Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Martes, 02 de marzo de 1999 Páx. 2.326

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 18 de febreiro de 1999 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a realización de actividades de orientación profesional para o emprego e asesoramento para o autoemprego.

A evolución do mercado de traballo, o aumento da poboación activa e a persistencia do desemprego fan necesario articular medidas que inclúan accións de atención constante e especializada dirixidas a aqueles colectivos con dificultades de inserción laboral.

Deste xeito, as directices de emprego da Unión Europea para 1999, o Plan Nacional de Acción para o Emprego e os acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia recollen como actuación prioritaria a mellora da capacidade de inserción laboral dos desempregados a través da orientación profesional personalizada.

Con este obxectivo, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, pre

tende poñer en marcha un sistema de orientación laboral, baseado en accións de información, orientación, busca activa de emprego e asesoramento para o autoemprego, coa finalidade de mellora-la ocupabilidade dos demandantes de emprego. Este sistema ten en conta a colaboración de entidades especializadas para incrementa-la capacidade e a calidade das accións, o seu achegamento ós usuarios e a atención a colectivos específicos.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dispón que esta é o órgano da Xunta de Galicia ó que lle corresponde levar a cabo, entre outras, as funcións en materia de políticas activas de emprego, atribuíndolle, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación as competencias en materia de formación ocupacional e intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral.

En virtude do exposto, e co fin de promove-las posibilidades de inserción laboral en Galicia, faise necesario articular unha vía de colaboración en materia de orientación laboral para o emprego e asesoramento para o autoemprego, con entidades externas, sen ánimo de lucro, que acheguen os recursos humanos, técnicos e materiais necesarios para o desenvolvemento das citadas accións.

No Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, establécese o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego, no ámbito do traballo, o emprego e a formación.

Por tanto, atendendo á Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, á Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, ó Decreto 377/1998, do 23 de decembro, e existindo crédito nas aplicacións 14.03.241A.482 e 14.03.241A.470 para o financiamento das presentes subvencións.

Dado que se lles deu audiencia ós axentes sociais representados no seo do Consello Galego de Relacións Laborais, co informe previo dos servicios xurídicos da consellería, po proposta da Dirección Xeral de Formación e Colocación e en uso das facultades que me son conferidas de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o establecemento das bases para a concesión de subvencións por parte

da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a entidades colaboradoras que realicen accións de orientación profesional para o emprego, articuladas en itinerarios de inserción ocupacional e dirixidas a mellora-las posibilidades de ocupación dos demandantes de emprego inscritos no servicio público de emprego, así como o establecemento das bases polas que se rexerá o programa das axudas correspondentes ó servicio de asesoramento para o autoemprego.

Artigo 2º.-Programa de orientación profesional para o emprego. Accións.

A Dirección Xeral de Formación e Colocación, mediante o Servicio Galego de Colocación, directamente ou por medio de centros colaboradores distribuídos nas áreas funcionais determinadas, levará a cabo as accións de información, orientación profesional e asesoramento para o emprego dirixidas ós demandantes de emprego.

As ditas accións realizaranse de xeito personalizado, coa finalidade de avalia-lo perfil curricular de cada demandante, actuando ó mesmo tempo sobre as súas aptitudes e capacidades e establecendo actuacións tendentes a adecua-los seus intereses e motivacións á situación actual do mercado de traballo. Tamén poderán desenvolverse accións colectivas, dirixidas á adquisición das capacidades básicas que lles permitan ós demandantes articular itinerarios activos e eficaces na busca de emprego.

Artigo 3º.-Programa de asesoramento para o autoemprego. Accións.

Igualmente, a Dirección Xeral de Formación e Colocación, mediante o Servicio Galego de Colocación, directamente ou por medio de centros colaboradores distribuídos nas áreas funcionais determinadas, levará a cabo as accións de asesoramento para o autoemprego dirixidas ós emprendedores que así o soliciten conforme o establecido na presente orde.

Para estes efectos, considérase emprendedor aquela persoa física, que sendo demandante de emprego, teña a vontade de crear, polo menos, o seu propio posto de traballo, preferentemente a través de fórmulas de economía social e xerenciada por el mesmo.

Capítulo II

Os beneficiarios

Artigo 4º.-Beneficiarios do programa de información e orientación laboral.

Serán beneficiarios do programa de información e orietación laboral tódolos demandantes de emprego inscritos no Servicio Público de Emprego ben cando o soliciten expresamente ben cando lles sexa ofertado polo propio servicio.

Artigo 5º.-Beneficiarios do programa de asesoramento para o autoemprego.

5.1. Serán beneficiarios do programa de asesoramento para o autoemprego tódolos emprendedores que o soliciten, debendo para isto presenta-la solicitude, segundo modelo normalizado que se publica como anexo II na presente orde, acompañado dunha fotocopia do DNI e dun certificado de vida laboral.

No caso de emprendedores que vaian constituír xuntos, sociedades ou cooperativas, as sesións de información e asesoramento realizaranse conxuntamente con tódolos emprendedores.

5.2. Os emprendedores dispoñen de prazo para a presentación de solicitudes ata o 30 de decembro de 1999 e poderán facer uso dos servicios de información e asesoramento para o autoemprego ata o 31 de marzo do 2000.

5.3. Resolución.

a) As solicitudes dos emprendedores serán resoltas polo director xeral de Formación e Colocación. A resolución seralles notificada ós interesados e xunto con ela entregaráselles un talonario de dez vales de información e outro con dez vales de asesoramento.

b) A resolución dos expedientes deberá realizarse no prazo dun mes a contado desde o día seguinte ó de remate do prazo para a presentación das solicitudes. Transcorrido este prazo sen que recaera resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

c) Unha vez recaída resolución estimatoria, o emprendedor deberá inicia-los servicios de información e asesoramento no prazo dun mes desde a notificación da resolución. Transcorrido o dito prazo sen que se iniciasen os servicios, estes entenderanse rexeitados.

Capítulo III

As entidades colaboradoras

Artigo 6º.-Definición.

Poderán ser entidades colaboradoras co Servicio Galego de Colocación no programa de información e orientación laboral e/ou no programa da asesoramento para o autoemprego: as asociacións empresariais e sindicais máis representativas na Comunidade Autónoma, os centros asociados ó Servicio Galego de Colocación e as entidades sen ánimo de lucro, cun ámbito de actuación relacionado co mercado laboral, e que así se recolla nos seus estatutos ou normas de constitución. Todos eles deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Dispoñer dun local con despacho para atención individual ós demandantes de emprego.

b) Dispoñer dun fax con liña dedicada.

c) Dispoñer dun acceso básico de Rede Dixital de Servicios Integrados.

d) Dispoñer dun ordenador persoal, con conexión externa exclusiva á Rede Dixital de Servicios Integrados e protocolo de comunicacións TCP/IP.

e) Acreditar experiencia en materia de orientación ou asesoramento laboral, xestión de bolsas de traballo ou asesoramento para o autoemprego.

Tanto o software de base instalado como as características do hardware do ordenador deben posibilita-lo correcto funcionamento do aplicativo cliente do Servicio Galego de Colocación.

Artigo 7º.-Solicitude.

7.1. As entidades que, reunindo os requisitos establecidos no artigo anterior, desexen obte-lo recoñecemento como centro colaborador do Servicio Galego de Colocación na área de orientación laboral e/ou asesoramento para o emprego, deberán formaliza-la correspondente solicitude segundo o modelo oficial que se xunta como anexo á presente orde, subscrita polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado e dirixida ó director xeral de Formación e Colocación.

7.2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Copia compulsada da escritura de constitución e dos estatutos da entidade.

b) Tarxeta de identificación fiscal.

c) Documentación acreditativa de representatividade suficiente para asina-la solicitude.

d) Título lexítimo que habilite para a posesión dos inmobles e instalacións correspondentes.

e) Licencia municipal de apertura.

f) Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos esixidos no artigo 6º.

g) Proxecto-memoria das accións que se van realizar na que se indique:

-Recursos técnicos, humanos e materiais requiridos.

-Experiencia no desenvolvemento das accións solicitadas.

-Xustificación da necesidade das accións.

-Sistemas de avaliación dos servicios que se lles van prestar ós demandantes de emprego.

h) Datos bancarios onde se desexe percibi-la subvención.

7.3. As entidades que sexan centros asociados do Servicio Galego de Colocación estarán exentas de presenta-la documentación indicada nas letras a), b), c), d), e) e f) do punto 2º deste artigo.

7.4. Así mesmo, as entidades colaboradoras titularidade dunha Administración pública estarán

exentas da presentación do documento indicado na letra a) do punto 2º deste artigo.

7.5. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir da entrada en vigor da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9º.-Tramitación.

9.1. A tramitación e instrucción dos expedientes realizarase na Dirección Xeral de Formación e Colocación conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

9.2. O director xeral de Formación e Colocación dictará resolución motivada que porá fin ó procedemento administrativo, e seralles notificada ós interesados.

A dita resolución dictarase con base no diposto no artigo 6º da presente orde, das avaliacións efectuadas na Dirección Xeral de Formación e Colocación en relación á cobertura existente dentro do Servicio Galego de Colocación segundo as áreas funcionais, do traballo desenvolvido polos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación na área funcional na que se atopen e das necesidades previstas de acordo co número de demandantes de emprego de cada área funcional.

9.3. A resolución dos expedientes deberá producirse nun prazo de tres meses contados desde o día seguinte ó do remate do prazo para a presentación das solicitudes. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

Artigo 10º.-Convenios de colaboración.

Unha vez pechado o prazo de solicitude de centro colaborador en materia de orientación laboral e asesoramento para o autoemprego, e no caso de que nas avaliacións efectuadas na Dirección Xeral de Formación e Colocación se deduza que non existe a cobertura necesaria para garantir unha atención integral ós usuarios do Servicio Público de Emprego, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá asinar para os efectos un convenio de colaboración con calquera entidade que cumpra os requisitos sinalados no artigo 6º da presente orde.

Artigo 11º.-Obrigas dos centros colaboradores.

Calquera centro colaborador do Servicio Galego de Colocación na área de orientación laboral ou na área de autoemprego estará obrigado a:

a) Presentar trimestralmente información relativa ás accións realizadas, na que constará sempre a sinatura dos participantes, e que se presentarán na Dirección Xeral de Formación e Colocación polos mecanismos que se establezan.

b) Comunicarlle á Dirección Xeral de Formación e Colocación calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

c) Facilitar, no prazo máximo de 10 días, os datos que a Dirección Xeral de Formación e Colocación requira sobre o desenvolvemento e resultado das accións cos demandantes de emprego inscritos no Servicio Público de Emprego.

d) Utiliza-las metodoloxías, documentos, táboas de axuda, programas informáticos, etc., que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación, sen prexuízo de que os centros colaboradores poidan utilizar metodoloxías propias, supervisadas e aprobadas pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

e) Utilizar axeitadamente as identificacións segundo as instruccións que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

f) Obter autorización previa por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación para a difusión publicitaria das accións previstas nos artigos 2º e 3º, así como tamén respecta-las instruccións e utiliza-lo modelo de anuncio ou cartel publicitario que determine a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

g) Manter á disposición do Servicio Galego de Colocación o expediente completo correspondente ó usuario demandante de emprego durante o período en que se executen as accións.

h) Informar á Dirección Xeral de Formación e Colocación, previamente e por escrito, sobre calquera cambio que se puidera producir nos datos expresados polo centro no inicio da súa colaboración.

i) Non percibir retribución económica ningunha dos usuarios pola realización das accións desenvolvidas en colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación no marco desta disposición.

j) Informar previamente á Dirección Xeral de Formación e Colocación sobre se perciben compensacións económicas doutras administracións por levar a termo accións iguais ou análogas ás reguladas na presente orde.

k) Garda-lo segredo profesional respecto ós datos contidos nos ficheiros automatizados de titularidade

da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou rexistrados en soportes físicos susceptibles de tratamento automatizado. Esta obriga subsistirá cando finalice a súa colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación, de acordo co establecido no Real decreto 1332/1994, do 20 de xuño, polo que se desenvolven determinados aspectos da Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, antes mencionada.

Os datos de carácter persoal obxecto do tratamento automatizado unicamente poderán ser cedidos para o cumprimento dos fins directamente relacionados coas accións do Servicio Galego de Colocación.

l) Facilitar información á persoa demandante de emprego do estado dos seus datos de carácter persoal incluídos nos ficheiros automatizados, con calquera das formas expresadas no artigo 14.2º da Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, de regulación do tratamento automatizado de datos.

m) Todas aqueloutras obrigas que se desprendan do articulado da presente orde.

n) En caso de cesamento das súas actividades, perda da súa condición de centro colaborador co Servicio Galego de Colocación na área de orientación laboral ou na área de autoemprego, ou que a Consellería de Familia, e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude lle suprimira este servicio, o centro remitirá os expedientes dos usuarios que estean vixentes ó centro ou entidade que lle indique a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 12º.-Selección e contratación do persoal para a realización das accións.

12.1. A entidade colaboradora en materia de orientación laboral ou asesoramento para o autoemprego, unha vez dictada resolución estimativa, realizará, en colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación, a selección dos técnicos para o desenvolvemento das accións referidas no artigo 2º da presente orde. Os técnicos seleccionados poderán ter relación previa contractual coa entidade beneficiaria ou non.

A entidade colaboradora deberá acreditar a experiencia dos técnicos seleccionados en materia de formación profesional e/ou ocupacional, orientación profesional, recursos humanos ou outras disciplinas que garden relación directa co mercado laboral. No caso de que a dita experiencia non poida ser acreditada, a selección realizarase en función das titulacións preferentes que estableza pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

12.2. A Dirección Xeral de Formación e Colocación realizará, sempre que se considere necesario, a formación inicial dos técnicos seleccionados. Igualmente organizar con medios propios ou alleos, o perfeccionamento e actualización formativa dos técnicos que realizan as accións.

Capítulo IV

Contía das subvencións

Artigo 13º.-Contía.

13.1. A Dirección Xeral de Formación e Colocación subvencionará as retribucións totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, por tódolos conceptos do persoal necesario para a execución das accións, así como axudas de custo e desprazamentos que se xeren para o seu desenvolvemento, en función do convenio colectivo aplicable, ou de acordo coa normativa de aplicación nas administracións públicas para funcionarios nas contías seguintes:

a) Para os técnicos, as retribucións establecidas na respectiva normativa de aplicación para cada categoría, nivel ou grupo profesional, ata un máximo de 4.000.000 de pesetas por ano.

b) Para o persoal de apoio, as retribucións establecidas na respectiva normativa de aplicación para cada categoría, nivel ou grupo profesional, ata un máximo de 2.500.000 pesetas por ano.

13.2. A Dirección Xeral de Formación e Colocación tamén subvencionará ata un 10% do total da subvención aprobada en concepto de gastos xerais, materiais e técnicos.

13.3. As retribucións refírense á prestación de servicios a xornada completa. As retribucións acomodaranse proporcionalmente á xornada que se desenvolva no caso de que a prestación de servicios sexa a tempo parcial.

Artigo 14º.-Forma de pagamento.

14.1. A Dirección Xeral de Formación e Colocación aboará o 50 por 100 do importe da subvención concedida, logo de certificación do inicio das accións por parte da entidade colaboradora, na que se farán consta-los datos do persoal obxecto da subvención.

Do 50 por 100 restante, o 25 por 100 do total da subvención transferirase cando a entidade colaboradora certificase e aboase, conforme o previsto no artigo 15.1º, o 50 por 100 do aboado incialmente, e unha vez finalizadas as accións, transferirase o 25 por 100 restante ata completa-lo total da subvención concedida.

14.2. Cando algunha das accións non puidera executarse dentro do ano natural do exercicio orzamentario en que se concedeu a subvención, procederase a recoñece-la obriga con anterioridade ó 31 de decembro do dito ano natural e a realiza-lo pagamento unha vez xustificadas as accións.

Artigo 15º.-Requisitos para o aboamento.

15.1. Antes de proceder ó cobramento das subvencións establecidas nesta orde, as entidades beneficiarias, se é o caso, terán que acreditar que se atopan ó día nas súas obrigas tributarias e sociais, e no pagamento das súas obrigas coa Comunidade Autónoma, e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

15.2. Unha vez finalizadas as actividades, as entidades beneficiarias deberán acreditar certificación selada e asinada pola entidade, na que se faga consta-la realización das accións descritas.

Artigo 16º.-Prazo de execución das accións.

16.1. No suposto previsto no artigo 14.2º, as accións poderán executarse ata o 31 de marzo do ano natural seguinte ó da súa concesión. Neste caso, o proxecto conxunto de actuacións deber terse iniciado antes do 31 de decembro do exercicio no que se concedeu a subvención.

16.2. No suposto anterior, procederase a recoñece-la obriga con anterioridade ó 31 de decembro, e a realiza-lo último pagamento unha vez xustificadas as accións.

Artigo 17º.-Liquidación final.

17.1. Durante o mes seguinte ó de finalización da execucións das accións obxecto da subvención, a entidade colaboradora presentará liquidación final dos gastos realizados no modelo que dispoña a Dirección Xeral de Formación e Colocación, que conterá alomenos, os seguintes datos:

a) Accións realizadas, con especificación dos demandantes de emprego atendidos en cada unha delas.

b) Relación de facturas, na que consten os gastos realizados desagregados por conceptos.

17.2. A Dirección Xeral de Formación e Colocación poderá solicitarlle á entidade colaboradora os xustificantes de gastos orixinais.

Capítulo V

Seguimento e control

Artigo 18.-Seguimento das accións.

Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá realiza-las comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normativas vixentes que resulten de aplicación.

Así mesmo, as delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderán realizar comprobacións e verificacións, presenciais e aleatorias co obxecto de avaliar cuantitativa e cualitativamente o desenvolvemento das accións previstas na presente orde en calquera das entidades beneficiarias da subvención.

Artigo 19.-Reintegro das subvencións.

19.1. Procederá o reintegro das cantidades percibidas nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustifica-la realización da actividade.

b) Incumprimento da finalidade para a que a axuda foi concedida.

c) Incumprimento por parte da entidade colaboradora das obrigas sinaladas nesta orde.

19.2. Así mesmo, procederá o reintegro por parte da entidade colaboradora das seguintes cantidades:

a) As correspondentes a accións non executadas por causas imputables á entidade colaboradora.

b) As que excedan o custo da actividade desenvolvida.

c) As que excedan da cantidade que haxa que percibir polas accións realizadas, unha vez deducidas outras subvencións ou axudas recibidas pola entidade colaboradora para a mesma finalidade.

Artigo 20º.-Recursos.

Contra as resolucións do director xeral de Formación e Colocación poderase interpoñer recurso ordinario diante da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións adicionais

Primeira.-As accións incluídas na presente orde financiaranse con cargo ás consignacións orzamentarias 14.03.241A.482, cun importe de 900.000.000 de ptas., e.14.03.241A.470, cun importe de 70.000.000 de ptas. As ditas cantidades considéranse como contía estimativa, susceptible de ampliación en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Segunda.-A concesión das subvencións terá como límite global o crédito asignado para este fin nos orzamentos xerais de cada ano, da Comunidade Autónoma.

Terceira.-En todo o non disposto na presente disposición, será de aplicación a normativa do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais relativa á orientación profesional e asesoramento para o autoemprego.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Formación e Colocación para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude