Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Xoves, 18 de marzo de 1999 Páx. 3.128

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 11 de marzo 1999 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas a empresas, agrupacións ou asociacións de empresas que realicen investimentos, estudios e xestión de residuos industriais dirixidos a mellorar e controla-lo ambiente.

Entre as competencias que ten asignadas a Consellería de Medio Ambiente figuran a avaliación e control dos niveis de emisión e inmisión das industrias regulados no Decreto 833/1975, do 6 de febreiro, e o control da xestión dos residuos regulados pola Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos.

As industrias deben adaptarse ás esixencias impostas pola lexislación comunitaria en materia de contaminación atmosférica, polo que é preciso un apoio eficaz e selectivo por parte da Administración para que nos procesos productivos se eliminen ou limiten, na medida do posible, os efectos contaminantes. No ámbito dos residuos tóxicos e perigosos, o Consello de Ministros aprobou o 17 de febreiro de 1995 o Plan Nacional de Residuos Perigosos 1995-2000 e o Plan Nacional de Recuperación de Solos Contaminados 1995-2005. A Consellería de Medio Ambiente pretende consegui-los obxectivos fixados polos ditos plans, tanto para a recuperación dos lugares inventariados como contaminados, así como en materia de reducción, reutilización e reciclaxe de residuos perigosos no ámbito desta Comunidade Autónoma.

Por outra parte, a Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, establece que para a consecución dos obxectivos de reducción, reutilización, reciclado e valorización, así como para promove-las tecnoloxías menos contaminantes na eliminación de residuos, prevé que as administracións públicas, no ámbito das súas respectivas competencias, poidan establecer instrumentos de carácter económico e medidas de incentivación.

Por outra parte, tanto a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, como o Real decreto 85/1996, polo que se establecen normas para a aplicación do Regulamento CEE 1836/1993, do Consello, do 29 de xuño, polo que se permite que as empresas do sector industrial se adhiran con carácter voluntario a un sistema comunitario de xestión e auditoría ambiental, inciden na importancia de incentiva-los sistemas de ecoxestión e ecoauditorías voluntarias das empresas.

Na súa virtude e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Capítulo I

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Convócanse axudas para o fomento do ambiente industrial, agrícola e gandeiro co fin de minimiza-la xeración de residuos mediante investimento en procedementos organizativos, procesos e instalacións industriais e políticas empresariais, co fin de obter melloras ambientais a través de cambios nas materias primas e a súa utilización, medidas organizativas, reutilización en fábrica dos residuos xerados, cambios tecnolóxicos e cambios de productos.

Artigo 2º.-Obxectivos.

Así, esta orde ten como obxectivo promove-las seguintes actuacións:

-Investimentos en prevención e reducción na xeración de residuos.

-Estudios.

-Implantación dun sistema de xestión ambiental mediante a norma ISO 14.001 ou adhesión ó sistema EMAS comunitario.

Capítulo II

Axudas a investimentos en prevención e reducción na xeración de residuos

Artigo 3º.-Obxecto.

Concédense axudas a aqueles investimentos dirixidos á consecución dos seguintes obxectivos:

1. Prevención e reducción na xeración de residuos industriais.

Para conseguir diminuí-la cantidade de residuos industriais poderán ser beneficiarios de subvención aqueles proxectos que propoñan:

a) Cambio materias primas.

b) Medidas organizativas na empresa.

c) Reutilización ou valorización non enerxética na propia industria.

d) Mellora tecnolóxica.

e) Cambios nos productos.

2. Instalacións axeitadas para a xestión dos residuos industriais definidos no Plan de Xestión de Residuos Perigosos de Galicia, que se encontran dentro dos obxectivos da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Instalacións de reciclaxe e/ou reutilización e/ou minimación de residuos in situ ou de tratamento externo.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Empresas e asociacións ou agrupacións de empresas.

Artigo 5º.-Contía.

Ata un 50% do orzamento do investimento.

Artigo 6º.-Documentación que hai que presentar.

As solicitudes axustaranse ó modelo oficial que figura como anexo e xuntaranse por triplicado exemplar os seguintes documentos:

1. Estudio que conteña:

a) Memoria técnica explicativa da acción que se vai desenvolver con mención expresa do punto do artigo 2 que se vai desenvolver e xustificación, en calquera caso, con datos preexistentes, do interese a priori do campo de actuación elixido.

b) Proxecto e orzamento detallados do investimento.

c) Beneficios ambientais que se obteñan.

d) Beneficios económicos esperados.

e) Cálculo do TIR (taxa de rendemento interno) do investimento.

f) Calendario de prazos de execución.

En caso de que non se dispoña do dito estudio, a empresa, para optar á subvención, deberá polo menos presenta-la documentación incluída na letra a) e disporá dun prazo de dous meses a partir da data na que se lle comunique que é beneficiaria da subvención, para presenta-lo estudio completo.

2. Copia compulsada do DNI ou NIF.

3. Autorización de productor ou xestor de residuos se procede.

4. Acreditación, cando proceda, de estar ó día no cumprimento do programa de autocontrois de emisións á atmosfera.

5. Certificación expedida pola entidade bancaria na que se sinale o número de conta da empresa beneficiaria onde se debe realiza-lo pagamento.

Artigo 7º.-Criterios de priorización.

Para avalia-la prioridade das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios enumerados por orde decrecente de importancia.

1. Investimentos que presentan os proxectos para prevención na xeración de residuos.

2. Investimentos reutilización de residuos.

3. Investimentos coa finalidade de reciclar, e/ou valorizar residuos.

Capítulo III

Estudios

Artigo 8º.-Obxecto.

Concederanse axudas para a realización de estudios dirixidos a consegui-la prevención na minimización de residuos mediante as accións definidas no artigo 2º desta orde.

Estos estudios serán realizados por unha empresa independente á que solicita a subvención e de recoñecida solvencia técnica.

Artigo 9º.-Beneficiarios.

As empresas, asociacións ou agrupacións de empresas que encarguen a realización dos citados estudios sobre as súas actividades.

Artigo 10º.-Contía.

Ata o 75% do custo do estudio.

Artigo 11º.-Documentación que hai que presentar.

1. Memoria técnica explicativa da acción que se vai desenvolver con mención expresa do punto do artigo 2 que se vai desenvolver e xustificación, en calquera caso, con datos preexistentes, do interese a priori do campo de actuación elixido. Definirase a enxeñería ou entidade colaboradora da Administración (ECA) que realizará o estudio.

2. Contido do estudio que, polo menos, deberá conter:

2.1. Proxecto e orzamento detallados do investimento proposto para os obxectivos establecidos no artigo 2º.

2.2. Beneficios ambientais que se obteñan.

2.3. Beneficios económicos esperados.

2.4. Cálculo do TIR (taxa de rendemento interno) do investimento.

2.5. Calendario de prazos de execución.

2.6. Diagnóstico da situación ambiental da empresa.

2.7. Programa de mellora ambiental da empresa.

3. Proxecto e orzamento detallados do investimento para a realización do estudio.

4. Compromiso da empresa da posta en marcha dos resultados do estudio nun prazo non superior a 5 anos para aqueles investimentos cun período de retorno non superior a 3 anos.

5. Copia compulsada do DNI ou NIF.

6. Certificación expedida pola entidade bancaria na que se sinale número de conta da empresa beneficiaria onde se debe realiza-lo pagamento.

As empresas beneficiarias deste tipo de subvencións poderán ser beneficiarias de subvencións ó investimento que se deduza do estudio realizado en futuras convocatorias similares realizadas pola Consellería de Medio Ambiente e terán prioridade para eles en igualdade do resto das condicións.

Artigo 12º.-Criterios de priorización.

Para avalia-la prioridade das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios enumerados por orde decrecente de importancia.

1. Estudios que presentan os proxectos para prevención na xeración de residuos.

2. Estudios para a reutilización de residuos.

3. Estudios coa finalidade de reciclar, e/ou valorizar residuos.

Capítulo IV

Implantación dun sistema de xestión

ambiental mediante a norma ISO 14.001

ou adhesión ó sistema EMAS comunitario

Artigo 13º.-Obxecto.

Concédense axudas para a implantación dun sistema de xestión ambiental mediante a norma ISO 14.001 ou adhesión ó sistema EMAS comunitario.

Artigo 14º.-Beneficiarios.

As empresas, asociacións ou agrupacións de empresas.

Artigo 15º.-Contía.

Ata o 50% do custo do investimento.

Artigo 16º.-Documentación que hai que presentar.

1. Memoria técnica explicativa da acción que se vaia desenvolver.

2. Proxecto e orzamento detallados do investimento.

3. Copia compulsada do DNI ou NIF.

4. Acreditación do verificador ambiental que realice as actividades.

5. Proxecto de implantación do sistema de xestión ambiental.

6. No caso de diagnóstico ambiental, compromiso formal da empresa para a implantación das recomendacións realizadas, e da certificación por ISO 14.001 posterior.

7. Certificación expedida pola entidade bancaria na que se sinale o nº de conta da empresa beneficiaria, onde se debe realiza-lo pagamento.

Artigo 17º.-Criterios de priorización.

1. Empresas que, como resultado da axuda recibida, poidan acredita-la súa inscrición no rexistro EMAS.

2. Empresas que, como resultado da axuda recibida, poidan acreditar que iniciaron o procedemento para a súa inscrición no rexistro EMAS.

3. Empresas que, como resultado da axuda recibida, poidan acreditar que obtiveron a certificación ISO 14.001.

4. Empresas que, como resultado de axuda recibida, poidan acredita-la implantación ISO 14.001.

5. Empresas que, como resultado da axuda recibida, realicen un diagnóstico ambiental previo.

Capítulo V

Tramitación, financiamento e pagamento

Artigo 18º.-Prazo.

As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Medio Ambiente, presentándose nos rexistros das delegacións provinciais, nos servicios centrais da consellería, ou nas oficinas da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, ou enviándose por algunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 307/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no DOG.

Artigo 19º.-Correccións.

Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados no artigo desta orde, o interesado será requirido para que, no prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa indicación de que, se non o efectuara, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámite.

Resolución

Artigo 20º.-Comisión da avaliación.

A documentación remitida será encomendada por unha comisión de avaliación de proxectos constituída polo director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a subdirectora xeral de Calidade Ambiental e o subdirector xeral de Avaliación Ambiental.

Artigo 21º.-Resolución.

1. A resolución corresponderalle ó conselleiro de Medio Ambiente. O outorgamento da axuda será aceptado polo beneficiario por escrito no prazo de 15 días, coas condicións específicas recollidas por esta orde e nas que, se é o caso, se inclúan na resolución. No caso de que o beneficiario non comunique no prazo indicado a aceptación da axuda, considerarase que renuncia a ela, arquivándose o expediente cos efectos previstos no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A non notificación da resolución no prazo de tres meses desde a presentación da correspondente solicitude determinará que o interesado poida considerala desestimada.

Artigo 22º.-Control e seguimento.

Constitúese unha comisión integrada polos mesmos membros da Comisión de Avaliación que se encargará do control da execución da actividade obxecto da axuda.

A referida comisión poderá solicitar, en calquera momento, cantas aclaracións e informes considere convenientes e no suposto de non seren satisfeitas no prazo, considerarase como incumprimento das condicións de concesión da subvención coas consecuencias previstas no artigo 28º da presente orde.

Pagamentos

Artigo 23º.-Acreditación de traballos realizados.

Para proceder ó cobro das axudas será indispensable a presentación, antes do 15 de outubro de 1999, de tres exemplares da memoria final e do custo dos traballos realizados para o seu exame e análises, así como os xustificantes debidamente acreditados do investimento solicitado. Os documentos que se presenten como xustificantes deberán ser orixinais ou copias compulsadas. Nas axudas relativas a ecoauditorías ambientais deberá incluírse a declaración ambiental realizada polo verificador ambiental.

No caso de investimentos a que se refire o artigo 2º, poderanse realizar pagamentos parciais contra presentación de certificacións ás que se xunten facturas orixinais (ou copias compulsadas) do investimento realizado, de conformidade co establecido na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 24º.-Pagamento.

Acreditado dereito á percepción da axuda, o beneficiario deberá remitir:

a) Acreditación de encontrarse ó día das obrigas tributarias e de Seguridade Social.

b) Certificación de non ter pendente ningunha débeda por ningún concepto coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 25º.-Reducción do pagamento.

No suposto de que o investimento ou actividade realizado tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda concedida verase diminuída nunha porcentaxe proporcional.

Artigo 26º.-Aplicación orzamentaria.

Existe crédito suficiente e axeitado na aplicación orzamentaria 15.03.342A.770.0 Subvencións en materia de ambiente industrial dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para atende-los gastos desta orde de axudas.

O importe máximo aplicable é de 97.000.000 de ptas.

Artigo 27º.-Compatibilidade de axudas.

Só serán compatibles con outras axudas as previstas no capítulo III desta orde, dentro dos límites establecidos no artigo 78.3º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario da Comunidade Autónoma de Galicia. En todo caso, deberase informa-la Consellería de Medio Ambiente da obtención de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Incumprimento

Artigo 28º

Procederá o reintegro da axuda ou subvención percibida e os xuros de demora nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos nas bases reguladoras para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

As cantidades que hai que reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu cobro o establecido nos artigos 19 a 23 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposición derradeira

A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de marzo 1999.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente