Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 08 de abril de 1999 Páx. 4.007

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 29 de marzo de 1999, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza administrativamente, se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a Campo Brick, S.L., no termo municipal de Mesía (A Coruña). (Expediente 98/190).

Examinado o expediente instruído a pedimento da empresa Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificación en Avda. de Arteixo, 171, 15008 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 5 de abril de 1998 a devandita empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 20 kV Campo Brick-L.M.T. Cabra-Vilar-Cabrui e Bascoi., que discorre polo termo municipal de Mesía (A Coruña); xuntan o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

-Liña de alta tensión a 15/20 kV, de 5.445, con orixe no apoio paso aerosubterráneo proxectado en Campo Brick e final na L.M.T. existente Cabra-Vilar-Cabrui e Bascoi, con conductor tipo LA 110/116,2 mm e apoios de formigón.

Segundo.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña someteu o citado proxecto de instalacións, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, ó trámite de información pública, e publicouse no DOG do 3-8-1998, BOP da Coruña do 15-7-1998, xornal La Voz de Galicia do 17-6-1998, no taboleiro de anuncios do Concello de Mesía e no da delegación provincial; así mesmo, na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

Terceiro.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública, formuláronse as seguintes alegacións:

1. José María Arufe Rieiro, en nome e representación de Unión Distribuidores Electricidad, S.A. (UDESA), oponse á autorización da liña solicitada

por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., por ser aquela a empresa que distribúe enerxía eléctrica na zona onde se sitúa a factoría de Campo Brick, S.L., e polo tanto debería se-la responsable de subministrarlle enerxía eléctrica.

2. José Mato Lesta, na súa condición de arrendatario dos predios nº 36, 37, 38 e 39, solicita, con base na proposta do administrador da comunidade de herdeiros de Hipólito Codesido Somoza, titular dos citados predios, que se sigan co resto de actuacións tendentes ó pagamento da indemnización correspondente.

2. José María Sanjurjo López, titular do predio nº 29, manifesta que a liña prevista non é necesaria nin de utilidade pública e debe facerse subterránea á beira de camiños públicos ou estradas.

4. Manuel García Barreiro, titular dos predios nº 7 e 9, e outros 21 interesados, propietarios das fincas nº 10, 12, 13, 14, 23, 18, 19/1, 26, 27, 28, 29, 33, 35, 40, 11, 31, 16, 20, 22, 25, 17, 24, 44, 5, 6, e 19, expoñen que o proxecto se tramita de xeito irregular ó non estar dispoñible na delegación provincial, que o anuncio de información pública está redactado de xeito confuso, provocando a indefensión dos interesados; manifestan que a utilidade real da liña non é a que se expón senón a de evacua-la enerxía que producirá a instalación de coxeración prevista na empresa, para o cal poderían empregarse unha liña eléctrica a 20 kV que pasa a uns 350 m da empresa ou otra a 220 kV que pasa a uns 250 m; engaden que por tratarse dunha liña de evacuación de enerxía debe considerarse como directa, polo que debe ser excluída da aplicación das disposicións que en materia de expropiación e servidumes se establecen no título IX da Lei 54/1997 e que a empresa non acredita a posesión de

licencia municipal nin do resto de autorizacións necesarias segundo o previsto na dita lei, polo que solicitan que se denegue a autorización solicitada.

5. José Freire Seoane, titular do predio nº 41, solicita que lle sexa proporcionada máis información sobre o proxecto; manifesta que o predio lle provocaría graves prexuízos, existindo terreos de dominio público sobre os que podería establecerse a instalación, sen variación apreciable do trazado, que diminuirían a servidume sobre o seu predio.

6. Cándido Sanjurjo Sanjurjo manifesta que o predio nº 29 non é da súa propiedade.

7. Hipólito Codesido Somoza, no seu nome e no da comunidade sobre a herdanza indivisa de José Codesido Sánchez, solicita que as comunicacións referentes ós predios 36, 37, 38 e 39 se dirixan no sucesivo ós membros da citada comunidade. Por outra banda, acreditan que os mencionados predios están arrendados por José Mato Lesta, con quen deberán entenderse tamén as dilixencias correspondentes.

8. O Concello de Mesía propón que no canto de construír unha liña eléctrica nova se empregue a liña de Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. que na actualidade dá servicio á empresa Cerámica Verea e que se atopa a uns 300 m de Campo Brick.

As alegacións remitíronse á empresa beneficiaria para a súa contestación, facilitando esta as informacións adicionais solicitadas.

Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente recibiu informe favorable da Delegación Provincial da Coruña, comprobándose, mediante inspección sobre o terreo seguindo o trazado proposto para a instalación desta liña, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume de paso, non se dan as prohibicións previstas no artigo 25 do Decreto 2617/1966.

Fundamentos de dereito.

Primero.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, o Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, polo que se aproba o regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e a Ley 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, nos seus Art. 5 e 6.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a estas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. A empresa beneficiaria da expropiación procederá a corrixir tódolos defectos da relación de bens e dereitos afectados no sentido do exposto nas alegacións e, en particular, aceptará a José Mato Lesta como arrendatario dos predios nº 36, 37, 38 e 39 para os efectos que correspondan en posteriores fases do expediente.

2. Non se pode estima-la oposición da empresa UDESA, xa que, segundo escrito desta empresa do 11 de xuño de 1997, ben que esta empresa está en condicións de dar subministración á empresa Campo Brick, S.A., non o está para absorbe-los seus excedentes de enerxía, segundo documentación da propia empresa que consta nesta administración, sendo esta cesión de enerxía eléctrica un dereito das instalacións de producción en réxime especial, recollido no artigo 7 do R.D. 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras

abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables e actualmente no artigo 18 do R.D. 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración.

3. En relación coas alegacións de que o expediente se tramitou de xeito irregular ó non atoparse o expediente, e consecuentemente o proxecto, na delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio, hai que sinala-lo inexacto da dita afirmación, xa que aqueles en todo momento permaneceron na correspondente sección da delegación provincial á disposición de calquera interesado que quixese consultalo. Non obstante, precisamente para axudar e facilitarlle ó administrado a posibilidade de defende-los seus dereitos, en ocasións recoméndaselle que solicite outros datos colaterais ó expediente que poidan ser do seu interese e que a regulamentación vixente non obriga a incluír no expediente administrativo, polo que se atopan en dependencias alleas á administración, actuación que, lonxe de ocultar información, indica precisamente o contrario.

4. Con respecto á alegación referida a que o anuncio está redactado de forma confusa, só cabe indicar que a publicación se realizou consonte o establecido nos artigos 10 e 16 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, e no 9 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro. De ningún modo pode deducirse que os posibles afectados estean en indefensión e que vexan limitados os seus dereitos a opoñerse a todo o que o proxecto de instalación leva consigo, xa que a incorporación das súas propias alegaciones ó expediente amosa o contrario, quedando aberta, no caso de que non estean conformes co contido desta resolución, a vía do recurso ordinario; ata este momento tódalas actuacións administrativas teñen que considerarse como actos de mero trámite que non determinan a imposibilidade de continua-lo procedemento, polo que non son obxecto de recurso consonte o disposto no artigo 107 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. No relativo a que se oculta o verdadeiro fin da liña, toda vez que na información pública se incluíu o texto abreviado habitual que se utiliza en tódalas peticións de instalacións eléctricas das empresas distribuidoras, por outra banda, calquera liña eléctrica de nova instalación ten como obxectivo, non só mellora-lo servicio xa existente, senón tamén atende-las necesidades posteriores que poidan presentarse, e que de forma concreta no caso que nos ocupa xa están formuladas polos dereitos enerxéticos da empresa Campo Brick, S.L.. Por último, hai que reiterar que os interesados no expediente tiveron este á súa disposición durante o período de información pública, podendo consulta-lo contido completo da solicitude presentada pola empresa distribuidora na que figuran de forma pormenorizada os detalles do proxecto.

6. Con respecto ás alegacións de que por tratarse dunha liña de evacuación de enerxía debe considerarse como unha liña directa, é preciso sinalar que este proxecto se refire a unha liña eléctrica incluída na rede de distribución, con base no dereito que teñen as empresas de recibi-la enerxía eléctrica necesaria para o completo desenvolvemento da súa actividade, así como, para o caso dos productores de enerxía eléctrica en réxime especial, de transferir ó sistema eléctrico, a través dunha compañía distribuidora de electricidade, a súa producción ou excedentes de enerxía eléctrica, segundo se recolle nos artigos 30 da Lei 54/1997, e 18 do R.D. 2818/1998 xa citados; o punto de conexión das instalacións que entreguen enerxía á rede xeral establecerase de acordo entre o titular e a empresa eléctrica, estando, neste caso, situado na factoría de Campo Brick, S.L., o que reafirma a consideración da instalación como incluída na rede de distribución.

7. Sobre a posibilidade de atende-lo servicio solicitado por Campo Brick, S.L. a través doutras liñas existentes na zona onde se sitúa a factoría, hai que indicar que iso non é posible porque a arquitectura da rede de distribución existente na zona non ten capacidade suficiente para absorbe-los excedentes de enerxía producidos pola planta de coxeración en condicións regulamentarias; por iso é necesario construír unha liña ata a subestación transformadora máis próxima, neste caso a subestación de Cesuras, a unha distancia aproximada de 9 km. O posible uso da liña de 15 kV mencionada de subministración á empresa Cerámica Verea, queda totalmente descartado, xa que segundo o disposto no punto 3.3.3 da Orde do 5 de setembro de 1985 pola que se establecen normas administrativas e técnicas para o funcionamento e conexión ás redes eléctricas de centrais hidroeléctricas de ata 5.000 kVA e centrais de autoxeración eléctrica, non se poderán conectar centrais de potencia non superior a 10 MVA

cando a súa potencia supere o 50 por 100 da capacidade de transporte da liña á que se conecte. Outras opcións como a posibilidade de interconectarse ó sistema eléctrico a través da liña a 220 kV que tamén se cita, non poden terse en conta, xa que a devandita solución obrigaría á construcción dunha liña e unha subestación 20/220 kV o custo da cal faría prohibitivo o servicio solicitado.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-la instalación da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 20 kV Campo Brick-L.M.T. Cabra-Vilar-Cabrui e Bascoi, no termo municipal de Mesía (A Coruña).

Segundo.-Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica, o que implica a nece

sidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro.-Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

En contra desta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso ordinario, perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 1999.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria