Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Venres, 12 de marzo de 1999 Páx. 2.873

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 4 de marzo de 1999 pola que se establecen axudas ós investimentos de mellora da transformación e comercialización de productos agrarios.

A orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 8 de setembro de 1995, modificada pola Orde do 11 de maio de 1998, regula para o período 1994-1999 no ámbito desta Comunidade Autónoma o procedemento de xestión das axudas establecidas no Regulamento (CEE) 951/97, así como no Real decreto 633/1995, do 21 de abril. O importante volume de peticións de axuda recibidas nos últimos anos supera amplamente as dispoñibilidades orzamentarias establecidas, polo que se considera necesario establecer axudas adicionais para os investimentos considerados como prioritarios.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é establecer e regula-la concesión de axudas financiadas con fondos propios, a investimentos en instalacións de transformación e comercialización de productos agrarios, incluídos en peticións de axuda presentados ó abeiro da Orde do 8 de setembro de 1995, que regula o subprograma operativo 1994-1999 de melloras das condicións de transformación e comercialización de productos agrarios.

Artigo 2º.-Investimentos subvencionables, requisitos.

Consideraranse subvencionables os investimentos que estean incluídos en peticións de axuda presentadas ó amparo da Orde do 8 de setembro de 1995 e modificacións posteriores, sobre o procedemento de xestión das axudas comunitarias relativas á mellora das condicións de transformación e comercialización de productos agrarios.

Artigo 3º

Os investimentos subvencionados deberán estar finalizados e pagados con data límite do 30 de setembro de 1999, salvo que se estableza outra data na resolución de concesión.

Artigo 4º.-Modalidade das axudas.

As axudas terán a natureza de subvencións de capital e serán compatibles con calquera outra ata un límite do 52% no caso de agrupacións de productores agrarios (APAS), ó 49,5% no caso de cooperativas e sociedades agrarias de transformación e o 47% nos restantes casos. Deste límite exclúense as axudas ó tipo de xuro de créditos.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda, dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, presentaranse, por duplicado, no modelo que figura no anexo I, prioritariamente nos servicios provinciais de industrialización agroalimentaria, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude de axuda, o peticionario deberá presenta-la seguinte documentación complementaria:

1) Breve memoria explicativa dos investimentos previstos, onde se indiquen os seus obxectivos, cuantificación económica acreditada con facturas proforma ou definitivas, e prazos de finalización e pagamento.

2) Declaración sobre outras axudas solicitadas e/ou concedidas para o mesmo fin.

3. Para a selección das solicitudes que se vaian aprobar, así como para establece-las porcentaxes de subvención que se vaian conceder, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria terá en conta os criterios de valoración establecidos no artigo 5 da Orde do 8 de setembro de 1995 e modificacións posteriores.

4. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria resolverá as peticións presentadas en función dos criterios sinalados no punto anterior e as dispoñibilidades orzamentarias. Se non se notificase a resolución no prazo de 6 meses desde a presentación, entenderase desestimada a axuda solicitada.

Artigo 6º.-Pagamento das axudas.

As solicitudes de pagamento presentaranse prioritariamente nos servicios provinciais de industrias agroalimentarias, xunto coa seguinte documentación por duplicado:

1. Lista de xustificantes segundo o modelo que figura no anexo II, debidamente cuberta, xunto coas facturas

orixinais sobre as que se realizará a toma de razón, e das que se entregará ademais unha fotocopia. As facturas deberán estar acompañadas dos xustificantes do seu pagamento efectivo, dos que se entregará ademais unha fotocopia.

2. Acreditación formal actualizada de estar ó día nas súas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e fronte á Seguridade Social, así como de non ter débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma (Consellería de Economía e Facenda).

3. Fotocopia do NIF e certificado bancario da titularidade da conta bancaria onde se solicita que se ingrese a subvención, xunto coa ficha de domiciliación de pagamentos correspondente.

4. Calquera outra que se sinale expresamente na resolución de concesión.

Artigo 7º.-Revogación de axudas.

As axudas poderán revogarse nos seguintes casos:

a) Por renuncia expresa do beneficiario á totalidade da axuda.

b) Por non presentar nos prazos sinalados a documentación requirida.

c) Por calquera outra causa que modifique os investimentos inicialmente aprobados e non estea comunicada e aceptada pola consellería.

Artigo 8º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de abril de 1999.

Artigo 9º.-Financiamento.

O pagamento das axudas efectuarase con cargo ós conceptos orzamentarios 09.04.615 A.770.0 e 09.04.713 A.771.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, dotados inicialmente con 160.000.000 de ptas. e 621.710.374 ptas., respectivamente, así como con cargo ós remanentes adicionais que puidesen existir nos mesmos conceptos.

Disposición adicional

O límite de compatibilidade das axudas sinalado no artigo 4º poderá elevarse excepcionalmente ata o 75% cando a xuízo da Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos os investimentos teñan un carácter estratéxico ou interese social.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria