Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 06 de abril de 1999 Páx. 3.800

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 30 de marzo de 1999 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas para o desenvolvemento de aplicacións no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións na Comunidade Autónoma galega para 1999.

Desde hai anos vimos asistindo a unha desaparición paulatina das barreiras comerciais. Este afundimento trae como consecuencia máis competidores, máis competencia e tamén a busca de novos territorios onde as empresas poidan desenvolve-las súas estratexias. E trae tamén que fórmulas empresariais paradigmáticas comecen a substituírse por outras baseadas na atención ó cliente e a flexibilidade.

Neste contexto flexible e cambiante parece fóra de toda dúbida que é na información e nas súas tecnoloxías onde se condensan a maioría dos factores de modernización necesarios para o avance das sociedades actuais. E que é no tráfico, tratamento e uso intelixente desa información onde se forxa o fortalecemento dos tecidos productivos que sustentan as novas sociedades.

Desta maneira, o sector das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) convértese nun sector prioritario en calquera política tecnolóxica. Dunha parte, trataríase de actuar sobre a industria de desenvolvemento de equipos, onde existe unha forte tendencia de concentración a nivel internacional. Sen embargo, o desenvolvemento de aplicacións e servicios de valor engadido ofrece un nicho especialmente atractivo para empresas pequenas pero altamente cuali

ficadas, empresas que foron xurdindo na Comunidade Autónoma de Galicia nestes últimos anos.

O escenario de 1999, primeiro ano de plena liberalización das telecomunicacións no noso país, esixe o desenvolvemento de aplicacións que xeren valor engadido ós servicios de telecomunicación clásicos ou capaces de xerar novos servicios e funcionalidades.

Co obxectivo de impulsa-los desenvolvementos iniciados así como de fomenta-la participación de novos actores e en novos proxectos, amortizando o esforzo investidor que para estas empresas leva consigo este proceso innovador, a presente orde proporcionará axudas económicas para o desenvolvemento destas aplicacións e servicios, axudas que non recollen os conceptos referidos a investigación e desenvolvemento.

A Subdirección Xeral de Planificación e Fomento Tecnolóxico ten entre as súas funcións a elaboración e execución de programas destinados a fomenta-lo desenvolvemento e a innovación tecnolóxica, dentro dos cales encaixa o plan mencionado.

Por outra parte, esta orde desenvolve, en determinados ámbitos, o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e o fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto da presente orde de convocatoria desenvolve-lo marco regulamentario de axudas para accións que se leven a cabo no exercicio de 1999 para o desenvolvemento de aplicacións e servicios relacionados coa integración das tecnoloxías da información e as comunicacións no mundo da empresa.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

As axudas convocadas na presente orde para o desenvolvemento de aplicacións e servicios relacionados coa integración de sistemas de información e comunicación realízanse con cargo á partida orzamentaria dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999, 08.03.744-A.770.0 -Axudas á industria do complexo das telecomunicacións e audiovisual-, 08.03.754-A.770.0 -Fomento dos servicios ás empresas- e 08.03.754-B.770.0 -Fomento das actividades industriais-.

Artigo 3º.-Beneficiarios das axudas e ámbito de aplicación.

Poderán ser beneficiarios das axudas as empresas públicas ou privadas, asociacións, agrupacións de empresas ou entidades sen ánimo de lucro que teñan o seu domicilio social radicado na Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan comprendida na súa actividade o desenvolvemento de aplicacións no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións.

Quedan excluídas do obxecto desta orde as actividades referidas a investigación e desenvolvemento.

Título II

Axudas

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

As axudas destinaranse ó financiamento daqueles proxectos que teña por obxecto o desenvolvemento de servicios e/ou aplicacións de tecnoloxías da información e as comunicacións baseadas nas redes de telecomunicación existentes.

Baixo esta denominación terán cabida, a título de exemplo, aplicacións CTI (integración de ordenador e telefonía), aplicacións de teletarificación, novas aplicacións de servicios móbiles e todas aquelas que acheguen solucións e servicios para novas facilidades de comunicación no mundo da empresa.

Tamén se considerarán as actuacións de mellora de servicios xa existentes e dos que exista unha forte demanda.

Os servicios ou aplicacións desenvolvidos deberán ofrecer novas funcionalidades non existentes nas solucións de mercado actualmente dispoñibles.

Artigo 5º.-Contía das subvencións.

As axudas poderán acadar unha contía máxima do 50% do investimento subvencionable.

Con carácter xeral consideraranse investimentos subvencionables, e consecuentemente, susceptibles de axudas, os referentes a medios humanos, equipos e ferramentas materiais, formación específica e todos aqueles conceptos debidamente xustificables e imputables á actividade de desenvolvemento. Poderán ser consideradas tamén a realización de accións piloto e experiencias de carácter non comercial sobre as aplicacións desenvolvidas.

Título III

Tramitación administrativa

Artigo 6º.-Solicitudes.

As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no Art. 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a presentación de solicitudes iniciarase a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 1999, con suxeición á existencia de crédito e ó que se determina no artigo noveno.

As ditas solicitudes presentaranse por triplicado exemplar segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, xunto coa seguinte documentación:

-Memoria explicativa do proxecto, incluíndo a fase prevista de explotación comercial dos resultados obtidos. Antecedentes da entidade solicitante e descrición das súas actividades principais, así como proxectos realizados.

-Orzamento desagregado do investimento e/ou actuación.

-Copia cotexada da licencia fiscal ou NIF/CIF e do Imposto de Actividades Económicas (IAE).

-Declaración, segundo o anexo III, de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo proxecto en calquera outra institución, organismo ou Administración pública, indicando a súa contía e declaración de que non se ten contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e declaración de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

-Certificado expedido pola delegación provincial de Industria de estar inscrito e actualizado no Rexistro Industrial ou, no casos en que non proceda a inscrición, certificación emitida pola delegación provincial na que conste tal circunstancia.

-Documento público acreditativo do poder con que actúa o solicitante xunto con fotocopia do DNI do solicitante.

Co fin de establece-lo control estatístico dos proxectos presentados, deberá cubrirse, así mesmo, o anexo II da presente orde.

Artigo 7º.-Corrección de defectos.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos esixidos para cada caso concreto nesta orde, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días a partir do día seguinte ó da recepción do dito requirimento, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámites.

Artigo 8º.-Estudio e valoración.

Concluída a fase de corrección de defectos, os servicios técnicos centrais da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas realizarán informe de adecuación administrativa e informe de valoración.

Para a realización do informe de valoración teranse en conta os seguintes criterios:

-A viabilidade técnica e económica do desenvolvemento proposto, segundo o contido na súa memoria e orzamento.

-A adaptación á resolución de problemas presentados no ámbito da empresa.

-O carácter innovador do desenvolvemento proposto.

-A existencia dun plan de explotación de resultados e a estratexia de desenvolvemento.

-A experiencia da entidade ou entidades que o van desenvolver, incluíndo a cualificación dos medios humanos dedicados ó seu desenvolvemento.

-A utilización e fomento das infraestructuras de telecomunicacións dispoñibles na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na fase de valoración poderá requirirse o concurso de asesores externos, persoas físicas ou xurídicas, de

recoñecida solvencia nas liñas de traballo presentadas nas solicitudes.

Artigo 9º.-Resolución e aceptación das axudas.

Á vista do informe de valoración, o conselleiro de Industria e Comercio emitirá a resolución que proceda.

A resolución das concesións de axuda efectuarase ó vencemento dos meses naturais, con carácter mensual ou bimensual, en función do número de proxectos presentados, e unha vez transcorridos polo menos 30 días desde a publicación da presente orde de axudas no Diario Oficial de Galicia. Polo tanto, o criterio de presentación temporal será determinante no suposto de que se esgotase a consignación orzamentaria asignada.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario, por escrito, no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución. Transcorrido ese prazo sen contestación, entenderase desestimada a subvención, arquivándose o expediente sen máis trámite.

A falta de resolución expresa no prazo de dous meses desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 10º.-Actuacións plurianuais.

No caso de ser beneficiario dunha subvención plurianual, de acordo co establecido no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, deberá presentarse ademais a documentación establecida no artigo 25 da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

No caso de que estes prazos sufriran calquera alteración derivada do propio desenvolvemento do investimento, notificaráselle á Consellería de Industria e Comercio para o correspondente reaxuste das anualidades comprometidas.

Os libramentos correspondentes a estas axudas faranse efectivos con cargo ós créditos consignados paa cada exercicio orzamentario, con independencia de que os investimentos se realizasen con anterioridade, sempre que se acredite suficientemente que corresponden á actuación subvencionada ó abeiro desta orde.

Artigo 11º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento da subvención, o beneficiario deberá ter realizadas, a 31 de outubro de 1999, as actuacións que fosen obxecto de subvención, debendo presentar nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, a documentación acreditativa desta realización, composta por tres exemplares dos seguintes documentos:

-Informe técnico do proxecto no que se describan as realizacións e actuacións efectuadas.

-Aplicacións e desenvolvementos obtidos coa súa documentación.

-Documentos acreditativos do investimento e/ou actuación.

-Declaración de axudas solicitadas e certificación das axudas obtidas ou que se prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra institución, organismo ou Administración pública, indicando a súa contía.

-Certificación da conta bancaria na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente onde debe realizarse o pagamento, expedida pola propia entidade bancaria.

-Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma e de estar ó día no imposto sobre actividades económicas.

-No caso de axudas plurianuais nas que estean pendentes pagamentos futuros, xustificante acreditativo da constitución de aval bancario (ou entidade aseguradora) por tempo indefinido que garanta a anualidade da que se estea tramitando o pagamento e os seus correspondentes xuros de demora (segundo o xuro legal do diñeiro indicado na Lei de orzamentos do Estado vixente) por un prazo que medie entre a data de solicitude do pagamento da anualidade en curso e o último día de xustificación dos investimentos ou gastos subvencionados polos que se efectuarán pagamentos.

-Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da subvención.

Artigo 12º.-Pagamento da subvención.

A percepción da axuda terá lugar logo do informe favorable dos servicios técnicos centrais da Consellería de Industria e Comercio, que certifique o cumprimento das condicións e obrigas recollidas na presente orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución. O beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida polos servicios técnicos, co obxecto de determina-lo cumprimento das especificacións.

Artigo 13º.-Modificación do proxecto.

No caso de que por circunstancias técnicas, dada a complexidade do proxecto ou a súa conexión con outros proxectos ou procedementos implantados ou que se van implantar, se varíe o contido específico dos investimentos ou actuacións recollidas no proxecto inicial e que incidan no investimento subvencionable, o beneficiario deberá comunicar, con anterioridade á súa materialización, os correspondentes cambios e solicita-la conformidade da Consellería de Industria e Comercio. A conformidade requirirá informe favorable dos servicios técnicos centrais da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, e só poderá ser aceptada cando non se alteren significativamente as condicións iniciais.

Artigo 14º.-Reducción e concorrencia de axudas.

Cando as actuacións realizadas teñan un custo inferior ó inicialmente previsto e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda reducirase proporcionalmente.

Cando por concorrencia de subvencións ou axudas o importe total subvencionado exceda dos límites máximos establecidos no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, e aplicarase o disposto no artigo 16º, sen prexuízo doutras responsabilidades que puideran derivarse.

Artigo 15º.-Control.

En todo caso, os beneficiarios sométense ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Industria e Comercio e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos.

Artigo 16º.-Incumprimento de obrigas.

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas impostas na presente orde, ou as que, se é o caso, se inclúan na resolución, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, logo de audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e dos seus xuros de demora, sen prexuízo, de se-lo caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Artigo 17º.-Renuncia das axudas.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior.

Artigo 18º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999 e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 1999.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio