Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 06 de abril de 1999 Páx. 3.806

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 23 de marzo de 1999 pola que se particularizan para o exercicio orzamentario de 1999 as condicións específicas do procedemento de xestión das axudas para facilita-lo acceso á propiedade dos arrendatarios e parceiros a que se refire o Decreto 381/1998, do 29 de decembro.

A Lei 3/1993, do 16 de abril, regula o réxime xurídico das parcerías e arrendamentos rústicos-históricos de Galicia, entendendo por tales aqueles que se pactaron con anterioridade a agosto de 1942, compoñendo no seu conxunto unha institución histórica propia de Galicia.

En desenvolvemento do artigo 7 da devandita lei, dictouse o Decreto 381/1998, do 29 de decembro, polo que se establece unha liña especial de axudas ás que poderán acollerse aqueles titulares de parcerías e arrendamentos históricos que desexen exerce-lo seu dereito de acceso á propiedade.

Na disposición adicional primeira do referido decreto establécese que anualmente se dotarán nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma os créditos necesarios para atende-las axudas derivadas da súa aplicación.

Na súa virtude, e de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-As condicións particulares para o exercicio orzamentario de 1999, relativas á xestión das axudas para o acceso á propiedade dos arrendatarios e parceiros a que se refire o Decreto 381/1998, do 29 de decembro, serán as seguintes:

1º.-As axudas faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.421A.770.0, axudas para adquisición de terras procedentes de arrendamentos históricos, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, dotada cun crédito de setenta e cinco millóns de pesetas (75.000.000 de ptas.).

2º.-O prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de outubro de 1999.

Artigo 2º.-O solicitante das axudas que se citan ou, no seu caso, o seu descendente, deberá achegar, cando sexa requirido, de conformidade co artigo 6 e) do Decreto 381/1998, ademais da documentación específica en función da axuda solicitada, a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI ou NIF.

b) Declaración da renda que acredite que obtén máis do 50 por 100 da renda anual da actividade agraria.

c) Certificación de estar afiliado á Seguridade Social agraria.

d) Certificado da correspondente entidade bancaria da conta do beneficiario na que se aboará a correspondente axuda.

e) Certificación expresa da Consellería de Economía e Facenda de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia.

f) Certificado de acreditación de encontrarse ó día das obrigas fiscais.

Disposición adicional

Única.-Ademais do previsto particularmente nesta orde, os modelos de solicitude, documentación e o procedemento de xestión das axudas será o establecido con carácter xeral no Decreto 381/1998, do 29 de decembro (DOG do 15 de xaneiro de 1999).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Desenvolvemento Rural para dictar aquelas disposicións complementarias precisas para a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria