Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 05 de abril de 1999 Páx. 3.715

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 22 de marzo de 1999 pola que se regula a concesión de subvencións a asociacións e federacións sen fins de lucro para actividades de distribución, loxística e promoción comercial.

Entre os obxectivos que ten encomendados a Consellería de Industria e Comercio e que se concretan no Programa 753-A.- Distribución, loxística e promoción comercial, encóntranse a promoción, fomento, modernización e desenvolvemento do comercio, así como o impulso do asociacionismo comercial que fai necesario que a Administración adopte as medidas e actuacións precisas encamiñadas a potenciar e estimula-lo seu desenvolvemento, consciente da importancia que o sector comercial ten no noso sistema económico e a súa versatilidade á hora de xerar e distribuír emprego.

As actividades subvencionables con cargo a esta orde teñen como beneficiarios a asociacións e federacións sen fins de lucro e van dirixidas ó investimento en actuacións de distribución, loxística e promoción comercial.

As subvencións que se establezan serán con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, que inclúe a oportuna consignación na aplicación 08.04.753-A.780.0 «Transferencias de capital.- Familias e institucións sen fins de lucro.- Asociacións e federacións para promoción e distribución comercial».

En virtude do exposto e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. As actividades susceptibles de subvención ó abeiro desta orde son os investimentos dirixidos á distribución, loxística e promoción do comercio e os productos galegos, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma coma no dos mercados nacionais e internacionais, e que se desenvolvan durante o ano 1999.

2. Poderán beneficiarse destas actividades obxecto de subvención sinaladas no parágrafo anterior as asociacións e federacións xerais ou sectoriais sen fins de lucro da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Contía e ámbito.

1. As subvencións que se establezan para os investimentos que se desenvolvan durante o ano 1999, serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.04.753-A.780.0 e estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin.

2. A contía da subvención que se outorgue non poderá superar en ningún caso o 70% do importe do investimento realizado, sen que supere o 90% de devandito investimento, no caso de se acumularen outras subvencións para igual fin.

3. Poderán adquirirse compromisos de gasto de carácter plurianual nos termos e límites do artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artículo 3º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán dirixirse ó conselleiro de Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral da consellería ou en calquera das formas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Á solicitude de subvención, segundo o modelo normalizado do anexo, deberá xuntarse por triplicado á documentación que a seguir se relaciona, en orixinal ou copia compulsada.

a) Estatutos de constitución e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, así como código de identificación fiscal.

b) Poder suficiente do representante da entidade solicitante.

c) Memoria-programa, orzamentos e plan de financiamento das accións que se van desenvolver.

d) Relación nominal de empresas ou entidades que compoñen a asociación ou federación, facendo consta-la súa denominación, número de identificación fiscal, domicilio postal e telefónico e número de fax, concretando, se é o caso, as empresas ou entidades participantes nas accións que se van desenvolver.

e) Escrito que indique expresamente se se solicitou ou non, ou se ten previsto solicitar algunha subvención para a mesma finalidade a outros entes públicos ou privados e, en caso afirmativo, indicación do tipo de axuda e contía dela.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Emenda de defectos da solicitude e/ou documentación.

1. Se a solicitude e/ou a documentación adxunta non reúnen os requisitos establecidos no artigo 3º, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende o defecto ou achege os documentos preceptivos, xa que noutro caso será tida por desistida da solicitude con arquivo das actuacións sen máis trámite.

2. Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamar das entidades solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

Artigo 5º.-Criterios de preferencia para a concesión.

Valoraranse preferentemente para a obtención das subvencións obxecto desta disposición os proxectos que respondan a un plan xeral de promoción do comercio retallista ou sectorial e o alcance das accións, atendendo tanto á súa difusión como á representatividade da entidade que as desenvolva, así como ás accións que impliquen a promoción e difusión de daqueles productos ou artigos respecto dos que o ciclo completo de producción se desenvolva no ámbito da Comunidade Autónoma.

Artigo 6º.-Informes.

Os órganos competentes da Consellería de Industria e Comercio estudiarán para o seu posterior informe a documentación achegada, valorando a memoria programa xustificativa do investimento e a importancia comer

cial das actividades, de acordo cos criterios de preferencia previstos no artigo anterior.

Artigo 7º.-Resolución.

1. O conselleiro de Industria e Comercio, á vista dos informes de avaliación, dictará as resolucións que procedan, que se lles notificarán ás entidades solicitantes, poñendolle fin á vía administrativa.

2. A efectividade da resolución de concesión quedará condicionada a que a entidade beneficiaria acepte a subvención no prazo de quince días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que ó mesmo tempo se inclúan na resolución.

3. O prazo máximo para resolver é de tres meses, contados a partir da data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo, en ausencia de resolución expresa, entenderase que é desestimatoria da concesión de subvención nos termos sinalados nos artigos 43 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administraciones públicas e do procedemento administrativo común.

Artículo 8º.-Modificación do proxecto do investimento.

No caso de que con posterioridade á resolución de concesión sexa necesario introducir modificacións no proxecto de investimento que se recolle na memoria-programa, e sempre que non alteren significativamente o seu obxectivo inicial, o beneficiario con anterioridade a súa materialización deberá comunica-los correspondentes cambios, solicitando a conformidade á Consellería de Industria e Comercio, e para tal efecto facúltase o director xeral de Comercio e Consumo para resolve-lo que proceda.

Artigo 9º.-Xustificación e prazo dos investimentos.

1. As subvencións concedidas faranse efectivas unha vez que se presenten por triplicado os documentos que a seguir se relacionan.

a) Os que acrediten a realización do investimento.

b) Certificación relativa a se se obtivo ou non algunha subvención para a mesma finalidade doutros entes públicos ou privados e, en caso afirmativo, indicación do tipo de axuda e contía dela.

c) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ó día no cumprimento das súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter contraída débeda ningunha coa Xunta de Galicia.

2. Os investimentos obxecto de subvención acollidos á presente orde deberán estar xustificados antes do 31 de outubro de 1999.

Para o caso de que as accións ou parte delas se desenvolvan a partir do 1 de outubro, e así conste na documentación presentada pola entidade solicitante, o prazo de xustificación dos investimentos finalizará o 30 de decembro de 1999.

Artigo 10º.-Pagamento da subvención.

1. O libramento da subvención correspondente á presente anualidade farase nun único pagamento, unha vez xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado, para o que se lle unirá a documentación da xus

tificación, certificación expedida pola propia entidade bancaria na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código da conta corrente, onde se debe realiza-lo aboamento.

2. Sen prexuízo do indicado no parágrafo anterior, poderán efectuarse pagamentos parciais das subvencións concedidas ou autorizar anticipos con suxeición ó establecido no artigo 35 da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ó orzamento que serviu de base para a resolución da súa concesión e sempre que este garantida a consecución do obxecto, ou de resulta-la concorrencia con outras subvencións ou axudas sempre que a contía total supere o 90% do investimento.

Artigo 11º.-Control dos investimentos.

En todo caso, os beneficiarios sométense ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Industria e Comercio e as de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos.

Artigo 12º.-Revogación.

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas impostas na presente orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución de concesión ó concello beneficiario dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, de 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, despois da audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e xuros correspondentes de demora, sen prexuízo, se é o caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto nos artigos 19 a 23 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Artigo 13º.-Réximen xurídico.

Para todo o non previsto na presente orde, aplicarase o disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Comercio e Consumo para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 1999.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio