administracións públicas de garanti-la coordinación da oferta de formación profesional, tanto específica como ocupacional e continua.

Doutra banda, e en atención ó problema do desemprego na Comunidade Europea, no Consello extraordinario de Luxemburgo acordáronse unha serie de medidas e liñas de actuación relacionadas coa mellora da ocupacionalidade dos cidadáns.

Para concreta-las medidas do Consello de Luxemburgo ó territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia e os sindicatos Unión Xeral de Traballadores de Galicia e Comisións Obreiras de Galicia subscribiron os acordos sobre medidas para o crecemento en Galicia.

Nestes acordos considérase a formación profesional como unha actuación imprescindible para mellora-la ocupabilidade dos desempregados e, neste sentido, resaltan a necesidade de avanzar cara á progresiva integración e complementariedade coordinando os tres susbsistemas dela (específica, ocupacional e continua), tal e como sinala o II Programa Nacional de Formación Profesional. Tamén se considera necesario axustar progresivamente a oferta formativa ás necesidades das empresas.

En correspondencia co Instituto Nacional das Cualificacións, previsto no II Programa Nacional de Formación Profesional, e tendo en conta as competencias asumidas pola Comunidade Autónoma de Galicia nesta materia, de conformidade co Real decreto 146/1993, do 29 de xaneiro, sobre o traspaso de funcións e servicios da xestión da formación profesional ocupacional, nos citados acordos recóllese a necesidade de creación do Instituto Galego das Cualificacións como instrumento específico de carácter técnico para garanti-la implantación efectiva do Sistema Nacional de Cualificacións na nosa Comunidade Autónoma.

Por outra banda, desde o pasado 1 de xaneiro de 1998, a Xunta de Galicia converteuse en xestora do Servicio Público de Emprego en Galicia, adscribíndose as súas funcións e programas á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude segundo o Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica desta última.

Consecuentemente con todo o anterior, por iniciativa da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, consultados o Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais e o Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de abril de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación.

1. Créase o Instituto Galego das Cualificacións como instrumento específico de carácter técnico con categoría de Subdirección Xeral, adscrito á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, para o desenvolvemento das funcións que se sinalan na presente disposición.

2. O Instituto Galego das Cualificacións executará, dentro das súas competencias, as liñas aprobadas polo Consello Galego de Formación Profesional.

3. Exercerá as súas funcións dentro das dispoñibilidades orzamentarias da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 2º.-Función.

1. Serán funcións do Instituto Galego das Cualificacións as seguintes:

-Facilita-la interrelación funcional das actividades formativas dos subsistemas de formación coas titulacións e coas certificacións.

-Velar polo establecemento e xestión en Galicia do Sistema Nacional das Cualificacións.

-Establecer unha metodoloxía capaz de identifica-las competencias profesionais, especialmente as específicas do tecido productivo de Galicia, desenvolvéndoas, se é o caso, con carácter experimental.

-Impulsa-lo estudio e implantación das novas profesións e dos novos xacementos de emprego, coa súa oportuna oferta formativa.

-Implantar no ámbito autonómico o sistema de acreditación e recoñecemento profesional previsto no II Programa Nacional de Formación Profesional.

-Establece-los criterios que hai que observar na avaliación da competencia e no procedemento de concesión de acreditacións.

-O instituto realizará e poderá encomendar cantos informes e estudios sexan precisos de acordo coas liñas e prioridades establecidas polo Consello Galego de Formación Profesional, dentro das dotacións orzamentarias que estean previstas.

-Analizar e propoñer-la modificación das acreditacións profesionais, titulacións e certificacións e das respectivas validacións ou correspondencias.

2. O Instituto Galego das Cualificacións contará cun observatorio cunha base de datos, que promoverá de xeito activo a cooperación do resto dos obsevatorios territoriais e dos sectores productivos que poidan existir, capaz de consegui-los seguintes fins:

a) Establece-los procedementos necesarios que aseguren a cooperación e o fluxo recíproco de información entre os diferentes observatorios profesionais.

b) Proporcionar información sobre a evolución da demanda e da oferta das profesións, ocupacións e perfís no mercado de traballo, tendo en conta, entre outros, os sistemas de clasificación profesional xurdidos da negociación colectiva.

Artigo 3º.-Estructura.

1. Á fronte do instituto haberá un director encargado da coordenación e do impulso dos traballos e actividades deste, que terá rango de subdirector xeral.

Así mesmo, o instituto contará co persoal e os medios técnicos necesarios para o cumprimento das súas funcións.

2. O director do instituto será convocado ás reunións do Consello Galego de Formación Profesional para cuestións referentes ó Instituto Galego das Cualificacións.

3. Son competencias do director:

-Elaborar e presentar ó Consello Galego de Formación Profesional as propostas de plans de actividades e cometidos do instituto.

-Presentar perante o consello os informes que lle sexan requiridos ou que interesen para o correcto funcionamento do instituto.

-Actuar en nome do instituto perante as instancias e organismos relacionados coas súas funcións.

-As demais funcións que lle sexan atribuídas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para, no ámbito das súas competencias, dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día segunte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de abril de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública