Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 25 de marzo de 1999 Páx. 3.408

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 18 de marzo de 1999 sobre delegación de competencias nos xerentes xerais dos complexos hospitalarios de Ourense e Pontevedra.

Mediante os decretos 211/1998, do 25 de xuño, e 229/1998, do 24 de xullo, créanse os complexos hospitalarios de Ourense e Pontevedra respectivamente, e establécese a súa estructura organizativa.

Os complexos hospitalarios nacen como estructuras que organizan e coordinan os diferentes centros sanitarios que os conforman. Esta nova organización, constituída por uns órganos comúns para todo o complexo, necesita ser habilitada para o exercicio das funcións executivas e de coordinación que lle son propias, en interese de facer operativas os seus obxectivos fundacionais.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, o artigo 3.2º do Decreto 49/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais do Servicio Galego de Saúde, e o artigo 72.4º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e tendo en conta o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Artigo único.

Délegase nos xerentes xerais dos complexos hospitalarios de Ourense e Pontevedra, en relación cos respectivos centros de gasto que os conforman, as seguintes facultades:

a) En relación co persoal non directivo dependente do complexo, a autorización das comisións de servicios con dereito a indemnización e a autorización para a asistencia a cursos, xornadas e, en xeral, actos de capacitación ou perfeccionamento.

b) En relación co persoal funcionario e laboral dependente do complexo, que ocupe postos de traballo incluídos nas relacións de posto de traballo, a concesión de permisos e licencias que non teñan repercusión na súa nómina.

c) En relación co persoal estatutario e co persoal funcionario e laboral dependente do complexo, non incluído nas relacións de postos de traballo, a concesión de permisos e licencias que non excedan dun mes de duración e as súas prórrogas.

d) A autorización das comisións de servicio con dereito á indemnización que se ralicen dentro da Comunidade Autónoma por eles mesmos ou polo persoal directivo do complexo.

e) A autorización, para o persoal estatutario, dos permisos sen soldo regulamentarios ou as súas prórrogas cando sexan iguais ou inferiores a un mes en cada ano natural.

f) A expedición das dilixencias de posesión, incorporación ou cesamento que, se é o caso, se produzan.

Tales dilixencias deberán ser notificadas á respectiva dirección provincial.

g) O nomeamento ou contratación de persoal temporal das institucións ou servicios deles dependentes, logo da autorización da correspondente dirección provincial, así como a selección e nomeamento de persoal temporal na categoría de facultativo especialista.

Os acordos que se adopten no ámbito sinalado nesta alínea deberán ser notificados á División de Recursos Humanos e á respectiva dirección provincial.

h) O control do horario e de asistencia e presencia física do persoal do complexo.

i) A autorización dos gastos e a proposta dos pagamentos con cargo ós orzamentos dos respectivos centros que forman o complexo hospitalario integrados no orzamento do organismo autónomo, así como a actuación como órgano de contratación nos contratos de obras, subministracións, consultoría e asistencia, de servicios e para a realización de traballos específicos e concretos non habituais, imputables ós créditos orzados ou habilitados a estes centros de gastos ata un importe de 200.000.000 de ptas. aínda que, cando a contía exceda de 50.000.000 de ptas., se requirirá autorización expresa da División de Recursos Económicos.

Esta delegación entenderase para a autorización de gastos, propostas de pagamento e celebración de contratacións consideradas, tanto de forma individual coma conxunta, nun mesmo expediente para os diferentes centros de gastos que conforman o complexo.

j) A celebración dos contratos administrativos especiais logo de autorización expresa da División de Recursos Económicos.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 1999.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

e Presidente do Servicio Galego de Saude