Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Xoves, 18 de marzo de 1999 Páx. 3.133

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 4 de marzo de 1999 pola que se convoca un curso de formador de formadores.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1999, conforme as funcións que ten encomendadas pola Orde do 22 de abril de 1994, pola que se regula a formación do persoal voluntario de Protección Civil, anúnciase a celebración dun curso de formador de formadores, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós xefes e responsables de formación das agrupacións de voluntarios de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia que previamente realizasen o curso básico e polo menos dous cursos de segundo nivel, e ó persoal de Protección Civil da Xunta de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar nestes cursos deberán presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 5 de abril de 1999, ás 14 horas.

3. As instancias serán enviadas polo presidente da agrupación correspondente á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Prazas.

O número de prazas ofertadas para este curso é de 40, das cales 35 son para membros das agrupacións de voluntarios de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia e 5 para persoal de Protección Civil da Xunta de Galicia.

Contido.

No curso desenvolveranse entre outros os seguintes temas: 1. Papel do formador. 2. A comunicación na formación. 3. Destinatarios da formación. 4. Deseño da acción formativa. 5. Recursos didácticos. A súa utilización. 6. Técnicas de expresión oral. 7. Técnicas de animación de grupos. 8. Avaliación dos resultados, etc.

Duración e datas.

O curso celebrarase durante os días 13, 14, 15, 20, 21 e 22 de abril de 1999, e terá unha duración de 42 horas lectivas.

O horario será en sesións de mañá e tarde, de 9.30 a 14 horas e de 16 a 19 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 7 de abril de 1999 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

Sede da Academia Galega de Seguridade, sita na Avenida da Cultura s/n, A Estrada.

Certificado de aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada, e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 4 de marzo de 1999.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade