Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 09 de abril de 1999 Páx. 4.032

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 31 de marzo de 1999 pola que se anuncian subvencións para a creación de establecementos de turismo rural.

A situación das actividades primarias existentes no noso espacio rural, cunhas grandes fluctuacións debido á forte dependencia que estas economías teñen, basicamente, da natureza e do clima, provoca que non se poidan manter comunidades economicamente eficientes, e isto determina un continuo éxodo da poboación que leva consigo, consecuentemente, o abandono de vellas casas e construccións perfectamente integradas no medio e na paisaxe. Para corrixi-las citadas fluctuacións económicas, e, se é o caso, evitalas, é conveniente poñer en práctica unha estratexia definida por unha política de diversificación da economía local e para isto é preciso fomentar alternativas de investimento que determinen a creación de novos postos de traballo así como un incremento das rendas familiares, feitos que deben de redundar na mellora da calidade de vida das comunidades rurais, así como na creación das circunstancias axeitadas que lles permitan volver á súa terra ás xentes que o desexen.

A actividade turística é un dos vieiros para acada-los obxectivos sinalados, xa que as actuais tendencias da demanda turística van cara ó consumo de novos productos que se caracterizan polo seu poder desestacionalizador e descentralizador e a capacidade para promover un turismo sostible, circunstancia que obriga á procura dun desenvolvemento turístico efectivo no rural.

Galicia posúe os elementos precisos para este tipo de actividade ó existiren unha serie de construccións cun grande valor cultural como son os pazos, mosteiros, castelos, casas grandes e incluso antigas casas rectorais, elementos que debidamente acondicionados poden ser destinados para un uso turístico dentro do denominado turismo rural, pero, ante todo, deben de significar unha importante achega á calidade da oferta e consecuentemente ó desenvolvemento económico da zona. Por isto, o acondicionamento destas construccións ten que realizarse a través de proxectos que afonden no coñecemento da historia e do lugar, que permitan resultados axeitados ó medio e ó mesmo tempo respectuosos coas estructuras das edificacións, garantindo a autenticidade e a calidade nas intervencións e procurando un equilibrio entre o inmoble, o lugar e o seu novo uso, fuxindo do mesmo xeito tanto do folclorismo coma do intervencionismo.

Por todo isto e con cargo ós créditos orzamentarios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo asignados para esta finalidade na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, seguindo os criterios básicos sobre o réxime de incentivos ó investimento productivo en Galicia sinalados no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da

Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 74 de dita lei convócanse axudas destinadas a fomenta-lo turismo rural e, polo tanto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Beneficiarios.

A Dirección Xeral de Turismo poderalles conceder subvencións, con cargo á aplicación 10.05.751A.770.0 dos seus créditos orzamentarios para 1999, ás persoas físicas e xurídicas propietarias das construccións nas que se poidan realiza-los investimentos obxecto de subvención, segundo o sinalado no artigo 2º desta orde.

As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin e cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, haberá que aterse ó que dispón, nos seus puntos 1, 2 e 3, o artigo 35.2º.B) da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, para os efectos do pagamento correspondente á anualidade do exercicio de 1999 e, se é o caso, a do 2000.

Artigo 2º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de acordo co establecido nesta orde, os investimentos relativos á rehabilitación ou restauración de construccións situadas nos espacios rurais, sempre que polas súas características permitan a oferta de aloxamentos e outros servicios complementarios e estean encadradas, seguindo o sinalado nos artigos 2 e 3 da orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 2 de xaneiro de 1995 pola que se establece a ordenación dos establecementos de turismo rural, modificada pola Orde do 7 de maio de 1996, na modalidade de hospedaxe, dos grupos A ou B.

Considerarase investimento subvencionable tanto a execución material de obra como a redacción dos proxectos e a dirección de obra, non sendo subvencionable o mobiliario nin as taxas e impostos legalmente esixibles.

Artigo 3º.-Condicións particulares.

Ademais do establecido na antedita Orde do 2 de xaneiro de 1995, os investimentos que se subvencionen deberán cumpri-las seguintes condicións:

a) Os proxectos serán de rehabilitación ou restauración, non de construcción ex novo, mantendo e recuperando a memoria histórica do inmoble e a súa contorna. Deberán ser respectuosos coa estructura da edificación nas súas relacións co lugar; así mesmo, respectaranse os seus usos tradicionais e a sectorización segundo as plantas. Manteranse volumes e formas preexistentes e proporanse materiais e acabamentos propios da zona e das condicións do inmoble. Recuperaranse as estructuras tradicionais cos requirimentos técnicos esixibles. Terase especial coidado na resolución da cuberta, lucernarios e elementos auxiliares, así como o tratamento de fachadas. O proxecto deberá ofrecer solucións

en canto á potabilidade da auga, á evacuación dos residuos e ó seu tratamento.

b) Os proxectos serán globais, é dicir, comprenderán tódalas obras e instalacións, no só as pertencentes á propia edificación senón tamén, se é o caso, as da contorna afecta á propiedade do predio, debéndose respecta-las características peculiares do medio rural galego.

c) A superficie pechada destinada a habitacións (e os seus baños) non poderá ser maior cá destinada a espacios comúns (salóns, comedor, biblioteca, cociña, etc.) sen contar espacios de circulación.

d) Os investimentos que sexan obxecto de subvención terán que empezar durante o ano 1999 e estar rematados con tempo dabondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde, aínda que tamén poden ser subvencionados os proxectos iniciados con anterioridade, sempre e cando os solicitantes acheguen certificación valorada das obras realizadas, que non computarán para os efectos de investimento subvencionable, asinada por técnico facultativo.

e) Os titulares dos establecementos de turismo rural subvencionados adquiren os seguintes compromisos:

1. Solicita-la autorización de apertura diante da Administración turística nun prazo máximo de tres meses contados a partir da data da xustificación final do investimento.

2. Mante-la súa actividade durante un período mínimo de quince anos, contados desde a data de concesión de autorización de apertura expedida pola Administración turística.

3. Mante-lo establecemento aberto e en funcionamento durante 11 meses ó ano e adscribirse á central de reservas de Turgalicia.

4. Crea-los postos de traballo a que se compromete na declaración xurada reflectida no anexo III nun prazo de 3 anos contados desde a data de autorización de apertura pola Administración turística.

5. Oferta-los seus servicios mediante prezos semellantes ós que operan no mercado desta Comunidade Autónoma para os establecementos análogos, sen prexuízo do disposto na lexislación vixente sobre prezos.

No caso de non cumprirse en tempo e forma estes compromisos, e consonte o sinalado no artigo 78.5º c) da Lei 11/1992, de 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, os beneficiarios quedan obrigados a devolve-lo importe da subvención recibida cos correspondentes xuros de demora ó tipo que sinale a Lei de orzamentos xerais do Estado do exercicio correspondente.

f) Os titulares dos establecementos de turismo rural que se subvencionen terá que ostenta-la propiedade do inmoble obxecto de subvención así como o pleno uso e desfrute dela.

g) Os proxectos que se subvencionen terán que facer pública a colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo-Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características do dito cartel, así como a súa localización e contido, serán indicados polos correspondentes servicios provinciais de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

h) Os proxectos que se subvencionen terán que cumpri-lo disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de ata o 50% do orzamento do investimento subvencionable pero, en todo caso, a contía máxima da subvención calcularase mediante a adición dos seguintes parámetros:

1. Prazas ofertadas:

Grupo A: para os proxectos encadrados neste grupo, é dicir, pazos, castelos, mosteiros, casas grandes e casas rectorais, a subvención será dun millón setecentas mil (1.700.000) pesetas por praza de aloxamento ofertada ó público.

Grupo B: para os proxectos encadrados neste grupo, é dicir, casa de aldea, dun millón (1.000.000) de pesetas por praza de aloxamento ofertada ó público.

2. Por creación de restaurante:

Grupo A: para os proxectos encadrados neste grupo, de cento cincuenta mil (150.000) pesetas por praza de aloxamento ofertada.

Grupo B: para os proxectos encadrados neste grupo, de cen mil (100.000) pesetas por praza de aloxamento ofertada.

3. Por creación de emprego:

En ámbolos grupos, A ou B, á subvención engadiráselle 1.000.000 de ptas. por cada posto de traballo indefinido que se cree que supere a porcentaxe mínima de contratación estable que, para ser beneficiario de subvención, se esixe nesta orde.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, dirixidas ó director xeral de Turismo e a documentación que de seguido se especifica presentaranse, por duplicado exemplar, na delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo-Servicio Provincial de Turismo correspondente á localización do investimento, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común no prazo de vinte (20) días

hábiles contados dende o día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Declaración segundo o modelo do anexo II.

c) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

d) Informe urbanístico emitido polo concello onde especificamente se determine se a execución do proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente.

e) Proxecto básico asinado por arquitecto, facendo consta-lo seu número de colexiado, e no que se comprenda, obrigatoriamente:

-Memoria histórica do edificio, facendo referencia á súa catalogación ou inventariado.

-Fotografías do inmoble, exteriores, interiores e da contorna.

-Memoria explicativa do proxecto e xustificación das solucións adoptadas.

-Orzamento do investimento no que se incluirá, especificándose cada un deles, o importe da execución material así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra.

-Plano de localización do investimento.

-Planos do estado actual e do proxecto a escala mínima 1:50.

-Anotación dos materiais e acabamentos propostos.

-Anotación dos mobles e equipamentos que se van instalar.

-Prazo previsto para a execución.

f) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas achegarase escritura de constitución ou modificación, se é o caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil.

g) Declaración xurada de outras axudas solicitadas ou recibidas para o proxecto para o que se solicita a subvención.

h) Anexo III, asinado e debidamente cuberto.

i) Se é o caso, solicitude debidamente motivada para que, por circunstancias de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades do sector ou da empresa concreta, se solicite á Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos que autorice de xeito excepcional a non esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

2. Os interesados emendarán os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose ó arquivo, sen máis trámite, daqueles que non se cubrisen en tempo e forma.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo iso de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3 do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 112, do 12 de xuño) e na orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, pola que se regulamenta a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servicios administrativos de compulsa.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás que se lles achegará un informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo, por cada expediente, e no que se deberá indica-la valoración desde un punto de vista turístico do proxecto presentado, serán estudiadas por unha comisión técnica constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vocais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes dos servicios provinciais de Turismo, os xefes de Servicio de Fomento e Promoción, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística e de Ordenación do Turismo da Dirección Xeral de Turismo e o xefe da área de Turismo Rural de Turgalicia. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe de Servicio de Fomento e Promoción.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

1º A localización do investimento atendendo á súa situación, accesos, infraestructuras básicas e oferta de servicios de utilización turística así como á oferta existente de turismo rural na contorna.

2º O estado actual e as características da construcción.

3º A creación de postos de traballo.

4º As características da rehabilitación.

5º A oferta de servicios proxectada para o establecemento.

6º O mobiliario e os equipamentos proxectados.

7º A relación entre a oferta de servicios e o investimento proxectado.

8º O número de prazas ofertadas ó público que superen as mínimas esixidas.

9º Que o solicitante sexa beneficiario do programa Lanza do Instituto Galego de Promoción Económica.

10º Non estar localizado o investimento nun municipio incluído nalgún outro programa de axuda que persiga os mesmos fins.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos polos servicios provinciais, analizará e cualificará os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias elevará ó director xeral de Turismo proposta de concesión ou denegación de subvención. Dos acordos adoptados pola sinalada comisión redactarase a correspondente acta.

3. O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo dictará as resolucións de concesión ou, se é o caso, de denegación de subvencions.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, 2000 e 2001, en función das disposicións orzamentarias e das dificultades de índole técnica de execución do investimento subvencionado.

4. De conformidade co establecido no Decreto 264/1994, do 29 de xullo, entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data do rexistro de entrada da solicitude.

Artigo 7º.-Aceptación e renuncia das subvencións.

1. Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes, no prazo de dez días naturais, comunicaranlle á Dirección Xeral de Turismo a aceptación ou renuncia a elas segundo o modelo do anexo IV. Se, transcorridos os sinalados dez días, non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

2. No prazo dun mes, contado desde a presentación da aceptación da subvención, os beneficiarios remitiranlle á antedita dirección xeral a seguinte documentación, por duplicado exemplar:

a) Proxecto definitivo da acción subvencionada, no que se incluirá programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, consonte a resolución de concesión.

O dito proxecto e programa, que teñen que ser conformes co determinado na resolución de concesión da subvención, e para os efectos da súa validez para incorporar ó expediente deberá ser informado favorablemente polo xefe do Servicio de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de Turismo.

b) Licencia urbanística de obras, expedida polo concello e con referencia explícita ó proxecto subvencionado, na que se indique que esta é para a rehabilitación ou restauración dunha edificación para establecemento de turismo rural. Excepcionalmente poderase apraza-la presentación deste documento.

c) Fotocopia compulsada de documento que acredite que o beneficiario da subvención é propietario do innmoble obxecto de rehabilitación. No caso de existir propiedade proindivisa, deberá achegarse

poder notarial dos copropietarios, outorgándolle representación ó sinalado beneficiario, que deberá ser un deles, para actuar neste procedemento e asumi-los compromisos derivados do establecido nesta orde.

d) Documento acreditativo de alta no Imposto de Actividades Económicas nun epígrafe que posibilite a explotación da vivenda obxecto de subvención como establecemento de turismo rural consonte as determinacións e obrigas que se sinalan nesta orde.

e) Certificación bancaria onde se debe aboa-la subvención.

Se, transcorrido o sinalado prazo dun mes, non se cumprise algunha das condicións anteriores, procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

3. Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde vista a proposta que se lle formule pola comisión técnica, o director xeral de Turismo poderá conceder subvencións ós expedientes que non a recibisen.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde e cando o importe dela se atribuíu en dúas ou máis anualidades terán como datas límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase de 1999: 1 de novembro de 1999.

Fase de 2000: 30 de xuño do 2000, se o importe da subvención se imputou a dúas anualidades. No caso de terse imputado a tres, 15 de outubro do 2000.

Fase de 2001: 30 de xuño do 2001.

Se a subvención só se imputou ó exercicio de 1999, a data límite de presentación será o 1 de novembro de 1999.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustificalo o antes posible e nunca con posterioridade ás datas indicadas, datas que son límite de presentación da xustificación.

2. O proxecto xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3. Para percibi-la subvención os beneficiarios remitirán á Dirección Xeral de Turismo, por triplicado exemplar a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobranza segundo o modelo do anexo V.

3.2. Facturas e certificación por conceptos, asinada polo técnico director de obra, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra

rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra.

Nas facturas o interesado deberá especificar a qué concepto do investimento que serviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

3.3. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coa Facenda do Estado e da Comunidade Autónoma e nas obrigas coa Seguridade Social.

3.4. Licencia urbanística de obras, no caso de que non se achegara con anterioridade por causas excepcionalmente autorizadas.

3.5. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromisos ós que se fan referencia no artigo 3º e) e no anexo III da presente orde. Este documento será obrigatorio presentalo coa última solicitude de pagamento e potestativo nos demais casos

Por outra banda, no caso de que a subvención concedida supere a cifra de 5.000.000 de ptas. e cando se solicite o pagamento da anualidade de 1999 ou, se é o caso, do 2000, ademais da documentación indicada no punto 3 do presente artigo, tamén se deberá remiti-la documentación á que se fai referencia no artigo 35.2º.B).2 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

4. Para o non previsto anteriormente, haberá que aterse ó disposto nesta materia nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, de 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional

Primeira.-A condición de beneficiario de subvención, sen prexuízo dos demais requisitos que nela se establecen, só poderá adquirirse cando alomenos o 35% do cadro de persoal da empresa solicitante de axuda teña contratos por tempo indefinido.

No caso de empresas de nova creación, poderá adquirirse a condición de beneficiario de subvención cando exista o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral ó remate do prazo que se conceda para tal efecto (artigo 3ºe 4º desta orde).

A porcentaxe de estabilidade mínima laboral, no caso de empresas con menos de 10 traballadores e para os efectos de adquiri-la condición de beneficiario de subvención, será dun 33%.

Non será preciso dar cumprimento ós anteditos requistos de estabilidade laboral no caso de que a subvención solicitada ou, se é o caso, concedida sexa inferior a 10 millóns de pesetas.

En todo caso non será esixible o requisito de estabilidade mínima laboral en relación ós centros de traballo radicados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-As modalidades de contratos aceptados na presente orde, para os efectos de creación de emprego, son:

-Autoemprego.

-Indefinidos.

-Fixos-descontinuos.

Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores autónomos.

Se é o caso, e para o cálculo da equivalencia ó ano, procederase a dividi-la suma de horas traballadas, pola xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.

O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

Terceira.-De xeito excepcional, logo de petición do solicitante, e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autoriza-la non esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

Cuarta.-Para os efectos desta orde entenderase como creación de emprego a reconversión de postos de traballo temporais en postos de traballo fixos.

Quinta.-No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 7º.2 desta orde, así como os prazos establecidos no artigo 8º.1, terase que determinar no acto que resolva o dito recurso. As ditas datas e prazos no poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 30 de xuño do 2001. Será tamén de aplicación o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención consonte o sinalado no artigo 7º.3 desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado na presente orde poderanlle solicitar ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Turismo para dicta-las resolucións e instruccións oportunas para o desenvolvemento e interpretación desta orde incluíndose nestas facultades as que sexan precisas para adaptar, de oficio, os importes de investimento subvencionable e subvención concedida ó euro, así como calquera outra operación que sexa precisa neste eido seguindo para isto a normativa que exista para estes fins.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo