Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Luns, 08 de marzo de 1999 Páx. 2.652

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 1999 pola que se convoca e regula a concesión de axudas a corporacións locais para actividades de información, educación e defensa do consumidor e usuario para o ano 1999.

Correspóndelle á Administración impulsa-la creación e mellora de oficinas municipais de Información ó Consumidor (OMIC), para facilitarlles ós consumidores e usuarios, coa maior rapidez, a información e defensa dos seus dereitos e lexítimos intereses.

En virtude disto, e de conformidade cos artigos 24 e concordantes do Estatuto Galego do Consumidor

e Usuario, e o capítulo II do Decreto 185/1994, do 16 de xuño, sobre información e orientación ó consumidor e usuario,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O Instituto Galego de Consumo concederá axudas ós concellos desta Comunidade Autónoma, con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343A.460.0 dos orzamentos xerais desta comunidade para o ano 1999 cun crédito máximo de 40.000.000 de ptas., para actuacións de información e defensa dos consumidores e usuarios galegos que se realicen durante

o ano 1999, a través das súas correspondentes oficinas municipais de Información ó Consumidor (OMIC).

As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin.

Para que os concellos se poidan beneficiar das axudas ás que fai referencia o artigo 2º desta resolución, as oficinas municipais de información ó consumidor (OMIC) deberán, ademais das derivadas do Decreto 185/1994, do 16 de xuño, cumpri-las seguintes condicións:

a) Estar abertas ó público 5 horas diarias como mínimo e contar cun rótulo no que conste de maneira destacada o obxecto da oficina.

b) Facilitarlle ó público información e asesoramento sobre os seus dereitos como consumidor e a forma de exercelos.

c) Atende-las consultas, reclamacións e denuncias dos consumidores e usuarios colaborando para tal fin co Instituto Galego de Consumo.

Artigo 2º.-Obxecto.

O obxecto das subvencións a que se refiere o artigo anterior será o seguinte:

a) Gastos de instalación de novas oficinas municipais de Información ó Consumidor.

b) Gastos de funcionamento das oficinas municipais de Información ó Consumidor xa instaladas.

c) Actividades de información, orientación, asistencia técnica, educación e formación dos consumidores e usuarios; edición e divulgación de publicacións e enquisas de interese para os consumidores relacionadas coa defensa dos seus dereitos.

d) Campañas de promoción da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia.

e) Programas mancomunais entre diferentes municipios e/ou de actuación conxunta con asociacións de consumidores referidos ás anteriores alíneas c) e d).

Artigo 3º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes (anexo I) para acollerse ás axudas económicas previstas na presente resolución dirixiranse ós servicios provinciais de consumo ou ós servicios centrais do Instituto Galego de Consumo, sendo, en todo caso, de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O prazo de presentación será de trinta días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes acompañaranse da seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do órgano competente pola que se acolle á axuda, coa expresión da cantidade exacta solicitada (anexo II).

b) Certificación da poboación de feito, segundo o último censo dispoñible (anexo III).

c) Certificación do secretario/a do concello na que se faga consta-lo horario no que a oficina permanece aberta ó público para atende-los consumidores e usuarios e para cursa-las reclamacións ou denuncias que se lles presenten, e que será polo menos de cinco horas diarias ou vintecinco semanais.

d) Certificado do secretario do concello sobre a existencia ou non de concesións ou solicitudes de axudas a outros organismos para actividades descritas no artigo anterior.

e) Se é o caso, certificación do secretario do concello da existencia de mancomunidade con outros concellos e/ou de actuacións conxuntas con asociacións, para actividades sobre consumo (anexo V).

f) Se é o caso, certificación do secretario/a do concello da existencia do Consello Local de Consumo, se estivera constituído, ou do acordo da súa creación en 1998 (anexo IV)

g) Se a axuda solicitada está destinada á instalación dunha nova OMIC, deberase presenta-la certificación do órgano competente pola que se aproba o proxecto correspondente, na que ademais de garanti-las condicións de idoneidade do local para unha correcta atención ó público, se valorará economicamente o custo do proxecto e a súa necesidade.

Artigo 4º.-Tramitación.

Os servicios centrais e provinciais de consumo comprobarán se a solicitude e documentación presentadas reúne os requisitos esixidos na presente resolución e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que no prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámite.

Artigo 5º.-Avaliación das solicitudes.

1. Realizado o trámite anterior, as solicitudes pasarán para o seu exame á comisión de valoración, que efectuará proposta de resolución e elevaralla ó presidente do Instituto Galego de Consumo, como órgano competente para resolver.

2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, a comisión da valoración estará formada polos seguintes membros: o xerente do Instituto Galego de Consumo, que actuará como presidente, o xefe do Servicio de Información e Educación, o xefe do Servicio de Protección ó Consumidor e os xefes dos servicios provinciais de Consumo, que actuarán como vocais, e un funcionario designado polo xerente, que actuará como secretario. A dita comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a ela o presidente ou persoa en quen delegue, un vocal e o secretario.

3. A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir dos solicitantes das axudas a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 6º.-Contía.

A contía das axudas axustarase ós seguintes criterios:

a) Para a instalación de novas oficinas municipais de información ó consumidor, a axuda será de ata o 80% do seu custo.

b) Para os gastos de funcionamento a axuda será de ata o 80% do seu custo.

c) Para actividades de información, formación, asistencia técnica, publicacións, enquisas, etc., a subvención será de ata o 70% do seu custo.

d) Para a promoción do sistema arbitral, a subvención será de ata o 80% do seu custo.

e) Para programas mancomunais entre diferentes municipios, e/ou actuacións conxuntas con asociacións de consumidores a subvención será como máximo do 80% do seu custo.

As corporacións locais beneficiarias deberán facer consta-lo patrocinio do Instituto Galego de Consumo na información publicitaria relativa ás actuacións subvencionadas.

Artigo 7º.-Resolución.

O presidente da comisión de valoración remitirá proposta ó presidente do Instituto Galego de Consumo, que dictará a resolución que proceda.

As axudas serán compatibles con calquera outra que puidese outorgarse para tales fins e sempre que o importe total subvencionado non exceda do custo da actividade que vaia a desenvolve-lo beneficiario e da porcentaxe máxima establecida nesta resolución.

Entenderanse desestimadas aquelas solicitudes sobre as que non recaia resolución expresa no prazo de tres meses contados a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 8º.-Pagamento e xustificación.

As axudas concedidas faranse efectivas despois da xustificación polo concello beneficiario da realización dos proxectos, actuacións e custos que foron obxecto da subvención.

Para a xustificación da subvención concedida, a corporación local deberá presentar antes do 31 de decembro de 1999 a seguinte documentación:

a) Para investimentos destinados á nova instalación destas oficinas, certificación do secretario do concello do investimento realizado para a instalación.

b) Se a axuda concedida foi destinada a gastos de funcionamento, certificación do secretario do concello do gasto total efectuado en gastos de funcionamento da oficina.

c) Se a axuda concedida foi destinada á realización dalgunha actividade, memoria final do desenvolvemento desta e certificación do secretario do Concello do gasto total efectuado nas citadas actividades.

Artigo 9º.-Control.

O Instituto Galego de Consumo poderá realiza-las comprobacións que considere oportunas respecto á axuda económica concedida e terá acceso a toda a documentación xustificativa dela.

A falta de xustificación dos gastos, unha aplicación diferente á sinalada na solictude e/ou, en xeral, o incumprimento dalgún dos requisitos esixidos na presente resolución, dará lugar á retirada da axuda, coa conseguinte obriga da devolución da axuda percibida e dos xuros de demora, nos supostos previstos no número 5 do artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, do réxime financeiro e presupostario de Galicia. As cantidades que se reintegren terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará de aplicación para o seu cobro o previsto nos artigos 19 a 23 da citada lei.

No caso de que o investimento ou actividade realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda que se conceda reducirase nunha porcentaxe proporcional.

Artigo 10º

Con independencia do establecido na presente resolución, aplicarase en todo caso o disposto na Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o que establece a Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 1999.

Jorge Rodríguez Vázquez-Molezún

Presidente do Instituto Galego de Consumo