Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Xoves, 04 de marzo de 1999 Páx. 2.486

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 9 de febreiro de 1999 pola que se convoca e se regula o réxime de concesión de axudas para mellora-la eficiencia e a infraestructura enerxética de Galicia.

Un dos obxectivos da Consellería de Industria e Comercio no eido da política enerxética é acadar uns índices de calidade da subministración eléctrica axeitados e unha utilización máis racional da enerxía, non só reducindo o consumo, senón tamén mellorando a eficiencia enerxética.

A Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, prevé que as distintas administracións no ámbito das súas respectivas competencias territoriais, poderán instrumentar programas de actuación e adoptar medidas que incentiven a mellora do servicio ós usuarios, así como a eficiencia e o aforro enerxético.

Numerosas entidades locais están afectadas polas carencias existentes na actual infraestructura eléctrica e precisan realizar fortes investimentos, en relación cos seus orzamentos, para dotar de subministración eléctrica axeitada ós servicios públicos existentes nos núcleos de poboación que, ó non seren de gran relevancia, tanto polo número de habitantes como polo seu desenvolvemento industrial, carecen dunha infraestructura eléctrica axeitada. Noutras ocasións, como consecuencia do desenvolvemento das cidades e, por motivos de interese social, é preciso realizar modificacións na infraestructura eléctrica que implican elevados investimentos.

Un primeiro paso para consegui-lo aforro e a diversificación é un estudio que analice a estructura do consumo enerxético, a súa distribución e as posibilidades de reducción, en función de melloras en equipos e procesos, así como a introducción de innovacións nas instalacións que aumenten o rendemento enerxético.

As instalacións eléctricas municipais son en moitos casos susceptibles de modificacións para unha mellora na eficiencia enerxética, que de acordo co

estado actual da técnica, permitan un sensible aforro no consumo de enerxía.

A mellora da calidade da electrificación no medio rural de Galicia é un obxectivo primordial, xa que tanto a calidade de vida das persoas como o desenvolvemento de industrias e das explotacións agropecuarias, dependen en boa medida dun bo servicio eléctrico, que hoxe en moitos lugares é deficiente.

O gas é unha enerxía económica e ecolóxica xa dispoñible en moitos fogares e industrias de Galicia e que é preciso seguir impulsando para a súa extensión a novas zonas da nosa Comunidade Autónoma.

A Comunidade Económica Europea estalles dando un gran impulso ás enerxías renovables e ós programas de eficiencia enerxética, a través dos programas Save, Altener, Joule, Thermie e, por outra banda, o Plan Enerxético Nacional 1991-2000 ten un programa específico dedicado ó aforro enerxético e enerxías renovables, o Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética (PAEE), as bases reguladoras do cal se establecen na Orde do 6 de febreiro de 1997. En liña co establecido polas devanditas administracións debe prestarse apoio ós proxectos innovadores no uso racional da enerxía.

Como medio e instrumento para favorece-las actuacións indicadas, a Consellería de Industria e Comercio considera necesario establecer un sistema de axudas económicas para promove-la realización de investimentos, encamiñados a consegui-los fins expostos.

Na súa virtude, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Capítulo I

Auditorías enerxéticas

Artigo 1º.-Obxecto da axuda.

1. Convócanse axudas económicas para a realización de auditorías enerxéticas en instalacións municipais.

2. As auditorías enerxéticas consistirán, ademais das revisións e actualización dos datos existentes, no estudio exhaustivo das posibilidades de mellora-la eficacia enerxética das instalacións, de acordo co seguinte plan:

a) Compilación da información básica xeral, na que se recollerán as características de tódalas instalacións das que é titular o concello.

b) Informe técnico-económico no que se detallarán tanto os consumos instantáneos, perdas e rendementos enerxéticos como as medidas que se deben adoptar para mellora-las deficiencias enerxéticas, establecéndose un plan de aforro ordenado en función do período de amortización.

3. As auditorías serán realizadas por empresas que, a criterio da Consellería de Industria e Comercio, ofrezan garantías e experiencia suficientes neste eido específico en Galicia e deberán ser asinadas por técnico titulado competente.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas os concellos que realicen as actuacións ás que se refiere o artigo anterior.

Artigo 3º.-Contía da axuda.

1. A axuda poderá acadar un máximo do 50% do custo da auditoría, modulando a porcentaxe en función dos recursos económicos do concello e das dispoñibilidades orzamentarias da consellería.

2. A devandita axuda farase efectiva con cargo ó programa 631-B, Iluminación pública e aforro enerxético, aplicación orzamentaria 08.02.631-B.760.0, da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999.

Artigo 4º.-Solicitudes.

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo e presentaranse dentro do prazo sinalado no artigo 28, especificando a empresa que realizará a auditoría enerxética para a súa aceptación pola Consellería de Industria e Comercio.

Artigo 5º.-Xustificación do investimento.

O pagamento das axudas efectuarase, de conformidade co disposto no artigo 32º, unha vez entregada, por triplicado exemplar, a auditoría coas facturas emitidas pola empresa auditora, aprobadas polo órgano competente do concello, ou ben coa xustificación do pagamento, na correspondente delegación provincial desta consellería e tralo informe favorable dos servicios técnicos competentes.

Capítulo II

Instalacións eléctricas municipais e aforro enerxético

Artigo 6º.-Obxecto da axuda.

Convócanse axudas económicas para a realización ou modificación de infraestructuras eléctricas de servicios públicos así como para a realización de investimentos con obxecto de reduci-la incidencia do factor enerxético na súa estructura de custos.

Non se subvencionará en ningún caso a electrificación de urbanizacións e vivendas illadas dedicadas a segunda residencia.

Artigo 7º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas os concellos que realicen as actuacións ás que se refire o artigo anterior.

Artigo 8º.-Contía da axuda.

1. A axuda poderá acadar un máximo do 50% do investimento total, modulando a porcentaxe en función do seu interese social, das dispoñibilidades orzamentarias da entidade local e da propia dispoñibilidade orzamentaria da consellería.

2. A dita axuda farase efectiva con cargo ó programa 631-B, Iluminación pública e aforro enerxético, aplicación orzamentaria 08.02.631-B.760.0, da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Artigo 9º.-Solicitudes.

A solicitude deberá axustarse ó modelo que se acompaña como anexo e presentaranse dentro do prazo sinalado no artigo 28º, acompañándose da seguinte documentación:

-Memoria do investimento, con indicación do núcleo, lugar, parroquia e municipio.

-De se-lo caso, convenio subscrito coa empresa distribuidora de enerxía eléctrica.

-Para intalacións de aforro e mellora da eficiencia enerxética, auditoría enerxética realizada por unha empresa consultora establecida en Galicia con recoñecida experiencia na materia.

Capítulo III

Extensión de redes eléctricas a polígonos industriais

Artigo 10º.-Obxecto da axuda.

Convócanse axudas económicas para a extensión de redes eléctricas a polígonos industriais con especiais dificultades de conexión, que fosen promovidos polo Instituto Galego de Vivenda e Solo e que as súas obras se iniciasen con anterioridade ó 1 de xaneiro de 1997.

Artigo 11º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as empresas distribuidoras de enerxía eléctrica responsables da subministración eléctrica ós polígonos industriais a que fai referencia o artigo anterior.

Artigo 12º.-Contía da axuda.

1. A contía máxima da axuda poderá acadar un máximo do 50% do importe do custo das obras.

2. A dita axuda farase efectiva con cargo ó programa 631-B, Programas de electrificación e enerxías alternativas, aplicación orzamentaria 08.02.631-B-770.0, da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999.

Artigo 13º.-Solicitudes.

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo e presentaranse dentro do prazo sinalado no artigo 28º, acompañadas do proxecto técnico correspondente e informe favorable do técnico facultativo do Instituto Galego de Vivenda e Solo director das obras do polígono correspondente.

Artigo 14º.-Xustificación do investimento.

Sen prexuízo do disposto no artigo 32º, para o pagamento da axuda será requisito imprescindible que o beneficiario da subvención achege os documentos acreditativos de que a obra foi realizada coa conformidade do director de obra do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Capítulo IV

Adecuación de instalacións eléctricas

Artigo 15º.-Obxecto da axuda.

Convócanse axudas económicas para a adecuación de instalacións de distribución de enerxía eléctrica nas que o contorno sufrise modificacións significativas.

Artigo 16º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as empresas titulares das intalacións de distribución de enerxía a que se refire o artigo anterior e o concello correspondente asuma a execución da obra civil necesaria (canalización subterránea e apoios de líña de paso aéreo a subterráneo, cos elementos inherentes a eles), así como a xestión e consecución dos permisos de paso necesarios.

Artigo 17º.-Contía.

1. A contía da axuda poderá acadar un máximo do 50% do investimento realizado pola empresa na execución da obra, con exclusión do correspondente á obra civil e demais requisitos indicados no artigo anterior.

2. A dita axuda farase efectiva con cargo ó programa 631-B, Programas de electrificación e enerxías alternativas, aplicación orzamentaria 08.02.631-B.770.0, da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999.

Artigo 18º.-Solicitudes.

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo e presentaranse dentro do prazo sinalado no artigo 28º.

As solicitudes presentadas serán tramitadas a través dos respectivos concellos, que unirán ó expediente escrito relativo ó compromiso de execución ó seu cargo da obra civil e demais requisitos sinalados no artigo 16º, con indicación de prazos de execución, procedendo á súa tramitación de acordo co previsto na presente orde.

Capítulo V

Desenvolvemento da infraestructura de gas

Artigo 19º.-Obxecto da axuda.

Convócanse axudas económicas para a gasificación mediante propano de núcleos de poboación illados dos ramais e redes de distribución de gas natural, así como á formación e mellora tecnolóxica en materia de gas.

Artigo 20º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as empresas titulares de autorizacións para distribución de propano e empresas que realicen actividades de formación y en materia de seguridade do gas.

Artigo 21º.-Contía da axuda.

1. A contía da axuda poderá acadar como máximo o 50% do investimento total do proxecto presentado.

2. A devandita axuda farase efectiva con cargo ó programa 631-A Conservación e aforro de enerxía, con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.631-A.770 da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Artigo 22º.-Solicitudes.

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo desta orde e dentro do prazo sinalado no artigo 28º.

Capítulo VI

Eficiencia enerxética

Artigo 23º.-Obxecto da axuda.

Convócanse axudas económicas para a execución de proxectos que promovan o uso racional da enerxía na industria, edificios, servicios e transporte ou relativos á utilización ou producción de recursos enerxéticos renovables, así como á aplicación de novas tecnoloxías para a xestión enerxética.

Esta liña de axudas poderá aplicarse ós proxectos de electrificación rural, en sistemas illados da rede de distribución, que utilicen sistemas eólicos, solares ou mixtos, incluso, con apoio de grupos electróxenos.

Artigo 24º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas empresas, entidades públicas ou privadas e persoas físicas que realicen as actuacións sinaladas no artigo anterior.

Artigo 25º.-Contía da axuda.

1. A contía máxima das axudas será do 50% do investimento total subvencionable.

2. A devandita axuda farase efectiva con cargo ó programa 631-B Programas de electrificación e enerxías alternativas, aplicación orzamentaria 08.02.631-B.773.0 da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Artigo 26º.-Solicitudes.

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo desta orde e presentaranse dentro do prazo sinalado no artigo 28º.

Artigo 27º.-Xustificación do investimento.

Sen prexuízo do disposto no artigo 32º, nos proxectos de electrificación rural o beneficiario deberá acreditar que dispón dun contrato de mantemento por un período mínimo de tres anos cunha entidade con capacidade técnica suficiente, a xuízo da delegación provincial de industria correspondente. A presentación do contrato será requisito necesario para a certificación definitiva do proxecto e percepción da subvención outorgada.

Capítulo VII

Tramitación das solicitudes

Artigo 28º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse por triplicado no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, xunto cos seguintes documentos:

-Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia compulsada da escritura pública de constitución da sociedade e do poder notarial correspondente; a inscrición de ámbolos dous documentos debe constar no Rexistro Mercantil.

No caso de empresas individuais presentarase unha fotocopia compulsada do DNI do titular.

-Copia compulsada do último recibo de pagamento do imposto de actividades económicas.

-Fotocopia compulsada do CIF da empresa ou do NIF en caso de empresas individuais.

-Certificado actualizado de inscrición da empresa no Rexistro Industrial, se procede.

-Memoria descritiva das actuacións que se van realizar.

-Os que para cada modalidade de axuda se sinalan nesta orde.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no DOG.

Artigo 29º.-Tramitación.

1. De conformidade co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos esixidos, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achege os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, considerarase desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámites.

2. Examinada a documentación e logo de informe técnico, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, dictará a resolución que proceda.

3. Unha vez concedida a axuda, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución.

Artigo 30º.-Prazo de resolución.

A non notificación da resolución no prazo de seis meses desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta e quedará expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 31º.-Presentación de proxecto de execución.

Nun prazo de 40 días hábiles a partir da notificación da axuda, o beneficiario deberalle remitir á delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio unha copia do proxecto de execución, cuando este sexa necesario, asinado por técnico competente e visado polo colexio profesional correspondente e certificación da iniciación da obra; se esta fose realizada por terceiros, a documentación que acredite que a obra foi adxudicada e a acreditación do adxudicatario para realizala.

A non presentación desta documentación levará consigo a anulación da axuda concedida, logo de audiencia do interesado.

Artigo 32º.-Xustificación do investimento.

Para o pagamento das axudas indicadas será indispensable a presentación, antes do 30 de novembro de 1999, ante a delegación provincial correspondente, por triplicado exemplar, da memoria da acti

vidade realizada, xunto cos xustificantes orixinais ou compulsados do investimento realizado.

Artigo 33º.-Pagamento.

1. Para o libramento e posterior aboamento da axuda, unirase á documentación que se sinala no artigo anterior certificación da conta bancaria na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente, onde debe realizarse o pagamento, expedida pola propia entidade bancaria; certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais y de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, así como declaración de axudas solicitadas ou certificación das concedidas noutros organismos para a mesma actividade.

2. A percepción da axuda terá lugar despois de que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certifiquen que se levou a cabo a realización do investimento de acordo co proxecto presentado.

3. Os órganos competentes da Consellería de Industria e Comercio poderán solicita-las aclaracións ou informes que consideren conveniente e, no caso de non ser remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se lle sinale, considerarase que renuncia á axuda.

4. No caso de ser beneficiario dunha subvención plurianual, de acordo co establecido no artigo 58 de la Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, deberá achegarse, ademais, a documentación establecida no artigo 35 da citada Lei 6/1998, do 29 de decembro.

Os libramentos correspondentes a estas axudas faranse efectivo con cargo ós créditos consignados para cada exercicio orzamentario, con independencia de que os investimentos se realizasen con anterioridade, sempre que se acredite suficientemente que corresponden á actuacion subvencionada ó abeiro desta orde.

Artigo 34º.-Anticipos.

Con carácter excepcional e por resolución motivada do conselleiro de Industria e Comercio ou do delegado provincial, segundo proceda, poderá autorizarse un anticipo de ata o 50% da subvención naqueles casos en que o investimento esixa pagos inmediatos, coas condicións establecidas no citado artigo 35 da Lei 6/1998, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Artigo 35º.-Reducción e concorrencia de axudas.

1. No caso de que o investimento ou a actividade realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto e garantida a consecución do obxecto, a axuda que se conceda verase diminuída nunha porcentaxe proporcional.

2. Cando por concorrencia de subvencións ou axudas o importe total subvencionado exceda do custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario ou da porcentaxe máxima establecida nesta orde,

procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puidesen derivarse.

Artigo 36º.-Revogación.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións e obrigas impostas na presente orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, despois de audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidad percibida máis os xuros de mora, sen prexuízo, de se-lo caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto nos artigos 19 a 23 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Artigo 37º.-Renuncia.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo anterior.

Artigo 38º.-Control.

En todo caso, os beneficiarios sométense ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Industria e Comercio e ás de control financeiro que corrresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos.

Artigo 39º.-Réxime xurídico.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional

Poderán acollerse ás axudas que se regulan na presente orde as solicitudes presentadas ó abeiro da orde convocada no exercicio de 1998 que non puidesen ser atendidas por limitaciones orzamentarias, sempre que así o interesado o solicite.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Industria para que dicte as disposicións oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 1999.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio