Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Martes, 16 de marzo de 1999 Páx. 3.005

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 26 de febreiro de 1999 de subvencións para empresas privadas que realicen actividades de promoción e difusión dos camiños de Santiago.

O Camiño de Santiago constituíu durante séculos un tema de gran relevancia desde o punto de vista histórico, relixioso e mesmo cultural.

O interese que espertou nas distinas áreas de coñecemento converteuno en obxecto de estudio e investigación, tanto a nivel nacional como internacional. Isto fixo necesaria a adopción dunha serie de medidas por parte dos poderes públicos para potencialo e promocionalo.

Neste sentido, a Xunta de Galicia, a través da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, no uso das competencias conferidas polo Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, que regula o desenvolvemento da estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, considera necesario potencia-lo seu coñecemento dándolle a consideración e relevancia que merece mediante a concesión de axudas a todas aquelas empresas privadas que realicen actividades de difusión e promoción dos distintos camiños de Santiago.

Para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente disposición ten por obxecto promocionar e incentivar, mediante a concesión de subvencións a fondo perdido, a empresas privadas que leven a cabo actividades de promoción e difusión dos camiños de Santiago.

Artigo 2º.-Partida orzamentaria.

O importe total do crédito destinado para esta convocatoria é de vinte millóns de pesetas, e farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.01.353-G.471.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Os remanentes do orzamento que resultasen de non realiza-las actividades subvencionadas destinaranse a outras actividades que o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo considere axeitadas para a promoción dos distintos camiños.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán solicita-las subvencións tódalas empresas de propiedade privada que realicen actividades que contribúan á promoción e difusión dos distintos camiños de Santiago. Quedan excluídas as asociacións.

Artigo 4º.-Beneficios.

As actividades poderán ser subvencionadas ata o esgotamento do crédito orzamentario previsto para o efecto.

A subvención farase efectiva unha vez realizada a actividade, logo da entrega da seguinte documentación que será antes do 30 de setembro de 1999:

a) Informe acreditativo da realización.

b) Factura ou facturas.

c) Certificación bancaria orixinal acreditativa de que a conta sinalada para o pagamento está a nome do beneficiario.

d) Certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

e) Certificado de non ter débedas coa Xunta de Galicia.

Artigo 5º.-Solicitudes de beneficios.

Os interesados enviarán as súas solicitudes, no modelo oficial que figura ó final desta orde, á consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, edificio administrativo San Caetano, bloque 3, 15771 Santiago de Compostela. Tamén poderán presentalas nas dependencias das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo isto de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En consecuencia, non serán admitidas solicitudes enviadas a través de fax, teléfono ou calquera dos medios que non figuren no artigo citado.

A instancia deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Actividade que se vai realizar.

b) Breve descrición, se é o caso, das actividades realizadas os anos anteriores en relación co Camiño de Santiago.

c) Orzamento das actividades.

d) Declaración xurada de estar ó día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter débedas coa Xunta de Galicia.

e) Fotocopia da tarxeta do CIF ou, se é o caso de NIF.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes de subvención presentaranse no prazo de trinta días desde a publicación desta orde no DOG.

Artigo 7º.-Tramitación.

As solicitudes serán tramitadas polos servicios técnicos da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, con suxeición ó disposto no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

Unha comisión de valoración creada para o efecto examinará e cualificará as solicitudes presentadas tendo en conta os seguintes criterios:

a) Interese da actividade para a difusión, investigación e promoción dos distintos camiños de Santiago.

b) Orixinalidade da actividade que se vai realizar.

c) Contías económicas.

d) Cumprimento dos requisitos esixidos pola orde de convocatoria.

A comisión estará integrada por un presidente, tres vocais e un secretario.

-O presidente será o secretario xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-Serán vocais o director xeral de Patrimonio Cultural, o director xeral de Promoción Cultural e o xerente de Promoción do Camiño de Santiago.

-Actuará como secretario un técnico da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago nomeado polo xerente.

Artigo 9º.-Resolución.

A comisión elevará a súa proposta motivada ó conselleiro, que resolverá a convocatoria. A resolución notificaráselles ós interesados segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Prazo de aceptación.

Os beneficiarios deberán confirma-la súa aceptación da subvención no prazo de 5 días desde a recepción da notificación da concesión da subvención, mediante escrito dirixido á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, comprometéndose a executa-lo proxecto ou actividade subvencionada no prazo establecido.

Artigo 11º.-Denegación da subvención.

A denegación da subvención será expresa e motivada e o interesado poderá interpoñer contra esa resolución recurso contencioso-administrativo perante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir da recepción da notificación.

Artigo 12º.-Realización das actividades.

As actividades subvencionadas executaranse de acordo coa proposta presentada e na súa realización deberá deixarse constancia de que se trata de actividades subvencionadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, e no caso de actividades que comporten difusión escrita deberá ir en lugar e tamaño destacado o logotipo da Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, e anagrama do Xacobeo 99.

Artigo 13º.-Seguimento.

O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo velará para que as actividades subvencionadas se realicen de conformidade co disposto no artigo anterior, podendo toma-las medidas que considere oportunas ó respecto.

Artigo 14º.-Perda da subvención.

Procederase ó reintegro total ou parcial e á esixencia dos xuros de demora nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación .

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos nas bases reguladoras para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que a subvención foi concedida.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo