Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Luns, 08 de marzo de 1999 Páx. 2.658

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 1999 pola que se convoca e regula a concesión de axudas a organizacións de consumidores e usuarios, para actividades de información, educación e defensa do consumidor e usuario para o ano 1999.

A convocatoria de axudas constitúe unha medida adecuada para promove-las accións de información, educación e defensa dos intereses dos consumidores, favorecendo, ó mesmo tempo, a colaboración das organizacións co Instituto Galego de Consumo neste obxectivo común.

En virtude disto, e de conformidade cos artigos 27 e concordantes do Estatuto Galego do Consumidor e Usuario, e o Decreto 95/1984, do 24 de maio, sobre Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As organizacións de consumidores e usuarios da Comunidade Autónoma de Galicia poderán ser beneficiarias de axudas para actuacións de promoción e defensa dos consumidores e usuarios galegos durante o ano 1999, con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343 A.480.0 de orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma para 1999. As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin e, en todo caso, o importe do crédito non poderá supera-la cantidade de 60.000.000 de pesetas.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as federacións e asociacións de consumidores e usuarios de Galicia, inscritas na sección xeral do Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia a que se refire o Decreto 95/1984, do 24 de maio, e ademais deberán cumpri-las seguintes condicións:

a) No caso das asociacións deberán dispoñer de oficina aberta ó público 4 horas diarias como mínimo e contar cun rótulo no que conste de maneira destacada o obxecto da oficina.

b) Facilitarlle ó público información e asesoramento sobre os seus dereitos como consumidor e a forma de exercelos.

c) Atende-las consultas, reclamacións e denuncias dos consumidores e usuarios colaborando para tal fin co Instituto Galego de Consumo.

Artigo 3º.-Obxecto.

O obxecto das axudas a que se refire o artigo anterior será o seguinte:

a) Gastos de funcionamento, infraestructura, equipamento e servicios técnicos xurídicos concertados con profesionais que resulten necesarios para o

desenvolvemento de actividades de información, asesoramento e mediación en conflictos ou litixios de consumo.

b) Organización e participación en sesións informativas, xornadas, cursos, seminarios e certames feriais relacionados coa defensa do consumidor e usuario.

c) Realización de traballos monográficos, publicacións e enquisas sobre temas de consumo.

d) Promoción do sistema arbitral de consumo.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes presentaranse conforme o modelo normalizado do anexo I desta resolución, nos servicios provinciais de consumo ou nos servicios centrais do Instituto Galego de Consumo sendo en todo caso de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O prazo de presentación será de trinta días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitude (anexo I) irán acompañadas coa seguinte documentación:

a) Proposta descritiva de cada unha das accións e programas específicos que se pretenden realizar, coa súa valoración (anexo II).

b) Certificación do secretario/a da organización onde conste o número de socios na que se faga constar ademais o horario no que a oficina permanece aberta ó público (anexo III).

c) Balance da situación económica o 31 de decembro de 1998, onde se farán consta-los ingresos e os gastos, agrupados por partidas específicas segundo a súa orixe e finalidade (anexo IV).

d) Declaración de axudas concedidas ou solicitadas a outros organismos para a mesma finalidade pretendida (anexo V).

e) Certificacións xustificativas de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social e certificación acreditativa de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia, que deberán volverse presentar no momento da xustificación dos gastos.

Artigo 5º.-Tramitación.

Os servicios centrais e provinciais de consumo comprobarán se a solicitude e documentación presentada reúne os requisitos esixidos na presente resolución e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administra

tivo común, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, será considerado desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámite.

Artigo 6º.-Avaliación das solicitudes.

1. Realizado o trámite anterior, as solicitudes pasarán para o seu exame á comisión de valoración, que efectuará proposta de resolución e elevaralla ó presidente do Instituto Galego de Consumo, como órgano competente para resolver.

2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, a comisión de valoración estará formada polos seguintes membros: o xerente do Instituto Galego de Consumo, que actuará como presidente, o xefe do Servicio de Información e Educación, xefe do Servicio de Protección ó Consumidor, os xefes de servicio provinciais de Consumo, que actuarán como vocais, e un funcionario designado polo xerente, que actuará como secretario. A dita comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a ela o presidente ou persoa na que delegue, un vocal e o secretario.

3. A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir dos solicitantes das axudas a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 7º.-Contía.

A contía das axudas axustarase ás seguintes porcentaxes:

a) Para gastos de funcionamento, equipamento, infraestructura e servicios técnicos xurídicos das oficinas de información ó consumidor ata un 80% do custo.

b) Organización e participación en sesións informativas, xornadas, cursos, seminarios e certames feriais sobre consumo, ata un 70% do custo.

c) Realización de traballos monográficos, publicacións, enquisas, etc., sobre consumo, ata un 80% do custo.

d) Promoción do sistema arbitral de consumo ata un 80% do custo.

Artigo 8º.-Criterios de adxudicación das axudas.

As axudas ás organizacións de consumidores outorgaranse atendendo ós criterios seguintes:

1. Grao de implantación territorial sobre a base do número de socios e a súa distribución por provincias, comarcas e localidades da comunidade galega. No caso das federacións número e distribución territorial das asociacións integradas na federación.

2. Capacidade de autofinanciamento da propia organización.

3. Grao de adecuación dos programas ó plano de actuacións do Instituto Galego de Consumo.

4. Traxectoria da actividade da organización solicitante en convocatorias anteriores.

Artigo 9º.-Resolución.

O presidente da comisión de valoración remitirá proposta de resolución ó presidente do Instituto Galego de Consumo, que dictará a resolución que proceda.

Entenderanse desestimadas aquelas solicitudes sobre as que non recaia resolución expresa no prazo de tres meses desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

As axudas serán compatibles con calquera outra axuda que puidese outorgarse para tales fins, e sempre que o importe total subvencionado non exceda do custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario e da porcentaxe máxima establecida nesta resolución.

Artigo 10º.-Pagamento.

En virtude do disposto pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, o pagamento destas axudas poderá facerse en varios prazos:

1- Para aquelas que non superen o importe de 1.000.000 de ptas. poderá acordarse un anticipo de pagamento de ata un 80% da contía outorgada, mediante a correspondente certificación pola secretaría da organización co visto e prace da presidencia, do inicio das actividades, librándose o 20% restante unha vez presentada pola entidade beneficiaria a completa xustificación do cumprimento da finalidade e demáis condicións para a que foi concedida a axuda.

2- Para aquelas que superen o importe de 1.000.000 de ptas. poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito, en virtude do disposto coa devandita Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e conforme o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 18 de febreiro de 1999.

a) Un anticipo do 50% da totalidade da subvención no momento da súa concesión.

Para facer efectivo este anticipo deberá presentarse como medio provisional de xustificación unha certificación emitida pola secretaría da organización, co visto e prace da presidencia, do inicio das actividades.

O 50% restante librarase unha vez presentada pola entidade beneficiaria a completa xustificación do cumprimento da finalidade e demais condicións para as que foi concedida a axuda.

b) Pagamentos parciais de ata o 80% da axuda concedida a medida que o beneficiario xustifique os gastos á conta da liquidación definitiva, librán

dose o 20% restante cando se xustifique o cumprimento da finalidade e demais condicións para as que foi concedida a axuda.

No obstante o anterior o Instituto Galego de Consumo, en calquera momento, poderá solicita-los documentos que acrediten os datos que constan nas ditas certificacións.

Artigo 11º.-Xustificación.

Establécense como normas específicas para a xustificación das presentes axudas as seguintes:

1. Para a xustificación da axuda concedida, a organización deberá presentar antes do 31 de decembro de 1999 a relación numerada e circunstanciada das facturas ou xustificantes dos gastos realizados (anexo IV). Xuntarase ademais a memoria explicativa da realización das actividades ou programas subvencionados, así mesmo, xuntarase declaración de axudas concedidas ou solicitadas a outros organismos desde a data da solicitude das axudas obxecto desta resolución (anexo V).

2. As facturas ou xustificantes presentados deberán ser orixinais ou copias compulsadas e corresponderán ó ano 1999; neles quedará reflectido de xeito expreso que o seu pagamento foi efectuado, e en todos eles deberá figura-lo visto e prace da presidencia da federación ou asociación.

3. Os xustificantes correspondentes a colaboracións puntuais figurarán en recibos onde consten os datos do perceptor, o seu NIF e o concepto polo que se retribúe, así como os datos da asociación ou a federación.

4. Non serán admitidos xustificantes de gastos de representación.

5. Os desprazamentos, gastos de hospedaxe e restauración xustificaranse conforme os decretos 299/1990, do 24 de maio, e 21/1993, do 4 de febreiro, sobre indemnizacións por razóns do servicio ó persoal con destino na Administración autónomica de Galicia, aplicándose a baremación correspondente ó grupo II. Sempre, e en tódolos casos, especificarase o motivo da viaxe e xuntarase copia da convocatoria, curso, etc., que corresponda.

6. As federacións e asociacións ás que se concedese axuda deberán xustifica-los seus respectivos gastos mediante facturas emitidas ó seu nome, non resultando posible que a dita xustificación se realice por documento expedido a entidade distinta.

Artigo 12º.-Obrigas.

1. Será requisito para a súa percepción a aceptación expresa do beneficiario e a acreditación de acordo co artigo 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, de que se atopan ó día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente

de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a comunicar calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foron concedidas.

3. As organizacións de consumidores e usuarios beneficiarias deberán facer consta-lo patrocinio do Instituto Galego de Consumo na información publicitaria relativa ás actuacións subvencionadas.

Artigo 13º.-Control.

1. O control do cumprimento do obxecto, condicións, finalidade e demais compromisos adquiridos polos beneficiarios das axudas será levado a cabo polo Instituto Galego de Consumo, o cal poderá realiza-las comprobacións que coide oportunas respecto das mesmas e terá acceso a toda a documentación xustificativa delas, e efectuarase de conformidade co disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia. O incumprimento por parte do beneficiario dará lugar, de acordo co previsto no artigo 78.5º da devandita lei, logo da audiencia ós interesados, á revogación da axuda concedida e ó reintegro das cantidades percibidas e mailos xuros de demora, sen prexuízo, se é o caso, doutras responsabilidades nas que tivese incorrido o beneficiario.

2. No caso de que o investimento ou actividade realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda que se conceda reducirase nunha porcentaxe proporcional.

Cando por concorrencia de axudas o importe total subvencionado exceda do custo da actividade que vai realiza-lo beneficiario ou da porcentaxe máxima establecida nesta resolución, procederá o reintegro do exceso percibido e mailos xuros de demora á Administración autonómica, sen prexuízo das demais responsabilidades que se puideran derivar.

As cantidades que teñan que reintegra-los adxudicatarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Artigo 14

Con independencia do establecido na presente resolución, haberá que se ater ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e ó que establece a Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 1999.

Jorge Rodríguez Vazquez-Molezún

Presidente do Instituto Galego de Consumo