Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 31 de marzo de 1999 Páx. 3.632

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 22 de marzo de 1999 pola que se convocan bolsas de estudios para titulados e estudiantes de técnicas de empresas e actividades turísticas.

Debido á grande importancia que o sector turístico ten no desenvolvemento da nosa economía requírese que, por parte das administracións públicas, se dediquen recursos para xerar iniciativas con tendencia a mellorar cada día ó sector para así mante-la demanda existente e incrementala en todo o que sexa posible.

A Xunta de Galicia, a través da súa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, está a adoptar unha serie de iniciativas para acada-los fins sinalados. Entre estas medidas está a de favorece-lo acceso a prácticas de información turística ós estudiantes e titulados na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas para así procurar para o sector turístico uns profesionais o máis preparados posible xa que unha das demandas actuais do sector é a de que cada día exista unha maior profesionalización.

Por todo isto e consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 74 de dita lei, convócanse unha serie de axudas para a realización de prácticas de información turística das que se poden beneficia-los estudiantes e titulados na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas.

Todo isto de conformidade coas siguientes bases:

Primeira.-Beneficiarios.

Os estudiantes e titulados como técnicos de empresas e actividades turísticas poderán ser beneficiarios de bolsas de estudio, consonte o sinalado na presente orde, para realizar prácticas de:

A. Información turística nas oficinas que a Xunta de Galicia ten dedicadas a tal actividade nas localidades da Coruña, Ferrol, Ribeira, Santiago de Compostela, Lugo, Ribadeo, Ourense, O Carballiño, A Gudiña, Pontevedra, Tui, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Madrid.

B. Promoción turística na Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. (en diante Turgalicia).

C. Información turística nas oficinas habilitadas para esta finalidade co gallo da celebración en Galicia do ano Xacobeo'99 en Santiago de Compostela (Casa da Conga/Casa da Parra e Monte do Gozo), Padrón (Casa do Concello), Arzúa (Casa do Concello), Miño (Casa do Concello), Sarria (Albergue), Vilalba (Casa do Concello), Verín (Casa do Asistente) e Cambados (Casa do Concello).

Segunda.-Determinacións orzamentarias.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Turismo, concederá estas bolsas de estudio con cargo ós créditos que, para esta finalidade, están previstos na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999 en concreto na aplicación orzamentaria 10.05.651A.480.0. As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin.

Terceira.-Condicións.

1. A Dirección Xeral de Turismo adxudicará as bolsas de estudios:

A) Ós estudiantes na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas ou ós titulados nela con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1996 para realización de prácticas nas oficinas de información turística.

B) Ós titulados como técnicos de empresas e actividades turísticas, con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1995, para a realización de prácticas relacionadas coa promoción turística en Turgalicia.

2. Os beneficiarios das bolsas de estudios, en virtude da presente orde, non desfrutarán, en ningún caso, de calquera tipo de relación de carácter laboral nin contractual coa Xunta de Galicia nin con Turgalicia.

Cuarta.-Dotación das bolsas de estudios.

1. As bolsas de estudios para prácticas nas oficinas de información turística, agás a de Madrid, estarán dotadas con 330.000 (trecentas trinta mil) pesetas cada unha se o adxudicatario reside no municipio no que vaia face-las prácticas ou nun limítrofe, e con 390.000 (trescentas noventa mil) pesetas cada unha cando resida en calquera outro da Comunidade Autónoma. A bolsa para a oficina de Madrid terá unha dotación 710.000 (setecentas dez mil ) pesetas.

2. As bolsas de estudios para prácticas en Turgalicia estarán dotadas con 425.000 (catrocentas vintecinco mil) pesetas cada unha.

3. Os beneficiarios de bolsas de estudios desfrutarán dun seguro individual de accidentes durante o período que comprendan as prácticas.

Quinta.-Obrigas dos beneficiarios das bolsas de estudios.

Os beneficiarios das bolsas de estudio comprométense:

A) A realizar, no caso de seren adxudicatarios de bolsas de estudios para realización de prácticas nas oficinas de información turística, a tarefa de facilitarlles ós turistas e viaxeiros que o soliciten información en materia de aloxamento, transporte, espectáculos, gastronomía, bibliotecas, arquivos, museos, feiras, festas, romarías, exposicións e servicios en xeral, así como calquera outra manifestación que polas suas características ofreza atractivos turísticos.

B) A realizar, no caso de seren adxudicatarios de bolsas de estudios para prácticas relacionadas coa promoción turística en Turgalicia, actividades de apoio ás accións de promoción que se estean a realizar.

C) Á realización das prácticas nos períodos seguintes:

-Para os beneficiarios das bolsas de estudios nas oficinas de información, do 15 de xuño ó 15 de setembro, ambos inclusive agás, na oficina de Madrid, na que o período será desde o 1 de maio ó 30 setembro.

-Para os beneficiarios de bolsas para prácticas relacionadas coa promoción turística en Turgalicia, nos meses de xullo, agosto e setembro.

D) Á plena dispoñibilidade horaria, calquera día da semana, laboral ou festivo, para a realización das actividades obxecto da bolsa concedida, de acordo co horario que lle sinale a correspondente delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a dirección de Turgalicia ou o director da Casa de Galicia en Madrid.

Sexta.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes serán remitidas á Dirección Xeral de Turismo, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte (20) días hábiles contados dende o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, cubríndose do seguinte xeito:

-Solicitude segundo o anexo I.

-Fotocopia cotexada, por ámbalas caras, do DNI.

-Documento, emitido polo concello, acreditativo da residencia. (Este documento soamente é preciso para os solicitantes de bolsas para realizar prácticas de información turística).

-Os estudiantes, certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela, que inclúa as cualificacións do curso 1997-1998.

-Os titulados, fotocopia do título ou do recibo do depósito do título compulsadas e certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela.

-Certificacións ou fotocopias compulsadas das notas en idiomas obtidas no último ano cursado en cada idioma, en centros nacionais ou estranxeiros recoñecidos.

-Certificacións ou fotocopias compulsadas, da realización de prácticas en axencias de viaxes, hoteis, cámpings, congresos, museos ou calquera outra actividade relacionada co turismo.

-Certificacións ou fotocopias compulsadas da realización de prácticas de información turística.

-Fotocopias compulsadas de diplomas acreditativos de asistencia a cursos especializados en idiomas.

2. Os interesados só poderán realizar unha solicitude.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo iso de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 112, do 12 de xuño) e na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 30 de xuño de 1992, pola que se regulamenta a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servicios administrativos de compulsa.

Sétima.-Selección das solicitudes e resolución.

1. Para a valoración das solicitudes de bolsas de estudios presentadas para prácticas nas oficinas de información turística e de Turgalicia, terase en conta o seguinte baremo:

-Nota media das cualificacións, engadíndolle 0,5 puntos por curso superado e 1 punto máis ós titulados.

-0,25 puntos por curso de idiomas superado, e 0,10 puntos por asistencia a cursos especializados en idiomas.

-0,15 puntos por cada mes completo de prácticas desenvolvendo actividades relacionadas co turismo.

-0,35 puntos por cada mes completo de prácticas de información turística realizadas.

2.1. No caso de que dous ou máis aspirantes a bolsas de estudios acaden a mesma puntuación no concurso para unha mesma oficina de información turística ou para Turgalicia, a selección establecerase a prol do peticionario de máis idade.

2.2. No caso de que unha vez adxudicadas as bolsas de estudios xurdisen renuncias, adxudicaráselle a axuda ó seguinte aspirante en puntuación, procedéndose do mesmo xeito en renuncias consecutivas.

3. O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo resolverá a concesión de axudas de conformidade co establecido na presente orde antes do 26 de abril de 1999, agás as consideradas no punto 2.2 anterior, que as resolverá segundo as circunstancias.

4. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo indicado no punto 3 da presente base.

Oitava.-Aceptación-renuncia das bolsas.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión das bolsas polos beneficiarios, éstes, no prazo de cinco días naturais, comunicarán á Dirección Xeral de Turismo a aceptación (utilizarase o modelo do anexo II da orde) ou renuncia a elas. No caso de aceptación xuntarase coa mesma certificación bancaria da conta onde se aboará a bolsa de estudios. Se transcorridos os sinalados cinco días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

Novena.-Aboamento das axudas.

A Dirección Xeral de Turismo aboaralles mensualmente, na contía que corresponda, as bolsas de estudios ós estudiantes e titulados adxudicatarios unha vez remitidos polas delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo,Turgalicia e Casa de Galicia en Madrid, segundo corresponda, informe sobre a asistencia regular ás prácticas e aproveitamento dos beneficiarios.

Décima.-Incumprimento das obrigas.

A Dirección Xeral de Turismo, logo do trámite de audiencia, poderá anula-la axuda por incumprimento das obrigas contraídas polos adxudicatarios.

Disposicións adicionais

Primeira.-Terá a consideración de estudiante para os efectos desta orde, e polo tanto poderá acceder ás axudas nesta convocadas, ademais dos que efectivamente esten cursando estes estudios, todo aquel que, tendo rematado os tres anos de técnicos de empresas e actividades turísticas con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1998, se atope matriculado para a reválida dos sinalados estudios e o xustifique fidedignamente, xunto coa solicitude destas bolsas.

Segunda.-Se por calquera motivo non se puidese cumpri-lo tempo de prestación da bolsa nos lugares sinalados no punto C da base primeira desta orde o director xeral de Turismo indicará a nova localización da realización das prácticas que será na mesma localidade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non recollido na presente orde aplicarase o disposto para esta materia na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Turismo para dictar cantas disposicións considere oportunas no desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo