Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Martes, 02 de marzo de 1999 Páx. 2.320

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de xaneiro de 1999 pola que se convocan axudas a alumnos e profesores de centros públicos docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidos con fondos públicos que participen en estadías e intercambios con centros educativos doutros países da Unión Europea, para favorece-la aprendizaxe activa de linguas e para realizar estadías en empresas.

A necesidade de aprender linguas estranxeiras vai profundamente ligada ó progreso científico e tecnolóxico. As industrias e os especialistas constitúen redes de comunicación que ignoran as fronteiras lingüísticas e nacionais. Así, o aumento das relacións internacionais, a mobilidade laboral e a circulación das ideas e da información está provocando unha forte demanda social en favor da aprendizaxe das linguas estranxeiras, de tal xeito que mesmo o número de linguas que os cidadáns dun determinado país dominan constitúe un indicador importante do seu grao de desenvolvemento. Por outra parte, a mellor protección contra tódalas formas de racismo e de xenofobia lógrase mediante o coñecemento e a experiencia directa da realidade dos outros e mediante a mellora das capacidades de comunicación.

Por todo isto, o Comité de Ministros do Consello de Europa advirte dos perigos que poden derivarse da marxinación das persoas que non posúan as competencias necesarias para comunicar nunha Europa interactiva.

En consecuencia, a necesidade de mobilidade laboral e de acceso á información, así como a importancia da tolerancia e da compresión mutuas fan das capacidade reais de comunicar sen fronteiras lingüísticas un elemento indispensable da formación

de todo cidadán. Por iso, o sistema educativo debe cumprir eficazmente o obxectivo de proporcionarlles ós nosos alumnos unha competencia axeitada en linguas estranxeiras e a experiencia demostra que a estadía nos países dos que se estudia a lingua constitúe un medio moi eficaz de progreso na adquisición desa lingua e da súa cultura.

No marco das relacións escola-empresa existen proxectos de colaboración por medio de estadías prácticas en empresas ou institucións. O intercambio de experiencias e as estadías formativas en centros educativos e empresas doutros países son aspectos esenciais para adquiri-la visión dun mercado global no que a vida laboral se desenvolve sobre os principios de mobilidade e libre circulación dos traballadores.

Dado que a colaboración con centros educativos doutros países resulta fundamental como medio eficaz de facilita-lo desenvolvemento de capacidades do alumnado a nivel lingüístico e profesional e que as axudas económicas provenientes de programas da Unión Europea resultan insuficientes para atende-la forte demanda dos centros da nosa Comunidade Autónoma, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas para a realización de intercambios e estadías formativas de alumnos co fin de posibilitar que, tanto os centros de educación primaria como os de educación secundaria e os que imparten ensinanzas de réxime especial, poidan organizar programas de inmersión, máis breves no caso da educación primaria, para que durante a súa escolaridade o alumnado chegue a alcanzar en varias linguas un nivel de competencia comunicativa adecuado.

En consecuencia co anteriormente exposto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto da convocatoria.

1. Convócanse axudas dirixidas a alumnos e profesores de centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia que participen en estadías e intercambios de alumnos con centros educativos doutros países da Unión Europea, para a aprendizaxe activa das linguas durante o ano 1999.

2. Igualmente, convócanse axudas dirixidas a alumnos e profesores de formación profesional de centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia que participen en estadías en empresas de países da Unión Europea durante o ano 1999.

As axudas concederanse con cargo á partida orzamentaria 07.04.322T.480.0 por importe total máximo de 34.353.000 pesetas.

Segundo.-Destinatarios.

Poderán solicitar estas axudas os centros docentes sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que se indican: colexios de educación infantil e primaria e colexios de educación primaria, institutos

de educación secundaria, escolas oficiais de idiomas, Instituto Galego de Bacharelato a Distancia e centros colaboradores, conservatorios de música, escolas de artes e centros públicos integrados.

Terceiro.-Modalidades de axudas.

1. Visitas preparatorias do profesorado responsable da estadía de alumnos no centro receptor do outro país, co obxecto de facilita-los acordos de colaboración entre os centros e a preparación axeitada do proxecto.

2. Proxectos de aprendizaxe activa de linguas a través de estadías de alumnos en centros educativos estranxeiros, intercambios bilaterais centro a centro ou encontros multilaterais de distintos grupos de alumnos nun país estranxeiro, que teñan como obxectivo o aumento da motivación dos estudiantes no que respecta á aprendizaxe dunha lingua estranxeira e á súa utilización como medio de comunicación.

3. Proxectos de estadías formativas de alumnos en empresas e centros educativos de formación profesional para completa-la súa formación práctica e as súas competencias lingüísticas a nivel profesional.

Cuarto.-Requisitos.

1. Estas actividades deberán estar integradas na programación do curso e ser aprobado polo consello escolar. O seu obxectivo básico será o intercambio cultural, o achegamento lingüístico e o perfeccionamento profesional e poderán solicitarse sempre que o centro non teña ningunha axuda concedida na convocatoria de intercambios do Ministerio de Educación e Cultura, na acción Lingua E, do programa Sócrates, ou noutras convocatorias similares á actividade para a que solicita axuda.

2. As visitas preparatorias contarán cunha axuda máxima de 150.000 ptas. e poderán ser realizadas por un só profesor de cada centro educativo. A súa duración máxima será de 5 días.

3. Os proxectos de aprendizaxe activa de linguas comprenderán as actividades realizadas ó longo do curso, que culminarán na viaxe dos alumnos. As viaxes poderán ter unha duración variable non inferior a dez días, agás os alumnos de educación primaria, que poderán realizar estadías de cinco días de duración.

4. As axudas determinaranse en función dunha contía máxima diaria por alumno/profesor en concepto de reintegro de gastos de transporte, mantenza e aloxamento, tendo en conta a distancia entre os centros, o orzamento global do proxecto e a calidade e interese das actividades que se van realizar. As cantidades percibidas en ningún caso poderán supera-lo 75% do custo total do proxecto.

5. Na valoración das solicitudes, priorizaranse os proxectos que recollen a realización de actividades lectivas conxuntas durante o desenvolvemento do intercambio, así como actividades específicas de aprendizaxe da lingua do país que se visita, en función da dispoñibilidade orzamentaria.

6. Cada grupo deberá contar cun número mínimo de dez alumnos e estará acompañado durante a viaxe e a estadía por un mínimo dun profesor do centro ou centros solicitantes, podendo chegar a tres se o número de alumnos supera os trinta e cinco. No caso de alumnos de educación primaria, un dos profesores poderá ser substituído por un representante da Asociación de Pais de Alumnos.

7. As estadías de alumnos en empresas terán unha duración mínima de dúas semanas e deberán contar cun titor que supervise o proxecto pedagóxico que se vai desenvolver. Este deberá estar relacionado coa especialidade que cursen os alumnos. En ningún caso a realización das prácticas suporá relación laboral ou administrativa.

Quinto.-Solicitudes.

1. As solicitudes poderán presentarse desde o día seguinte á publicación desta orde no DOG, ata quince días antes de realiza-la actividade, sendo o último día o 1 de outubro de 1999.

2. As solicitudes seguirán o modelo establecido no anexo I desta orde e irán acompañadas da documentación que se indica a continuación:

2.1. Axudas para visitas preparatorias.

-Orzamento da viaxe.

-Documento de conformidade do centro de acollida.

-Proposta de proxecto do centro galego, co visto e prace do director.

2.2. Axudas para viaxes de alumnos para a aprendizaxe de lingua estranxeira:

-Proxecto pedagóxico da viaxe, que incluirá os obxectivos e as actividades de aprendizaxe realizadas durante o curso no propio centro, así como as actividades que se van realizar no centro receptor. Estas deberán estar relacionadas co traballo desenvolto polos alumnos durante o curso escolar, das que se achegarán mostras xuntando a documentación. As ditas mostras poderanse presentar en soporte fotográfico ou vídeo.

-Certificado do director de que a actividade está recollida na programación do centro e está autorizada polo consello escolar.

-Declaración xurada do director na que se fará consta-la contratación dunha póliza de seguros que cubra o desprazamento e estadía dos alumnos no estranxeiro.

-Autorización do pai, nai ou titor legal para a participación do alumno nesta actividade. A autorización será solicitada polo director e quedará en poder do centro.

-Modalidade de aloxamento e tipo de transporte que se utilizará.

-Calendario da viaxe indicando as datas de saída e chegada do grupo.

-Nome do profesor coordinador e dos profesores acompañantes, materias que imparten e situación administrativa que teñan no centro.

-Listados provisionais dos alumnos.

-Orzamento detallado dos gastos por conceptos con indicación dos derivados do aloxamento, segundo as modalidades de acollida, do transporte ó país que se visita, así como doutros gastos previstos. Deberase indicar o custo global por alumno e o custo global por grupo.

2.3. No caso de proxectos de estadías de alumnos en empresas:

-Proxecto pedagóxico da estadía, indicando os obxectivos da viaxe, empresas onde se realizarán as prácticas, sistemas de seguimento e preparación que seguirán os alumnos participantes, incluíndo as clases de reforzo de lingua estranxeira.

-Certificación do director do centro ou centros escolares na que conste que a actividade está recollida na programación xeral do centro e autorizada polo consello escolar, de encargarse do proxecto desde o principio ó final.

-Declaración xurada do director na que se fará consta-la contratación dunha póliza de seguros que cubra o desprazamento e responsabilidade civil dos alumnos no estranxeiro.

-Calendario de actividades.

-Nome do profesor coordinador e dos profesores acompañantes, materias que imparten e situación administrativa que teñen no centro.

-Listados provisionais dos alumnos participantes.

-Orzamento detallado dos gastos da viaxe ó país que se visita, aloxamento, etc. Deberase indicar o custo global por alumno e o custo global por grupo.

Sexto.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes asinadas polo director do centro dirixiranse á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (San Lázaro, 15771 Santiago de Compostela), presentándose a través do rexistro xeral. Tamén poderán utilizarse para a presentación de solicitudes calquera das dependencias previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que optasen por presenta-la súa solicitude nunha oficina de correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

Sétimo.-Comisión de selección e criterios de valoración dos proxectos.

As solicitudes serán avaliadas por unha comisión de selección integrada polos seguintes membros:

Presidente: o subdirector xeral de Formación Profesional e Educación de Adultos ou persoa na que delegue.

Vocais: o xefe de Servicio de Educación de Adultos e Xestión Económica, o xefe de Servicio de Formación do Profesorado, a xefa de Servicio de Ordenación e Innovación Educativa, a xefa de Servicio de Formación en Empresas e Orientación Laboral e un inspector educativo ou persoas nas que deleguen.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da subdirección xeral.

A comisión reunirase en varias ocasións durante o ano e seleccionará os proxectos tendo en conta os seguintes criterios:

a) Non ter recibido esta axuda en anteriores convocatorias.

b) A calidade do proxecto pedagóxico e a súa realización co máximo de aproveitamento, así como a metodoloxía empregada.

c) Centros situados en zonas rurais ou desfavorecidas.

d) Ter solicitada e non concedida axuda Lingua E ou Leonardo para a mesma actividade, sempre que cumpra os requisitos de calidade do proxecto.

e) A acollida familiar como modalidade de aloxamento.

A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e elevaraa ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá o que proceda.

Oitavo.-Comunicación.

A concesión ou denegación do reintegro seralle notificada directamente ó interesado/a pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Noveno.-Prazos dos pagamentos.

Para as axudas que non superen o importe de 1.000.000 de pesetas, no momento da concesión poderá acordarse un anticipo de pagamento de ata un 80%, logo de aceptación da subvención. O 20% restante librarase unha vez finalizada e xustificada a actividade. Nas axudas que superen esta cantidade o pagamento realizarase integramente unha vez rematada a actividade.

Décimo.-Memoria.

Logo de efectuada a viaxe o centro docente deberá tramita-la seguinte documentación, no prazo máximo dun mes:

Certificación do consello escolar do centro aprobatoria das contas, achegando unha relación dos gastos efectuados.

Xustificación da totalidade do orzamento da viaxe de acordo cos datos indicados no orzamento inicial. A cantidade outorgada en concepto de axuda non poderá ser superior ó 75% do custo real. No caso de que o orzamento final sexa inferior ó inicialmente

previsto deberase devolve-la cantidade proporcional da axuda concedida en relación coa minoración resultante do orzamento.

Memoria do traballo realizado durante a estadía no país de acollida, que deberá ser presentada un mes despois do remate da actividade. A memoria estará acompañada dun certificado do director do centro no que se faga consta-lo nome e número de rexistro de persoal do profesor responsable do proxecto e dos profesores que o acompañaron na viaxe.

Os proxectos e traballos realizados polos centros seleccionados quedarán en poder da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional reservándose o dereito de difundi-los traballos realizados en función da súa orixinalidade e pasando a formar parte dos fondos documentais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Décimo primeiro.-Modificación da resolución de concesión das axudas.

A non xustificación da axuda percibida conforme o disposto nesta orde, levará consigo o reintegro das cantidades non xustificadas de acordo coa Orde do 12 de xullo de 1998 (DOG do 7 de agosto).

Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Décimo segundo.-Recoñecemento das actividades realizadas.

Esta actividade terá a consideración de actividade de innovación educativa ó amparo do punto 14.1º da Orde do 13 de decembro de 1994 (DOG do 13 de xaneiro de 1995) sobre o procedemento de recoñecemento das actividades de promoción do funcionario de carreira docente non universitario. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional expedirá a certificación correspondente ó coordinador do proxecto unha vez presentada a memoria correspondente e recibido o informe favorable.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las disposicións necesarias no desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria