Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 09 de abril de 1999 Páx. 4.027

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 22 de marzo de 1999 pola que se convocan bolsas para estudio e investigación sobre materias turísticas.

Debido á grande importancia que o sector turístico ten no desenvolvemento da nosa economía requírese que as administracións públicas dediquen recursos para xerar iniciativas con tendencia a mellorar cada día o sector para así mante-la demanda existente e incrementala en todo o que sexa posible.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, está a adoptar unha serie de iniciativas para acada-los fins sinalados. Entre estas medidas está a de concederlles axudas, mediante a figura de bolsas, para a realización de estudios e investigacións sobre materias turísticas ós titulados superiores universitarios ou na de técnicos de empresas e actividades turísticas.

Por todo isto e dentro do marco do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico-Programa de Conservación do Patrimonio Cultural e Desenvolvemento Turístico, e seguindo o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei, convócanse unha serie de bolsas de conformidade coas siguientes bases:

Primeira.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas bolsas, a título individual, os titulados superiores universitarios ou

na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas con posterioridade, en ámbolos dous casos, ó 1 de xaneiro de 1992.

Segunda.-Obxecto.

O obxecto das bolsas convocadas é a realización polos beneficiarios de tarefas de estudio e investigación sobre unha das seguintes materias turísticas, referidas ó territorio da Comunidade Autónoma de Galicia:

A) Ordenación do territorio e desenvolvemento turístico.

O estudio e investigación desta materia terá que incluír obrigatoriamente algún destes elementos: usos turísticos do solo e capacidade de carga do territorio, infraestructuras territoriais, distribución territorial de dotacións e instalacións, protección de determinadas áreas.

B) O turismo galego como sector económico.

O estudio e investigación desta materia terá que incluír obrigatoriamente algún destes elementos: xeración de emprego, gasto turístico, análise estatística, tecido empresarial, novas medidas de fomento.

C) Turismo e medio ambiente.

O estudio e investigación desta materia terá que incluír obrigatoriamente algún destes elementos: os recursos turísticos naturais e ambientais, o impacto ambiental do turismo, a contaminación acústica, a situación do litoral, calidade das augas marítimas e fluviais, a montaña como recurso turístico, os residuos sólidos e o turismo.

D) A aplicación das novas tecnoloxías ó turismo galego.

O estudio e investigación desta materia terá que incluír obrigatoriamente algún destes elementos: informatización da xestión e comercialización das empresas turísticas, Internet na empresa turística, márketing informático, integración dos sistemas informáticos das empresas nos sistemas de información públicos.

E) Análise da calidade no servicio e dos niveis de profesionalización do turismo galego.

O estudio e investigación desta materia terá que incluír obrigatoriamente algún destes elementos: diagnose da satisfacción da demanda, proposta de estándares de calidade nos diferentes subsectores, articulación de sistemas voluntarios de calidade, análise do nivel formativo dos recursos humanos e vías de perfeccionamento e reciclaxe.

F) Posibilidade de novos productos turísticos en Galicia e factores de diversificación da oferta turística galega.

O estudio e investigación desta materia terá que incluír obrigatoriamente algún destes elementos: termalismo, talasoterapia, turismo activo e de natureza, turismo urbano, estacións marítimas, turismo relixioso.

G) Historia do turismo en Galicia.

O estudio e investigación desta materia terá que incluír obrigatoriamente algún destes elementos: historia económica do turismo en Galicia, estudios históricos das vilas turísticas de Galicia, visión histórica da hostalería e da balneoterapia en Galicia, evolución histórica do litoral galego.

Terceira.-Determinacións orzamentarias.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Turismo, concederá estas bolsas con cargo á aplicación 10.05.432A.480.0 dos seus créditos orzamentarios. Estas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

A) Ser titulado superior universitario ou técnico de empresas e actividades turísticas.

B) Acreditar formación e/ou experiencia en materias relacionadas co obxecto da convocatoria.

Quinta.-Dotación das bolsas.

A dotación das bolsas será de 1.000.000 (un millón) de pesetas para cada un dos beneficiarios.

Sexta.-Natureza xurídica da relación.

A condición de beneficiario da bolsa obxecto desta convocatoria non xerará relación laboral ou contractual de ningún tipo coa Xunta de Galicia nin a inclusión na Seguridade Social.

Sétima.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes serán remitidas á Dirección Xeral de Turismo, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte (20) días

contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, cubríndose do seguinte xeito:

-Solicitude segundo o anexo I.

-Fotocopia cotexada, por ámbalas caras, do DNI.

-Certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela, que inclúa as cualificacións obtidas na licenciatura ou na materia de técnico de empresas e actividades turísticas.

-Documentos que acrediten a formación e/ou experiencia esixida na alínea B) da base cuarta, sempre que estes documentos non se refiran ós estudios da titulación esixida.

-Memoria descritiva, explicando os obxectivos concretos do proxecto de investigación. Esta memoria deberase recoller nunha extensión mínima de 5 folios e máxima de 10.

-Profesor-titor que se propón.

2. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo iso de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 112, do 12 de xuño) e na orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, pola que se regula a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servicios administrativos de compulsa.

3. Os solicitantes repararán, por requirimento da Dirección Xeral de Turismo, os defectos dos expedientes de solicitudes que se necesiten, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose ó arquivo sen máis trámite daquelas que non se presentasen en tempo e forma.

Oitava.-Selección das solicitudes e resolución.

1. A selección das solicitudes realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo e tendo en conta a complexidade, interese e calidade do estudio e investigación proposto:

a) Expediente académico, ata 3 puntos.

b) Currículum vitae, ata 3 puntos.

c) Formación e/ou experiencia en materias relacionadas co obxecto da convocatoria, ata 2 puntos.

d) Coñecementos da lingua galega, ata 1 punto.

e) Memoria, ata 5 puntos.

Para a valoración das solicitudes constituirase un tribunal que estará formado polos funcionarios da Dirección Xeral de Turismo seguintes:

Presidente: o subdirector xeral de Fomento e Cooperación.

Vocais: a xefa do Servicio de Ordenación. O xefe do Servicio de Formación, Cooperación Institucional e Documentación. Dous representantes da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

Secretario: o xefe do Servicio de Fomento e Promoción da Dirección Xeral de Turismo.

No caso de ausencia, vacante ou enfermidade dalgún dos membros do tribunal, o director xeral de Turismo ou, se é o caso, o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico nomeará ó correspondente substituto.

O tribunal realizará una preselección que se considerará superada polos aspirantes que obteñan unha puntuación de 7 ou máis puntos, segundo o baremo.

O tribunal poderá realizar unha entrevista cos aspirantes preseleccionados sobre os seus méritos curriculares e a memoria por un tempo máximo de 15 minutos.

En función do contido da entrevista, o tribunal poderá aumenta-la puntuación inicialmente asignada nun máximo do 25% da que lle correspondese por aplicación do baremo.

Os acordos do tribunal faranse públicos mediante a inserción de anuncios nos taboleiros da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, isto é, na Secretaría Xeral e na Dirección Xeral de Turismo.

2.1. No caso de que dous ou máis solicitantes acadasen a mesma puntuación e non fose posible conceder máis bolsas por mor das limitacións orzamentarias, proporase a súa adxudicación ó solicitante de maior idade.

2.2. No caso de que unha vez adxudicadas as bolsas xurdisen renuncias, adxudicarase esta ó seguinte aspirante en puntuación, procedéndose do mesmo xeito en renuncias consecutivas.

3. O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, vistos os acordos do tribunal, resolverá a concesión de conformidade co establecido nesta orde no prazo dun mes desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, agás as consideradas no punto 2.2 anterior, que as resolverá segundo as circunstancias. Na resolución de concesión o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá establecer, para o proxecto, o apoio dun profesor-titor que será designado polo beneficiario entre profesores de recoñecido prestixio na materia de estudio e investigación.

Novena.-Obrigas dos bolseiros.

1º Os aspirantes seleccionados farán entrega do proxecto de investigación, que será conforme coa memoria presentada e coas condicións sinaladas na resolución de concesión, ós quince días da aceptación da bolsa por parte do beneficiario e da titoría do profesor. Esta aceptación, á que se lle xuntará certificación bancaria da conta onde deberá aboarse a bolsa, farase no anexo II desta orde no prazo de seis días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

2º Os beneficiarios realizarán o seu proxecto baixo as indicacións do xefe do Servicio de Fomento e Promoción e o seu prazo de presentación será ata o 15 de outubro de 1999. Este prazo poderase prorrogar por quince días naturais máis por petición do beneficiario e cando exista causa fundada para isto.

3º O traballo realizado será entregado á Dirección Xeral de Turismo, coa conformidade do profesor-titor, en triplicado exemplar e o seu soporte será en copia impresa e en soporte magnético (débese especifica-lo formato).

4º Os traballos realizados, do que alomenos un exemplar nos dous soportes esixidos será en galego, quedarán en propiedade da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que os poderá publicar cando o considere conveniente coa única condición de indicación do autor.

Décima.-Aboamento das axudas.

A Dirección Xeral de Turismo, consonte o artigo 35.Dous.A) da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999 e trala presentación do proxecto de investigación, así como a súa aceptación pola Dirección Xeral de Turismo, aboará ós beneficiarios un anticipo de pagamento do 30% da bolsa concedida. A cantidade restante librarase cando o beneficiario presente o proxecto realizado e este sexa de conformidade da Dirección Xeral de Turismo.

A Dirección Xeral de Turismo, por proposta do tribunal cualificador, e logo de audiencia ó bolseiro e ó profesor-titor para alega-lo que coiden oportuno, poderá minora-lo importe da bolsa concedida cando o proxecto realizado non acade os niveis de complexidade, interese e calidade que se propuxeron para tales efectos.

Décimo primeira.-Incumprimento das obrigas.

A Dirección Xeral de Turismo, logo do trámite de audiencia ó interesado, poderá, por proposta do xefe do Servicio de Fomento e Promoción, anula-la bolsa por incumprimento das obrigas contraídas polos adxudicatarios. Esta anulación obriga, en todo caso, ó interesado á devolución do importe que recibise da dotación da bolsa.

A solicitude destas bolsas implica o coñecemento e aceptación destas bases.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non establecido nesta orde aplicarase o disposto, para esta materia, na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Turismo para dictar cantas disposicións considere oportunas no desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo