Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 07 de abril de 1999 Páx. 3.882

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 29 de marzo de 1999 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas a empresas, asociacións de empresas para o fomento das actividades do grupo da minería non metálica.

A crise que atravesa a minería mundial, sobre todo a referida ós recursos metálicos, motivou que o sector mineiro prestase una maior atención á minería do grupo dos non metálicos, circunstancia á que non é allea a nosa Comunidade Autónoma, na que se conta con recursos minerais do dito grupo de recoñecida existencia, alguns dos cales están adquirindo día a día unha maior importancia.

Así, á parte da minería das rochas industriais, está cobrando un gran protagonismo a de rochas ornamentais, actualmente en franco desenvolvemento, se ben sufrindo ocasionalmente os clásicos altibaixos en continuo seguimento do sector da construcción.

Por outra parte, a Consellería de Industria e Comercio volcouse no deseño de plans conxuntos para a mellora da competitividade do granito e lousa ornamentais, ó considerar estes proxectos de vital importancia e do máximo interese para estes subsectores, e para a consecución dos que se precisan determinados incentivos.

Ademais, dado que o desenvolvemento tecnolóxico esixe una maior calidade das materias primas, especialmente daquelas que se incorporan a procesos de novas tecnoloxías, é necesario mellorar e crear novos procesos e productos con especificacións moi esixentes, para o que é imprescindible que as empresas da minería non metálica acometan proxectos de investigación e desenvolvemento (I+D), de normalización e homologación (N+H) e investigacións propiamente mineiras, así como plans de competitividade e actuacións en materia de aseguramento da calidade, traballos considerados de alto risco e inabordables, polo xeral, sen contar coas axudas necesarias para iso.

Consecuentemente, para o logro das metas anteriormente sinaladas, é de todo punto imprescindible mellora-la eficiencia estructural mineira coa prestación dun apoio institucional mediante a incentivación necesaria.

Na súa virtude, e en uso das atribucións que me foron conferidas,

DlSPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade das axudas.

A presente orde ten por obxecto a convocatoria de concesión de axudas para realizar investimentos nos campos da investigación, explotación, transformación e promoción de minerais, augas minerais, termais e demais recursos xeolóxicos incluídos na vixente Lei de minas, dentro do grupo da minería non metálica, Plan Galego de IDT, de normalización e homologación (N+H) e investigacións propiamente mineiras, así como plans de competitividade e actuacións en materia de aseguramento da calidade.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as empresas, asociacións empresariais que realicen actuacións dentro do ámbito de aplicación desta orde.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

Serán actuaciones subvencionables:

a) Proxectos de investigación de xacigos minerais non metálicos e demais recursos xeolóxicos.

b) Investimentos en proxectos das infraestructuras necesarias para levar a cabo a investigación e explotación dos xacigos minerais non metálicos e demais recursos xeolóxicos.

c) Investimentos en proxectos que, no campo da innovación tecnolóxica, definan novos procesos de explotación, tratamento e elaboración, mellora e obtención de novos productos ou ben incorporen bens de equipo e equipamento de concepción tecnolóxica avanzada ou que presenten melloras na eficiencia productiva, referida tanto a procesos como a productos.

d) Investimentos en actuacións realizados polas empresas ou entidades que teñan calquera forma xurídica de colaboración empresarial, destinados á promoción, comercialización de actividades empresariais e dos seus productos.

e) Investimentos en proxectos que supoñan un avance cualitativo no sistema de xestión da calidade ou nos seus procedementos, incluíndo procesos de normalización e certificación de productos derivados da explotación de xacigos minerais e demais recursos xeolóxicos, incluso do seu tratamento e elaboración, así como a dotación de equipamento específico.

Así mesmo, poderán ser incentivables as actuacións de sensibilización, difusión, divulgación e elaboración de proxectos concertados relacionados con programas de xestión da calidade, podendo ser reguladas a través de convenios de colaboración específicos.

As actividades referidas a investimentos en calidade, normalización y certificación, deberán ser desenvolvidas por entidades ou laboratorios independentes, debendo presenta-la correspondente documentación acreditativa.

f) Investimentos en proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, tanto de investigación básica como de investigación aplicada e desenvolvemento, que se leven a cabo como parte dunha actividade continuada e sistemática, orientada ó desenvolvemento de novos procesos e/ou productos ou á mellora dos existentes.

Dentro deste punto poderán ser subvencionables os seguintes conceptos:

-Os gastos derivados do persoal implicado no proxecto de investigación e da definición do proceso.

-O instrumental de investigación e control necesarios para o desenvolvemento do proxecto.

-Nos casos en que os resultados da investigación incorporada se obtivesen, ben en parte ou na súa totalidade, a través dun convenio de colaboración con centros públicos de investigación ou departamentos universitarios, poderá subvecionarse o importe da participación da empresa neste convenio. Así mesmo, cando as características propias do proxecto de investigación e desenvolvemento tecnolóxico requiran a participación doutros entes, públicos ou privados, poderá ser incentivable o custo vinculado á fórmula contractual de cooperación.

-En todo caso poderán ser subvencionables os conceptos incluídos no artigo 9 do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvmento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Estudios e plans ligados a actuacións conducentes á creación de redes de cooperación industrial co obxectivo de incrementa-la productividade e a dinamización do tecido industrial para a mellora da competitividade,

así como asociacións ou fundacións xestionadas por empresas que pola súa vez xestionen laboratorios relacionados co sector da minería non metálica.

h) Estudios sobre a minería non metálica non ligados ás anteriores áreas.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

A contía das subvencións poderá acadar:

-Ata o 70% do investimento subvencionable para os investimentos referidos ás alíneas a) e b) e para os proxectos de investigación aplicada da alínea f) que se realizan para lles dar utilidade práctica ós coñecementos adquiridos coa investigación básica industrial.

-Ata o 70% no caso da alínea d).

-Ata o 50% no caso das alíneas c), e e).

Investimentos productivos.

-Ata o 70% no caso das alíneas g) e h).

As axudas faranse efectivas con cargo ó programa 743-A «Fomento grupo de actividades minerais non metálicos», aplicación orzamentaria 08.02.743A.770.0 «Fomento da investigación de minerais non metálicos» e a aplicación orzamentaria 08.02.432-A.770.0 do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico dos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo e deberán presentarse por triplicado exemplar e acompañadas dos seguintes documentos:

a) Memoria técnica explicativa do alcance do proxecto ou estudio, finalidade, orzamento desagregado e prazo de execución.

b) Copia cotexada do NIF ou do CIF e DNI do responsable da entidade acreditando a súa representación.

c) Certificado expedido polo delegado provincial da Consellería de Industria e Comercio de inscrición no Rexistro Industrial e a súa actualización, cando proceda. Tratándose de asociacións ou fundacións, copia dos seus estatutos.

d) A condición de beneficiario das axudas citadas nas alíneas c) e e) do artigo terceiro, sen prexuízo doutros requisitos poderase adquirir cando, polo menos o 35% do cadro de personal da empresa solicitante da axuda, teña contratos por tempo indefinido e así o acredite. Para as empresas de nova creación abondará o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral ó final do prazo que se conceda para tal efecto. No caso de empresas con menos de 10 traballadores a porcentaxe de estabilidade mínima laboral esixida reducirase ó 33%. Non será necesario cumprir este requisito nas subvencións inferiores a 10.000.000 de pesetas (60.101,21 euros) por proxecto de investimento.

2. As memorias técnicas deberán contar, como mínimo cos seguintes puntos:

a) Finalidade do proxecto ou estudio que se pretende realizar.

b) Descrición dos traballos que se van realizar.

c) Medios técnicos e humanos necesarios para a súa realización.

d) Tempo previsto para a execución.

e) Orzamento dos investimentos que se van realizar.

f) Toda aquela información complementaria que o solicitante da subvención coide de interese para incluír no proxecto.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou ben mediante algunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a partir do día seguinte ó de publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Artigo 7º.-Tramitación.

1. De conformidade co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude de subvención non reúne os requisitos que sinala o artigo anterior, o interesado será requirido para que, no prazo de dez días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera, será considerado desistido na súa petición, a cal se arquivará sen máis trámites.

2. Examinada a documentación e emitido o correspondente informe técnico, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nas delegacións provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, dictará a resolución que proceda.

3. Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución. Se transcorridos os sinalados quince días, non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

Os criterios que servirán de base para avalia-la prioridade das peticións presentadas serán os seguintes:

a) Minerais que presenten un claro futuro nas súas aplicacións ou demanda.

b) Os traballos de investigación mineralúrxica que se desempeñen en colaboración co laboratorio mineralúrxico da Grela (A Coruña).

c) Factores de carácter social da zona onde teña aplicación a investigación.

d) Melloras que, como consecuencia da investigación tecnolóxica, se poidan introducir nas instalacións de tratamento e/ou nos propios productos.

e) Vantaxes derivadas de novas infraestructuras mineiras ou mellora das existentes.

f) Aqueles estudios sobre localización que investiguen recursos con claras expectativas de apertura dunha nova explotación mineira a curto prazo.

Artigo 9º.-Prazo de resolución.

A non notificación da resolución no prazo de tres meses desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 10º.-Xustificación dos investimentos.

Para o pagamento das axudas indicadas será indispensable a presentación antes do 30 de novembro de 1999, ante a delegación provincial correspondente, por triplicado exemplar, dos seguintes documentos:

a) Memoria final onde se inclúan as conclusións da realización do proxecto ou estudio.

b) Xustificantes orixinais ou copias compulsadas do investimento realizado.

2. Os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio analizarán a memoria xustificativa e, se ó seu xuízo foi realizada cos niveis de calidade esixidos e os investimentos están debidamente acreditados, proporán o pagamento da subvención.

Os órganos competentes da Consellería de Industria e Comercio poderán solicitar en calquera momento as aclaracións ou informes que se consideren convenientes e, no caso de non seren remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se lle sinale, considerarase que renuncia á subvención.

Artigo 11º.-Pagamento das axudas.

1. Para o libramento e posterior aboamento da subvención unirase á documentación que se sinala no artigo anterior:

a) Certificación da conta bancaria na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta, onde debe realizarse o pagamento, expedida pola propia entidade bancaria.

b) Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento de ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

c) Declaración de subvencións solicitadas ou certificación das obtidas noutros organismos para a mesma actividade.

2. No caso de ser beneficiario dunha subvención plurianual, de acordo co establecido no artigo 58 de la Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, deberá presentarse, ademais, a documentación establecida no artigo 35 da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999.

Os libramentos correspondentes a estas axudas faranse efectivos con cargo ós créditos consignados para cada exercicio orzamentario, con independencia de que os investimentos se realizasen con anterioridade, sempre que se acredite suficientemente que corresponden a actuacións subvencionadas ó amparo desta orde.

Artigo 12º.-Anticipos.

Con carácter excepcional, y por resolución motivada do conselleiro de Industria e Comercio ou do delegado provincial correspondente, segundo proceda, poderá autorizarse un anticipo de ata o 50% da subvención naqueles casos en que o investimento esixa pagamentos inmediatos, de acordo coas condicións establecidas no citado artigo 35 da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Artigo 13º.-Reducción e concorrencia de axudas.

1. No caso de que o investimento ou a actividade realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda reducirase nunha porcentaxe proporcional.

2. Cando por concorrencia de subvencións ou axudas, o importe total subvencionado exceda do custo da actividade que vaia realiza-lo beneficiario ou da porcentaxe máximo establecida no artigo 4º desta orde, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puideran derivarse.

Artigo 14º.-Revogación.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas impostas na presente orde e nas que, se é o caso, se inclúan na resolución, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, logo de audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo, se é o caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación, para a súa cobranza, o previsto nos artigos 19 a 23 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Artigo 15º.-Renuncia.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas procederase conforme o artigo anterior.

Artigo 16º.-Control.

En todo caso, os beneficiarios sométense ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Industria e Comercio e as de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, as previstas na lexislación do Consello de Contas, así como as que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribiunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de confinanciamento con fondos europeos.

Artigo 17º.-Lexislación aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, aplicarase o disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999 e na Lei 30/1992, e 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional

Poderán acollerse ás axudas que se regulan na presente orde as solicitudes presentadas ó amparo da orde convocada no exercicio de 1998 que non puideron atenderse por limitacións orzamentarias, sempre que así o solicite o interesado.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Industria para que dicte as disposicións oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 1999.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio