Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 31 de marzo de 1999 Páx. 3.655

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 22 de marzo de 1999 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á creación de emprego por reordenación do tempo de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 29.1º atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servicios correspondentes a este ámbito.

Na actual estructura orgánica da Xunta de Galicia, en virtude do disposto no Decreto 488/1997, do 26 de decembro, a convocatoria, xestión e control das axudas á contratación por conta allea, como instrumentos da política activa de emprego, e dentro do ámbito funcional da súa Dirección Xeral de Fomento do Emprego, correspóndelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

No marco da estratexia e directrices europeas para o emprego e no contexto dos acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001, asinados o 13 de xullo de 1998 pola Xunta de Galicia, a CEG, UGT-Galicia e o S.N. CC.OO. de Galicia, a Xunta de Galicia aprobou o Decreto 47/1999, do 18 de febreiro, polo que se regulan os incentivos á contratación laboral por reordenación do tempo de traballo que implique creación de emprego neto en Galicia.

O dito decreto prevé a convocatoria de axudas á contratación indefinida como consecuencia de acordos ou pactos sobre reordenación ou reducción do tempo de traballo, que, pola súa vez, contribúan a aumenta-la productividade e competitividade das empresas galegas. O sistema de incentivos que se establecen nesta orde constitúe un complemento dos previstos no programa xeral de fomento da contratación indefinida, ampliando o seu ámbito a tódolos desempregados e reforzando os incentivos cando se contrate desempregados menores de 30 anos, parados de longa duración e maiores de 45 anos.

No desenvolvemento do dito decreto, e na liña de fomenta-lo emprego estable, esta orde ten por obxecto establece-las bases reguladoras da concesión dos incentivos á contratación laboral por reordenación do tempo de traballo. As ditas axudas financiaranse con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, e, para o caso de tratarse de accións cofinanciadas, con cargo ós fondos que se reflictan no Marco Comunitario de Apoio da Unión Europea.

A presente convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e o establecido na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este programa ten por obxecto establece-las bases dos incentivos á contratación indefinida por conta allea, a tempo completo ou a tempo parcial, incluídos os traballos fixos-descontinuos, que se realice como consecuencia de acordos ou pactos voluntarios que, tendo ou non a súa orixe en acordos sectorais, sexan subscritos pola empresa e a representación legal dos traballadores ou, de non existir esta, polos traballadores en virtude de acordo maioritario destes, que versen sobre as seguintes materias:

a) Reordenación do tempo de traballo.

b) Reducción da xornada de traballo.

c) Reducción das horas extraordinarias realizadas con carácter habitual e/ou a súa compensación por tempos de descanso equivalente.

2. As novas contratacións, para que poidan ser subvencionables, deben supoñer incremento de emprego neto do persoal fixo nos termos establecidos no artigo 4º.2 da presente orde, e realizarse con desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego.

3. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, no Decreto 377/1998, do 23 de decembro, no Decreto 47/1999, do 18 de febreiro e na presente orde.

4. Este programa financiarase con cargo ós créditos das aplicacións orzamentarias 14.04.241B.475.0 e 14.04.241A.473.0.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios dos incentivos previstos nesta orde as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que contraten traballadores para prestar servicios en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia nos termos previstos nos distintos programas establecidos na presente convocatoria.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás que a relación deveña de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial.

Artigo 3º.-Exclusións.

As axudas previstas nesta orde non serán de aplicación nos seguintes supostos:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto

refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais.

b) Os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario ou de quen desempeñe cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos, excepto nas empresas de economía social respecto ós socios de traballo.

c) Contratacións realizadas con traballadores que, nos 24 meses anteriores á data da contratación, prestaran servicios na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

O disposto no parágrafo precedente será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador con empresas ás que a solicitante dos beneficios sucedera en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

d) Traballadores que finalizaran unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención.

Artigo 4º.-Requisitos e obrigas.

1. Os incentivos previstos neste capítulo serán de aplicación ás contratacións indefinidas derivadas de acordos sobre reordenación e reducción de xornada que se realicen en 1999.

2. Como consecuencia da contratación que se fomenta ten que incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa de modo que supere a media aritmética dos 12 meses anteriores á data do pacto ou acordo sobre reordenación do tempo de traballo ou da referencia que se estableza nel.

3. As empresas beneficiarias estarán obrigadas a mante-lo número de traballadores fixos do seu cadro de persoal durante polo menos 3 anos que se computarán desde a data da realización da contratación incentivada.

Capítulo II

Definición e contido dos acordos

Artigo 5º.-Reordenación do tempo de traballo.

Para os efectos dos incentivos previstos neste capítulo, terán a consideración de acordos ou pactos sobre reordenación do tempo de traballo aqueles que prevexan unha organización ou distribución do tempo de traballo que difira substancialmente da anterior, mediante o establecemento de modificacións na distribución horaria da xornada laboral, así como a implantación ou reordenación do traballo a quendas e a conversión da xornada partida en continuada ou viceversa.

Artigo 6º.-Reducción do tempo de traballo.

1. Para os efectos dos incentivos previstos neste capítulo, consideraranse como acordos ou pactos sobre reducción do tempo de traballo aqueles que prevexan unha dimunición da xornada en cómputo anual nun mínimo dun 5% en relación co ano anterior. Esta reducción non terá que acada-lo dito míni

mo cando a xornada se sitúe en 35 horas semanais na súa proxección en cómputo anual (1.598 horas).

2. Nestes supostos de reducción de xornada, para que as novas contratacións indefinidas poidan ser obxecto de subvención, o número total de horas que se contraten terá que ser equivalente, como mínimo, ó 75% do tempo reducido.

Artigo 7º.-Reducción das horas extraordinarias.

1. Para os efectos dos incentivos previstos neste capítulo, consideraranse como acordos ou pactos sobre reducción de horas extraordinarias aqueles que recollan a reducción das horas extraordinarias habituais e/ou a súa compensación por tempos de descanso equivalente.

No acordo deberá facerse constar expresamente o número de horas extraordinarias e estructurais declaradas e cotizadas á Seguridade Social no ano inmediatamente anterior.

2. Nestes supostos, para que as novas contratacións indefinidas poidan ser obxecto de subvención, o número total de horas que se contraten terá que ser equivalente, como mínimo, ó 75% do número de horas extraordinarias compensadas ou reducidas.

Artigo 8º.-Contido dos acordos.

Os acordos sobre reordenación e reducción do tempo de traballo, para os efectos previstos nesta orde, deberán facer referencia expresa, entre outros, ós seguintes extremos:

-Indicación do tempo certo e concreto da reordenación ou reducción do tempo de traballo.

-Número de traballadores fixos do cadro de persoal da empresa, na media aritmética dos 12 meses anteriores ou na referencia que se estableza.

-Número de empregos estables que se crearán como consecuencia das medidas pactadas.

-Incremento do cadro de persoal que representan.

Ademais, os acordos deberán conter medidas complementarias que incidan na mellora da productividade da empresa e que contribúan, en consecuencia, a aumenta-la súa competitividade.

Capítulo III

Incentivos e incompatibilidades

Artigo 9º.-Incentivos.

1. A axuda, pagadeira dunha soa vez, consistirá nunha subvención de ata un máximo de 300.000 pesetas, se se celebra a tempo completo ou a parte proporcional se se realiza a tempo parcial.

Cando as ditas contratacións se realicen con mulleres e se efectúen a xornada completa, o incentivo incrementarase en 100.000 pesetas.

2. Cando as ditas contratacións se realicen con desempregados menores de 30 anos, parados de longa duración ou maiores de 45 anos, a axuda será de ata 750.000 pesetas.

Cando as ditas contratacións se realicen con mulleres pertencentes ós ditos colectivos e se efectúen a xornada completa, o incentivo incrementarase ata 850.000 pesetas.

3. As axudas previstas neste artigo teñen como obxecto a diminución do custo da cota empresarial á Seguridade Social.

4. Os contratos indefinidos, para que poidan ser obxecto das axudas establecidas neste artigo, deberán formalizarse por escrito.

5. Os incentivos aplicables ás contratacións indefinidas a tempo parcial serán proporcionais ó tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.

Non serán subvencionables os contratos a tempo parcial cunha xornada inferior a 12 horas semanais, na súa proxección semanal, mensual ou anual.

Artigo 10º.-Incompatibilidades e limitacións.

1. As subvencións previstas nesta orde para as contratacións indefinidas serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorga-las administracións públicas como medida de fomento de emprego. As ditas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

Se as novas contratacións polo colectivo ó que afectan puideran ser obxecto doutras axudas públicas ó abeiro doutros programas de fomento da contratación estable por conta allea establecidos pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a empresa poderá optar pola que considere máis conveniente, ó seren incompatibles entre si.

2. Os beneficios establecidos nesta orde á contratación indefinida non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, supera-lo 60% do custo salarial anual correspondente ó contrato que se subvenciona.

Capítulo IV

Competencia e procedemento

Artigo 11º.-Competencia.

1. A competencia para coñecer e resolve-las solicitudes dos incentivos á contratación indefinida por reordenación do tempo de traballo corresponderalle ó director xeral de Fomento do Emprego.

2. Non obstante o anterior, a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá resolver sobre a concesión de axudas e subvencións para accións que se desenvolvan no ámbito provincial ou supraprovincial naqueles sectores productivos que polas súas características así o aconsellan.

Artigo 12º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de incentivos por reducción do tempo de traballo presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes deberán presentarse no prazo de dous meses contados desde a data en que se inicie

a relación laboral; nos supostos nos que a contratación fose anterior á entrada en vigor desta orde o devandito prazo empezará a computarse desde a data de entrada en vigor dela.

Con independencia dos prazos sinalados no parágrafo anterior, que terán que respectarse en todo caso, o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 1999.

Artigo 13º.-Documentación.

Cada solicitude deberá ir acompañada, por triplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia debidamente compulsada, da seguinte documentación:

1. Se o solicitante é persoa física, documento nacional de identidade e acreditación do número de identificación fiscal e se é persoa xurídica, documento nacional de identidade e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e número de identificación fiscal da empresa, así como alta no imposto de actividades económicas.

2. Copia do acordo sobre reordenación de traballo acadado no seo da empresa, e, se é o caso, acreditación das horas extraordinarias declaradas e cotizadas á Seguridade Social no ano inmediatamente anterior.

3. Contratos de traballo en modelo oficial e alta na Seguridade Social ou, no seu defecto, compromiso de contratación con traballador determinado.

4. DNI de cada traballador contratado e documento acreditativo da súa inscrición como demandante de emprego e do tempo de permanencia no paro (certificación da inscrición como demandante de emprego e informe da vida laboral).

5. Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta.

Artigo 14º.-Instrucción e tramitación.

Se a solicitude non estivera debidamente cuberta ou non se xunta a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán o interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición e arquivarase o expediente, de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15º.-Resolución.

1. Logo da fiscalización polas correspondentes intervencións, a resolución será dictada polo órgano competente e deberá serlle notificada ós interesados. As resolucións denegatorias deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de tres meses e empezará a computarse desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver. Transcorrido o devandito prazo sen que se dicte resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da subvención.

3. Contra as resolucións dictadas nestes procedementos polo director xeral de Fomento do Emprego poderá interpoñerse recurso administrativo ordinario no prazo dun mes ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 16º.-Criterios de valoración.

Para a valoración das solicitudes terase en conta o tamaño das empresas, a súa localización en zonas especialmente desfavorecidas, así como os colectivos de mulleres en profesións ou ocupacións con menor índice de emprego feminino, xoves en busca do seu primeiro emprego, maiores de 40 anos e persoas con discapacidade.

Artigo 17º.-Xustificación e pagamento.

1. Unha vez concedida a subvención, con anterioridade ó seu pagamento, o beneficiario deberá acredita-la cobertura do incremento do cadro de persoal fixo pactado para a anualidade e presentar -no prazo, nos termos e na forma que se sinalen na resolución- a documentación que se esixa de forma expresa nela, entre a que debe figura-la seguinte:

a) Certificacións acreditativas de estar ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Documento de alta na Seguridade Social e contratos de traballo debidamente formalizados de non achegarse con anterioridade.

c) Os documentos TC1 e TC2 correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución, agás que xunto coa solicitude se achegaran os boletíns correspondentes ó período de cómputo para o cálculo do incremento do cadro de persoal.

2. Non obstante o sinalado no punto anterior, a documentación esixida na fase de pagamento poderá presentarse xunto coa solicitude a opción do interesado.

Artigo 18º.-Seguimento e obrigas dos beneficiarios.

1. Durante os 3 anos seguintes á concesión da axuda ou subvención, e dentro do primeiro trimestre de cada ano, a empresa beneficiaria deberá comunicar á Dirección Xeral de Fomento do Emprego a xornada, unha relación da variación das altas e baixas do persoal adscrito e, de se-lo caso, o número de horas extraordinarias realizadas no ano inmediatamente anterior.

2. No suposto de extinción da relación laboral do traballador polo que se concedese a subvención, a cobertura do posto por un novo traballador, que deberá reuni-los mesmos requisitos que o traballador substituído, terá que realizarse dentro do mes seguinte ó da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria ó órgano competente que concedese a axuda, dentro dos 10 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda.

Esta obriga manterase durante tres anos desde a data de realización do contrato indefinido obxecto de subvención.

Artigo 19º.-Comprobación da aplicación das subvencións.

A Dirección Xeral de Fomento do Emprego poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas de comprobación que se establezan na resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude levará a cabo a función de control das subvencións concedidas así como a avaliación e seguimento dos programas.

Para realiza-las ditas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde, así como a duplicación da axuda polo mesmo concepto con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local ou da Unión Europea, constituirán causa determinante de revogación da axuda e do reintegro desta por parte de beneficiario ou solicitante, xunto co xuro de demora, de acordo co establecido no artigo 78.5º da Lei 11/1992.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido na Lei 8/1988, do 7 de abril, sobre infraccións e sancións na orde social.

Terceira.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nos diferentes programas desta orde.

Cuarta.-A concesión das axudas reguladas na presente orde terán como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999 para o fin que persigan.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude