Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 25 de marzo de 1999 Páx. 3.406

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 1999, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente para a declaración da delimitación do contorno de protección do mosteiro de Santa María de Acibeiro, no concello de Forcarei, provincia de Pontevedra.

Por Decreto do 3 de xuño de 1931, (Gaceta de Madrid do 4 de xuño), foi declarado ben de interese cultural con categoría de monumento histórico-artístico o mosteiro de Santa María de Acibeiro, no concello de Forcarei, provincia de Pontevedra.

Sendo a devandita declaración anterior á entrada en vigor da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (Boletín Oficial del Estado do 29 de xuño), cómpre na actualidade concreta-la delimitación do seu contorno de protección, consonte o disposto na disposición transitoria primeira da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia. (Diario Oficial de Galicia do 8 de novembro).

En consecuencia, e vistos os informes dos servicios técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e órganos consultivos da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, en materia de bens culturais, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Incoar expediente para a declaración da delimitación do contorno de protección do mosteiro de Santa María de Acibeiro, no concello de Forcarei, provincia de Pontevedra, segundo o disposto no artigo 11 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

Segundo.-Delimita-la zona afectada pola citada incoación do xeito que se especifica literal e graficamente no anexo I e no anexo II da presente resolución.

Terceiro.-Notifica-la presente resolución ó concello, ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e demais interesados.

Cuarto.-Por tratarse dun ben inmoble, e de conformidade co artigo 35 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, quedan en suspenso as correspondentes licencias municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas, así como os efectos das xa outorgadas. A suspensión dependerá da resolución ou caducidade do expediente incoado.

As obras que, por causa de forza maior, interese xeral ou urxencia, debesen de realizarse con carácter inaprazable precisarán, en todo caso, autorización dos organismos competentes da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Quinto.-A presente resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, abríndose un período de información pública dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 1999.

Ángel Sicart Giménez

Director xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Comeza na estrada de Forno a Taboadela, 300 m ó norte do cruzamento coa estrada de Cotiño (punto 1), segue en liña recta cara ó leste ata un punto da estrada de Rochela a Masgalán de Abaixo, situado a 250 m deste último núcleo de poboación (punto 2) segue en liña recta cara ó sur ata o cume do Coto do Forno (punto 3): segue en liña recta ata o cume do outeiro situado 200 m ó nordés da Rochela, rodeado polo río Lérez que o rodea semicircularmente ó seu paso (punto 4), segue en dirección sudoeste, mantendo a cota 820 pola ladeira da Pena Valgrande ata un punto no camiño que ascende pola devandita aba, á altura de Pena Redonda, no vértice sudeste da parcelación para pastos alí existentes (puntos 5 e 6) segue cara ó noroeste polo devandito camiño que limita polo leste á parcelación, atravesa unha granxa de visóns e atópase coa estrada nacional de Vegadeo á altura de do km 67,7 (punto 7); segue en liña recta ata o outeiro chamado Entre as Penas (punto 8), segue en prolongación da liña

recta anterior ata o cruzamento coa estrada de Forcarei ó mosteiro, ó seu paso polo núcleo de Andón (punto 9) desde alí segue pola estrada a Forcarei ata pasa-la ponte sobre o río Lérez uns 50 m (punto 10) e logo paralelamente ó curso do río mantendo a distancia 50 m ata pecha-la delimitación no punto 1.