Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 07 de abril de 1999 Páx. 3.874

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 29 de marzo de 1999 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas para o fomento da innovación empresarial e prestación de servicios na Comunidade Autónoma galega para 1999.

A xestión empresarial require, cada vez máis, asumir novos retos derivados do cambio tecnolóxico. O impacto dese cambio plásmase de formas moi diversas no seo da empresa xa que implica novidades nos procesos productivos e na oferta de productos pero, ademais, xera transformacións na propia organización, moitas delas intanxibles.

A resposta empresarial ante o cambio tecnolóxico é moi diversa e pode ir desde a simple adquisición de equipos ata a complexa actividade de investigación e desenvolvemento, é dicir, incorpora-lo coñecemento desenvolvido por outros ou dedica-lo esforzos propios a avanzar nese coñecemento. Cal

quera das decisións adoptadas ó respecto é de gran relevancia para o futuro da empresa e requirirá o compromiso dos seus recursos financeiros.

O obxecto da presente convocatoria de axuda é prestar un servicio de financiamento a aqueles proxectos empresariais que teñan por finalidade mellora-los procesos de fabricación ou lanzar novos productos, sen que a empresa desenvolva actividades de investigación e desenvolvemento propiamente ditas. Para isto subvencionaranse a adquisición de equipos e a contratación de estudios necesarios para acadar esas melloras.

Dado que a innovación non é un fenómeno illado dentro das organizacións e que non consiste exclusivamente en adquirir máquinas, con esta convocatoria preténdese ter en conta, na medida do posible, aqueloutros aspectos que se vinculan á actividade innovadora. O carácter marcadamente intanxible de moitos destes aspectos fai que non se perciba toda a importancia que teñen, sobre todo no proceso de mellora continua que debe rexe-la estratexia empresarial.

En calquera caso, esta orde sométese ó establecido polo Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto da presente orde desenvolve-lo marco que regule a convocatoria de axudas, que se concedan no exercicio de 1999, para a incentivación de actuacións de innovación a empresas, así como a prestación de servicios por agrupacións de empresas ou asociacións, que teñan como finalidade o fortalecemento do tecido empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

Convócanse axudas para a innovación empresarial, con cargo ás seguintes partidas orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999: 08.03.661-C.780.0 «Fomento de servicios ás asociacións»; 08.03.713-A.770.0 «Axudas á industria agroalimentaria»; 08.03.722-A.770.0 «Axudas ás industrias pertencentes ó complexo mar-industria»; 08.03.732-A.770.0 «Axudas ás industrias do complexo da madeira»; 08.03.741-A.770.0 «Axudas á industria do complexo automoción»; 08.03.744-A.770.0 «Axudas á industria do complexo das telecomunicacións e audiovisual»;

08.03.754-A.770.0 «Fomento dos servicios ás empresas» e 08.03.754-B.770.0 «Fomento das actividades industriais».

Artigo 3º.-Beneficiarios e ámbito de aplicación.

Poderán ser beneficiarios das axudas á innovación empresarial as empresas, agrupacións, asociacións de empresas ou entidades sen ánimo de lucro que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia e que desenvolvan a súa actividade en relación ós complexos e actividades vinculados ás aplicacións orzamentarias reflectidas no artigo 2º.

Ademais, se resultasen beneficiarias dunha subvención superior a dez millóns de pesetas, e o investimento consistise en activos fixos productivos, as empresas de dez ou máis traballadores deberán acreditar que alomenos o 35% do cadro de persoal dos centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia teñen contratos por tempo indefinido; nas de menos de dez traballadores a devandita porcentaxe reducirase ó 33%. Así mesmo deberán comprometerse a acada-la mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, se é o caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione.

Para as empresas de nova creación abondará o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral ó remate do prazo que se conceda para tal efecto.

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

As axudas destinaranse ó financiamento daqueles proxectos constituídos polas seguintes actuacións:

a) Estudios previos á innovación: a realización de diagnósticos tecnolóxicos, estudios de prospectiva e coñecemento do estado da arte tecnolóxica e as súas aplicacións no contorno empresarial co obxecto de defini-las tecnoloxías que debe incorporar para mellora-lo proceso de producción. Análise prospectiva de mercados estratéxicos, así como do contorno competitivo en xeral (Benchmarking). Os estudios referidos a este punto deberán ser realizados por empresas ou entidades externas con experiencia recoñecida.

b) Innovación en proceso productivo:

b1) Estudios de viabilidade de novos procesos de producción ou a introducción de cambios nos existentes.

b2) Estudios para a implantación de técnicas de xestión empresarial encamiñadas á mellora da eficacia nos procesos xa implantados, dentro das distintas áreas funcionais da empresa.

b3) Adquisición de bens de equipo e novos sistemas de concepción tecnolóxica avanzada, que representen mellora na eficiencia productiva e/ou en parámetros de calidade.

b4) Adquisición de patentes de procesos, vinculados á finalidade da súa implantación na Comunidade Autónoma, que supoñan unha novidade dentro do tecido productivo de Galicia.

c) Innovación en producto:

c1) Estudios de viabilidade que teñan como obxecto a análise de posta en marcha de estratexias de diversificación productiva.

c2) Incorporación de técnicas de deseño nas actividades empresariais, cando isto supoña unha aplicación ex-novo nas actividades da empresa.

d) Custos orixinados polo desenvolvemento de proxectos de asociacións e agrupacións empresariais para promoción de actividades de apoio e fomento de industrias, de servicios ás empresas e á identificación e desenvolvemento de actuacións pertencentes a conglomerados industriais e asociacións.

Artigo 5º.-Criterios de prioridade.

Para a determinación da preferencia na concesión e contía das axudas terase en conta a tipoloxía da actuación, a súa localización, a súa contribución ó PIB e ó desenvolvemento local, o seu efecto multiplicador sobre a riqueza, a contribución á xeración de valor engadido mediante o peche dos ciclos productivos a partir de materias primas ou productos autóctonos, a súa relación coas actividades de conglomerados industriais de empresas e, en xeral, o recollido no artigo 5 do Decreto 309/1995, do 23 de novembro.

Así mesmo, en función das características do sector ou conglomerado no que se encadre a súa actividade e da tipoloxía específica do proxecto, considerarase especialmente e de forma progresiva a contribución ó mantemento ou creación de emprego con carácter indefinido.

Artigo 6º.-Contía das subvencións.

As axudas non poderán superar con carácter xeral, e para calquera tipo de actuación, unha contía máxima do 50% do custo do investimento subvencionable, sendo de aplicación ademais:

1. Para actuacións contidas nas alíneas a), b1), b2) e c1), do artigo 4º, as axudas non superarán o importe de 1.000.000 de pesetas por proxecto e 4.000.000 por empresa, do custo realizado por entidade externa.

2. Para actuacións contidas na alínea c2), do artigo 4º, as axudas non superarán o importe de 2.000.000 por empresa.

Titulo II

Tramitación administrativa

Artigo 7º.-Solicitudes.

As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios cen

trais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a súa presentación será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

As ditas solicitudes presentaranse por triplicado exemplar segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, xunto coa seguinte documentación:

-Memoria explicativa do proxecto que conterá antecedentes da entidade solicitante, descrición das súas actividades principais, descrición detallada dos investimentos do proxecto por unidade de actuación e efectos esperados. No caso de actuacións vinculadas á alínea b2) do artigo 4º precisarase a súa relación co proceso productivo e efectos previstos sobre os resultados da empresa ou entidade. Os ditos investimentos deberán ser concordantes cos datos expresados no anexo II do impreso de solicitude.

-Orzamento desagregado do investimento.

-Calendario de execución do investimento, con indicación expresa da temporalidade de cada unha das actuacións que configuran o proxecto (mes de inicio/mes de finalización).

-Incluirase, segundo anexo III, declaración expresa de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra administración, entes públicos ou privados nacionais ou internacionais; declaración expresa de que non se ten contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

-Certificado expedido pola Delegación Provincial de Industria de estar inscrito e actualizado no Rexistro Industrial ou, nos casos en que non proceda a inscrición, certificación emitida pola delegación provincial na que conste tal circunstancia; copia cotexada da licencia fiscal ou NIF/CIF e do último recibo do imposto de actividades económicas (IAE).

-Documento público acreditativo do poder con que actúa o solicitante e fotocopia do seu DNI.

-Para as empresas suxeitas ós requisistos establecidos nos parágrafos 2 e 3 do artigo 3º, declaración relacionando os traballadores e o seu tipo de contrato (fixo ou temporal) e, se é o caso, os compromisos requiridos no dito artigo.

Así mesmo, e co fin de leva-lo control estatístico dos proxectos presentados, deberá cubrirse debida

mente un exemplar do anexo II da presente orde, por cada tipo de actuación que se vai desenvolver, xuntándose por triplicado exemplar á solicitude.

Artigo 8º.-Emenda de defectos.

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos para cada caso concreto nesta orde, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días a partir do día seguinte á recepción do dito requirimento, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámites.

Artigo 9º.-Valoración dos proxectos.

Os servicios de xestión das distintas unidades tramitadoras deberán emitir para cada solicitude de subvención, como paso previo para proceder á súa valoración, un informe relativo ó cumprimento dos requisitos administrativos.

As solicitudes, xunto co dito informe, serán estudiadas por unha comisión técnica de valoración presidida polo director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, ou persoa na que delegue; sendo vocais os catro delegados provinciais da consellería ou os xefes de servicio de xestión nos que deleguen, así como un subdirector e un xefe de servicio da dirección xeral, actuando este último como secretario.

Artigo 10º.-Resolución.

Á vista do informe da comisión técnica de valoración, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme co establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, emitirá a resolución que proceda.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario, por escrito, no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, de se-lo caso, se inclúan na resolución.

A falta de resolución expresa no prazo de tres meses contados desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Actuacións plurianuais.

No caso de ser beneficiario dunha subvención plurianual, de acordo co establecido no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de octubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, deberá presentarse, ademais, a documentación establecida no artigo 35 da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Os libramentos correspondentes a estas axudas faranse efectivos con cargo ós créditos consignados para cada exercicio orzamentario, con independencia de que os investimentos se realizasen con anterioridade, sempre que se acredite suficientemente que corresponden á actuación subvencionada ó abeiro desta orde.

Se a materialización do investimento se anticipase ó establecido na resolución de concesión e non fose posible o reaxuste das anualidades da subvención, o investimento adiantado poderá servir de xustificación para o libramento das anualidades posteriores.

Artigo 12º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento de cada anualidade da subvención, o beneficiario deberá ter realizadas antes do 15 de novembro do ano que corresponda, as actuacións que fosen obxecto de subvención, debendo presentar, na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, a documentación acreditativa da realización do investimento que estará formada por tres exemplares dos seguintes documentos:

-Informe técnico no que se describa a realización do proxecto ou actuación e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución.

-Documentos acreditativos do investimento e/ou actuación.

-Para todas aqueles investimentos intanxibles deberá presentarse así mesmo, unha copia de cada un dos estudios, diagnósticos, manuais, planos, etc. que se realizasen ou desenvolvesen, así como unha copia dos certificados que se obtiveran.

-Xustificante de axudas obtidas ou declaración das solicitadas ou que se prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra administración, ente público ou privado nacional ou internacional, indicando a súa contía.

-Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se deba realiza-lo pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

-Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma e de estar ó día no imposto sobre actividades económicas.

-Documento acreditativo de que se alcanzan os niveis de estabilidade laboral ó que se refire o artigo 3º.

-No caso de tratarse dunha subvención plurianual, xustificante acreditativo da constitución por tempo indefinido, de aval bancario (ou de entidade aseguradora) que garanta o importe da anualidade da que se estea a tramita-lo seu pagamento así como dos seus correspondentes xuros de demora (xuro legal do diñeiro indicado na Lei de orzamentos do

Estado que estea nese momento vixente) por un prazo que medie entre a data de solicitude do pagamento da correspondente anualidade e a data límite que se estableza para a xustificación da última das anualidades.

-Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da subvención.

Artigo 13º.-Pagamento da subvención.

A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certifiquen, se é o caso, trala inspección correspondente, que se realizou o investimento que foi obxecto de subvención e o recollido na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida por estes servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións subvencionables.

Así mesmo, dentro do punto de adquisición de equipamento, cando a entrega do equipamento no exercicio corrente esixa o pagamento de calquera tipo de anticipos no exercicio anterior, os ditos pagamentos consideraranse parte do investimento do presente exercicio.

Artigo 14º.-Modificación do proxecto subvencionado.

Cando por circunstancias técnicas se varíe o contido específico dos investimientos ou actuacións recollidas no proxecto inicial e as ditas variacións incidan no investimento subvencionable, o beneficiario deberá comunicar, con anterioridade á súa materialización, os correspondentes cambios, solicitando a conformidade á Consellería de Industria e Comercio antes do 15 de outubro do ano correspondente. A conformidade expresa da Consellería de Industria e Comercio ás ditas modificacións requirirá informe favorable da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, e só será outorgada cando non alteren significativamente o proxecto inicial.

Artigo 15º.-Reducción e concorrencia de axudas.

Cando o investimento realizado teña un custo inferior ó inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda reducirase proporcionalmente.

Cando por concorrencia de subvencións ou axudas o importe total subvencionado exceda dos límites máximos establecidos no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puideran derivarse.

Artigo 16º.-Control.

En todo caso, os beneficiarios sométense ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Indus

tria e Comercio e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas así como ás que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos.

Artigo 17º.-Incumprimento de obrigas.

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas impostas na presente orde, ou as que, se é o caso, se inclúan na resolución, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, logo de audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e dos seus xuros de demora, sen prexuízo, de se-lo caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Artigo 18º.-Renuncia das axudas.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior.

Artigo 19º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, en na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Disposición adicional

Poderanse acoller ás axudas que se regulan na presente orde os investimentos executados no exercicio 1998 para os que se presentou solicitude ó abeiro da orde de axudas desta consellería do 1 de xuño de 1998 e que non foron atendidas polas limitacións orzamentarias, sempre que o interesado así o solicite.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 1999.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio