Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 31 de marzo de 1999 Páx. 3.639

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 22 de marzo de 1999 pola que se regulan os programas de fomento da contratación por conta allea na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 1999.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 29.1º atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servicios correspondentes a este ámbito.

Na actual estructura orgánica da Xunta de Galicia, en virtude do disposto no Decreto 488/1997, do 26 de decembro, a convocatoria, xestión e control das axudas á contratación por conta allea, como instrumentos da política activa de emprego, e dentro do ámbito funcional da súa Dirección Xeral de Fomento do Emprego, correspóndelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A Xunta de Galicia, a través da consellería con competencias en materia de emprego, vén convocando anualmente un marco de axudas á contratación por conta allea, ó abeiro dos sucesivos plans de fomento do emprego, en atención a programas propios e a programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo.

Nesta liña de actuación, e tendo en conta as directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo, e no marco dos Acordos sobre Medidas para o Crecemento e o Emprego en Galicia 1998-2001, asinado o 13 de xullo de 1998 pola Xunta de Galicia, a CEG, UGT-Galicia e o S.N. CC.OO. de Galicia, articúlase un conxunto de medidas para o fomento da contratación que teñen como finalidade facilita-la creación de emprego estable e de calidade que favoreza a competitividade das empresas e contribuír á diminución da taxa de temporalidade, da rotación no mercado de traballo e á reducción do desemprego.

Neste contexto proxéctanse axudas públicas á contratación indefinida inicial ou por transformación de contratos temporais, nun sistema mixto que complementa os incentivos estatais e, pola súa vez, reforza o apoio a aqueles colectivos con maiores dificultades de inserción e reinserción laboral, con especial atención a xoves, mulleres, parados de longa duración, desempregados maiores de 45 anos, colectivos en perigo de exclusión social e discapacitados, aínda que as medidas de incentivación destes últimos se regulan separadamente pola súa concreta especificidade.

Por outra parte, establécese un incentivo específico pola contratación indefinida do primeiro traballador, co obxecto de estimular e incidir naquelas empresas que con potencialidade para a creación de emprego non adoptan tal decisión polo risco que pode comporta-la contratación inicial, o que ten unha especial relevancia en Galicia polo significativo número de microempresas no que se detecta tal situación.

Co obxecto de incidir na mellora da inserción laboral do colectivo de mulleres, e como medida de discriminación positiva no eido da igualdade de oportunidades, en tódolos incentivos á contratación indefinida prevese un incremento lineal cando os contratos se celebren con mulleres e se realicen a xornada completa.

Para o ano 1999 tamén se prevén incentivos pola contratación indefinida a tempo parcial, en atención á evolución destes contratos no mercado laboral, como instrumentos que ademais de atender a determinadas esixencias da organización empresarial, serven para dar resposta a necesidades diversas de carácter persoal, familiar, formativo e profesional dos traballadores.

Sen esquece-la perspectiva da necesaria estabilidade, tamén se articulan para supostos suficientemente xustificados a incentivación da contratación de duración determinada ou temporal, como son:

a) Os contratos de interinidade por substitución de traballadores/as de baixa por causa de maternidade, adopción ou acollemento, co obxecto de incidir positivamente no fomento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no acceso e permanencia no emprego asumindo os custos da Seguridade Social do traballador/a substituído/a a cargo do empresario cando os/as traballadores/as se atopen en períodos de descanso polas ditas causas. Incentivo que se ve complementado coas bonificacións de cotas á Seguridade Social destes contratos de interinidade regulados recentemente polo Real decreto lei 11/1998, do 4 de setembro. Tamén e como novidade, recóllense incentivos pola contratación interina para substituír traballadores/as excedentes por coidado de fillos.

b) E a contratación temporal das persoas en perigo de exclusión social, co fin de facilita-la súa integración laboral e, en definitiva, o seu desenvolvemento persoal e social. A mellora técnica na configuración deste programa reflíctese na clarificación e ampliación dos colectivos ós que vai dirixido.

Como novidade salientable cómpre sinalar que, dada a importancia dos contratos en prácticas como instrumento de inserción laboral dos mozos galegos, a súa incentivación articularase nunha orde específica na que se regularán tanto as axudas pola contratación en prácticas como polas transformacións destes contratos en indefinidos; porase especial énfase na aproximación dos xoves titulados ás empre

sas e potenciarase a presencia de persoal cualificado para o desenvolvemento tecnolóxico do noso tecido industrial.

Neste marco de actuación, esta orde ten por obxecto establece-las bases reguladoras da concesión das axudas que integran os programas deseñados para a incentivación da contratación por conta allea. As ditas axudas financiaranse con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999 e, para o caso de tratarse de accións cofinanciadas, con cargo ós fondos que se reflicten no Marco Comunitario de Apoio da Unión Europea.

Esta convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e o establecido na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto regula-las bases dos incentivos á contratación por conta allea en 1999, establecidos pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, coa finalidade de fomenta-la creación de postos de traballo, favorece-lo emprego estable e facilita-la inserción dos colectivos de desempregados con maiores dificultades de acceso ó mercado laboral, a través dos seguintes programas:

I. Programa de fomento da contratación indefinida:

I.1. Axuda á contratación indefinida inicial

I.2. Axuda á transformación de contratos de duración determinada ou temporais en indefinidos.

I.3. Axuda excepcional á creación do primeiro emprego.

II. Programa de apoio á substitución de traballadores/as por causa de maternidade, adopción ou acollemento, ou en excedencia para o coidado de fillos.

III. Programa de axudas á contratación de traballadores de difícil reinserción no mercado laboral.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, no Decreto 377/1998, do 23 de decembro e nesta orde.

3. Estes programas financiaranse con cargo ós creditos das aplicacións orzamentarias 14.04.241B.475.0 e 14.04.241A.473.0.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios dos incentivos previstos nesta orde as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que contraten traballadores para prestaren servicios en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia nos termos previstos nos distintos programas establecidos nesta convocatoria.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás que a relación deveña de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial.

Capítulo II

Programa de fomento da contratación indefinida

Artigo 3º.-Obxecto.

1. Este programa ten por obxecto fomenta-la estabilidade no emprego, mediante a concesión de incentivos ás contratacións indefinidas realizadas a xornada completa ou a tempo parcial, incluídos os fixos-descontinuos, a través dos seguintes tipos de axuda:

-Axudas á contratación indefinida inicial.

-Axudas á transformación de contratos de duración determinada ou temporal en indefinidos.

-Axuda excepcional á creación do primeiro emprego.

2. Os incentivos aplicables ás contratacións indefinidas a tempo parcial serán proporcionais ó tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.

Non serán subvencionables os contratos a tempo parcial cunha xornada inferior a 12 horas semanais, na súa proxección semanal, mensual ou anual.

3. Os contratos indefinidos, para que poidan ser obxecto das axudas establecidas neste capítulo, deberán formalizarse por escrito.

Artigo 4º.-Axudas á contratación indefinida inicial.

1. Poderán ser obxecto de subvención os contratos indefinidos iniciais a tempo completo celebrados durante o período comprendido entre o 1 de outubro e o 31 de decembro de 1998, así como os contratos indefinidos a xornada completa ou a tempo parcial que se celebren en 1999, sempre que se realicen con traballadores desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego pertencentes a algún dos seguintes colectivos:

a) Xoves desempregados menores de 30 anos.

b) Desempregados que leven en situación de desemprego, polo menos, doce meses. Para estes efectos, considerarase cumprido o requisito de permanencia en desemprego aínda no caso de que o traballador, nese período de doce meses, realizase unha actividade laboral por un período non superior a 60 días.

c) Desempregados maiores de 45 anos.

Estas contratacións incentivaranse cunha axuda de ata 300.000 pesetas se se realizan a xornada completa ou a parte proporcional se se realizan a tempo parcial.

A subvención incrementarase en 100.000 pesetas cando as ditas contratacións se realicen con mulleres, sempre que se efectúen a tempo completo e se celebren en 1999.

2. Nas contratacións establecidas no punto anterior o incentivo incrementarase ata unha contía de 500.000 pesetas, se se realizan a xornada completa ou a parte proporcional se se realizan a tempo parcial, cando ademais dos requisitos esixidos no dito punto concorran algunha das seguintes circunstancias:

a) Contratación de desempregados que realizasen cursos de formación profesional ocupacional do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional, directamente relacionados co posto de traballo para o que se contrata, correspondentes ás programacións de 1997, 1998 ou 1999.

b) Contratación de desempregados que participasen como alumnos en programas de escolas obradoiro ou casas de oficio en 1997, 1998 ou 1999, directamente relacionados no seu contido co posto de traballo para o que se contrata, ou ben en obras ou servicio de interese xeral realizados en virtude doutros programas de fomento de emprego en 1998 ou 1999.

O incentivo previsto neste punto incrementarase en 100.000 pesetas cando as ditas contratacións se realicen con mulleres, sempre que se efectúen a xornada completa e se celebren en 1999.

3. Nas contratacións establecidas no punto 1 deste artigo o incentivo incrementarase ata unha contía de 700.000 pesetas se se efectúan a xornada completa ou a parte proporcional se se realizan a tempo parcial, cando ademais dos requisitos esixidos no dito punto concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Contratación de xoves desempregados menores de 30 anos que busquen o seu primeiro emprego.

Para estes efectos, entenderase que buscan o seu primeiro emprego aqueles que non realizasen con anterioridade ningunha actividade laboral, por conta propia ou allea, durante un período superior a 180 días ininterrompidos ou a 360 con interrupción,

excluídos os contratos para a formación, calquera que sexa a súa duración, que non se terán en conta para o cómputo da experiencia laboral acumulada.

b) Contratación de parados de moi longa duración, entendendo por tales aqueles desempregados que leven inscritos como demandantes de emprego, polo menos, 24 meses. Non perderán a dita consideración aqueles que, nese período de tempo, realizasen unha actividade laboral por un período non superior a 120 días ou a 180 días no caso de que leven 36 meses ou máis en situación de desemprego.

Este incentivo incrementarase en 100.000 pesetas cando as ditas contratacións se realicen con mulleres, sempre que se efectúen a xornada completa e se celebren en 1999.

4. Nas contratacións establecidas no punto 1 deste artigo o incentivo incrementarase ata unha contía de 800.000 pesetas se se efectúa a xornada completa ou a parte proporcional se se realizan a tempo parcial, cando ademais dos requisitos esixidos no dito punto se celebren con mulleres e concorra algunha da seguintes circunstancias:

a) Contratación de mulleres en profesións ou ocupacións con menor índice de emprego feminino de acordo co disposto na orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, de 16 de setembro de 1998, para o fomento do emprego estable de mulleres nas profesións e ocupacións con menor índice de emprego feminino.

b) Contratación de mulleres que se reincorporen á actividade laboral tras unha ausencia prolongada dun mínimo de tres anos.

Artigo 5º.-Axudas á transformación de contratos de duración determinada ou temporais en indefinidos.

1. As transformacións de contratos de duración determinada ou temporal en indefinidos poderán ser obxecto de subvención nos seguintes supostos.

a) As transformacións en indefinidos de contratos de duración determinada ou temporal, vixentes o 17 de maio de 1997, calquera que sexa a modalidade contractual obxecto da transformación, realizadas durante o período comprendido entre o 1 de outubro e o 31 de decembro de 1998, sempre que a contratación indefinida se celebre a tempo completo.

b) As transformacións en indefinidos de contratos de duración determinada ou temporal, vixentes o 1 de xaneiro de 1999, calquera que sexa a modalidade contractual obxecto de transformación.

c) As transformacións de contratos de aprendizaxe, para a formación, de relevo e de substitución por anticipación da idade de xubilación en indefinidos, calquera que sexa a data da súa celebración, realizadas durante o período comprendido entre o 1 de outubro e o 31 de decembro de 1998 sempre que o contrato indefinido se celebre a xornada completa, e as que se realicen en 1999.

2. Os incentivos serán de aplicación ás transformacións de contratos temporais en indefinidos a tempo completo, e ás transformacións realizadas en 1999 de contratos temporais a tempo parcial en indefinidos a tempo parcial, incluídos os fixos descontinuos. Nestes supostos a xornada do novo contrato indefinido será como mínimo igual á do contrato temporal que se transforma.

3. As ditas transformacións de contratos temporais en indefinidos subvencionaranse cunha axuda de ata 300.000 pesetas se o novo contrato indefinido se realiza a tempo completo ou a parte proporcional se se realiza a tempo parcial.

Cando as ditas transformacións afectan a mulleres o incentivo incrementarase en 100.000 pesetas sempre que o novo contrato se celebre a xornada completa e a transformación se produza en 1999.

4. Cando a transformación afecte a mulleres que prestan servicios en profesións ou ocupacións con menor índice de emprego feminino de acordo co disposto na Orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, do 16 de setembro de 1998, ou que os seus contratos se transformen en indefinidos para prestar servicios nas ditas profesións ou ocupacións, a subvención poderá alcanza-la contía de 500.000 pesetas se o novo contrato indefinido se celebra a xornada completa ou a parte proporcional se se realiza a tempo parcial.

5. Para os efectos das axudas previstas neste artigo, entenderase que se produce a transformación en todos aqueles casos nos que ámbalas dúas modalidades contractuais se sucedan sen ruptura do vínculo laboral, incluídos aqueles supostos nos que o inicio da relación laboral indefinida ten lugar o día seguinte ó do termo de vixencia do contrato temporal, incorporándose á empresa con carácter estable sen ruptura de continuidade na relación laboral.

Artigo 6º.-Axuda excepcional á creación do primeiro emprego.

1. As empresas que contraten con carácter indefinido e a tempo completo ó seu primeiro empregado poderán beneficiarse da subvención que se establece no punto cuarto deste artigo, sempre que o contratado sexa desempregado e reúna os requisitos establecidos no artigo 4.1º desta orde, como prioridade que se mantén para este tipo de axuda, e sempre que os ditos empresarios iniciasen a actividade cunha antelación mínima dun ano ó comezo da prestación de servicios polo traballador.

2. Para estes efectos, entenderase que se trata do primeiro empregado aínda cando na empresa, nos 24 meses anteriores á contratación indefinida, prestasen servicios por conta allea traballadores con contratos de duración determinada ou temporal que, no seu conxunto, non superen os 180 días.

3. Poderán ser obxecto da axuda prevista neste artigo as contratacións indefinidas a tempo completo celebradas durante o período comprendido entre o

1 de outubro e o 31 de decembro de 1998, e as realizadas a tempo completo ou a tempo parcial en 1999.

4. A axuda, pagadoira dunha soa vez, consistirá nunha subvención por unha contía máxima equivalente ó importe do 30% da base mínima do grupo de cotización a que pertenza o traballador contratado establecida para o ano 1999, calculada sobre tres anualidades, ata un máximo de 1.000.000 de pesetas se o contrato se realiza a xornada completa ou a parte proporcional se se realiza a tempo parcial.

Cando a dita contratación se realice con mulleres, sempre que se efectúe a tempo completo e se celebre en 1999, a dita porcentaxe elevarase ó 32% e o límite incrementarase ata 1.100.000 pesetas.

Artigo 7º.-Exclusións específicas.

Os incentivos previstos neste programa non serán de aplicación nos seguintes supostos:

a) Contratacións realizadas con traballadores que, nos 24 meses anteriores á data da contratación, prestasen servicios na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

O disposto no parágrafo precedente será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador con empresas ás que a solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

b) Traballadores que finalizasen a súa relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención.

Artigo 8º.-Requisitos e obrigas.

1. Como consecuencia da contratación ou transformación que se fomenta ten que incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa de modo que supere a media aritmética dos doce meses anteriores á data de inicio da prestación laboral ou, se é o caso, na referencia que se estableza en plans de emprego pactados coa representación legal dos traballadores no ámbito da empresa.

Para os efectos do cómputo do incremento do cadro de persoal non se terán en conta as baixas dos traballadores que se producisen por propia vontade do traballador, ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas.

2. Os beneficiarios estarán obrigados a mante-lo número de traballadores fixos do seu cadro de persoal durante polo menos 3 anos que se contarán desde a data de realización do contrato.

Capítulo III

Programa de apoio á substitución de traballadores/as por causa de maternidade, adopción ou acollemento, ou en excedencia para coidado de fillos

Artigo 9º.-Obxecto.

Este programa ten por obxecto favorece-la cobertura daqueles postos de traballo que quedan vacantes temporalmente como consecuencia da suspensión do contrato de traballo do/a traballador/a por maternidade, adopción ou acollemento de menores de cinco anos, en virtude do establecido no artigo 45.1º e 48.4º do Estatuto dos traballadores, ou por excedencia para o coidado de fillos en virtude do establecido no artigo 46.3º do Estatuto dos traballadores.

Artigo 10º.-Axudas.

As empresas que realicen un contrato de interinidade por algunha das causas sinaladas no artigo anterior con traballadores desempregados, inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego, poderán beneficiarse, segundo o caso, das seguintes axudas:

1. Os contratos de interinidade por causa de maternidade, adopción ou acollemento incentivaranse cunha axuda económica en contía equivalente ás cotas empresariais á Seguridade Social correspondentes ó/á traballador/a con suspensión da relación laboral, durante o período da substitución.

2. Os contratos de interinidade que se celebren para substituír traballadores/as en excedencia para o coidado de fillos por un período superior a catro meses e inferior a tres anos, e sempre que en virtude de disposición legal ou convenio colectivo se trate dunha excedencia con reserva de posto de traballo, incentivaranse cunha axuda de ata 300.000 pesetas que se reducirá proporcionalmente cando a súa duración sexa por un período inferior a un ano.

Artigo 11º.-Requisitos e obrigas.

1. O contrato de interinidade deberá cumpri-los requisitos e formalidades establecidos no artigo 15.1º.c) do Estatuto dos traballadores e normas regulamentarias de aplicación, e formalizarse por escrito e, se é o caso, no modelo do contrato de interinidade con bonificación para substituír a traballadores durante os períodos de descanso por causa de marternidade, adopción ou acollemento (R.D. Lei 11/1998, do 4 de setembro).

2. No suposto de cesamento do traballador interino, a cobertura do posto por un novo traballador desempregado terá que realizarse dentro dos 15 días seguintes ó da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dentro dos dez días seguintes ó da cobertura do posto.

3. Os incentivos previstos neste capítulo serán de aplicación ós contratos de interinidade formalizados en substitución dun/ha traballador/a por causa de maternidade, adopción ou acollemento que se realicen en 1999 e os realizados entre o 1 de outubro e o 31 de decembro de 1998, e ós contratos de

interinidade por substitución de traballadores/as en excedencia para o coidado de fillos que se realicen en 1999.

Capítulo IV

Programa de axudas á contratación de traballadores de difícil reinserción

Artigo 12º.-Obxecto.

O obxecto deste programa é fomenta-la contratación, indefinida ou temporal, de traballadores pertencentes a colectivos de difícil reinserción no mercado de traballo, con perigo de exclusión social.

Artigo 13º.-Colectivos.

Para os efectos deste programa, entenderase por colectivos de difícil reinserción os seguintes:

-Os perceptores da renda de integración social de Galicia, ou membros da súa unidade familiar en desemprego.

-Persoas que participen ou participasen en procesos de rehabilitación de drogodependentes debidamente acreditados ou autorizados.

-Penados ou ex-reclusos.

-Mulleres procedentes de casas de acollida.

-Mozos que estean ou estivesen, ata a súa maioría de idade, baixo tutela ou garda da Administración autonómica.

-Inmigrantes e persoas que formen parte de familias, grupos, colectivos ou minorías das que as características poidan condiciona-las súas posibilidades de integración social.

Artigo 14º.-Axudas.

Ás empresas que contraten traballadores desempregados, inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego, pertencentes a estes colectivos poderánselles concede-las seguintes axudas:

a) Ata 750.000 pesetas se o contrato é indefinido a xornada completa, ou a parte proporcional ó tempo efectivo de traballo, se é a tempo parcial.

b) Ata 300.000 pesetas se o contrato é temporal, sempre que teña unha duración mínima de 6 meses e se realice a tempo completo ou a parte proporcional se se efectúa a tempo parcial.

Artigo 15º.-Requisitos e obrigas.

1. Os contratos de traballo obxecto de subvención deberán formalizarse por escrito e observa-los requisitos e prescricións establecidas na normativa de aplicación.

2. As axudas previstas neste capítulo serán de aplicación ás contratacións indefinidas ou temporais que se realicen en 1999 e ás realizadas a xornada completa entre o 1 de outubro e o 31 de decembro de 1998.

Capítulo V

Sección primeira

Normas comúns

Artigo 16º.-Exclusións xenéricas.

Exclúense dos beneficios establecidos nos programas desta orde:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou noutras disposicións legais, así como os contratos de posta á disposición.

b) Os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario ou de quen desempeñe cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos.

Artigo 17º.-Incompatibilidades.

1. En ningún caso as axudas establecidas para cada colectivo nos capítulos II, e IV desta orde serán acumulables entre si.

2. As subvencións previstas nesta orde para as contratacións indefinidas e para as de carácter temporal serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorga-las administracións públicas como medida de fomento de emprego. As ditas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

3. Os beneficios establecidos nesta orde á contratación indefinida non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, supera-lo 60% do custo salarial anual correspondente ó contrato que se subvenciona.

Sección segunda

Competencia e procedemento

Artigo 18º.-Competencia.

1. A competencia para coñecer e resolve-las solicitudes de axudas e subvencións presentadas ó abeiro desta orde corresponderalles:

a) Ós delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude cando a contratación se realice para prestar servicios en centros de traballo radicados na respectiva provincia, agás no disposto no parágrafo seguinte.

b) Ó director xeral de Fomento do Emprego cando se trate de solicitudes de axudas á contratación con orixe en pactos ou plans empresariais de expansión ou crecemento de emprego que recollan a contratación indefinida de 30 ou máis traballadores.

2. Non obstante o anterior, a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá resolver sobre a concesión de axudas e subvencións para accións que se desenvolvan no ámbito provincial ou supraprovincial naqueles sectores productivos que polas súas características así o aconsellan.

Artigo 19º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nos distintos programas dirixiranse ó órgano competente e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes deberán presentarse no prazo de dous meses contados desde a data en que se inicie a relación laboral ou se produza a transformación do contrato en indefinido; nos supostos nos que a contratación fose anterior á entrada en vigor desta orde, o devandito prazo empezará a contarse desde a data de entrada en vigor dela.

Con independencia dos prazos sinalados no parágrafo anterior, que terá que respectarse en todo caso, o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 1999.

Artigo 20º.-Documentación.

Cada solicitude deberá ir acompañada, por triplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia debidamente compulsada, da seguinte documentación:

1. Se o solicitante é persoa física, documento nacional de identidade e acreditación do número de identificación fiscal, e se é persoa xurídica, documento nacional de identidade e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e número de identificación fiscal da empresa, así como alta no imposto de actividades económicas.

2. Contratos de traballo en modelo oficial e alta na Seguridade Social ou, no seu defecto, compromiso de contratación ou de conversión do contrato temporal en indefinido con traballador determinado; e no caso de transformación, o contrato temporal do que trae causa e as súas posibles prórrogas.

3. DNI de cada traballador contratado, e se se trata de contratación inicial, documento acreditativo da súa inscrición como demandante de emprego e do tempo de permanencia no paro (certificación da inscrición como demandante de emprego e informe da vida laboral).

4. Se é o caso, documentos acreditativos das circunstancias indicadas no artigo 4º números 2, 3 e 4 desta orde.

5. Na axuda excepcional á creación do primeiro emprego, documentación que acredite este extremo.

6. Cando se soliciten incentivos á contratación indefinida previstos no capítulo II desta orde, deberá xuntarse unha declaración na que se faga consta-lo cadro de persoal fixo da empresa en cada un dos doce meses anteriores ó inicio da relación laboral do traballador contratado ou da transformación con indicación, de se-lo caso, das baixas producidas polas causas sinaladas no artigo 8 desta orde. Para o caso de que aínda non se realizase ou transformase o contrato no momento da presentación da solicitude, a declaración referirase ós doce meses anteriores a esta, sen prexuízo de que con anterioridade ó pagamento da subvención se acredite o incremento do cadro de persoal en relación coa data da contratación indefinida.

Se é o caso, documentos acreditativos das baixas producidas polas causas previstas no artigo 8º.1.

No suposto de plans de emprego pactados coa representación legal dos traballadores nos que se establezan referencias para o incremento do cadro de persoal en 1999, achegarase copia do pacto xunto coa solicitude, e con anterioridade ó pagamento da axuda a documentación acreditativa do dito incremento.

7. Na axuda pola substitución de traballadores por causa de maternidade, adopción ou acollemento:

-Documento acreditativo da baixa por maternidade, adopción ou acollemento do traballador/a substituído/a.

-TC1 e TC2 do último mes anterior dispoñible á data en que se produza a baixa.

8. Na axuda pola substitución de traballadores/as en excedencia para coidado de fillos, a documentación acreditativa da baixa e da situación de excedencia.

9. Nas axudas á contratación de traballadores de difícil reinserción no mercado de traballo, documento, de se-lo caso, de ser perceptor da renda de integración social de Galicia (Risga) ou, noutros supostos, documentos acreditativos das circunstancias alegadas.

10. Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta.

Artigo 21º.-Instrucción e tramitación.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se acompaña a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán o interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, será considerado desistido da súa peti

ción, e arquivarase o expediente, de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 22º.-Resolución.

1. Logo da fiscalización polas correspondentes intervencións, as resolucións serán dictadas polo órgano competente e deberán serlles notificadas ós interesados. As resolucións denegatorias deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de tres meses e empezarase a contar desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver. Transcorrido o devandito prazo sen que se dictase resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da subvención.

3. Contra as resolucións dictadas nestes procedementos polos delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou polo director xeral de Fomento do Emprego, poderá interpoñerse recurso administrativo ordinario no prazo dun mes ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 23º.-Criterios de valoración.

Para a valoración das solicitudes terase en conta o tamaño das empresas, a súa localización en zonas especialmente desfavorecidas, así como os colectivos de mulleres, xoves e parados de longa duración cando non se considere a súa prioridade de forma específica.

Artigo 24º.-Xustificación do pagamento.

1. Unha vez concedida a subvención, con anterioridade e como condición para o seu aboamento no prazo, nos termos e na forma que se sinalen na resolución, o beneficiario deberá achega-la documentación que se esixa de forma expresa nela, entre a que deberá figura-la seguinte:

a) Certificacións acreditativas de estar ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Documento de alta na Seguridade Social e contratos de traballo debidamente formalizados de non telos achegado con anterioridade e, de se-lo caso, documentos acreditativos da transformación do contrato en indefinido.

c) Cando se trate dalgunha das axudas previstas no capítulo II, os documentos TC1 e TC2 correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución, agás que xunto coa solicitude se ache

garán tódolos boletíns correspondentes ó período de cómputo para o cálculo do incremento do cadro de persoal.

2. Non obstante o sinalado no punto anterior, a documentación esixida na fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude segundo a opción do interesado.

Artigo 25º.-Seguimento e obrigas dos beneficiarios.

1. As empresas beneficiarias, co fin de garanti-lo mantemento dos postos de traballo estables creados que fosen obxecto de subvención, deberán presentar, dentro do primeiro trimestre de cada ano, unha relación da variación das altas e baixas do persoal adscrito.

A dita obriga manterase durante os tres anos seguintes a aquel en que se concedeu a axuda ou subvención.

2. Nos supostos de axudas a contratos de interinidade, a empresa beneficiaria deberá comunica-la data de incorporación ó seu posto de traballo da persoa substituída, dentro dos 15 días seguintes a aquel en que esta se produza.

3. No suposto de extinción da relación laboral do traballador polo que se concedese a subvención, a cobertura do posto por un novo traballador, que deberá reuni-los mesmos requisitos que o traballador substituído, terá que realizarse dentro do mes seguinte ó da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria ó órgano competente que concedese a axuda, dentro dos 10 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda. No caso de contratación de interinidade, observarase o disposto no artigo 11º.2 desta orde.

Esta obriga manterase durante tres anos desde a data de realización do contrato indefinido obxecto de subvención, e se é temporal durante a duración inicial do contrato.

Artigo 26º.-Comprobación da aplicación das subvencións.

As delegacións provinciais poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas de comprobación que se establezan na resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude levará a cabo a función de control das subvencións concedidas así como a avaliación e seguimento dos programas.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde, así como a duplicación da axuda polo mesmo concepto con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local ou da Unión Europea, constituirán causa determinante de revogación da axuda e do reintegro desta por parte de beneficiario ou solicitante, xunto co xuro de demora, de acordo co establecido no artigo 78.5º da Lei 11/1992.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido na Lei 8/1988, do 7 de abril, sobre infraccións e sancións na orde social.

Terceira.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nos diferentes programas desta orde.

Cuarta.-A concesión das axudas reguladas nesta orde terán como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999 para o fin que persigan, e os compromisos que se reflicten no Marco Comunitario de Apoio provenientes do Fondo Social Europeo, para o caso de tratarse de accións cofinanciadas.

Quinta.-As solicitudes de axudas realizadas ó abeiro das ordes de convocatoria correspondentes a exercicios anteriores que non puidesen ser atendidas por falta de dispoñibilidades orzamentarias e sempre que reunisen os requisitos legais establecidos nelas, poderán ser atendidas con cargo ós créditos orzados para o exercicio de 1999 e en función da normativa que lles era de aplicación no momento da presentación da solicitude.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e o cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude