Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 08 de abril de 1999 Páx. 3.962

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 31 de marzo de 1999 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas para a realización de diagnósticos e implantación de tecnoloxías da información e as comunicacións na Comunidade Autónoma galega para 1999.

En 1998 a Consellería de Industria e Comercio encargou a realización dun diagnóstico sobre a implantación das tecnoloxías da información e as comunicacións nas empresas de Galicia. Entre os resultados máis importantes, obtívose o descoñecemento existente nas pequenas e medianas empresas sobre as novas tecnoloxías e redes que se lle ofrecen, constatándose de igual maneira o interese por incorporar e coñecer mellor estes campos, que se consideran estratéxicos, en moitos casos, para a supervivencia empresarial nos vindeiros anos.

En efecto, as tecnoloxías da información e a comunicación representan un campo complexo, tremendamente cambiante e onde con frecuencia non é fácil determina-las mellores solucións que hai que aplicar en cada contexto. A isto únese que as pequenas e medianas empresas non dispoñen en xeral de departamentos nin persoal específico, polo que a miúdo carecen dos elementos necesarios para a toma de decisións.

Coa finalidade de contribuír a que as empresas galegas incorporen estas novas tecnoloxías resulta imprescindible deseñar mecanismos que permitan afronta-la etapa inicial deste proceso, consistente na avaliación das solucións dispoñibles e a súa mellor adaptación ós problemas empresariais concretos.

Para isto púxose en marcha un Plan de Incorporación de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ás empresas, da que a presente orde de axudas forma parte. A orde proporcionará axudas económicas que permitan realizar diagnósticos ou auditorías sobre o estado actual dos sistemas de información, as necesidades e as alternativas tecnolóxicas que se van utilizar, así como na fase de implantación, se é o caso. Esta análise enténdese como o paso inicial e básico para a definición da incorporación de equipos e servicios de información e comunicación á empresa.

A Subdirección Xeral de Planificación e Fomento Tecnolóxico ten entre as súas funcións a elaboración e execución de programas destinados a fomenta-lo desenvolvemento e a innovación tecnolóxica, dentro dos cales ten encaixe o plan mencionado.

Por outra parte, esta orde desenvolve en determinados ámbitos, o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e o fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto da presente orde de convocatoria desenvolve-lo marco regulamentario de axudas para accións que se desenvolvan no exercicio de 1999 para a incentivación da realización de diagnósticos e implantación de tecnoloxías da información e as comunicacións conducentes á mellora da competitividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

As axudas convocadas na presente orde para a realización de diagnósticos e implantación de sistemas de información e comunicación realízanse con cargo ás partidas orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999, 08.03.754-A.770.0 -Fomento dos servicios ás empresas- e 08.03.754-B.770.0 -Fomento das actividades industriais.

Artigo 3º.-Beneficiarios das axudas e ámbito de aplicación.

Poderán ser beneficiarios das axudas as empresas públicas ou privadas, asociacións, agrupacións de empresas ou entidades sen ánimo de lucro establecidas en Galicia. As empresas do sector téxtil e da confección dirixirán preferentemente as súas solicitudes no marco da orde de axudas para a mellora da competitividade do sector téxtil e da confección.

Quedan excluídas do obxecto desta orde as actividades referidas a investigación e desenvolvemento.

Título II

Axudas

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

As axudas destinaranse ó financiamento daqueles proxectos que teñan por obxecto a realización de diagnósticos dos sistemas de información e comunicación dos beneficiarios (diagnóstico), diagnósticos que haberán de resultar na elaboración dun plan de actuación para eles.

Será así mesmo obxecto de financiamento a fase de Implantación do plan de actuación proposto, en canto ó seguimento e asesoramento na implantación dos obxectivos contidos nel (implantación). A fase de implantación haberá de resultar na instalación de solucións de tecnoloxías da información e as

comunicacións na empresa, que quedará recollida nun documento de implementación do plan de actuación.

Ámbalas fases, se existisen, deberán incluírse nun só proxecto e deberán estar realizadas por unha única empresa ou entidade externa, con recoñecida experiencia, o que deberá acreditar conforme o explicitado no artigo 6º.

As solucións tecnolóxicas que hai que instalar na fase de implantación non serán obxecto das axudas da presente orde, senón que poderán te-la súa cabida noutros instrumentos comprendidos no Plan de Incorporación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación ás empresas.

Artigo 5º.-Contía das subvencións.

As axudas poderán alcanzar unha contía máxima do 50% sobre o custo dos gastos realizados en ámbalas dúas fases.

A contía máxima das axudas para a fase de diagnóstico será de 150.000 pesetas por pequena ou mediana empresa que desexe acollerse e de 300.000 pesetas para as grandes empresas, segundo as definicións da Unión Europea en vigor.

No caso de que o proxecto considerase as fases de diagnóstico e implantación, a contía máxima conxunta por pequena ou mediana empresa que desexe acollerse elevarase ata 400.000 pesetas e para as grandes empresas ata 500.000 pesetas.

Título III

Tramitación administrativa

Artigo 6º.-Solicitudes.

As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que subscribisen convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a presentación de solicitudes iniciarase a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 1999, con suxeición á existencia de crédito e ó que se determina no artigo noveno.

As ditas solicitudes presentaranse por triplicado exemplar segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, xunto coa seguinte documentación:

-Memoria explicativa. Desenvolvemento e obxectivos.

-Orzamento do diagnóstico ou do diagnóstico e implantación, no caso de realizárense ambos.

-Acreditación da empresa ou entidade externa que realizará os traballos: escritura de constitución e informe de obxecto social da empresa, persoal actual (xustificación mediante contrato ou documento certo) e traballos realizados nos dos últimos anos en relación co obxecto da presente orde de axudas.

-Prazo de execución.

-Copia cotexada da licencia fiscal ou NIF/CIF e do Imposto de Actividades Económicas (IAE).

-Declaración, segundo anexo III, de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo proxecto en calquera outra institución, organismo ou Administración pública, indicando a súa contía, e de que non se ten contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia así como de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

-Certificado expedido pola delegación provincial de Industria de estar inscrito e actualizado no Rexistro Industrial ou, nos casos en que non proceda a inscrición, certificación emitida pola delegación provincial na que conste tal circunstancia.

-Documento público acreditativo do poder co que actúa o solicitante xunto con fotocopia do DNI do solicitante.

Co fin de establece-lo control estatístico dos proxectos presentados, deberá cubrirse así mesmo o anexo II da presente orde.

Artigo 7º.-Corrección de defectos.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos esixidos para cada caso concreto nesta orde, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días a partir do día seguinte ó da recepción do dito requirimento emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, será considerado desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámites.

Artigo 8º.-Estudio e valoración.

Concluída a fase de correción de defectos, os servicios técnicos centrais da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas realizarán informe de adecuación administrativa e informe de valoración.

Para a realización do informe de valoración, teranse en conta os seguintes criterios:

-Estudios ou actuacións previas realizadas pola empresa en materia de TIC.

-Descrición dos obxectivos e fases de desenvolvemento segundo o recollido na memoria explicativa.

-Claridade e viabilidade dos obxectivos que se pretendan acadar.

-Proposta de realización conxunta das fases de diagnóstico e implantación.

-Experiencia e acreditación da entidade externa que realizará os traballos.

Na fase de valoración poderá requirirse o concurso de asesores externos, persoas físicas ou xurídicas, de recoñecida solvencia no campo das TIC.

Artigo 9º.-Resolución e aceptación das axudas.

Á vista do informe de valoración, o conselleiro de Industria e Comercio emitirá a resolución que proceda.

A resolución das concesións de axuda efectuarase ó vencemento dos meses naturais, con carácter men

sual ou bimensual, en función do número de proxectos presentados, e unha vez transcorridos polo menos 30 días desde a publicación da presente orde de axudas no Diario Oficial de Galicia. Polo tanto, o criterio de presentación temporal será determinante no suposto de que se esgotase a consignación orzamentaria asignada.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario, por escrito, no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución. Transcorrido ese prazo sen contestación, entenderase desestimada a subvención, arquivándose o expediente sen máis trámite.

A falta de resolución no prazo de dous meses desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 10º.-Actuacións plurianuais.

No caso de ser beneficiarios dunha subvención plurianual, de acordo co establecido no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, deberá presentarse ademais a documentación establecida no artigo 35 da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

No caso de que estes prazos sufriran calquera alteración derivada do propio desenvolvemento do investimento, notificaráselle á Consellería de Industria e Comercio para o correspondente reaxuste das anualidades comprometidas.

Os libramentos correspondentes a estas axudas faranse efectivos con cargo ós créditos consignados para cada exercicio orzamentario, con independencia de que os investimentos se realizasen con anterioridade, sempre que se acredite suficientemente que corresponden á actuación subvencionada ó abeiro desta orde.

Artigo 11º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento da subvención, o beneficiario deberá ter realizadas, o 31 de outubro de 1999, as actuacións que fosen obxecto de subvención, debendo presentar nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, a documentación acreditativa desta realización, composta por tres exemplares dos seguintes documentos:

-Memoria na que se describa a realización do proxecto e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución.

-Plan de actuación resultante da fase de diagnóstico e documento de implementación do plan de actuación para a fase de implantación.

-Documentos acreditativos do investimento e/ou actuación.

-Copia de cada un dos estudios, diagnósticos, manuais, plans, etc., que se realizasen ou desenvolvesen.

-Declaración de axudas solicitadas e certificación das axudas obtidas ou que se prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra institución, organismo ou Administración pública, indicando a súa contía.

-Certificación da conta bancaria na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código da conta corrente onde debe realizarse o pagamento, expedida pola propia entidade bancaria.

-Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma e de estar ó día no imposto sobre actividades económicas.

-No caso de axudas plurianuais nas que estean pendentes pagamentos futuros, xustificante acreditativo da constitución de aval bancario (ou entidade aseguradora) por tempo indefinido que garanta a anualidade da que se está tramitando o pagamento e os seus correspondentes xuros de demora (segundo o xuro legal do diñeiro indicado na Lei de orzamentos do Estado vixente) por un prazo que medie entre a data de solicitude do pagamento da anualidade en curso e o último día de xustificación dos investimentos ou gastos subvencionados polos que se efectúan pagamentos.

-Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da subvención.

Artigo 12º.-Pagamento da subvención.

A percepción da axuda terá lugar logo do informe favorable dos servicios técnicos centrais da Consellería de Industria e Comercio, que certifique o cumprimento das condicións e obrigas recollidas na presente orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución. O beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida polos servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións subvencionables.

Artigo 13º.-Modificación do proxecto.

No caso de que por circunstancias técnicas, dada a complexidade do proxecto ou a súa conexión con outros procesos ou procedementos implantados ou que se van implantar, se varíe o contido específico dos investimentos ou actuacións recollidas no proxecto inicial e que incidan no investimento subvencionable, o beneficiario deberá comunicar, con anterioridade á súa materialización, os correspondentes cambios, solicitándolle a conformidade á Consellería de Industria e Comercio. A conformidade requirirá informe favorable dos servicios técnicos centrais da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, e só poderá ser aceptada cando non se alteren significativamente as actuacións iniciais previstas.

Artigo 14º.-Reducción e concorrencia de axudas.

Cando as actuacións realizadas teñan un custo inferior ó inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda reducirase proporcionalmente.

Cando por concorrencia de subvencións ou axudas o importe total subvencionado exceda dos límites máximos establecidos no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidad Autónoma de Galicia, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, seguindo o disposto no artigo 16º, sen prexuízo doutras responsabilidades que puideran derivarse.

Artigo 15º.-Control.

En todo caso, os beneficiarios sométense ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Industria e Comercio e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos.

Artigo 16º.-Incumprimento de obrigas.

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas impostas na presente orde, ou as que, se é o caso, se inclúan na resolución, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, logo da audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e dos seus xuros de demora, sen prexuízo, de se-lo caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Artigo 17º.-Renuncia das axudas.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior.

Artigo 18º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 1999.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio