Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Venres, 12 de marzo de 1999 Páx. 2.877

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 24 de febreiro de 1999 pola que se convocan os programas Ven ó Camiño e Ven á Ruta Marítima Xacobea.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo vén desenvolvendo estes últimos anos unha serie de accións tendentes ó achegamento da poboación ó Camiño de Santiago, merecendo especial atención a convocatoria dos programas Ven ó Camiño e Ven á Ruta Marítima Xacobea.

Estes programas naceron co obxectivo de dar a coñece-la realidade do Camiño e o seu contorno, así como os seus valores e sensibilidades. Por outra banda, pretenden promove-lo interese polo Camiño entre os xoves e as institucións encamiñadas á formación e á organización de actividades de lecer e tempo libre, sendo o seu fin último a promoción das distintas rutas xacobeas.

Os obxectivos sinalados cumpríronse sobradamente e, dado o elevado número de interesados en participar nos referidos programas, considérase necesario convocar unha nova edición destes.

Por todo o exposto e a través da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago no uso das competencias conferidas polo Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, que regula o desenvolvemento da estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo convoca os programas Ven ó Camiño Francés e Ven á Ruta Marítima Xacobea, dirixidos ós xoves de acordo coas bases que figuran nos anexos da presente orde.

a) O programa Ven ó Camiño ofrece dous días de estadía e percorrido por puntos emblemáticos e significativos do Camiño Francés, con aloxamento dunha noite nos albergues que se sinalan na base novena do anexo I da presente orde.

b) O programa Ven á Ruta Marítima Xacobea ofrece unha viaxe con saída de Vilagarcía de Arousa, remontando o Ulla ata Pontecesures ou Padrón, e un itinerario terrestre por lugares emblemáticos desta zona sinalados na base primeira do anexo II da presente disposición.

Artigo 2º

1. Estes programas son excluíntes, o que significa que só se poderá optar a un dos dous descritos nas letras a) e b) do artigo anterior e que cada entidade

solicitante deberá remitir única e exclusivamente unha instancia e para un só grupo.

2. O desenvolvemento dos programas farase de acordo co disposto nas bases que figuran nos anexos da presente orde.

Artigo 3º

O libramento dos gastos orixinados por estes programas farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.01.353-G.640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

ANEXO I

Bases que rexen a convocatoria do programa

Ven ó Camiño

Primeira.-Poderán acollerse a este programa tódalas institucións e organismos tradicionalmente vinculados a actividades con xoves: centros de ensino, clubs xuvenís, catequeses parroquiais, escolas de tempo libre, corais e rondallas xuvenís, etc.

Segunda.-A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago e no desenvolvemento deste programa, porá á disposición dos participantes:

-Os albergues.

-Un informador do camiño especializado na zona.

-A cantidade de 50.000 ptas. en concepto de axuda para os gastos de transporte por cada institución ou organismo.

A atención e coidado do grupo, o seu traslado e manutención, serán responsabilidade da institución ou organismo participante, responsable tamén do comportamento do grupo en relación coas normas do albergue. A falta dun comportamento minimamente axeitado a estas normas e convenientemente valorado pola Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, poderá ser motivo de anulación da subvención e, se é o caso, de exclusión da entidade en posteriores convocatorias.

Terceira.-O número de participantes por cada grupo non será inferior a 15 nin superior a 30, incluíndo neste número os adultos acompañantes, que non excederán de 5.

Os grupos participantes no programa non excederán de 40 e serán seleccionados por orde de recepción de solicitude, sempre que cumpran os requisitos que figuran nas bases.

Cuarta.-Cada agrupación levará carteis promocionais do programa, facilitados pola Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, no vehículo no que efectúen as viaxes.

Quinta.-Os interesados enviaranlle as súas solicitudes, no modelo oficial que figura ó final desta orde, á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, edificio administrativo San Caetano, bloque 3, 15771 Santiago de Compostela. Tamén poderán presentalas nas dependencias das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo isto de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En consecuencia, non serán admitidas solicitudes enviadas a través de fax, teléfono ou calquera dos medios que non figuren no artigo citado.

Sexta.-Nas solicitudes incluiranse os datos identificadores do grupo: colexio ou institución, número de participantes inicialmente previsto, persoa ou persoas responsables, teléfono de contacto, itinerarios e datas preferentes para a viaxe (recoméndase poñer varias, por orde de preferencia).

A data finalmente adxudicada e comunicada á entidade solicitante non poderá ser modificada, de forma que a imposibilidade de realiza-la viaxe na data prevista suporá a renuncia a ela.

Sétima.-A presentación das solicitudes farase no prazo de 30 días desde a publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

A súa tramitación será levada a cabo polos servicios técnicos da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago.

A resolución, que corresponderá ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, notificaráselles ós interesados segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Oitava.-As viaxes celebraranse entre o 1 de abril e o 1 de maio, ambos inclusive, ou entre o 1 e o 31 de outubro, ambos tamén inclusive, de 1999. A duración será de dous días (unha noite) que poden ser ou non en fin de semana.

Cada grupo solicitante estará obrigado a confirma-la súa asistencia con tres días de antelación á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, por escrito ou mediante fax 981 54 48 70.

Novena.-Os albergues nos que se poderán aloxa-los solicitantes son os seguintes:

Triacastela, Portomarín, Melide, Lourenzá, Fisterra e Padrón.

Os itinerarios que se suxiren son simplemente indicativos, podendo ser axustados e acurtados, pero sen varia-lo albergue que deba servir de aloxamento.

R-1. O Cebreiro-Triacastela-Samos, con aloxamento no albergue de Triacastela.

R-2. Sarria-Paradela-Portomarín, con aloxamento no albergue de Portomarín.

R-3. Monterroso-Palas de Rei-Melide-Arzúa-Toques-Sobrado-O Pino, con aloxamento no albergue de Melide.

R-4. Ribadeo-Barreiros-Trabada-Lourenzá-Mondoñedo-Abadín-Vilalba, con aloxamento no albergue de Lourenzá.

R-5. Muxía-Cee-Corcubión-Fisterra, con aloxamento no albergue de Fisterra.

R-6. Área de Padrón, con aloxamento no albergue desta vila.

Décima.-Para que se poida tramita-lo pagamento e como condición indispensable para o cobramento da subvención, unha vez realizada a viaxe, é imprescindible enviar á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, no prazo de 20 días naturais desde a realización da viaxe, a seguinte documentación:

-Factura orixinal que xustifique suficientemente os gastos do transporte, e que será expedida pola empresa transportista.

-Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

-Certificación bancaria orixinal, acreditativa da titularidade da conta onde desexa recibi-la transferencia o beneficiario.

-Parte asinado polo informador cultural ou, se é o caso, polo encargado do albergue, así como pola persoa responsable do grupo, para xustifica-la realización da viaxe.

Se a citada xustificación non tivese lugar no prazo anteriormente establecido, procederase á anulación da subvención.

Décimo primeira.-A Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago resolverá calquera dúbida que poida xurdir das bases que regulan este programa, sen que, en ningún caso, poida haber contradicción co disposto nestas.

ANEXO II

Bases que rexen a convocatoria do programa

Ven á ruta Marítima Xacobea

Primeira.-O percorrido constará de dúas fases:

a) O remonte fluvial do Ulla entre Vilagarcía de Arousa e Padrón.

b) O itinerario en autobús pola área desta zona. Neste segundo itinerario, o grupo contará co apoio dun informador cultural que ofertará un percorrido único, pero adaptable ás necesidades do grupo e con dous bloques temáticos:

-Lugares de interese xacobeo: igrexa de Santiago de Padrón, co Pedrón, ponte do Sar e fonte do Carme, subida ó Santiaguiño do Monte e visita á Colexiata de Iria. Este itinerario pode ser complementado con

outras visitas: ponte de Pontecesures e igrexa de San Xulián de Requeixo, paseo do Espolón, convento do Carme e núcleo antigo de Padrón.

-Lugares de interese cultural: parque do Trobador Macías, casa-museo de Rosalía, Fundación Camilo José Cela, museo de Arte Sacra (Casa dos Coengos) e santuario da Escravitude.

Segunda.-Poderán acollerse a este programa tódalas institucións e organismos tradicionalmente vinculados a actividades con xoves: centros de ensino, clubs xuvenís, catequeses parroquiais, escolas de tempo libre, corais e rondallas xuvenís, etc.

Terceira.-A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago e no desenvolvemento deste programa, porá á disposición dos participantes:

-Billete gratuíto para poder realiza-la viaxe consistente en remonta-lo río Ulla desde Vilagarcía de Arousa ata Pontecesures ou Padrón.

-Un informador cultural da área de Padrón, especializado na zona.

-A cantidade de 25.000 ptas. a cada institución ou organismo solicitante, en concepto de axuda para os gastos de transporte.

A atención e coidado do grupo, así como o seu traslado e manutención, serán responsabilidade da institución ou organismo participante, responsable tamén do comportamento do grupo. A ausencia dun comportamento minimamente axeitado e convenientemente valorado pola Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago poderá ser motivo de anulación da subvención e, se é o caso, da exclusión da entidade en posteriores convocatorias.

Cuarta.-O número de participantes por cada grupo será de 40, incluíndo neste número os adultos acompañantes, que non excederán de 5.

Os grupos participantes no programa non excederán de 40 e serán seleccionados por orde de recepción de solicitude, sempre que cumpran os requisitos que figuran nas bases.

Quinta.-Cada agrupación levará carteis promocionais do programa, facilitados pola Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago.

Sexta.-Os interesados enviarán as súas solicitudes no modelo oficial que figura ó final desta orde á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, edificio administrativo San Caetano, bloque 3, 15771 Santiago de Compostela. Tamén poderán presentalas nas dependencias das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo isto de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En consecuencia, non serán admitidas as solicitudes enviadas a través de fax, teléfono, ou calquera outro medio que non figure no artigo citado.

Sétima.-Nas solicitudes incluiranse os datos identificadores do grupo: colexio ou institución, número de participantes, persoa ou persoas responsables, teléfono de contacto e datas preferentes para a viaxe (recoméndase poñer varias por orde de preferencia).

A data finalmente adxudicada e comunicada á entidade solicitante non poderá ser modificada, de forma que a imposibilidade de realiza-la viaxe na data prevista suporá a renuncia a ela.

Oitava.-A presentación das solicitudes farase no prazo de 30 días desde a publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

A súa tramitación será levada a cabo polos servicios técnicos da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago.

A resolución, que lle corresponderá ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, notificaráselles ós interesados segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das adminstracións públicas e do procedemento administrativo común.

Novena.-As viaxes celebraranse entre o 12 de abril e o 12 de maio de 1999, ambos inclusive, excepto domingos e festivos.

Cada grupo solicitante estará obrigado a confirma-la súa asistencia con 3 días de antelación á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago por escrito ou mediante fax.

Os billetes para a viaxe poderán recollerse nas dependencias da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago.

Décima.-Para que se poida tramita-lo pagamento e como condición indispensable para o cobramento da subvención, unha vez realizada a viaxe, é imprescindible enviar á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, no prazo de 20 días naturais desde a realización da viaxe, a seguinte documentación:

-Factura orixinal que xustifique suficientemente os gastos do transporte, e que será expedida pola empresa transportista.

-Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

-Certificación bancaria orixinal acreditativa da titularidade da conta onde desexa recibi-la transferencia o beneficiario.

-Parte asinado polo informador cultural e pola persoa responsable do grupo, para xustifica-la realización da viaxe.

Se a citada xustificación non tivese lugar no prazo anteriormente establecido procederase á anulación da subvención.

Décimo primeira.-A Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago resolverá calquera dúbida que poida xurdir das bases que regulan este programa, sen que en ningún caso poida haber contradicción co disposto nestas.