Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 31 de marzo de 1999 Páx. 3.636

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 10 de marzo de 1999 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvenciona-la realización de obras e equipamentos por parte das entidades locais.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia establece a obrigatoriedade de prestación de determinados servicios públicos polas entidades locais.

Así mesmo, a devandita lei dispón que as funcións de coordinación e axuda desta Comunidade Autónoma se dirixirán preferentemente a acada-lo obxectivo da prestación homoxénea dos ditos servicios.

Por esta razón, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais pretende colaborar coas entidades locais na mellora da calidade de vida local, regulando por medio da presente orde os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas destinadas á realización de obras e equipamentos locais, necesarios para a prestación dos servicios públicos ós que se refiren os artigos 80 e 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Por todo isto

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

Pola presente ode establécense as bases para conceder subvencións ás entidades locais de Galicia,

destinadas á realización das obras e equipamentos locais (bens non consumibles) que sexan necesarios para a prestación dos servicios públicos ós que se refiren os artigos 80 e 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 2º.-Crédito.

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.764.0 Programa 123.A, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, ata un límite de cen millóns de pesetas (100.000.000 de ptas.).

A axuda económica que se conceda poderá financiar só ata o 70% do orzamento da obra ou equipamento que se vaia realizar, correspondendo o financiamento do importe restante á entidade local beneficiaria da subvención.

Artigo 3º.-Iniciación.

1. Os que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, segundo modelo que figura como anexo desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais, ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. A entidade local peticionaria xuntará á solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo da entidade local pola que se aproban as obras ou equipamentos que se van realizar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na presente orde.

b) Memoria xustificativa da necesidade das obras ou equipamentos para as que se solicita subvención, con expresión da fase, de se-lo caso, a que corresponda.

c) Memoria da obra ou equipamento que se vai realizar. No caso de obra deberá acompañarse dun proxecto técnico e dun informe de viabilidade deste asinado polo técnico municipal.

d) Orzamento detallado.

e) A tramitación e adxudicación das obras ou equipamentos será realizada polas entidades beneficiarias conforme a súa propia normativa, dándolle conta deste acto á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

O defecto na solicitude seralles notificado ós interesados pola Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, e daráselles un prazo de dez días para emenda-los erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas sen máis trámite.

Artigo 4º.-Instrucción e resolución.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, e o director xeral elevaralle a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá.

Artigo 5º.-Notificación.

A resolución notificaráselles a tódolos beneficiarios da subvención, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que, transcorridos tres meses desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, non se comunicara a concesión da subvención, entenderase desestimada.

Artigo 6º.-Aceptación.

1. O presidente da entidade local beneficiaria disporá dun prazo de quince días, contados a partir da recepción da resolución para comunica-la aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación, de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la resolución.

Artigo 7º.-Criterios de avaliación.

Na valoración das solicitudes presentadas polas entidades locais teranse en conta os seguintes aspectos:

a) A necesidade das obras ou equipamentos que se van realizar, apreciadas en razón da súa urxencia.

b) A situación económica da entidade local estimada pola contía do seu orzamento e pola súa situación financeira.

c) A poboación e extensión territorial.

d) O número de núcleos de poboación existentes.

Artigo 8º.-Libramento de fondos.

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

2. Os beneficiarios da subvención presentarán facturas orixinais ou fotocopia compulsada do gasto, aprobada pola corporación, por triplicado na Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local antes do 15 de setembro de 1999, inescusablemente. No caso de subvencionar obra nova, deberase presentar certificación de obra en modelo oficial, xunto á relación valorada, asinada polo técnico corporativo, maila factura. Con independencia da súa contía, e antes de que se proceda á tramitación da fase de proposta de pagamento por que recoñeceu a obriga, os beneficiarios das subvencións terán que acreditar que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. A Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, de atopar conformes as facturas ou certificacións de obra, proporá o libramento de fondos.

Artigo 9º.-Control.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais anulará os beneficios concedidos e, conforme o disposto no artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora debidos por eles, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación; poderase, ademais, se procede, instruí-lo correspondente expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Administración Local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 1999.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais