Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 31 de marzo de 1999 Páx. 3.661

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 22 de marzo de 1999 pola que se regulan os programas de fomento da contratación en prácticas de xoves titulados e para a innovación tecnolóxica, para o ano 1999.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 29.1º atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servicios correspondentes a este ámbito.

Na actual estructura orgánica da Xunta de Galicia, en virtude do disposto no Decreto 488/1997, do 26 de decembro, a convocatoria, xestión e control das axudas á contratación por conta allea, como instrumentos da política activa de emprego, e dentro do ámbito funcional da súa Dirección Xeral de Fomento do Emprego, correspóndelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A Xunta de Galicia, a través da consellería con competencias en materia de emprego, vén convocando anualmente un marco de axudas á contratación por conta allea, ó abeiro dos sucesivos plans de fomento do emprego, en atención a programas propios e a programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo.

Neste contexto no ano 1998 púxose en marcha unha liña de axudas pola contratación en prácticas como instrumento que permite o acceso dos xoves ó emprego e incide na mellora da súa empregabilidade favorecendo a súa permanencia no mercado de traballo.

Por outra parte refórzanse os incentivos dos contratos en prácticas cando estean vinculados a proxectos I+D, coa dobre finalidade de facilita-la aproximación dos xoves titulados ó mercado laboral e de fomenta-la innovación das empresas galegas e co obxecto de dinamiza-lo intercambio de capacidades científicas e tecnolóxicas no mercado laboral para acadar maiores cotas de productividade e competitividade, preténdese potencia-la presencia nas ditas empresas de xoves titulados universitarios ou en formación profesional de segundo grao ou de ciclo superior que participasen como bolseiros en programas I+D e/ou se incorporen en departamentos con actividades innovadoras ou, no seu defecto, se lles asignen tarefas que favorezan a innovación tecnolóxica ou técnica da empresa.

Para o dito fin, na perspectiva de fomenta-la estabilidade no emprego, o citado programa compleméntase cun reforzamento dos incentivos pola transformación dos ditos contratos en indefinidos, facilitando e promovendo a incorporación á empresa como persoal fixo sen ruptura da continuidade.

En consecuencia e como novidade salientable cómpre sinalar que, dada a importancia dos contratos en prácticas como instrumento de inserción laboral dos mozos galegos, a súa incentivación articúlase nunha orde específica na que se regulan tanto as axudas pola contratación en prácticas coma polas transformacións destes contratos en indefinidos, poñéndose especial énfase na aproximación dos xoves titulados ás empresas potenciando a presencia de persoal cualificado para o desenvolvemento tecnolóxico do noso tecido empresarial e industrial. Co mesmo fin recóllese a incentivación da contratación indefinida inicial vinculada a proxectos I+D.

Neste marco de actuación, esta orde ten por obxecto establece-las bases reguladoras da concesión de axudas que integran os programas de fomento da contratación para a inserción laboral de xoves titulados e para a innovación tecnolóxica.

Esta convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e ó establecido na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto regula-las bases dos incentivos á contratación en prácticas, á transformación dos ditos contratos en indefinidos, así como á contratación indefinida inicial vinculada a proxectos I+D, establecidos pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude coa finalidade de favorece-la inserción laboral dos xoves titulados, a través dos seguintes programas:

a) Programa de fomento dos contratos en prácticas.

b) Programa de apoio á contratación en prácticas relacionada con proxectos I+D.

c) Programa de axudas á transformación dos contratos en prácticas en indefinidos e á contratación indefinida inicial vinculada a proxectos I+D.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999, no Decreto 377/1998, do 23 de decembro, e nesta orde.

3. Estes programas financiaranse con cargo ós créditos das aplicacións orzamentarias 14.04.241A.473.0 e 14.04.241B.475.0.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios dos incentivos previstos nesta orde as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que contraten a traballadores para prestar servicios en centros de traballo radi

cados na Comunidade Autónoma de Galicia nos termos previstos nos distintos programas establecidos nesta convocatoria.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás que a relación deveña de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial.

Capítulo II

Programa de fomento dos contratos en prácticas

Artigo 3º.-Obxecto.

Este programa ten por obxecto impulsa-la realización de contratos en prácticas, regulados no artigo 11 do Estatuto dos traballadores, para favorece-la inserción laboral e a formación teórico-práctica dos xoves que estiveran en posesión de título universitario ou de formación profesional de grao medio ou superior, ou títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes que habiliten para o exercicio profesional.

Artigo 4º.-Requisitos.

1. Os contratos en prácticas deberán cumpri-las esixencias e formalidades establecidas no artigo 11 do Estatuto dos traballadores e nas normas regulamentarias de desenvolvemento.

2. Estes contratos deberán realizarse con traballadores desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego, que non tiveran relación laboral coa empresa a través dun contrato da mesma modalidade.

3. As axudas previstas neste capítulo serán de aplicación ós contratos en prácticas que se realicen en 1999 e os realizados entre o un de outubro e o trinta e un de decembro de 1998.

4. Para que os ditos contratos poidan ser obxecto da subvención deberán concertarse a xornada completa, e por unha duración inicial non inferior a doce meses e non poderán supoñe-la sucesión de traballadores en prácticas para ocupa-lo mesmo posto de traballo.

Artigo 5º.-Axudas.

Os contratos en prácticas que se realicen con xoves titulados segundo o establecido no artigo 11 do E.T. que reúnan os requisitos e condicións sinalados no artigo anterior incentivaranse cunha contía de ata 500.000 pesetas, incrementándose ata 550.000 pesetas se se celebran con mulleres tituladas e se realizan en 1999.

Capítulo III

Programa de apoio á contratación en prácticas relacionada con proxectos I+D

Artigo 6º.-Obxecto.

Este programa ten por obxecto facilita-la aproximación dos xoves titulados ás empresas potenciando a presencia de persoal cualificado para o desenvolvemento tecnolóxico e técnico das empresas galegas, dinamizando o intercambio de capacidades tecnolóxicas no mercado laboral.

Poderán solicita-las axudas previstas neste capítulo as empresas, ás que se refire o artigo 2.1º da presente orde, que contraten en prácticas a xoves titulados universitarios ou de formación profesional de segundo grao ou de ciclo superior, desempregados inscritos no Servicio Público de Emprego, sempre que concorran algunha das seguintes circunstancias:

a) Que participaran en programas de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico como bolseiros en universidades ou centros de investigación públicos ou privados e se lles asignen tarefas acordes coa súa preparación e titulación.

b) Que se incorporen a un departamento de actividades innovadoras ou, no caso de que este non exista, se lles asignen tarefas que favorezan a innovación tecnolóxica ou técnica da empresa.

Artigo 7º.-Requisitos.

1. Os contratos en prácticas deberán cumpri-las esixencias e formalidades establecidas no artigo 11 do Estatuto dos traballadores e normas regulamentarias de desenvolvemento.

2. Estes contratos deberán realizarse con traballadores desempregados, inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego que non tiveran relación laboral coa empresa a través dun contrato da mesma modalidade.

3. As axudas previstas neste capítulo serán de aplicación ós contratos en prácticas que se realicen en 1999.

4. Para que os ditos contratos poidan ser obxecto de subvención deberán concertarse a tempo completo, por unha duración inicial non inferior a doce meses, e non poderán supoñe-la sucesión de traballadores en prácticas para ocupa-lo mesmo posto de traballo.

Artigo 8º.-Axudas.

Os contratos en prácticas ós que se refire o presente capítulo que reúnan os requisitos e condicións sinaladas nos artigos anteriores incentivaranse cunha contía de ata 700.000 pesetas, incrementándose a 750.000 pesetas se se celebran con mulleres tituladas.

Capítulo IV

Programas de axudas á transformación dos contratos en prácticas en indefinidos e á contratación indefinida inicial vinculada a proxectos I+D

Artigo 9º.-Obxecto.

Este programa ten por obxecto favorece-la inserción laboral con carácter estable dos xoves titulados incentivando a transformación dos contratos en prácticas en indefinidos e a contratación indefinida inicial vinculada a proxectos I+D.

Para os efectos das axudas previstas neste capítulo, entenderase que se produce a transformación en todos aqueles casos nos que ámbalas dúas modalidades contractuais se sucedan sen ruptura do vínculo laboral, incluídos aqueles supostos nos que o inicio da relación laboral indefinida ten lugar o día seguinte ó do termo de vixencia do contrato en prácticas, incorporándose á empresa con carácter estable sen ruptura de continuidade na relación laboral.

Artigo 10º.-Axudas á transformación de contratos en prácticas en indefinidos.

1. Poderán ser obxecto de subvención as transformacións dos contratos en prácticas en indefinidos a xornada completa realizadas durante o período comprendido entre o 1 de outubro e o 31 de decembro de 1998, así como as transformacións en contratos indefinidos a xornada completa ou a tempo parcial que se efectúen en 1999.

En todo caso a xornada do novo contrato indefinido será como mínimo igual á do contrato temporal que se transforma.

Neste caso, cando se trate da transformación dun contrato en prácticas a tempo parcial en indefinido a tempo parcial, o incentivo reducirase en proporción ó tempo de traballo efectivo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.

Non serán subvencionables os contratos a tempo parcial cunha xornada inferior a 12 horas semanais, na súa proxección semanal, mensual ou anual.

2. A transformación de contratos en prácticas en indefinidos incentivarase cunha subvención de ata 400.000 pesetas.

Cando a dita transformación afecte a mulleres o incentivo incrementarase en 100.000 pesetas sempre que o novo contrato se celebre a xornada completa e a transformación se produza en 1999.

Cando a transformación afecte a mulleres que prestan servicios en profesións ou ocupacións con menor índice de emprego feminino de acordo co disposto na orde ministerial do 16 de setembro de 1998, cuns contratos que se transformen en indefinidos para prestaren servicios nas ditas profesións ou ocupacións, a subvención poderá alcanza-la contía de 550.000 pesetas.

3. Cando se trate de transformación en indefinidos de contratos en prácticas vinculados a accións I+D ós que se refire o capítulo III desta orde, e sempre que se incorporen á empresa para a realización de tarefas acordes coa preparación e titulación do traballador, o incentivo incrementarase ata 650.000 pesetas, e cando se trate de traballadoras o incentivo incrementarase ata 700.000 pesetas.

4. Para o caso de que o contrato en prácticas estivese subvencionado ó abeiro dos programas de fomento dos contratos en prácticas convocados pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e se transforme en indefinido con anterioridade á súa duración mínima inicial de 12 meses, compensarase a parte da subvención concedida correspondente ó período non esgotado reducindo na mesma contía o incentivo pola transformación do contrato en indefinido.

Artigo 11º.-Axudas á contratación indefinida inicial vinculada a proxectos I+D.

1. Poderán ser obxecto de subvención os contratos indefinidos iniciais a tempo completo ou a tempo parcial celebrados en 1999, que se realicen con xoves titulados universitarios ou de formación profesional de segundo grao ou de ciclo superior, desempregados inscritos no Servicio Público de Emprego,

sempre que concorran algunha das seguintes circunstancias:

a) Que participasen en programas de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico como bolseiros en universidades ou centros de investigación públicos ou privados e se lles asignen tarefas acordes coa súa preparación e titulación.

b) Que se incorporen a un departamento de actividades innovadoras ou, no caso de que este non exista, se lles asignen tarefas que favorezan a innovación tecnolóxica ou técnica da empresa.

2. Os incentivos aplicables ás contratacións indefinidas a tempo parcial serán proporcionais ó tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.

Non serán subvencionables os contratos a tempo parcial cunha xornada inferior a 12 horas semanais, na súa proxección semanal, mensual ou anual.

3. Os contratos indefinidos, obxecto das axudas establecidas neste artigo, deberán formalizarse por escrito.

4. Estas contratacións incentivaranse cunha axuda de ata 700.000 pesetas, se se realizan a xornada completa ou a parte proporcional se se realizan a tempo parcial.

A subvención incrementarase ata 800.000 pesetas, cando as ditas contratacións se realicen con mulleres e se efectúen a tempo completo.

Artigo 12º.-Requisitos e obrigas.

1. Como consecuencia da contratación indefinida inicial ou da transformación dos contratos en prácticas en indefinidos ten que incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa de modo que supere a media aritmética dos 12 meses anteriores á data de inicio da prestación laboral ou, se é o caso, na referencia que se estableza en plans de emprego pactados coa representación legal dos traballadores no ámbito da empresa.

Para os efectos do cómputo do incremento do cadro de persoal non se terán en conta as baixas dos traballadores que se producisen por propia vontade do traballador, ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou gran invalidez legalmente recoñecidas.

2. Os beneficiarios estarán obrigados a mante-lo número de traballadores fixos do seu cadro de persoal durante polo menos 3 anos que se computarán desde a data de realización do contrato.

Capítulo V

Sección primeira

Normas comúns

Artigo 13º.-Exclusións.

Exclúense dos beneficios establecidos nos programas desta orde:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto de traballadores, ou noutras disposicións legais, así como os contratos de posta a disposición.

b) Os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consan

guinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario ou dos que ostenten cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos.

c) As contratacións realizadas con traballadores que, nos 24 meses anteriores á data de contratación, prestaran servicios na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

O disposto no parágrafo precedente será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador con empresas ás que a solicitante dos beneficios sucedera en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

Artigo 14º.-Incompatibilidades.

1. En ningún caso as axudas establecidas para cada tipo de acción regulado na presente orde serán acumulables entre si.

2. As subvencions previstas nesta orde para as contratacións en prácticas, as transformacións en indefinidos e as contratacións indefinidas iniciais serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorga-las administracións públicas como medida de fomento de emprego. Os ditos incentivos son compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

3. Os beneficios establecidos nesta orde á contratación indefinida non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, supera-lo 60% do custo salarial anual correspondente ó contrato que se subvenciona.

Sección segunda

Competencia e procedemento

Artigo 15º.-Competencia.

1. A competencia para coñecer e resolve-las solicitudes de axudas e subvencións presentadas ó abeiro da presente orde corresponderalles:

a) Ós delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude cando a contratación se realice para prestar servicios en centros de traballo radicados na respectiva provincia, agás no disposto no parágrafo seguinte.

b) Ó director xeral de Fomento do Emprego cando se trate de solicitudes de axudas á contratación indefinida ou en prácticas con orixe en plans empresariais de desenvolvemento e investigación tecnolóxica que recollan a contratación de 10 ou máis traballadores ou en convenios de colaboración con entidades sen fin de lucro que interveñan no desenvolvemento dos programas de incentivación da contratación en prácticas e para a innovación tecnolóxica.

2. Non obstante, a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá resolver sobre a concesión de axudas e subvencións para accións que se desenvolvan no ámbito provincial ou supraprovincial naqueles sectores productivos que polas súas características así o aconsellan.

Artigo 16º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nos distintos programas dirixiranse ó órgano competente e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes deberán presentarse no prazo de dous meses contados desde a data en que se inicie a relación laboral ou se produza a transformación do contrato en indefinido; nos supostos nos que a contratación fose anterior á entrada en vigor desta orde o devandito prazo empezará a computarse desde a data de entrada en vigor dela.

Con independencia dos prazos sinalados no parágrafo anterior, que terán que respectarse en todo caso, o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 1999.

Artigo 17º.-Documentación.

Cada solicitude deberá ir acompañada, por triplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia debidamente compulsada, da seguinte documentación:

1. Se o solicitante é persoa física, documento nacional de identidade e acreditación do número de identificación fiscal, e, se é persoa xurídica, documento nacional de identidade e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e número de identificación fiscal da empresa, así como alta no imposto de actividades económicas.

2. Contratos de traballo e alta na Seguridade Social ou, no seu defecto, compromiso de contratación ou de conversión do contrato temporal en indefinido con traballador determinado; e no caso de transformación o contrato temporal do que trae causa e as súas posibles prórrogas.

3. Título ou certificado de terminación dos estudios e DNI de cada traballador contratado; e se se trata de contratacións iniciais, documento acreditativo da súa inscrición como demandante de emprego e do tempo de permanencia no paro (certificación da inscrición como demandante de emprego e informe da vida laboral).

4. Cando se trate de contratos en prácticas ou indefinidos, iniciais ou por transformación,vinculados a proxectos I+D, deberá acompañarse unha memoria na que se recolla unha definición precisa do posto de traballo e unha breve descrición das actividades empresariais innovadoras máis relevantes que vai desenvolver o equipo ou departamento da empresa no que se integrará o traballador e, se é o caso, documentación acreditativa da condición de bolseiro do traballador contratado en programas de investigación.

5. Cando se soliciten incentivos pola contratación indefinida, inicial ou por transformación de contratos en prácticas, deberá achegarse unha declaración na que se faga consta-lo cadro de persoal fixo da empresa en cada un dos 12 meses anteriores á transformación ou contratación, con indicación, de se-lo caso, das baixas producidas polas causas sinaladas no artigo 12 desta orde. Para o caso de que aínda non se realizase a contratación indefinida no momento da presentación da solicitude, a declaración refe

rirase ós 12 meses anteriores a esta, sen prexuízo de que con anterioridade ó pagamento da subvención se acredite o incremento do cadro de persoal en relación coa data da contratación indefinida.

Se é o caso, documentos acreditativos das baixas producidas polas causas previstas no artigo 12.1º.

No suposto de plans de emprego pactados con representación legal dos traballadores nos que se establezan referencias para o incremento do cadro de persoal en 1999, achegarase copia do pacto xunto coa solicitude, e con anterioridade ó pagamento da axuda a documentación acreditativa do dito incremento.

6. Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta.

Artigo 18º.-Instrucción e tramitación.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achega a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán o interesado para que nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición, e arquivarase o expediente, de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 19º.-Resolución.

1. Logo da fiscalización polas correspondentes intervencións, as resolucións serán dictadas polo órgano competente e deberán serlles notificadas ós interesados. As resolucións denegatorias deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de tres meses e empezará a computarse desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver. Transcorrido o devandito prazo sen que se dictase resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da subvención.

3. Contra as resolucións dictadas nestes procedementos polos delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou polo director xeral de Fomento do Emprego, poderá interpoñerse recurso administrativo ordinario no prazo dun mes ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 20º.-Criterios de valoración.

Para a valoración das solicitudes terase en conta aquelas contratacións que se realicen con xoves en busca do seu primeiro emprego, mulleres naquelas profesións ou ocupacións nas que o colectivo feminino teña un menor índice de emprego, parados de longa duración, ou traballadores con discapacidade.

Artigo 21º.-Xustificación do pagamento.

1. Unha vez concedida a subvención, con anterioridade e como condición para o seu aboamento, no prazo, nos termos e na forma que se sinalen na resolución, o beneficiario deberá achega-la documentación que se esixa de forma expresa nela, entre a que deberá figura-la seguinte:

a) Certificacións acreditativas de estar ó corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social,

e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Documento de alta na Seguridade Social e contratos de traballo debidamente formalizados de non achegarse con anterioridade e, de se-lo caso, documentos acreditativos da transformación do contrato en indefinido.

c) Cando se trate dalgunha das axudas previstas no capítulo IV, os documentos TC1 e TC2 correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución, agás que xunto coa solicitude se achegaran tódolos boletíns correspondentes ó período de cómputo para o cálculo do incremento do cadro de persoal.

2. Non obstante o sinalado no punto anterior, a documentación esixida na fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude a opción do interesado.

Artigo 22º.-Seguimento e obrigas dos beneficiarios.

1. As empresas beneficiarias, co fin de garanti-lo mantemento dos postos de traballo estables creados que foran obxecto de subvención, deberán presentar dentro do primeiro trimestre de cada ano, unha relación da variación das altas e baixas do persoal adscrito.

A dita obriga manterase durante os tres anos seguintes a aquel no que se concedeu a axuda ou subvención.

2. No suposto de extinción da relación laboral do traballador polo que se concedese a subvención, a cobertura do posto por un novo traballador, que deberá reuni-los mesmos requisitos có traballador substituído, terá que realizarse dentro do mes seguinte ó da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria á delegación provincial que concedese a axuda, dentro dos 10 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda.

Esta obriga manterase durante tres anos desde a data de realización do contrato indefinido obxecto de subvención e, se é temporal, durante a duración inicial do contrato.

Artigo 23º.-Comprobación da aplicación das subvencións.

As delegacións provinciais poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas de comprobación que se establezan na resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude levará a cabo a función de control das subvencións concedidas así como a avaliación e seguimento dos programas.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean a disposición da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde, así como a duplicación da axuda polo mesmo concepto con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local ou da Unión Europea, constituirán causa determinante de revogación da axuda e do reintegro desta por parte do beneficiario ou solicitante, xunto co xuro de demora, de acordo co establecido no artigo 78.5º da Lei 11/1992.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior, enténdese sen prexuízo do establecido na Lei 8/1988, do 7 de abril, sobre infraccións e sancións na orde social.

Terceira.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nos diferentes programas desta orde.

Cuarta.-A concesión das axudas reguladas na presente orde terán como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999 para o fin que persigan, e os compromisos que se reflicten no marco comunitario de apoio provenientes do Fondo Social Europeo, para o caso de tratarse de accións cofinanciadas.

Quinta.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá asinar convenios de colaboración con entidades sen fin de lucro para o desenvolvemento dos programas de incentivación dos contratos en prácticas; nestes supostos a entidade colaboradora intervirá na intermediación de demandas e ofertas que faciliten a inserción laboral de xoves titulados, e na xestión das correspondentes solicitudes de axudas que poderá presentarse de forma conxunta e nos prazos que se establezan no correspondente convenio.

Sexta.-As solicitudes de axudas realizadas ó abeiro das ordes de convocatoria correspondentes a exercicios anteriores que non puideran ser atendidas e que reunisen os requisitos legais establecidos nelas, poderán ser atendidas con cargo ós créditos orzamentarios para o exercicio de 1999 e en función da normativa que lles era de aplicación no momento da presentación da solicitude.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude