Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 05 de abril de 1999 Páx. 3.718

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 22 de marzo de 1999 pola que se regula a concesión de subvencións a corporacións locais para actividades de fomento ó investimento en mercados retallistas, en rúas e zonas peonís-comerciais, e noutros equipamentos comerciais de carácter social.

Unha das competencias que ten atribuída a Consellería de Industria e Comercio concrétase no fomento de actividades de utilidade pública ou interese social, dirixidas á promoción, adecuación e mellora dos equipamentos comerciais de uso colectivo e de carácter social.

Estas actividades subvencionables teñen como beneficiarios os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, e van dirixidas ó investimento en mercados retallistas, rúas e zonas peonís-comerciais e outros equipamentos comerciais de carácter social.

As subvencións que se establezan serán con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, que inclúe a oportuna consignación na aplicación 08.04.521-A.761.1. «Transferencias de capital. Corporacións locais. Equipamentos comerciais de carácter social».

En virtude do exposto e en exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.- Obxecto e beneficiarios.

1. Son actividades de fomento susceptibles de subvención:

a) O investimento en mercados retallistas. En concreto, a construcción, reparación, modernización e remodelación da estructura física e das instalacións de uso comunitario de mercados retallistas de titularidade municipal.

b) O investimento en rúas ou zonas peonís-comerciais. En concreto, os proxectos de creación, modificación e mellora de rúas e zonas peonís-comerciais.

c) O investimento noutros equipamentos comerciais de carácter social. En concreto, as dotacións de equipo e instalacións xerais ou complementarias que se integren en unidades comerciais afíns.

2. Poderán beneficiarse destas actividades de fomento obxecto de subvención sinaladas no parágrafo anterior os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, e para os investimentos que se executen no ano 1999.

Artigo 2º.-Contía e ámbito.

1. As subvencións que se establezan para os investimentos serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.04.521-A.761.1, e estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin.

2. A contía da subvención que se outorgue non poderá superar en ningún caso o 70% do importe do investimento, sen que supere o 90% do devandito

investimento, no caso de acumularen outras subvencións para igual fin.

3. Poderán adquirirse compromisos de gasto de carácter plurianual nos termos e límites do artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Neste caso as subvencións faranse efectivas con cargo ós créditos consignados para cada exercicio orzamentario, con independencia de que os investimentos se realizasen con anterioridade, sempre que se acredite suficientemente que corresponden á actuación subvencionada ó abeiro desta orde.

Artigo 3º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán dirixirse ós delegados provinciais da Consellería de Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral das respectivas delegacións provinciais ou en calquera das formas sinaladas no artigo 38.4º do Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Á solicitude de subvención, segundo modelo normalizado do anexo, deberá xuntarse por triplicado a documentación que a seguir se relaciona, en orixinal ou copia compulsada:

a) Certificación do acordo de aprobación, polo correspondente órgano municipal do proxecto de investimento, da solicitude de subvención coa súa contía exacta e do plan de financiamento do proxecto.

b) Certificación acreditativa da titularidade municipal dos inmobles onde estea o mercado retallista ou das vías nas que estea previsto realiza-lo investimento, segundo os casos.

c) Memoria xustificativa de:

-O interese, oportunidade e necesidade do investimento.

-O programa de execución do investimento, con especificación das datas de inicio e terminación previstas.

-O estado actual do equipamento de que se trate, e, se é o caso, detalle das súas instalacións, antigüidade, capacidade comercial e adecuación entre necesidades e funcións que cumpren.

d) Escrito que indique expresamente se se solicitou ou non, ou se ten previsto solicitar, algunha subvención para a mesma finalidade a outros entes públicos ou privados e, en caso afirmativo, indicación do tipo de axuda e contía dela.

3. Así mesmo, deberá presentarse a seguinte documentación específica segundo as actividades que se relacionan:

a) Actividades de fomento en mercados retallistas: memoria técnica, anteproxecto ou proxecto de obra realizado por técnico facultativo, visado polo colexio profesional correspondente, cando proceda.

b) Actividades de fomento en rúas e zonas peonís-comerciais: estudio técnico de viabilidade do proxecto.

c) Actividades de fomento noutros equipamentos comerciais de carácter social: factura pro forma con expresión das características e orzamento do investimento que se vai realizar.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Emenda de defectos da solicitude ou documentación.

1. Se a solicitude ou documentación que se xunta non reúnen os requisitos establecidos no artigo 3º, requirirase o concello solicitante para que, nun prazo de dez días, emende o defecto ou achegue os documentos preceptivos xa que, noutro caso, se terá por desistido da solicitude con arquivo das actuacións sen máis trámite.

2. Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamar dos concellos solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

Artigo 5º.-Criterios de preferencia para a concesión.

1. Daráselles preferencia para a obtención das subvencións obxecto desta disposición:

a) Ós proxectos destinados á adecuación de edificios, instalacións e equipos no caso de mercados municipais retallistas e de abastos para municipios con poboación de dereito superior a 5.000 habitantes.

b) Ós proxectos de obras en instalacións de rúas e zonas de uso peonil-comercial, cando se sitúen en núcleos con gran presencia comercial.

2. Así mesmo, as axudas concederánselles preferentemente ós proxectos nos que concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) En relación coas actividades de fomento en mercados retallistas:

-Que se producira unha deteriorización grave nas instalacións, nos accesos e demais particularidades do mercado.

-Que o mercado se deba adaptar ás esixencias das normativas técnico-sanitarias e das normas básicas de seguridade en edificacións.

-Que a natureza das obras proxectadas responda a unha reparación xeral, e non a actuacións de mantemento.

b) En relación coas actividades de fomento en rúas e zonas peonís-comerciais:

-Que as características físicas e comerciais da zona aconsellen a súa creación ou modificación e estas sexan factibles no seu marco urbanístico.

-Que o proxecto responda a un plan integral que resolva os aspectos estructurais e funcionais da zona, de acordo con criterios de orde xeral en materia de urbanismo comercial.

-Que se conte cun plan de rehabilitación de vivendas e edificios da zona, que se adecúe a criterios específicos de ordenación dos usos e formas comerciais.

c) En relación coas actividades de fomento noutros equipamentos comerciais de carácter social:

-Que se remodelen as superficies comerciais para procurar unha dimensión máis racional dos puntos de venda e doutros elementos comúns dos mercados retallistas ou de unidades comerciais afíns.

-Que se faga unha ordenación axeitada do conxunto, segundo criterios de accesibilidade, comodidade e información dos consumidores e usuarios.

Artigo 6º.-Informes.

Os órganos competentes das delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio estudiarán para o seu posterior informe a documentación achegada, valorando a memoria global xustificativa do investimento e a importancia social e comercial das actividades de fomento previstas, de acordo cos criterios de preferencia previstos no artigo anterior.

Artigo 7º.-Resolución.

1. Os delegados provinciais, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, á vista dos informes de avaliación, dictarán as resolucións que procedan, que se lles notificarán ós concellos solicitantes, poñendolle fin á vía administrativa.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que ó mesmo tempo se inclúan na resolución.

2. A efectividade da resolución de concesión quedará condicionada o seguinte:

a) Que o interventor municipal certifique, no prazo máximo dun mes desde a notificación da resolución, a existencia de consignación orzamentaria para a realización do proxecto concreto obxecto da subvención, concretando a aplicación e dotación orzamentaria destinada para tal fin.

b) Que se estableza o prazo para a terminación do investimento.

3. O prazo máximo para resolver é de tres meses, contados a partir da data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo, en ausencia de resolución expresa, entenderase que é desestimatoria da concesión de subvención nos termos sinalados nos artigos 43 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Modificación do proxecto de investimento.

No caso de que sexa necesario introducir modificacións no proxecto de investimento, con posterioridade á resolución de concesión, deberá obter a conformidade expresa do delegado provincial, debendo presentarse para tal efecto polo beneficiario

o proxecto reformado aprobado polo órgano competente do concello.

Artigo 9º.-Publicidade en obras.

O concello adoptará as medidas e disposicións necesarias para garantir unha adecuada publicidade no lugar das obras durante o prazo de execución destas, debendo constar que están subvencionadas pola Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia.

Artigo 10º.-Xustificación e prazo dos investimentos.

1. As subvencións concedidas faranse efectivas unha vez se presenten por triplicado os documentos que a seguir se relacionan:

a) En caso de obras:

-Proxecto de obras que serviu de base para a adxudicación.

-Certificación acreditativa da adxudicación que indique o nome do contratista, o importe líquido da adxudicación, e, se é o caso, a baixa na licitación.

-Certificación da obra realizada, expedida polo técnico facultativo e aprobada polo órgano competente do concello beneficiario.

b) Nos demais casos, certificación acreditativa do investimento ou da adquisición dos equipamentos.

c) En tódolos casos:

-Certificación relativa a se se obtivo ou non, algunha subvención para a mesma finalidade doutros entes públicos ou privados e, en caso afirmativo, indicación do tipo de axuda e contía dela.

-Certificación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

2. Os investimentos obxecto de subvención acollidos á presente anualidade deberán estar xustificados antes do 1 de decembro de 1999.

Artigo 11º.-Pagamento da subvención.

1. O libramento da subvención correspondente á presente anualidade farase nun único pagamento, unha vez xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado, para o que se lle unirá a documentación da xustificación, certificación expedida pola propia entidade bancaria na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código da conta corrente, onde se debe realiza-lo aboamento.

2. Sen prexuízo do indicado no parágrafo anterior, poderán efectuarse pagamentos parciales das subvencións concedidas ou autorizar anticipos con suxeición ó establecido no artigo 35 da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ó orzamento

que serviu de base para a resolución da súa concesión e sempre que esta garantida a consecución do obxecto, ou de resulta-la concorrencia con outras subvencións ou axudas sempre que a contía total supere o 90% do investimento.

Artigo 12º.-Comprobación e control dos investimentos.

1. As delegacións provinciais, en calquera momento poderán inspecciona-los investimentos realizados e, se é o caso, as obras en curso.

2. En todo caso, os beneficiarios sométense ás actuacións de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como as que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos.

3. O incumprimento dalgunha das condicións e obrigas impostas na presente orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución de concesión ó concello beneficiario dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, despois da audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e xuros correspondentes de demora, sen prexuízo, se é o caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto nos artigos 19 a 23 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Artigo 13º.-Réxime xurídico.

Para todo o non previsto na presente orde, aplicarase o disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional

Poderán acollerse ás axudas que se regulan na presente orde as solicitudes presentadas ó abeiro da orde de convocatoria do ano de 1998, que non foron atendidas por limitacións orzamentarias, sempre que o concello interesado así o solicite.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Comercio e Consumo para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 1999.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio