Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Martes, 16 de marzo de 1999 Páx. 3.004

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 10 de marzo de 1999 pola que se modifica a do 4 de xaneiro de 1999 (DOG do 7).

Por Orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 4 de xaneiro de 1999, estableceuse o procedemento para a solicitude, tramitación e concesión das axudas ós productores de determinados cultivos herbáceos na campaña de comercialización 1999/2000 e das primas en beneficio dos productores de carne de ovino e caprino, dos productores de carne de vacún e dos que manteñan vacas nutrices, para o ano 1999, na Comunidade Autónoma de Galicia.

No artigo 3.1º da dita orde sinálase o prazo de presentación das solicitudes de axudas, prazo que cómpre modificar, por se facer así na normativa estatal na materia.

Así mesmo, de acordo coa regulamentación comunitaria, modifícanse os importes correspondentes á prima en beneficio dos productores de ovino e caprino.

No que atinxe ás zonas de concentración parcelaria e de reordenación da propiedade nas que se admiten as referencias identificativas alfanuméricas contidas nos planos, engádese a zona dos Panascos, do concello de Tomiño, que non estaba incluída, inicialmente, no anexo V, publicado na corrección de erros da Orde (DOG nº 24, do 5 de febreiro de 1999).

Xa que logo, de acordo co disposto no artigo 30.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das

facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase a redacción dos artigos 3.1º e 33.3º.d) da Orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 4 de xaneiro de 1999, que quedan redactados do seguinte xeito:

«Artigo 3º.1. O prazo para a presentación de solicitudes de axuda e da declaración de superficies forraxeiras empezará o día seguinte ó da publicación da presente orde no DOG e rematará o 22 de marzo de 1999.

Artigo 33.3º.d). Para a prima en beneficio dos productores de ovino e caprino, os que estableza a Comisión Europea por ovella e cabra, tendo en conta que o importe das primas ás cabras será do 90 por 100 do correspondente ós productores de anos pasados.

Para os productores en zona desfavorecida, tal como se define no punto 9º do artigo 5, de acordo co previsto no Regulamento (CEE) 1323/1990, os importes antes mencionados complementaranse mediante una axuda específica de 5,977 ecus por ovella para os productores de anos pasados e de 5,379 ecus por cabra».

Artigo 2º

Engádese no anexo V da Orde do 4 de xaneiro de 1999 como zona de concentración parcelaria e de reordenación da propiedade na que se admite a referencia identificativa alfanumérica contida nos planos, a seguinte:

ProvinciaConcelloCódigo

zona

Nome da zona de

concentración

36Pontevedra54 Tomiño1Os Panascos

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 1999.

Castor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria