Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 08 de abril de 1999 Páx. 3.961

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 75/1999, do 25 de marzo, polo que se declaran zonas de grande afluencia turística, durante o ano 1999, para os efectos do artigo 4 do Decreto 365/1996, do 26 de setembro, os termos municipais polos que discorre o Camiño Francés no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Comunidade Autónoma galega, conforme o artigo 30.1º.4 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Gali

cia, ten competencia exclusiva en materia de comercio interior, sen prexuízo da política xeral de prezos e da lexislación sobre a defensa da competencia, de acordo con bases a a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado nos termos do disposto nos artigos 38 e 131 e nos números 11 e 13 do punto 1º do artigo 149 da Constitución.

A Lei orgánica 2/1996, do 15 de xaneiro, complementaria da de ordenación do comercio retallista, sinala no seu artigo 3.3º que os establecementos instalados en zonas de grande afluencia turística terán plena liberdade para determina-los días e horas nos que permanecerán abertos ó público; recóllese este precepto, para o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, no artigo 4 do Decreto 365/1996, do 26 de setembro, polo que se regulan os horarios comerciais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, sendo competencia do Consello da Xunta de Galicia a fixación por decreto das zonas e os períodos ós cales se lles aplicará a liberdade de apertura nos termos establecidos no citado artigo 3.3º da Lei orgánica 2/1996, segundo se determina na disposición adicional do devandito Decreto 365/1996.

A enorme afluencia de peregrinos e visitantes que se espera durante o Ano Xubilar levou ó Goberno da Xunta de Galicia ó deseño dunha serie de accións especiais en diferentes áreas da súa competencia, así, neste contexto, tendo en conta que a maior parte dos que visitarán Galicia o farán a través do Camiño Francés durante os meses de verán, considérase conveniente a declaración de zona de grande afluencia turística a delimitada polos termos municipais polos que discorre o citado camiño, durante os meses de xullo e agosto de 1999.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vintecinco de marzo de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Decláranse zonas de grande afluencia turística para os únicos efectos do artigo 4 do Decreto 365/1996, do 26 de setembro, polo que se regulan os horarios comerciais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, durante os meses de xullo e agosto de 1999, os termos municipais de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Industria e Comercio para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Pazo de Mariñán (Bergondo), vintecinco de marzo de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio