Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Martes, 09 de marzo de 1999 Páx. 2.702

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 9 de febreiro de 1999 pola que se anuncian cursos de iniciación e de perfeccionamento de lingua galega para galegos residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e na cultura de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia confírelle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en relación coa lingua e coa cultura galegas.

A Lei 3/1983, de normalización lingüística, ordénalle ó Goberno galego que faga uso dos recursos necesarios para que os galegos residentes no exterior poidan dispor de servicios culturais e lingüísticos no idioma propio de Galicia.

Por outra banda, a Lei 4/1983, de recoñecemento da galeguidade, dispón que se lles debe facilitar ás comunidades galegas a organización de cursos de lingua e cultura galegas.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse cursos de iniciación e de perfeccionamento de lingua galega, que se celebrarán nas localidades e para os centros galegos, asociacións de galegos residentes no exterior e grupos de persoas interesadas no idioma e na cultura de Galicia, que determine a Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, coordinadamente coa Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas, tendo en conta as solicitudes recibidas e a dispoñibilidade orzamentaria.

Artigo 2º

1. Poderán asistir a estes cursos os galegos residentes no exterior e os seus descendentes, os membros dos citados centros e asociacións, e outras persoas interesadas no idioma e na cultura de Galicia.

2. Para acceder ó curso de perfeccionamento é requisito indispensable ter aprobado ou validado o curso de iniciación.

3. O número de asistentes a cada curso será de 15 persoas como mínimo e de 30 como máximo.

Artigo 3º

1. Os cursos terán unha duración de 75 horas. Responderán ós contidos sinalados na Orde do 1 de marzo de 1989, pola que se regulan os cursos de iniciación e de perfeccionamento, e complementaranse cunha visión da historia e da actualidade de Galicia, nos seus aspectos socioeconómicos e culturais.

2. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada un dos asistentes non poderá ser superior ó 10% da duración total do curso.

3. A avaliación que se efectúe nestes cursos deberá responder ós principios de formativa e continua, e terá en conta o dominio oral e escrito do idioma, aplicándose as probas necesarias. Ó remate de cada curso, ós asistentes que superaron as distintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa cualificación de apto.

Artigo 4º

1. As persoas que desexen asistir a estes cursos presentarán a solicitude nos locais dos centros ou asociacións ós que se alude no artigo 11, nos prazos que determinen esas propias entidades.

2. Os solicitantes do curso de perfeccionamento deberán presentar canda a solicitude unha fotocopia compulsada da certificación que acredite que teñen superado o curso de iniciación, ou da correspondente validación deste.

Artigo 5º

A relación de admitidos será aprobada polos centros, asociacións ou grupos de persoas referidos no artigo 11º desta orde.

O horario, o lugar de celebración e a data de comezo de cada curso determinaraos a Dirección Xeral de Política Lingüística, en coordinación coa Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas e mais coas asociacións, centros ou grupos respectivos.

Artigo 6º

1. O profesorado destes cursos nomearaos o director xeral de Política Lingüística e o seu pagamento correrá por conta da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. O gasto que este pagamento ocasione financiarase con cargo á partida 07.06.353F.640.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, aprobados pola Lei 6/1998, do 29 de decembro, por unha contía máxima de 30.000.000 (trinta millóns) de pesetas.

2. O desprazamento dese profesorado (se resulta necesario) e o material preciso para cada curso pagaraos a Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas, a cal se encargará tamén, coordinadamente coa entidade ou colectivo para o que se convoca o curso, dos gastos da estadía do profesor ou profesora.

Artigo 7º

Tódalas actividades que se realicen nestes cursos faranse en galego e ateranse, no tocante á normativa e ó uso correcto do idioma (tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística), ó establecido pola Real Academia Galega.

Disposición derradeira

1. Autorízase a Dirección Xeral de Política Lingüística para dicta-las instruccións que sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

2. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria