Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 07 de abril de 1999 Páx. 3.886

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 30 de marzo de 1999 de ampliación da vixencia da do 28 de setembro de 1998, pola que se regula no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o procedemento de xestión de axudas do Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética para 1998, durante o exercicio económico de 1999.

A orde desta consellería do 28 de setembro de 1998 regulou o procedemento para o outorgamento das axudas previstas no R.D. 615/1998, do 17 de abril, no marco do Plan de Aforro de Eficiencia Enerxética e dos fondos provenientes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, limitando o seu ámbito temporal ó exercicio orzamentario de 1998.

Mais como queira que o devandito real decreto circunscribe o ámbito temporal do réxime das subvencións previstas nel ós exercicios orzamentarios de 1998 e 1999, resulta oportuno amplia-la vixencia da Orde do 28 de setembro de 1998 ó presente exercicio económico e outorgar un novo prazo para que os interesados poidan presenta-las súas solicitudes.

Na súa virtude e en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

1. A Orde do 28 de setembro de 1998, pola que se regula no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o procedemento de xestión de axudas do Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética para 1998 continuará vixente durante o exercicio orzamentario de 1999.

2. Os interesados poderán presenta-las súas solicitudes, nos termos que establece o artigo 7 da devandita orde, no prazo de 45 días naturais contando a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Facúltase a Dirección Xeral de Industria para que dicte as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 1999.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio