Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 09 de abril de 1999 Páx. 4.026

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 82/1999, do 25 de marzo, polo que se declara a delimitación do contorno de protección das Torres do Allo, sitas no concello de Zas, provincia da Coruña.

Desde a entrada en vigor da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, teñen consideración de bens de interese cultural os monumentos ós que se contrae o Decreto do 22 de abril de 1949, sobre a protección dos castelos españois, entre os que se atopan as Torres do Allo, sitas no concello de Zas, provincia da Coruña.

Por resolución da Dirección Xeral de Protección do Patrimonio Histórico do Ministerio de Cultura, do 17 de outubro de 1994, asígnaselle ó expresado monumento o número de rexistro correspondente a BIC como monumento de arquitectura militar.

Sendo a citada declaración anterior á entrada en vigor da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, é preciso na actualidade concreta-la delimitación do seu contorno de protección.

Con data 7 de xaneiro de 1999, publicouse unha Resolución do 14 de decembro de 1998, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, pola que se incoaba a delimitación do contorno de protección das Torres do Allo (concello de Zas).

A tramitación do expediente levouse a cabo de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (DOG do 8 de novembro), e demais disposicións concordantes.

Por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de marzo de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declara-la delimitación do contorno de protección das Torres do Allo, sitas no concello de Zas, provincia da Coruña (artigo 11 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.)

Segundo.-A zona da delimitación é a comprendida no anexo I e no plano do anexo II.

Terceiro.-O presente decreto será notificado ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, ó concello e ós interesados.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Pazo de Mariñán (Bergondo), vintecinco de marzo de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo

ANEXO I

A-B.-Estrada de Fisterra-A Coruña, no cruzamento sinalado coa estrada EP-1406 que conduce a Pombal.

B-C.-Continuando pola estrada que une Pombal co lugar de Regalados.

C-D.-Camiño veciñal á dereita que conduce ó regato de Esmorís.

D-E.-Camiño de monte que desde o regato de Esmorís enlaza coa pista que vai do Piñeiro a Cebola de Arriba, preto do lugar de Casas Novas.

E-F.-Do cruzamento do camiño con Casas Novas, ó cruzamento de Cebola de Arriba na estrada xeral A Coruña-Fisterra.

F-A.-Estrada A Coruña-Fisterra desde Cebola de Arriba ó cruzamento coa EP-1406.